Cândido Grzybowski: “Non podemos propor un pensamento único para combater o pensamento único”
Altermundo   
Domingo, 24 de Xuo do 2007

 Cândido Grzybowski é director xeral do Instituto Brasileiro de Análises Sociais e Económicas (Ibase). Sociólogo, educador e filósofo, con doutorado na Université de Paris I Panthéon Sorbonne e post doutorado no Institute of Latin American Studies da Universidade de Londres, é membro do Grupo Facilitador e do Consello Internacional do Fórum Social Mundial.

Altermundo conversou con Cândido Grzybowski, sociólogo director do Ibase (Instituto Brasileiro de Análises Sociais e Económicas) e membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial dende que nacera en Porto Alegre, no ano 2001. Fiel á idea de que hai que radicalizar a democracia e achegar á axenda pública aos ‘invisíbeis’ e ‘excluídos’, o brasileiro segue a crer que o FSM é un espazo de construción dun novo xeito de facer política que, en sete anos, deslexitimou completamente o Foro Económico de Davos. “Non podemos propor un pensamento único para combater o pensamento único. Outro mundo é posíbel se está baseado na diversidade, na multiplicidade, no pluralismo, na loita democrática que non exclúe, pero que loita”.

 Entrevista realizada por Altermundo entre maio e xuño de 2007.

Bo día Sr. Grzybowki, como vostede sabe publicamos un suplemento chamado Altermundo. Vostede pensa que hai un altermundo, outro camiño para o mellor entendemento da humanidade?

Si, hai moitos outros camiños, máis adaptados ás necesidade e á cultura dos diferentes pobos e ás posibilidades do seu territorio. Ao cabo, o homoxéneo da globalización dominante é o que está a destruír o ben común maior, base da vida, concentrando riquezas en poucas mans e xerando violencia no canto de paz e un espírito humano de compartición.

E como debería ser ese altermundo? Outro mundo é posíbel? Fica lonxe?

Para crear sociedades xustas, democráticas e sustentábeis é fundamental partir dalgúns principios como : relocalización das economías, producindo aquí para consumir aquí; subsidariedade, onde o comercio e o acceso a recursos distantes sexa complementario e non a forza de empuxe da economía; a sustentabilidade, coa drástica reducción do uso das enerxías fósiles e destrución dos recursos naturais, en prol do renovábel; todos os dereitos humanos a todos os seres humanos, na súa diversidade, soño e desexo; participación activa, onde cada cidadán e cada cidadá decide soberanamente as escollas para a súa comunidade, a súa cidade, o seu territorio, o seu pobo. Un mundo así fica preto, comeza agora, e fica lonxe ao mesmo tempo, pois vai esixir toda unha reconversión do modelo de desenvolvemento e toda unha reaprendizaxe da convivencia, respecto mútuo, non violencia e solidariedade, uso e conservación sustentábel dos bens comúns naturais.

Se procuramos alternativas é que o mundo non funciona. Non será que non encaixamos todos no planeta e que unha especie de selección natural, se cadra o mercado, fai o traballo lixoso?

Temos un tipo de economía de abundancia que non serve para atender necesidades humanas, é contra a meirande parte das persoas das nosas sociedades. A economía dominante é o poder que a sustenta miran de producir lucros antes de atender demandas e necesidades da sociedade. O mercado como regra –no canto de ser subsidiario– é a institución da lei da selva na convivencia humana: que venza o máis forte e competitivo. Isto é eticamente inaceptábel. Non hai xente de máis no planeta. O que temos é un tipo de civilización que, na súa abundancia para poucos, destrúe o planeta e exclúe socialmente.

Podería explicar aos lectores da Galiza cal foi a necesidade e como  naceu o Fórum Social Mundial?

O FSM que xurdiu en Porto Alegre, en xaneiro de 2001, é froito de múltiples iniciativas e “insurxencias” polo mundo. Durante os anos 90, en particular despois de 1995, foran aparecendo resistencias cidadás diversas ao tipo de globalización imposto por organizacións multilaterais (OMC, BM, FMI) e pola estratexia das grandes corporacións económico-financeiras. Isto deu orixe a varios movementos, cada vez máis mundiais na súa vocación. A vitória de Seattle, cando a xuntanza da OMC foi interrompida, a finais de 1999, foi a pinga de auga. O feito de que o FSM teña xurdido no Brasil débese a dous factores: primeiro, a propia expansión da sociedade civil brasileira na conquista da ampliación da democracia; despois, o feito de que coalicións brasileiras participantes da nacente cidadanía planetaria tiveran feito un chamamento que viña do sur do planeta, alá onde os problemas da globalización son máis graves.

 
No 2009 o FSM será de novo centralizado
e na rexión amazónica. quizais en Belém

Temos a idea de crear a cidade do FSM,
onde a xente poida practicar o que propón
 
Precisamos pensarnos como cidadáns do planeta
coas nosas diversidades

O FSM xa é máis ca un foro alternativo ao de Davos?

Eu, persoalmente, considero que o FSM, en 7 anos de existencia, deslexitimou enteiramente o Fórum Económico Mundial, de Davos. Eles tiveron que mudar a súa axenda. Agora, isto non é suficiente para decir que o FSM xa é unha alternativa. Somos unha especie de universidade alternativa, onde a nacente cidadanía planetaria ten oportunidade de se atopar, trocar, confrontar visións e avaliar alternativas en construción a partir das loitas polo mundo.

Como foi a evolución, en expectativas e participación, dende Porto Alegre 2001?

Cando nos decidimos a convocar o primeiro FSM, aínda en febreiro/marzo de 2000, imaxinamos que se cadra conseguiríamos reunir unhas 3.000 persoas. No Nadal de 200 tíñamos inscritas unhas 800 e pensamos que xa sería bastante. Cal foi a nosa sorpresa? Tivemos máis de 12 mil delegados e uns 20 mil participantes en total. En 2002, aínda en Porto Alegre, foron 50 mil. En 2003, por terceira vez en Porto Alegre, foron aproximadamente 100 mil. Aí fomos a Mumbai, na India, con 115 mil. En 2005, chegamos a xuntar 150 mil persoas en Porto alegre. En 2006, fixemos o Fórum Policéntrico, en Caracas, Bamako e Karachi. Agora en 2007, foi en Kenya. A estes eventos centrais hai que engadir máis de 200 foros de diferentes tipos polo mundo: rexionais, nacionais, locais, temáticos… Asistimos a unha verdadeira cultura política de creación de foros sociais. Mais o mundo é maior do que dá de si o noso esforzo e xira polos continentes. Aínda precisamos mundializar máis, dar a oportunidade a outros de participar, a pobos distantes como a China, o Leste europeo, o Caribe, a Asia profunda.

A experiencia en Kenya foi positiva? Hai en África, o continente máis castigado polo neoliberalismo, un movemento para a esperanza?

O positivo de kenya foi levar o FSM até os pobos de África, coa súa diversidade e vibrante cultura de resistencia, berce da humanidade. Tivemos 74 mil inscritos, dos que 52 mil eran de países de África. Máis de 51 africanos e africanas tiveron a oportunidade de por primeira vez seren contaxiados pola maxia que o Fórum inspira. Puxemos os pobos de África no mapamundi da cidadanía. Temos agora a nosa África, a enerxía da África, o oposto da idea de pobos perdidos que a globalización neoliberal impón por vía mediática.

E como funciona o FSM? Di ser un movemento horizontal pero hai un Consello Internacional, unha pequena xerarquía, unha elite dentro dos activistas. Non é? Quen pode formar parte del?

O FSM ten unha Carta de Principios que é a nosa referencia. Trátase de principios éticos e políticos, que apostan pola idea do espazo aberto, polo respecto da diversidade social, cultural e político-ideolóxica dos que se opoñen á globalización e ao neoliberalismo, o principio da non violencia como medio de política. O FSM non ten dirección política e tampouco está institucionalizado. Está na Carta de Principios a idea de non ter unha declaración final, de encadramento de todos en propostas tipo mínimo denominador común. Non se vota como FSM, mesmo que participantes illadamente ou con outras entidades e movementos voten e asinen. Será a súa toma de posición e non do FSM.

Como espazo aberto, o FSM ten grupos que asumen diferentes funcións de facilitación: os Comites Organizadores, o Consello Internacional, as súas Comisións e Grupos de Traballo ad hoc. Os Comités Organizadores son formados localmente, no local e país do FSM. O Consello Internacional está formado por redes rexionais e mundiais, campañas mundiais, coalicións mundiais, e algúns grandes movementos e centrais sindicais. En total son uns 150 neste intre. O CI vaise ampliando a medida que novas redes e campañas se xuntan ao FSM e novos Comités Organizadores de eventos mundiais asumen a tarefa. Así, son membros do CI tamén o Comité Organizador Orixinal, do Brasil, o Comité Organizador da India, de Kenya, de Caracas, Bamako, Karachi. As comisións do CI son abertas a quen queira participar. A principal función do CI e apuntar a localización do próximo evento mundial, a súa forma (como as xornadas de mobilización de 2008) e indicar condicións metodolóxicas para que a carta de Principios sexa respectada.

Na organización do programa de actividades do FSM evoluímos de algo que combinaba actividades propostas polo CI e Comité organizador con actividades propostas polas organizacións e movementos participantes, para un programa case enteiramente autoxestionado, con case todas as actividades propostas polos participantes. En Nairobi non chegaran a 15 actividades propostas polo Fórum Social Africano e Comité Organizador, dun total de máis de mil actividades.

Cales son os problemas de organización do FSM?

Temos moitos desafíos na organización dos eventos mundiais. Para facilitar, a primeira grande cuestión é a tradución, coa inclusión do maior número de linguas posíbel. Estamos contra a homoxeneización cultural e lingüística da globalización. Non é doado este desafío da tradución. É o meirande custe individual na organización dun Fórum. Dende 2004, en Mumbai, estamos tentando a tradución baseada no traballo voluntario e en equipamentos alternativos, mais non damos co sistema. Temos o desafío do espazo. Dotar de salas para todas as actividades propostas é unha obra de loxística ben complicada. A idea é crear a “cidade” do FSM, onde a xente poda practicar o que propón, como o manexo sustentábel do lixo, produtos alimentarios orgánicos e da agricultura familiar, economía solidaria, etc. Non é doado. En Nairobi, por exemplo, melloramos nestes puntos. Outro desafío é a comunicación, para dentro, antes, durante e despois, e para fóra, mobilizando máis xente. Alén disto, a intervención na axenda dos medios dominantes. Temos o desafío da sustentabilidade financeira. Non podemos ficar reféns da cooperación internacional, de gobernos ou de empresas. Como crear autonomía? Temos o desafío da participación popular, dos grupos con menos recursos. O FSM –o Ibase vén acompañando con datos o problema– é de organizacións, movementos e da cidadanía. Mais é da elite da sociedade civil e non das súas bases. Custa moito ir ao Fórum.

Vostede di que o FSM é o máximo referente dos movementos antiglobalización, un celeiro de alternativas. Mais os celeiros, os hórreos, gardan grao e sementes para facer, por exemplo, pan. O FSM é só celeiro ou tamén panadería?

A imaxe dos graos, fariñas e panadería é moi boa. Se cadra a imaxe das sementes plantadas que precisan ser coidadas (regadas, capinadas, etc) e apañadas, moídas e de aí facer pan sería máis completa. O FSM non pasa dunha identificación de sementes. Plantar, apañar, moer, facer o pan é tarefa de cada organización, de cada movemento, de cada cidadán e cidadá do planeta. Por iso non fai pan. Identifica ideas que agroman das prácticas de loitas e movementos, de organizacións da cidadanía activa polo mundo. O FSM propón o coñecemento das sementes, o seu intercambio e valorización polo participantes. Temos que atopar a solución en nós mesmos, crer nas nosas loitas. O FSM enerxiza, empodera, facendo esta animación da cidadanía militante no mundo.

Pode o FSM definir unha loita mundial contra o neoliberalismo. Debería? En caso contrario, non defraudará, non ten xa unha responsabilidade?

Como di a Carta de Principios,  non cabe no FSM, como se fose unha organización política, definir unha estratexia de combate ao neoliberalismo. Compete a cada organización, entidade, movemento, rede, campaña ou coalición adoptar aquela que acha máis adecuada para o seu obxectivo específico, nas condicións políticas específicas en que actúa. Non podemos propor un pensamento único para combater o pensamento único. Outro mundo é posíbel se está baseado na diversidade, na multiplicidade, no pluralismo, na loita democrática que non exclúe, pero que loita.

