| O cumio das dúas Coreas |
| Xulio Ríos | |
| Martes, 14 de Agosto do 2007 | |
A axenda do encontro inclúe os temas habituais: a paz e o desarmamento, a desnuclearización da península, e a cooperación económica transfronteiriza, capítulos que deberan ir á par para poder encarar unha verdadeira etapa de normalización dos lazos entre as dúas Coreas.Un par de datos deben axudarnos a contextualizar o próximo cumio entre as dúas Coreas. O anuncio chegou nun momento especialmente oportuno e delicado á vez para o Goberno de Seúl, pendente da sorte dos seus cidadáns secuestrados en Afganistán e a poucos meses da celebración de eleccións presidenciais, previstas para decembro próximo. A axenda do encontro inclúe os temas habituais: a paz e o desarmamento, a desnuclearización da península, e a cooperación económica transfronteiriza, capítulos que deberan ir á par para poder encarar unha verdadeira etapa de normalización dos lazos entre as dúas Coreas. Por outra banda, a cautelosa mellora das relacións entre Seúl e Pyongyang, que dende o cumio do 2000 consignaron altibaixos e crises moi importantes, rexístrase cando as relacións entre Corea do Sur e EEUU atravesan un momento moi comprometido por mor da crise dos reféns. En Seúl, o consenso é practicamente unánime: EEUU dá claras mostras de indiferenza ante a traxedia. O Goberno de Roh Moo-hyun tenlle reclamado a Wáshington unha implicación máis directa na resolución da crise e unha maior flexibilidade na súa negativa a negociar cos talibáns. Negociar, din en Seúl, non é ceder. Máis alá das declaracións oficiais, en Wáshington, informado pero non consultado, preferiríase a celebración deste cumio unha vez rematara o diálogo hexagonal. Internamente, o encontro debe servirlle a Roh Moo-hyun para remontar a súa crise de popularidade. Pyongyang tamén está interesado na súa continuidade e pode tirar réditos da súa febleza actual. Hoxe, os seus rivais do centro dereita, partidarios dunha política firme en relación co Norte, van por diante nas enquisas. Cumio e estratexia electoral semellan, pois, indisolublemente unidos. Abrirá a reunión unha nova fase que conduza á reunificación? O presidente surcoreano amosou moito entusiasmo no momento de anunciarse o cumio, mesmo evocando a posible firma dun tratado de paz formal que está pendente dende 1953, o cal constitúe unha situación inédita e totalmente anacrónica. O artífice do primeiro encontro, Kim Dae-jung, tamén ten esperanzas de que abra o camiño a un novo tempo, facilitado pola sinatura en febreiro dun acordo que preceptúa o desmantelamento do programa nuclear norcoreano a cambio dunha xenerosa axuda. Pechado o reactor, volvemos ao rego inicial. Pero sen deixar de ir por augas turbulentas.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

A axenda do encontro inclúe os temas habituais: a paz e o desarmamento, a desnuclearización da península, e a cooperación económica transfronteiriza, capítulos que deberan ir á par para poder encarar unha verdadeira etapa de normalización dos lazos entre as dúas Coreas.