| Intelectuais e artistas pola defensa de Corrubedo |
Os fillos e as fillas do cabo verde de Corrubedo facemos un chamamento desesperado para liberar a nosa costa das poutas das transnacionais fabricantes do peixe. Unha piscifactoría, fábrica de peixes ao cabo, de 308.000 metros cadrados en territorio virxe é o noso premio por conservar, o castigo a ese cabo do mundo ao que só chegan os salseiros do mar. Corrubedo é aínda Terra Liberada. É xusto que á nosa terra liberada, ao noso litoral incólume, veña agora o poder dunha empresa transnacional para exercer o castigo da destrución? Velaquí as verbas do país:TEXTOS QUE IMOS RECIBINDO E PUBLICANDO A MODIÑO, GRACIÑAS A TODOS E A TODAS POR LOITAR POLA TERRA NOSA, VOSA, POLA TERRA VIRXE [A convocatoria] [Se queres contribuír envía os teus ánimos a Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ] [A orde dos textos é totalmente aleatoria] –––––––––– Pero mi madriña!! esta máquina é imparable, semella que non vai haber quen a pare. Resistirá a Galiza este proceso fagocitador. Estamos baixo o xugo (sei que soa medieval e demagóxico, pero penso que con este tipo de situacións demostramos que moi pouco evolucionamos ou nos deixan evolucionar no noso pais desde a Idade Media) dunha panda de mentes perturbadas e desquiciadas que non teñen nin identidade. A xente se indigna pola situación do terceiro mundo, pensando que está lonxe de carallo, que a xente é negra, magrebí, sudamericana, etc...pero non; que paranoia máis grande hai que a de vivir dentro do que chaman primeiro mundo pero coas características do que chaman terceiro mundo. Para sair desta vainos facer falta a colaboración do equipo de siquiatras e sicológos colectivos máis brilantes do mundo, e igual teran que suministrarnos quimica, ainda que de eso xa temos bastante no ambiente. Por que os ou as promotores/as deste aberrante proxecto non cultivan os peixes das piscinas dos seus chaletes, máis dalgún deconstruído nunha zona protexida e producto doutra barbarie especulativa. Igual pensan que con isto reproducen a revolución que supuxo para a humanidade o descubrimento da agricultura en Mesopotamia, pois se é asi e acabamos como en Bagdad.....pero onde se viu que un peixe para comelo e facer en caldeirada se saque ( porque pescar mellor nin nombrar o verbo) dunha piscina. Se seguen adiante con esta salvaxada non suporá desde logo, ningunha revolución, como a do Eufrates e o Tigrís, senon unha involución, e os seus efectos coma a de outros moitos proxectos indecentes dos que somos víctimas, de díficil ou de ningún amaño. Todas e todos o 4 en Corrubedo, e todo o tempo que faga falta para evitar que leven a cabo esa piscina xigante e contranatura. –––––––––– Non fan falta moitos argumentos para entender que hai formas de crear riqueza sen estragar recursos non renovables, ... sen poñer en risco o futuro das familias que viven da mar, .... sen borrar para sempre a fermosura da nosa paisaxe, .... sen excluir partes do litoral ao desfrute colectivo .... e convertir o que nos queda de costa nunha sorte de polígono industrial. Enrique Luis González Riobó –––––––––– Unha piscifactoría é unha granxa flotante de peixes; un criadeiro acuático onde as enfermidades se propagan axiña, malia as enormes doses de antibióticos que se administran e o material que se deita no mar cada día, equivalente ao lixo dunha cidade de 1 millón de habitantes. Por iso, hoxe, Corrubedo doe. Doe como carne palpitante, condenada a se converter en podre, en vertedoiro infecto. E non se trata dun episodio “raro”, senón dunha catástrofe máis: regasificadoras, encoros, montes inzados de muíños eólicos ou abertos para canteiras, praias sufocadas por un turismo masivo ou incendios forestais; Galiza enteira reméxese e doe; é unha ferida aberta, que latexa hoxe en Corrubedo, mañá nalgún outro sitio. Aniquilamos especies animais, asolamos a vexetación autóctona e facemos desaparecer ecosistemas irrecuperábeis. A Galiza toda súmese nunha incríbel crise ecolóxica. Para tomarmos conciencia do abandono en que estamos a piques de nos mergullar, cómpre salientarmos que o único argumento que se manexa é o beneficio. Mesmo nas voces disidentes. Porque cando o Prestige se afundiu fronte ás nosas costas, os medios de comunicación difundiron até a saciedade a ameaza da ruína: ruína na pesca, no marisqueo, na hostalaría. Cando no verán de 2006, as árbores comezaron a arder, como se o demo se tivese instalado entre nós, espallouse de novo o baile de números. No entanto, os argumentos sobre o abuso da natureza en estado puro, sen pasar polo filtro das “perdas económicas”, só asoman ocasionalmente. Talvez esteamos procurando fuxir do sentimentalismo ao laiármonos do deterioro ambiental pola pobreza que, sen dúbida, acabará traendo, para non dicir que choramos a paisaxe porque somos parte dela, porque vivimos sumidos na biosfera, corpo a corpo coa terra. A estas alturas debería ser evidente que a liberación nacional non atinxe unicamente as mulleres e os homes; debemos concederlle tamén ao territorio ese estatus de autodeterminado, soberano e libre do dente do capital: os ríos, a capa freática, as criaturas que pululan arredor de nós, os mares, as montañas, as minas, as reservas enerxéticas e as fragas precisan ser liberados. Hoxe mobilizámonos por Corrubedo. Contra os beneficios a curto prazo, desde logo; mais, sobre todo, contra a espoliación dos recursos naturais galegos, os nosos corpos, feitos de dunas e de augas, tamén son Corrubedo. Teresa Moure –––––––––– Non queremos ser tratados como un país do terceiro mundo. NON A FABRICA DE PEIXES NO CORGO. Luis Castro Zahera. Actor. –––––––––– Suponse que ó gañarme a vida facendo humor debería escribir algo con graza, pero neste caso a realidade supera a ficción. Querer facer unha fábrica de peixe no Corgo semella algo propio do peor humorista posible, do máis parvo, do máis ignorante. Que os responsables desta desfeita nos deixen o de facer rir ós que nos dedicamos a isto... eles a facer cousas con certo sentido. Carlos Ares (Guionista, director e produtor de “Air Galicia”) –––––––––– Non é posible que despois de tantas cousas que se teñen vivido en Galicia en defensa do medio, teñamos que estar aínda a estas alturas pelexando cunha Administración ambigüa e errática que semella descoñecer onde está o valor engadido do país. Está claro que nada se conquista para sempre, e que sempre hai que estar pola defensa do alcanzado. Pensarán que poden cansarnos de vez. Un erro de medio a medio. Xulio Ríos –––––––––– Hai nenos hoxe en día que se lles preguntas: ¿sabes de onde ven o leite?, respostan: Do tetrabrik!, ¿e os guisantes?, ¡do conxelador! e é que, a forza de desnaturaliza-lo todo, estamos perdendo a visión do noso medio, da terra e do mar. Nun futuro próximo, os peixes xa non virán do verde e azul mar, senón que aparecerán ben gordos e todos iguais, das augas desnaturalizadas e médicamente controladas das piscifactorías. E por riba, eses mamotretos non nos deixarán ver a nosa paisaxe nen deixarán que as propias e verdadeiras augas do mar sigan o seu curso,por que nelas verqueran todas as sustancias que precisan para que a factoría de peixes non deixe de producir a cuota desexada. Gustaríame seguir indo a Corrubedo para disfrutar, non só da sua preciosa e singular duna, da sua larga e luminosa praia, da vista pausada do porto mentres que se comparte unha cervexa, senón que tamén me gustaría NON ver nunca construída esa super e gran piscifactoría que nos queren vender como unha bendición e que realmente é outro paso maís para desvincularnos do noso, da paisaxe, do mar, da vida. Gustaráme, por moitas xeracións, seguir escoitandolles dicir ós nenos e nenas, que os peixes, veñen do MAR! Todo o meu apoio! Un saúdo. Camila Bossa. Actriz –––––––––– Corrubedo, o poder dun berro afoutado. Unha fiestra o infindo, xa que, foi creada por poderes invisíbeis do divino, axustándose os ritmos inamovíbeis do universo. Aló estiveron a traballar fondas e afortaladas forzas de transformación, que harmonizaron a fronteira entre o ceo e o Corgo, en xuntanza sagrada. Agora, o capital mais alleo, espureo e escuro queren criar peixe en terra, a carón dos mares que agasallan a vida a esa mesma peixeira en perfecta simbiose. A soberbia dos humanos quere rivalizar coa natureza, e destruír o que levou miles de anos construír, mais non contaron co espírito de pelexa desta terra que nos leva a sobrevivir dende que o mundo e mundo. Salvemos Corrubedo. Xosé Plácido Betanzos García –––––––––– Dende aquí envíovos moita forza e ánimo, espero que os nosos representantes políticos e organismos se conciencien de que é imprescindíbel preservar a nosa contorna, non só polo seu alto valor paisaxístico se non porque é a nosa obriga e deber salvaguardar o futuro das xeracións vindeiras, esperemos que utilicen o sentido común. Unha aperta. Adolfina Ares –––––––––– No 1967 naceron en Corrubedo oito homes e oito mulleres. Ata onde chega a súa memoria, apenas lembran o povo coas casas de planta baixa mariñeiras, abertas sobre baía natural. A súa é unha memoria que fai reconto de brutais transformacións, no que non faltan loitas gañadas á especulación: especulación vixente en forma de bloques de vivendas que auspician os actuais plans de ordenación. Eis Corrubedo ameazado, cercado pola aberración. Outro plan dos fabricantes de peixe atenta contra a costa dos irredentos corrubedáns: contra o povo, contra o público, tanto dá. "Haberá máis traballo?" -Alguén fará fortuna e dende logo non somos nós. Expoliar a costa e como expoliar unha enorme biblioteca: xa que iso é ese cacho cobizoso; legado e pouso do saber; sabedoría insubmisa, ingrávida, alta e rexa, como a natureza; un potencial medioambiental que tamén é vertebrador. Corrubedo segue, como hai corenta anos, ollando cara o mar: iso forza unha mirada ampla e aberta que lle impide ficar ancorado nun espello, na infamia do capital. Algúns soñan con que a memoria sexa órgano para podela extirpar. Soedade Noia –––––––––– Corrubedo, Quilmas, Merexo, Lagos, Foxo Longo en Rinlo....A defensa do litoral non acabará en tanto non acabe o povo que nel vive. Galiza é mar e terra, montaña e rios, xente e xentiña. O mar de ribeira recolle as augas que veñen das serras matrias que afunden seus pes na ribeira dando de vivir a muitas mulleres e homes e segue á dar. Agora estas augas van afógar no betao- cemento en que queren tapizar toda a nosa costa. Defendamos a vida "perdurable" das nosas augas que é sustento do desenvolvimento real. Adela Figueroa Panisse –––––––––– "Matar a terra para acopiar riqueza é coma unha forma de suicidio lento e colectivo. Nun país como Galicia é perfectamente posible crear riqueza e postos de traballo sen presionar sobre as áreas naturais máis sensibles, e somentes dende unha visión avariciosa da economía –que só recoñece como rendible o que é moito e tamén fácil– se pode pensar o contrario". Xosé Luis Barreiro Rivas –––––––––– ¿Que farían os noruegueses? Cando Billy Wilder tiña dúbidas sobre un plano, sempre se facía a mesma pregunta: ¿Que faría Ernst Lubitsch nesta situación? Con respecto ao Corgo, na súa problemática actual, de instalar ou non unha piscifactoría, sempre me fago a mesma pregunta: ¿Que farían os noruegueses? ¿Que leis medioambientais lle esixirían á futura industria e que estudos farían sobre a súa futura ubicación? Todo está inventado e sempre é máis doado ver como fan as cousas en países civilizados. Por suposto que se vemos “o problema” dende un punto de vista de postos de traballo, a mellor