Durante o FSM de Kenya foron presentadas cerca de 300 propostas formuladas por 21 Fóruns de alternativas. Unha novidade, outo paso?

A novidade foi exactamente o cuarto día do Fórum, coa mañá para a identificación de ideas e articulación en torno a propostas e coa tarde para a súa presentación. Funcionou moi ben nalgún dos 21 espazos e noutros non. Foi un paso dubidoso, pois o Fórum non está en contra de que os participantes formulen propostas e se articulen ao redor de cada unha delas. Non son propostas do Fórum, mais si propostas feitas públicas no Fórum e apoiadas por esta ou aquela organización ou movemento. Precisamos mellorar isto nunha próxima edición do Fórum. Algunhas das propostas están sendo levadas adiante, xa coa vista posta nas Xornadas de Mobilización de 2008.

O FSM como referente social ten que ter unha relación coa política ou xa non podemos crer nela para respostar aos problemas da humanidade?

O FSM é un espazo de construción dun novo xeito de facer política. Neste sentido, non está contra a política como tal, mais é un espazo de cuestionamento das políticas dominantes, dos poderes constituídos, das formas institucionais tradicionais de exercicio da cidadanía. A política en sentido amplo é a condición para enfrontarse aos problemas da humanidade.

Brasil, venezuela, India, África, Paquistán. Falta aínda moita xente para que o FSM sexa verdadeiramente mundial, mais en 2008 non haberá FSM, no entanto si unhas Xornadas de Mobilización. Que serán estas xornadas?

Non gusto da mensaxe que non teremos Fórum no 2008. Se cadra acontecerán máis dunha centena de Fóruns durante o ano e moitos ao redor das Xornada de Mobilización. Precisamos dar máis visibilidade á grandiosidade do activismo cidadán polo mundo. De aí as xornadas en torno a días comúns, 26 e 27 de xaneiro de 2008. Aínda non sei todo o que vai acontecer. Un Grupo de Mobilización está a mapear e ver buracos polo mundo, pensando en como facilitar para que acontezan cousas en todas partes. Na vindeira xuntanza do CI, en Berlín, do 29 ao 31 de maio, teremos unha idea do que está sendo proposto e por quen. Aquí no Río estamos pensando nun gran show na praia, dun día de duración. Ao Cabo, aquí é verán e hai festas, e é o noso xeito de facer política expresarnos pola cultura, cultura do Río por un outro mundo.

En termos do conxunto de 2008, a idea é, incluso, ter unha cobertura de comunicación as 24 horas, seguindo o reloxo e o xiro do planeta, vendo o que a cidadanía está apuntando Leste-oeste, Sur-Norte a cada hora.

Hai propostas xa para 2009? Volverá o FSM centralizado?

Cando nos decidimos polas Xornadas de Mobilización, aínda en Parma, en Italia, en outubro de 2006, decidimos tamén ter un evento centralizado do FSM en 2009. Falta decidir onde. É o que debemos facer agora na xuntanza de Berlín.

E os eventos rexionais, continúan vivos?

Todos os eventos rexionais dependen da iniciativa de coalicións rexionais. Uns son máis activos que outros, mais existen procesos en Europa, África, Asia e nas Américas. Cada un determina a súa periodicidade e lugar, no seu propio Consello. Tamén existen Fóruns nacionais, de cidades, temáticos. Por exemplo, a coalición en torno á auga pensa facer un Fórum temático. O mesmo as redes de economía solidaria.

Por primeira vez hai un Fórum nos Estados Unidos. Que significa iso?

Non é exactamente a primeira vez. Xa houbo un Fórum en Boston, por exemplo. Mais este é nacional e vai ser grande. Está marcado para o 25 de xuño e até o 1 de xullo, na cidade de Atlanta, a de Martin Luther King. Só isto xa dá simbolismo. Ten unha ampla adhesión de redes como Jobs with Justice, Migrantes, Xustiza Ambiental. Mais tamén produtores culturais, especialmente de teatros, se están a adherir en masa. Penso que vai influír na axenda pública do Imperio e nas eleccións presidenciais do ano que vén.

En Europa hai moitos movementos sociais que piden xustiza para o Sur. Como seu ve isto dende abaixo? Facemos o traballo doado?

Penso que precisamos resgatar o sentido profundo da solidariedade, hoxe comprometida dao o cinismo das clases medias, tanto nos países desenvolvidos como aquí. Está dominando unha cultura de competición e de salvese que poida. Precisamos urxentemente dos valores fundamentais da solidariedade interna e entre pobos, esnaquizada por esta globalización utilitaria e consumista. Mais a solidaridedade debe ser bidireccional, do Norte para o Sur e do Sur para o Norte. Hoxe precisamos de solidariedade planetaria, precisamos pensarnos como cidadáns do planeta, mesmo respectando as nosas diversidades, de galegos, portugueses, alemáns, polacos ou brasileiros, quenianos, surafricanos, tailandeses, timorenses.

Un país pequeño como a galiza, na periferia de europa, síntese castigado pola integración na Unión Europea, especialmente nos seus sectores produtivos. Tamén os nosos irmáns e veciños do Portugal. A renda é moi inferior á europea, a xente abandona o campo, a poboación está moi avellentada, a lingua galega morre… Sufrimos a globalización, porén, en comparanza co mundo vivimos ben. Temos dereito a protestar?

Non só o dereito. Teñen o deber de protestar. Somos interdependentes e o mundo vai mudar polo esforzo de toda a xente que se move por ética, valores de liberdade, igualdade, diversidade, solidariedade e participación, que pensa no ben común como a terra, a auga, a biodiversidade e a atmosfera, que precisa ser compartido entre todos os pobos e xeracións futuras.

A relación Norte-Sur ten que cambiar. Vostede di que tamén a Sur-Sur.

O mundo está estruturado para servir a un sistema de dominación política e económica que se foi construíndo ao longo de séculos e acelerado pola industrialización. Este sistema, eurocéntrico en todos os aspectos, precisa mudar. Mais os pobos son os únicos capaces de construír outros mundos respectandose mutuamente. Neste sentido, precisamos mudar, sen dúbida, as relacións Norte-Sur. Mais as relacións Sur-Sur son minadas pola dominación e pola globalización, pois tamén serven a elites comprometidas coas elites do Norte desenvolvido. Precisamos mudar as relacións Leste-Oeste. É dicir, precisamos rachar co que está aí e facer un mundo novo.

Institucións como o Ibase son tamén esenciais para a procura da xustiza social? Falenos do Ibase.

O Ibase –Instituto Brasileiro de Análises Sociais e Económicas– foi fundado en 1981 por activistas políticos que voltaban do exilio logo da Anmistía Política no Brasil. Xurdiu coa idea de radicalizar a democracia na sociedade brasileira, achegando ao debate e a axenda pública os “invisíbeis” e excluídos no Brasil. O Ibase evolucionou co proceso de democratización do Brasil, coa emerxencia de novos movementos e organizacións populares e a constitución dunha vibrante sociedade civil, con novas organizacións sociais, partidos e unha cultura democrática centrada nos dereitos. Hoxe o Ibase continúa fiel á súa misión, mais dase unha tarefa de dimensións planetarias. Está localizado en Río de Xaneiro, Brasil, mais actúa mundialmente, como amosa o exemplo do FSM.

E por último, actúa localmente e pensa globalmente. Aí está a clave. Nunha cidadanía global-mental?

Sen dúbida, a localización é a propia vida. Todos os seres humanos temos o noso territorio, o noso anaco, o noso lugar, mesmo os máis excluídos. Esta é a base. Porén, a perspectiva e alcance da actuación precisa ser o máis mundial posíbel. As cuestións que nos aflixen, como a desigualdade, a violencia, a destrución ambiental, son planetarias. Claro que temos especificidades e cadaquén debe asumir a súa responsabilidade a partir de onde vive. Mais ligarse, estar conectado, traballar en rede, son condicións para transformar o mundo hoxe en día. A cidadanía, como expresión de dereitos iguais e cosmopolitas, non se refire a Estados-Nación, senón ao feito de sermos seres humanos vivindo neste mundo que é de todos.•


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >