| Nin arte nin cultura |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 19 de Agosto do 2007 | |
Polo enxalzamento nacionalista, pola imposición do sanguento pensamento único nos medios de comunicación públicos e polo irracional culto a un ‘duce’ ao que din, e din ben, matador, a cousa ten un cheiriño algo fascista.Pontevedra amenceu o 8 de agosto enchido de pintadas e carteis rexeitando o que chaman “festa nacional” –claro está, referida a esa entelequia de nación española que só parece selo na Constitución aprobada polos que hoxe teñen máis de 48 anos. Eran papeis e gravados rebeldes contra a exaltación do sangue sobre a area, ao cabo tamén vermello sobre amarelo, contra ese noxento e reaccionario goce co sufrimento animal que para min simboliza as históricas barbaries cometidas –en nome de Deus e da Coroa!– polo imperio doutrora contra a “incultura dos indios”. Como ben di a Plataforma Antitaurina de Pontevedra: “a tortura non é nin arte nin cultura”. Os anteditos graffitis estaban na súa meirande parte sobre carteis que publicitan o que a Plataforma chama xenocidio animal. E chama ben, pois do exterminio dunha raza falamos. Asemade, na praza de touros líase: “se as touradas son arte, o canibalismo é gastronomía” –pura lóxica– e tamén “non á festa do fascismo”. De feito, polo enxalzamento nacionalista, pola imposición do sanguento pensamento único nos medios de comunicación públicos e polo irracional culto a un ‘duce’ ao que din, e tamén din ben, matador, a cousa ten un cheiriño algo fascista. E fascista debe ser cando a protesta pacífica dos activistas foi respostada primeiro co acoso policial –ninguén máis pega carteis en Pontevedra?– e despois cunha violenta acción, literalmente incendiaria, o día 11 contra o Centro Social A Revira, que entre outras cousas serve de ágora aos antitaurinos do Lérez. Non é pois de estrañar que estes se sintan acosados, e sinalan polo miúdo –no referente ao asedio verbal– a un grupo de amantes dos matadores, a Peña 11. Un dos seus membros ten un blog (cesarabal.blogspot.com) moi clarificador. Tolerante el, deféndese das accións pacíficas dos antitaurinos con incongruencias como: “La Peña11 es una peña plural y libre que respeta todas las opiniones”. Non así todas as vidas, diría eu. Porén, do atentado non di ren. Supoño que o do día 11 e a Peña 11 é casual, que eu na cabalística créovos pouco. Sexa como for, vai sendo hora de que os gobernos galegos –Concellos e Xunta– collan o touro polos cornos, pero para afastalo desa crueldade sen sentido prohibindo a tortura animal no país noso. Un 10 –non un 11– para os da Plataforma Antitaurina.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
Polo enxalzamento nacionalista, pola imposición do sanguento pensamento único nos medios de comunicación públicos e polo irracional culto a un ‘duce’ ao que din, e din ben, matador, a cousa ten un cheiriño algo fascista.