solución é mirar cara ao sur... Lanzarote. No parque do Timanfaya non se move unha pedra volcánica, incluso teñen vixiantes para que ninguén as mova. O parques naturais multiplican os postos de traballo máis ca calquera industria. Antonio Lijó –––––––––– O Corgo espazo virxe non humanizado e si humano. Non aos peixes na cetárea. Si á xente na paisaxe. Luís Teira (A. C. Altofalante-Ribeira) –––––––––– Hai poucos días obsequiáronme con tres troitas do río Cadós, na Baixa Limia. Entre as tres pesaban máis de vinte quilos. É dicir, sobran piscifactorías. Os países desenvolvidos, e espero que Galiza chegue a selo algún día, non se caracterizan por produciren a esgalla; para iso están outras latitudes, afastadas de nós, e para se exhibiren nas montras de "Todo a Cien". Queremos conservar o noso mar limpo, inmaculado, enxebre e para tod@s. Para bloques de apartamentos, cetáreas e outras miudeces, están outras latitudes, onde sobra o sol, o flamenco e a cervexa de hipermercado. Galiza ha triunfar, espero, grazas ás calidades das súas xentes e a súa contorna natural. Non ás agresións contra o noso patrimonio humano e natural!!! Viva a patria galega!!! Júlio Medela de Lobeira O MAR CONTRA O CAPITALISMO Viaxando coa miña amiga Luz María, sabia muller dominicana, por Valencia, ao pasar sobre a canle vella do río Turia convertido en zona recreativa pediume explicacións. Deillas. Logo de varios desbordamentos do río que asolagaban a cidade, decidiuse reconducilo por outro traxecto, volteando Valencia, máis seguro. A súa expresión e as súas voces foron contundentes, como unha adiviñadora indignada: -ao río non se lle pode domar nin cos mellores enxeñeiros e o seu cemento sen vida, o río calquera día, seguro, retomará o seu curso para volver á súa nai. A súa nai, Mar de Corrubedo, Mar galego, Mar global, -se as mulleres e homes da rexión non o deteñen- rexeitará dun só golpe de onda indubidable, cando llo propoña, agresións da codicia capitalista, depredadora e cotrosa. Mar de Corrubedo, activista sen fronteiras. Gustavo Duch (Veterinarios sin Fronteras) –––––––––– —Meu Pai, por que fan granxas de peixes cando o mar é tan grande? —Porque o mar non é de ninguén e estes quérenno todo, miña filla. Tonhito de Poi –––––––––– "O piscifáctor Corrubedo, con tanto busines largacío, amor meu, métenos medo" Antón Lopo –––––––––– NON sON DO SON… …PERO NON IMPORTA IMPORTA O NATURAL, O AREAL E AS DUNAS QUE METAN O PEIXE CULTIVADO POLO CU EU PREFIRO AS VERZAS E OS XURELOS ADIANTE CA LOITA PARA SALVARMOS O CABO DE CORRUBEDO E TODOS OS CABOS, CONS, PRAIAS E MARES NO SON, EN RIBADEO E MÁIS EN ESTACA DE BARES. Xavier Simón Fernández (Departamento de Economía Aplicada Universidade de Vigo) Construír... a costa de destruír. Ese non é o camiño máis recomendable se se quere, realmente, contribuír ó desenvolvemento sostible económico, social e cultural dun país. Pero sí é o camiño certo para garantir un cacho de pan para hoxe, e sementar moita fame para un mañá que é moito máis inmediato do que nos parece. Se a pouca riqueza natural que temos non a consideramos un valor engadido, estaremos cotizando na máis mísera bolsa de valores, que dista moito de ser a de "valores humanos". Dignifiquemos dunha vez as actuacións en tódolos ámbitos da vida: e iso implica, a dignificación dos proxectos industriais, a vida económica, a vida... A vida. Carmen Carballo (Club Internacional de Prensa) –––––––––– CALIDADE DE VIDA E MEDIO AMBIENTE É necesario crear emprego pero non a calquera prezo. Son moitos miles de metros que se pretenden expropiar na zona de Corrubedo para crear "industrias limpas" que poden chegar a danar a riqueza marisqueira e pesqueira dunha das zonas máis ricas e con maior valor ecolóxico do noso país. Dende a punta de Couso, na parroquia de Aguiño, até os castros de Baroña no municipio de Porto do Son, son zonas de especial protección e dignas de ser coidadas e respectadas para futuras xeracións, por iso depende moito do uso ou mal uso que se faga de toda esa longa extensión de terreo que se atopa en zona marítimo terrestre. Os veciños de Corrubedo merecen ser escoitados e a que se respecten os seus lexítimos intereses, que son os da maioría de cidadáns do país que desexan vivir e gozar dunha boa calidade de vida. Por riba dos intereses económicos e empresariais debe prevalecer o respecto polo medio ambiente e o ecosistema mariño que, neste caso, é a fonte principal de riqueza dos nosos pobos. Saúdos cordiais e adiante. José Manuel Pena –––––––––– Un mundo de xente achéganse cada día de cada ano a contemplar a beleza de Corrubedo e os seus arredores. Iso non é un soño romántico. É unha riqueza. Unha xema dun Potosí galego que a diario dá de comer a persoas da máis diversa condición na vila, no concello, no Barbanza e en todo o país (bares, talleres, hospedaxes, panaderías, socorristas, taxistas, dependentes de comercio, artistas...). ¿Poden unha presiña de empregos e un negocio para uns poucos xustificar a destrucción dun tesouro natural tan rendible? Unha aperta, Tucho Calvo –––––––––– Contade coa miña solidariedade Xosé-Henrique Costas González (Catedrático da Universidade de Vigo) –––––––––– Hai quen di que da paisaxe non se come. Poderá comerse cando teñamos destruida a natureza pola explotación irracional e dilapidadora dos recursos? Un xa non aspira a cambiar o sistema (non lle queda tempo), pero sí espera que, polo menos, se respeten os santuarios ecolóxicos aínda non profanados, como este de Corrubedo, como mostra da nosa verdadeira terra (e do noso verdadeiro mar). Xosé A. Gaciño –––––––––– ...e non deixar que nos deixen sen ollos. Estamos na loita. ...e non ficar cegos. Estamos na loita. Mon G. Buhigas –––––––––– En nome das mulleres e homes que formamos parte de Coperactiva Cultural, queremos achegarvos o noso apoio incondicional, o noso alento e a nosa esperanza. Contades con nós, o noso festival ecoloxista Terractiva (Arzúa mediados de novembro), e a nosa compañía de pallasos combativos os 7 magníficos + 1 para o que precisedes. Apertas rebeldes. –––––––––– ABRAZAR O MAR EN CORRUBEDO –––––––––– A terra para quen a traballa, non si? Pois o mar e o litoral, tamén: son da xente do mar, e non dos fabricantes de peixe; son dos cidadáns, e non do kapital depredador. Defendamos o patrimonio natural, cultural e comunal en Corrubedo. Xuntos todos e todas. Adiante. –––––––––– Quero manifestar-vos a minha solidariedade com esta nova loita. Que rechamante é que num momento no que cada vez resulta mais clara a conciência no que atinge aos efeitos devastadores das mudanças climáticas, as grandes transnacionais acelerem as suas agressôes contra o planeta! Nâo devemos esquecer que o seu principal projecto hoje é sem mais a obtençâo do maior benefício no menor tempo imaginável. Como nâo podemos esquecer que elas sâo, infelizmente, as que ditam boa parte das regras de jogo como a complacência, em tantos lugares, dos poderes políticos. Nessas condiçôes, nada mais urgente que argalhar loitas que, como a vossa, nascem de abaixo. –––––––––– O MELLOR DE NOS –––––––––– Un parágrafo por Corrubedo. Pois non. Sintoo. Un parágrafo pola vida. Un parágrafo polo mar limpo, os cons senlleiros e os peixes das pedras, iso si. Outro parágrafo polas pola escuma das ondas, o balbordo do mar e a ardora nas noites de luar, tamén. Un parágrafo máis polas areas que zoan cancións cando as pisas cos teus pés nuos e que son inconfundibles con outras cancións que aínda quedan na area doutras praias próximas e lonxanas, alleas e de nós, pois tamén. Asi pois, un parágrafo pola liña das cancións salvadas dos naufráxios en todalas praias do mundo con areas cantarinas e brancas, si. Establezamos xa que logo as liñas das