Un desatino rotundo
Xosé Ignacio González Martínez   
Mércores, 11 de Xullo do 2007

Con só darse un paseo polos campos da contorna de Teira e dos seus arredores, un dáse  conta da necesidade de conservar toda esta paisaxe.

[Galicia Hoxe]

Todo o tramo de costa ribeirense que vai desde Couso (Aguiño) ata Baroña é dun incuestionable valor ecolóxico. A existencia ­dunha zona de litoral no medio dos­ dous brazos principais do LIC do Complexo Húmido de Corrubedo supón unha clara tomadura de pelo a todos e todas aque-les/as que estiman o medio e que loitan por preservalo das barbaridades que acotío executa a Administración. Xa bastante temos coa proliferación incontrolada do urbanismo de a pé (e nisto toda a zona de Corrubedo é un bo exemplo) como para permitir que a costa se vexa atacada indiscriminadamente pola grande industria do cultivo pesqueiro.

Con só darse un paseo polos campos da contorna de Teira e dos seus arredores, un dáse  conta da necesidade de conservar toda esta paisaxe. Trátase dun lugar que permanece inalterado desde hai moitos anos e que cómpre protexer e conservar para o goce das xeracións vindeiras. Insisto: o espazo natural do que estamos a falar, así como os arredores do mesmo, non deixa indiferente a ninguén, posto que se podería dicir que ten un efecto máxico sobre as persoas ás que un lugar virxe como este (e outros, aínda que queden moi poucos ó longo do no noso litoral) lle achega unha moi grata sensación de benestar. Non ten sentido ningún que o que podería ser un importante corredor biolóxico se vexa fragmentado por intereses  económicos. Non ten sentido a existencia da devandita illa “oportunista” de tan alto valor ecolóxico como as áreas protexidas adxacentes. O proxecto contempla unha planta cunha superficie de 30,5 hectáreas, o que suporía dilapidar todo o espazo de punta a punta.

E que se un avispado señor  de Bruxelas interesado na conservación do medio natural, se achega por estas terras e escoita falar do que queren montar neste lugar, o menos que podería facer sería botar as mans á cabeza e chorar de mágoa. •

* Xosé Ignacio González Martínez e biólogo e guía intérprete.
 
< Ant.