Carlos Taibo: “Está a agromar unha minoria activa cada vez máis decidida a mudar as cousas”
Altermundo   
Domingo, 20 de Maio do 2007

 Carlos Taibo adoita falar claro e todos lle entendemos. Con galego de luxo e un discurso moi ben estruturado é unha das grandes voces que se opoñen á globalización, quer no eido social quer no ambiental. Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid e colaborador en medios escritos e revistas electrónicas, é tamén un dos meirandes expertos ibéricos en política do centro e leste de Europa. Ten publicados máis de trinta libros en español e galego. No tema que nos ocupa destacan: Rapiña global (Punto de Lectura, 2006); ¿Hacia donde nos lleva Estados Unidos? (Ed. B, 2005); Los movimientos de Resistencia Global (Ed. B, 2005) ou Os movementos de resisténcia fronte á globalización capitalista (Xerais, 2005).

 Entrevista realizada por Altermundo mediante correo electrónico entre marzo e abril de 2007. Para isto fíxose un primeiro contacto máis xeral e, de seguido, ampliouse a conversa para concretizar diversas respostas de interese. (Altermundo en pdf)

Carlos, escribiches que, nalgún intre, na primeira metade do decenio de 1990, varios expertos en comunicación de masas argallaron a palabra globalización para xestar unha nova orde internacional.

Creo que o pulo da palabra ‘globalización’ é manifestamente interesado: tratábase de encontrar un vocábulo que permitise acantoar o vigor doutros que retrataban de maneira saudabelmente fidedigna unha chea de relacións económicas ainda que tivesen unha ben merecida imaxe negativa aos ollos da maioria dos habitantes do globo. Entre eles, e singularmente, o vocábulo ‘capitalismo’. Abofé que quen rescataron a palabra ‘globalización’ realizaron, nun primeiro momento, con enorme talento o seu traballo.   

O neoliberalismo é simplemente un sistema económico ou máis unha ideoloxía?

É as dúas cousas. Se cadra naceu como unha proposta económica. Agora ben, a sua pretensión de devir un código fundamental de funcionamento de todas as relacións converteuno nunha ideoloxia. Aínda que en realidade como tal pouco ten de novo: non é senon a manifestación contemporánea principal do capitalismo.

Entón parece que loitamos contra a historia da humanidade. Ou é que ao capitalismo pódelle acontecer o do conto da leiteira? que de tanto encher… E máis difícil aínda, hai vida despois do capitalismo?

O capitalismo non é en modo ningún a consecuencia dun desenvolvemento natural das forzas produtivas: responde, antes ben, a intereses singularizados e historicamente acoutados. A idea de que as sociedades só funcionan conforme ao princípio de maximización do rendemento e do benefício é unha lamentábel superstición. Alén diso, a grande pregunta do momento presente é a relativa a se o capitalismo, que no pasado demostrou unha enorme capacidade de adaptación aos retos máis diferentes, non está a perder os mecanismos de freo en virtude da cobiza que o impregna todo no miolo da globalización.

Desigualdade é a palabra clave?

É unha palabra que acompaña de sempre ao desenvolvemento histórico do capitalismo. É certo, iso si, que este último na era de globalización non ten feito outra cousa, a pesar do que reza o discurso oficial, que acrecentar as desigualdades.

 
Os movementos no Brasil están contra
moitas das políticas do goberno

As grandes protestas son tan
necesarias coma insuficientes

A figura de Evo Morales ten por forza que provocar ilusión

Foros e contracimeiras só teñen sentido
se antes hai movementos sociais

E de moito medrar a cousa pode estoupar. Ou todo está controlado dende o cumio da pirámide?

O control, entendo eu, é cada vez máis feble. Abonda con botar unha ollada ás políticas que defende o actual presidente norteamericano, visibelmente inconsciente de que a aposta en proveito da creación dun paraíso fiscal de escala planetária ben pode traducirse nun caos xeral que faga que o própio proceso de globalización escape do control e dos intereses de quen o puxeron en marcha.

Eduardo Galeano di que o noso maior pecado é o medo e a obediencia.

Non sei se é o maior. En calquera caso é un pecado importante. A servidume vontária da que falou La Boetie impregna a conducta principal nas nosas sociedades, mesmo entre os militantes de moitas formacións políticas da esquerda.

Alguén dixo que hoxe as empresas gobernan e os gobernos tan só xestionan. Tanto coma iso? A vía política está esgotada?

Hai gravísimos problemas en matéria de democrácia porque, é certo, a maioria das decisións importantes fican nas mans de formidábeis corporacións económico-financeiras que operan na rebotica. Por iso é tan importante recuperar os códigos própios da democrácia de base.

E cales son eses códigos? Porque parece que a vía social e a política están cada día máis afastadas.  

Entre eles cóntanse a primacia da asemblea e o cuestionamento de calquera tipo de xerarquias e fluxos verticais. Está tamén, claro, a vontade de rexeitar o que supoñen os liberados de tantas organizacións e os santóns intelectuais autoproclamados.

Cito a Susan George: “Outro mundo é posíbel se Europa gaña a guerra dentro de Occidente”. Hai aínda diferencias entre Europa e os Estados Unidos? Cres na Unión Europea?

Non sei se Susan George dixo iso; se o dixo, anda un pouco desnortada. Non hai ningún motivo para concluir que a UE é, pola sua cara bonita, un axente internacional abertamente comprometido coa causa da xustiza, da liberdade e da solidariedade, e sobran os que invitan a afirmar que é moito mais parecida aos EE.UU. que o que reza o discurso papanata imperante entre nós.  

A oposición de países como Franza ou Alemaña á guerra de Iraq, a ratificación do Tratado de Kioto ou a aceptación dunha Corte Penal Internacional –entre outras cousas– non son pois diferenzas relevantes?

Non o son, non. Franza e Alemaña deron o seu apoio á impresentábel resolución 1.546 do Consello de Seguranza, que lexitima a agresión norteamericana en Iraq. Polo demais, as reduccións na emisión de substáncias contaminantes no caso da UE, que non ten dubidado en comprar cotas dos países máis pobres, seguen sendo menores, ao tempo que, cando a Unión tivo a oportunidade de demostrar o seu compromiso coa xustiza penal internacional –así, en Afganistán en 2002— ilustrou a súa dramática dobre moral. Hai unha distáncia enorme entre a retórica de UE e as súas prácticas reais.  

Hoxe chamamos altermundistas ao que antes chamabamos, ou chamaban, movementos antiglobalización. Existe realmente un altermundo?

Non gosto, para ser franco, do conceito de ‘altermundismo’, e prefiro seguir falando de ‘movementos antiglobalización’. Aínda que a discusión algo ten de formalista, os que consideramos que existe unha liña histórica de continuidade entre o imperialismo, o capitalismo e o que hoxe, a contragusto, chamamos globalización, debemos concluir que, do mesmo xeito que non ten sentido defender un ‘imperialismo alternativo’ ou un ‘alterimperialismo’, tampouco corresponde facer outro tanto cunha ‘globalización alternativa’ ou cunha ‘alterglobalización’. Isto a parte, o de ‘mundialización’ non callou entre nós. Aos meus ollos, calquera modalidade de globalización, por benignos que sexan os seus propósitos, reclama elites directoras, fluxos xerárquicos e procesos de uniformización  que invitan como pouco ao receo. Por iso teimo en seguir falando de ‘antiglobalización’.

Pero estamos a falar da globalización da saúde, do traballo digno, da sustentabilidade ambiental. Vaia, da xustiza social global. Non sería esta unha globalización xusta?

Para identificar todo iso tiñamos xa un termo axeitado: internacionalismo. Non sei por que esta teima en concluir que o de globalización retrata mellor o compromiso correspondente.

Os movementos sociais e políticos que se están a dar en América Latina son a esperanza?

Son unha das esperanzas, tanto mais canto que pareceron entender, na maioria das suas manifestacións, as eivas própias da socialdemocrácia e do leninismo.

Chávez, Morales, Lula, Kischner, Tabaré… Dende o punto de vista da xustiza social con quen nos quedamos?

Creo mais na xente de a pé que nos dirixentes políticos. Mesmo así, e entre outras cousas para refugar as simplezas de Vargas Llosa e compaña,  a figura de Evo Morales, a menos contaminada polos nosos eflúvios etnocéntricos, ten por forza que provocar ilusión. E na lista das decepcións, claro, o Brasil de Lula, que debia ser a locomotora que tirase dos demais e ten preferido aceitar sen receos as imposicións do império e dos organismos a este supeditados.

No entanto Brasil segue a ser un dos grandes motores dos movementos antiglobalización. Estamos entón perante unha especie de loita por atraer ao gran símbolo?

Os movementos antiglobalización no Brasil, ou ao menos a maioria deles, están en clara confrontación con moitas das políticas que desenvolve o governo.  Hoxendia, de calquera xeito, creo que son poucos os que estiman que Lula reflicte o cerne do proxecto de contestación da globalización capitalista.  

Os movementos sociais van en aumento nas zonas defavorecidas do orbe, especialmente en Latinoamérica e Asia. A África cústalle máis. Veremos algún día ese: Cando África se levante!?

Os movementos son cada vez mais activos en África e as razóns para a revolta evidentes. Comprirá seguir con atención o que acontece nos anos vindeiros.

E que pasa coa Europa Oriental?

Creo que é inevitábel que renazan tamén focos de resisténcia. Na rexión, ou ao menos en boa parte dela, permanece activo un proceso de terceiromundización que por forza terá que provocar resisténcias.

Cando menos antes, ou iso dicían, tiñas as necesidades básicas cubertas, garantidas, e hoxe as teñen que ir buscar ao mercado. E certo entón que a caída da Unión Soviética polo momento trouxo máis desgrazas que boaventuras para a poboación?

No ámbito ecónomo e social iso é evidente, ainda que, claro, a afundimento deses sistemas non foi producto da casualidade. Non podemos esquecer a responsabilidade das súas burocracias dirixentes e, con elas, a que atinxe ao que eu entendo que non foron senon modelos de capitalismo burocrático de Estado.

Os foros sociais naceron como espazos de intercambio para facer fronte ao neoliberalismo. Deles xorden alternativas e esperanzas, pero non resultados concretos. A súa importancia irá en aumento ou quedarán como unha especie de feiras altermundistas?

O último é un risco evidente: foros e contracimeiras só teñen sentido se antes existen movementos sociais activos e independentes. Do contrário, uns e outras poden devir un mero escenário de manifestación de proxectos eurocéntricos e  santóns intelectuais. O futuro dos movementos non se libra en Porto Alegre, en Mumbai ou en Nairobi, senon no dia a dia de arrabaldes e vilas.

Pero hai outros camiños lonxe dos foros non?

Naturalmente. O traballo cotián dos movementos nada ten que ver coas parafernálias vencelladas con foros ou contracimeiras, do mesmo xeito que as tarefas que desenvolven partidos ou sindicatos teñen un cariz diferente do que corresponde aos seus congresos ordinários.  

En El Viejo Topo deste febreiro debullas a revolta francesa de outono de 2005 baixo o título: ¡Cando nos tocará a nós! Un anhelo? Tan desactivados estamos como sociedade?

Creo que está a agromar unha minoria activa cada vez mais consciente e mais decidida a mudar as cousas. Non nos enganemos, porén: a maioria dos nosos concidadáns só están preocupados en gañar mais diñeiro para consumir máis, procesos ambos nos que identifican, maxicamente, a felicidade.

Mais tamén hai moitos cidadáns e cidadás conscientes de que esa espiral de consumo non é un bo camiño pero que non saben como fuxir dela. Con pequenas cousas quizáis?

Cómpre empezar por pequenas cousas, como cómpre lembrar o que era común nos nosos movementos anarquistas anteriores á guerra civil: a conciéncia de que non é preciso agardar á toma do poder para mudar as cousas. A CNT dispuña dunha notábel rede de talleres, granxas e escolas que debuxaban un mundo novo.  

As grandes protestas, como as que se preparan para o cumio do G8 en Alemaña, son necesárias, valen realmente de algo? Porque digo eu que para cambiar as cousas, por exemplo no funcionamento das grandes institucións internacionais (OMC, FMI, Banco Mundial e mesmo a ONU) fan falla outras cousas, ou non?

As grandes protestas son tan necesárias como insuficientes. Ilustran unha vontade de mudanza que alcanza a moitos. Mas é verdade que medir a fortaleza dun movemento social da man da súa capacidade de convocatória na rúa é delicado e, en certo sentido, configura unha concesión ao sistema, pouco preocupado polas concentracións de masas.  

Por último Carlos, reforma ou revolución?

Autoxestión.•


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.