cancións. Sabemos que hoxe a canción da vida empeza en Corrubedo. Un parágrafo, pois, pra que non morra alí mesmo. Nunca. Por iso, un parágrafo non, unha canción. A do mar que vai e ven e nace sempre en Corrubedo. –––––––––– No cabo do Mundo, na capital do altermundo, no imenso areal de Corrubedo, a dignidade da xente non está en venda. –––––––––– Señores e señoras dos negocios: xa temos as nosas costas abondo masacradas por culpa de vostedes. Leven as súas insaciabeis ansias de multiplicar os capitais alá onde a perda non sexa tan inmensa. –––––––––– Contade coa miña defensa da fermosa paisaxe natural de Corrubedo fronte á expoliación que se trata de facer nela. Cunha apreta. –––––––––– Dende a cima do Galiñeiro que preside o noso Val Miñor queremos seguir ollando o Corrubedo verde. –––––––––– OS HABITANTES DA NACIÓN NON DEBEMOS SER CÓMPLICES NIN QUEREMOS SER VÍTIMAS DA AGRESIVA USURA MULTINACIONAL. LIBEREMOS A TERRA E O MAR DE CORRUBEDO DE TODA AMEAZA COA FORZA INSUBORNÁBEL DA VONTADE CIVIL E POPULAR. –––––––––– Corrubedo, o berro dos que, sen saudosismos nin folclorismos, queren que siga vivo ese privilexiado lugar co seu cabo, coas súas brancas praias e coas súas garimosas enseadas, coa súa cultura mariñeira tradicional e co seu diferenciado xeito de estar no mundo, neste mundo globalizado e uniformizador". –––––––––– Hai camiños que son pasarelas transparentes que nos levan a un certo lugar. Hai pasarelas prateadas que nos transportan a outro mundo. Este, que entre as nosas mans aínda non deixamos morrer. Onde o silencio se fai un paraíso de area. Onde o vento vive do mar e o ruído do mundo se fai tan pequeno. Onde aínda entre as herbas medradas podemos lembrar a vida que soñamos. A xema do deserto faise xardín nas nosas costas. –––––––––– É urxente cambia-lo paradigma, para podermos chamar as cousas polo seu (verdadeiro) nome. A producción industrial de peixe faise en granxas (como a de polos, porcos, avestruces… que sei eu). E para se integrar nos actuais sistemas de producción-comercialización da industria alimentaria a dimensión do cacharro ten que ser potente. A industria medra, logo a paisaxe sobra. O que sobra pode ser ocupado, reconstruido e contaminado. Pero se a única razón (o valor) para o uso industrial da costa é a proximidade da auga do mar, non sería máis doado contratar un deses promotores que andan soltos polo país e que invente unha nova “marinadorcidadevacacións” con varios pisos de balnearios e servizos na superficia e moitas prantas de piscifactorías soterradas? Digo. Por rendabilizar. –––––––––– Dende o cabo conquistado de Cap Roig (Girona), salvemos corrubedo!!! –––––––––– Soamentes estiven unha vez cos alumnos nas Dunas de Corrubedo, parecéronme impresionantes, teñen que estar fora de toda especulación tanto marítima como urbanística. Teñen que ser conservadas tal como están, bastante nos roubaron xa a tódolos galegos e galegas nas nosas costas e interiores. É un patrimonio a conservar, algo nos terán que deixar. ¿Sigamos loitando! –––––––––– Amigos da Plataforma pola defensa de Corrubedo: Unha aperta pola voso traballo; quero que saibades que dende A PENEIRA estamos convosco. Seguide informándonos e nós informaremos ó mundo. Saúdos. –––––––––– |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Os fillos e as fillas do cabo verde de Corrubedo facemos un chamamento desesperado para liberar a nosa costa das poutas das transnacionais fabricantes do peixe. Unha piscifactoría, fábrica de peixes ao cabo, de 308.000 metros cadrados en territorio virxe é o noso premio por conservar, o castigo a ese cabo do mundo ao que só chegan os salseiros do mar. Corrubedo é aínda Terra Liberada. É xusto que á nosa terra liberada, ao noso litoral incólume, veña agora o poder dunha empresa transnacional para exercer o castigo da destrución? Velaquí as verbas do país: