| Do Courel a Corrubedo II. Da acuicultura á fabricación de peixe |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 19 de Agosto do 2007 | |
|
A terra, si, interesa: o home está de máis. [Galicia Hoxe] Hai tres decenios disto. Cómpre rememorármolo. Agonizaba o rexime franquista, morto e sepultado por fin o cadavre ambulante do seu xefe xenocida. O corpo social do común democrático, rexenerado e reactivado o seu tecido nervoso no combate a prol da reconquista das liberdades cívicas e o benestar dos máis, preparábase para protagonizar a mudanza rotunda de rexime político e de modelo social. Unha racionalidade alternativa, nas antípodas do poder autócrata e do lucro porque si, emerxía e propagábase aceleradamente nas capas populares e nas suas elites indíxenas e progresistas. Galiza tiña que deixar de ser colonia interna espoliada á comenencia do poder económico celtibérico e transnacional. O povo cidadán galego tiña que ceibarse do tiránico poder estatal para ser dono dos seus recursos e preservalos e administralos para o seu proprio benestar. Cumpría unha nova cultura de desenvolvemento harmónico, equilibrado e sustentábel, oposta ao "desarrollismo" cego e depredador que só facía medrar fortunas alleas enxendrando miseria, paro encuberto e emigración. Na vangarda desa pacífica revolución cultural cívica e política, man con man dun mangado de supervivintes curtidos nas etapas máis duras da loita antifascista, estaban fatos de xente nova que, en só un decenio, déralle a volta polo forro á conciencia social do país e coidaba ter ao alcanzo da man a terra prometida polos devanceiros de pre-guerra. Eran intres de aceleración histórica, e todo semellaba poderse mudar e transformar a fondo velozmente. E simultáneamente. Pois simultáneamente pensábase e actuábase en diversas frontes. Simultáneamente mobilizábanse as xentes contra os desmáns, antes impunes, do poder económico e político, e elaborábanse alternativas encadradas en coordenadas inéditas e fundadas en valores rexeneradores da sociedade. A lóxica do común: eis o ganduxo que enfía uns cos outros os múltiples episodios daquil fascinante período de cachoeira popular criativa e combativa. For Baldaio, as Encrobas, Somozas, As Pontes, Xove. Fosen mobilizacións labregas, obreiras, viciñais, estudantís. Tratárase dos ecosistemas costeiros, dos recursos mineiros, da enerxía nuclear, da conversión dos cursos dos rios en cremalleiras de encoros e represas hidroelétricas. A lanzadeira que ía pasando o fío entremedias desas diversas frontes de combate e matinación enleábaas nun mesmo tecido, imaxinado e deseñado cunha mesma racionalidade colectiva: a da lóxica do común fronte á inxusta irracionalidade social dun opresor poder daquela antidemocrático e máis do capital que o mantiña aínda empoleirado nas institucións políticas españolas. Esta terra é nosa e non de quen pensades -coa palabra final acaída para que cadrase a rima- era a sentencia que definía a trabe mestra desa lóxica do común en loita polo seu, ou sexa, a soberanía popular dos galegos e galegas de nación. Mais, mesmamente por ser comunal e non duns poucos, a terra cumpría mantela na sua simbiose co ser humán galego e en condicións de facela perdurar. A terra, é dicir, a natureza, o territorio, o mar. Os recursos, os seres vivos, o ár, a tona do chan e máis o sochán. Iso todo, con nós mesmos incluídos, era a Terra prometida dos devanceiros, a herdanza que o común daquela se aprestaba a recuperar, cultivar e gobernar. Velaí o contexto no que a xente nova do entón aborda a esculca dos recursos mariños do noso país -e no que agroman iniciativas anovadoras no seu cultivo, na acuicultura. A esculca, primeiro. Eu podería dar testemuño, se cumprise, mesmo con nomes e rótulos, da manchea de traballos de distinto calado e envergadura que a xente nova en curso de licenciarse ou recén licenciada xa nas ciencias sociais andaba polo entón a elaborar no eido temático do mar, a economía mariñeira, os recursos mariños, a morfoloxía da pesca, o marisqueo, a acuicultura. Eidos até daquela só abordados -ilustres pioneiros aparte- polo labor dos científicos integrados en centros de investigación de oceanografía, bioloxía mariña ou tecnoloxía pesqueira que, como é obvio, viñan de ben atrás. Iles conformaran unha avenza de coñecemento acumulado coa que os economistas novos contaban ao esculcaren na faciana socioeconómica do noso universo mariñeiro para transformalo dende dentro. Porque a esculca ía orientada cara a acción política, como fundamento e guía dunha estratexia de desenvolvemento no que o común mariñeiro debía ser protagonista e beneficiário, non suplantado, non convertido e espeitador do aproveitamento alleo dos seus proprios recursos reais e potenciais. Tratábase de non repetir episodios da historia pasada, dende os "fomentadores" do XVIII aos conserveiros do XIX. Compría mudar o guión da historia, poñer o coñecemento sistemático ao dispor de quen tiñan o coñocemento empírico, pór os novos medios técnicos en mans das xentes que tiñan no mar a vida e o traballo. As iniciativas, logo. Tamén nisto podería eu testemuñar, se for preciso. Biólogos e economistas recén graduados insírense na nacente rede loxística dos plans (?) de reforma do sector pesqueiro e marisqueiro, onde converxen e conviven con mozos procedentes do mundo mariñeiro que están a formarse en capacitación especializada. Paralelamente, os centros de investigación mariña, con sangue novo tamén, dinamizan as liñas de esculca proxectadas cara a solución prática dos problemas estruturais do meio mariño e do aproveitamento racional dos seus recursos. Coa racionalidade ecolóxica do equilibriodas cadeas tróficas na bioloxía mariña, e coa racionalidade social do benestar do común no deseño económico dos procesos produtivos. Nese marco, nesa cosmovisión do mundo do mar como un ecosistema engarzado coa estrutura social da economía mariñeira, a acuicultura avalíase coma un camiño real da transformación reformadora. Para empezar, mais non só, no eido do marisqueo: pasar de extraer a cultivar, eis o salto -como da caza á gandeiría, dicíase xa entón. Si. Mais, quén e cómo, e para quén tamén. Lembro densas e apaixoantes sesións de traballo en grupo pluridisciplinar, integrados tamén na análise e o debate protagonistas do mundo mariñeiro activamente implicados nas arelas e os proxectos de reforma progresista dese eido que era o seu -que debera pertencerlles. Cultivos mariños, si, mais non só a flote, nos bancos marisqueiros comunais tamén. E cultivos en parques, si, mais en rexime de policultivo, non monocultivo só de mixilón. E acuicultura de peixe, si, mais en "granxas" integrábeis nun meio sustentábel, non factorías industriais en terra de biomasa mariña comestíbel. E formas asociativas de base participativa, que revertesen os rendementos na propria xente do mar, e non "economías de enclave" do capital industrial no espazo físico e social costeiro. Porque é sabido que o esquema "fabril", introducido na manipulación da biosfera, reduplica os efectos perversos latentes na civilización industrial, que se disparan e deflagran ao emulsionaren coa lóxica do capital. Mais, qué foi diso todo?. Naceron iniciativas, podería nomear ás pioneiras. Mais a instancia polìtica, con esceicións ben contadas, desertou das suas obrigas: non houbo estratexia concebida e desenvolta nas coordenadas devanditas. Inda hoxe, intermitentemente, as xentes do mar reivindican cousas que hai trinta anos estaban xa propostas para se faceren. Os corsés corporativos supérstites do franquismo apretaron e atrancaron tamén o seu. As transnacionais consabidas praticaron o acoso e derrubo, no acceso á hatchery ou aos mercados, dos ousados que se aventuraban na acuicultura dos peixes planos, sen que o poder do "autogoberno" intervise en defensa e promoción dos proxectos empresariais indíxenas. O desenvolvemento potencial non se volveu real. Os pioneiros tiveron ao cabo que claudicar. Agora, os que esganaron a acuicultura de peixe, os que fixeron abortar un modelo sustentável e socialmente racional, marídanse cos que deberan defendelo e propulsalo, para implantaren, nun valeiro social, enclaves industriais de fábricas de peixe a treu -son os clavos de cristo no escarnecido mundo ribeirán. A terra, si, interesa: o home está de máis. • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

