O cabo verde de Corrubedo
Miguel Anxo Fernán-Vello   
Luns, 20 de Agosto do 2007

 ¿Acaso o impacto ambiental nesta nova zona proposta é menor? ¿308.000 metros cadrados de macrogranxa nun lugar virxe, como o tamén chamado O Corgo, de gran valor ecolóxico recoñecido, non leva aparellado un "forte impacto ambiental"?

[Galicia Hoxe]

Anda a boa xente de Ribeira, os "fillos e as fillas do cabo verde de Corrubedo", máis que preocupada e indignada, pois só cabe a acción e a mobilización fronte ás fábricas transnacionais de peixe que teiman, en conivencia difícil de entender coa Xunta de Galicia, en destruír –si, destruír, con todas as letras– un dos litorais virxes máis fermosos de Europa. E un non pode deixar de facer unha pregunta que é de rigor. ¿Por que aí, precisamente aí, nese ónfalos ecolóxico, nese espazo único de paisaxe e de vida, nese santuario da natureza, se quere impor un "parque de tecnoloxía alimentaria", danando irreparabelmente un conxunto físico excepcional e de altísimo valor? Primeiro a Xunta de Galicia, através da Consellaría de Pesca, chegou a rexeitar –polo seu "forte impacto ambiental"– un proxecto de instalación dunha granxa piscícola, a máis grande do mundo, na chamada Punta Corvos, e agora, sen previo aviso, a Consellaría de Carmen Gallego toma a decisión de autorizar o establecemento dunha macropiscifactoría na Punta de Laxe Brava, xusto a dous quilómetros do emprazamento anterior. ¿Acaso o impacto ambiental nesta nova zona proposta é menor? ¿308.000 metros cadrados de macrogranxa nun lugar virxe, como o tamén chamado O Corgo, de gran valor ecolóxico recoñecido, non leva aparellado un "forte impacto ambiental"? Eu teño a sensación de que a Xunta, a Consellaría de Pesca, neste caso concreto, está a desprezar a intelixencia dos cidadáns. En primeiro lugar dos cidadáns de Ribeira, mais tamén, nun plano xeral, dos cidadáns de toda Galicia. Non se pode instalar unha fábrica de peixes nunha zona que linda mesmo con espazos incluídos na rede Natura e que constitúe un magnífico atractivo –tamén turístico, e polo tanto económico– no seu conxunto. Talvez se estea a piques de producir aquí, digámolo claramente, unha gran "manipulación política" da natureza. E iso é grave. Coa natureza non se xoga. Nin se comercia. Debe ficar ben claro. Quen así o faga, téñase isto ben en conta, será lembrado para mal. •

Ler tamén: Corrubedo, República de Cabo Verde


Miguel Anxo Fernán-Vello
Sobre o autor ou autora:
Escritor e editor galego
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >