Mártires e rebeldes
Xosé Manuel Beiras   
Xoves, 02 de Agosto do 2007

"Mártires e rebeldes" lideraron unha grande alianza de clases irmandiña para emanciparen ao noso povo do feudalismo no s. XV. Foron derrotados.

É o subtíduo, ou segundo treito do rótulo, do volume que contén a historia da Galiza ao longo dos séculos XIV e XV, elaborada por Emílio González López no seu exílio norteamericán e publicada, no 1963, pola editorial Citania dos compatriotas seus exiliados na Arxentina -a capa do libro é, inconfundíbelmente, de Seoane, índa que non conste. Atrás ficaba, editado tamén por Citania no decenio precedente, o volume rotulado "grandeza e decadencia do Reino da Galiza" -en español no orixinal- que, pesia o enunciado, abrangue dende a idade da cultura castrexa até o século XIII. Seguiríano aínda tres volumes máis, que percorren o período dos Austrias "felipes", no XVI e o XVII, até a extinción da estirpe co "enfeitizado", publicados istes xa a partir do 1969 por Galaxia -que tamén reeditaría, en 1978, o primeiro volume desa série en versión galega do Paco del Riego.

Mais, se "mártires e rebeldes" identifica, en clave épica, aos protagonistas individuais e colectivos situados no proscenio do drama histórico galego dos s. XIV e XV, o relato narra un proceso sociopolítico definido polo autor como "a insumión galega" -expresión titular desta sua obra. Con toda intención, Emílio González escolle eses vocábulos para enunciar o fío condutor da dinámica sociohistórica nese período crucial da vida dun povo, o galego, convencionalmente considerado como irremisíbelmente sumiso e alienado -un povo ao que o proprio Engels, se tivese reparado na sua existencia, non tería dubidado en calificar de "povo sen historia", co mesmo erro de diagnose que cometeu, como é ben sabido, ao aplicarlla aos povos danubiáns que, porén, moi pouco máis tarde se ceibarían do xugo imperial austríaco para reanudaren a sua andaina como nacións soberanas e independentes. Non incurríu nese erro o profesor González López, o penalista formado na conceición marxista das ciencias sociais ao abeiro de Jiménez de Asúa -o ponente socialista na constitución da IIª República que, como lembrei xa algunha vez, non caira na trapela de aplicar o funesto modelo de Weimar no deseño da independencia do poder xudicial.

Discípulo de Xohan Vicente Viqueira na sua adolescencia coruñesa, compañeiro de Fermín Penzol na Mocedade Céltiga cando estudantes en Madrid, membro fundador da ORGA no abrente republicán, Emílio González conxuga os idearios do galeguismo nacionalista, o republicanismo, e a esquerda de xinea marxista. Exiliado no trinta e nove, eses son os prismas cos que se consagra ao ensino e a esculca da historia e as literaturas peninsuares -e cos que abordará o seu grande relato da historia da Galiza, enfocado como proceso de formación da identidade cultural e política do noso país. Por iso, no mesmiño adro do primeiro volume da série, arrinca con esta diáfana declaración de intencións: "ao tracexarmos neste estudo a persoalidade política da Galiza, esforzarémonos en pór no primeiro plano aqueles elementos e acontecementos que foron modelando o carácter e a cultura do noso povo e déronlle a sua singularidade dentro da comunidade hispánica." Máis logo, no epígrafe inicial do segundo volume Emilio González enfía estoutra aseveración que vos reproduzo literalmente: "Cultura e política decorreron sempre parellas ao longo da marcha das nacións, como se ámbalas duas fosen simples facetas dun mesmo fenómeno, e unha recibise da outra a vida que a alenta; pois a cultura dá contido e forma a un povo, e á sua vez a conciencia nacional é a luz e a calor máis fortes que fan madurecer as formas culturais". Combinándomos os dous textos que veño de transcribir, coidaría ún estar a ler unha paráfrase de Otto Bauer, o austro-marxista que máis certeiramente debullara a mazaroca das custións nacionais. Pois ben: ese enfoque enxertouse e prendeu, como unha puga de cerdeira, no esprito e a mente do mozo que eu era a comenzos dos anos sesenta, retornado das miñas primeiras pelerinaxes goliardescas alén Pirineus, onde descubrira a liberdade de vivir e pensar sen autocensura inducida pola asfixia celtíbera e decidira mergullarme na esculca das entrañas sociais do meu país aferrollado e descoñecido de nós mesmos.

Encol do século XV galego só coñecía eu daquela, pola biblioteca do meu pai, a achega dos anos vinte de Couselo Bouzas. Vicetto non o lera. A Historia de Murguía remataba ben máis atrás. A obra de López Ferreiro sobre ese período só a coñecería máis tarde, na reedición viguesa de Fernández-Pousa. Faltaban anos para que a nova historiografía galega ingresase na Universidade compostelán, cos Barreiro, Villares e Beramendi. E, en todo caso, o prisma das achegas existentes nada tiña que ver coa óptica de don Emílio, o galeguista republicán de esquerdas exiliado. Esa óptica, para min, foi daquela coma uns lentes correctores do astigmatismo e a miopia combinados: abríronme a visión, en perspectiva correxida, dun panorama de longo alcanzo e profundidade. Pouco importaba a esactitude dos detalles: era a interpretación da história o que contaba, unha interpretación congruente e tácitamente materialista da dinámica sociopolítica nunha etapa crucial do noso pasado como povo. De imediato vin nela, cos lentes de don Emílio, o arranque da xénese do noso atraso contemporán, a frustración dun precoz proceso revolucionário de transición á idade moderna e, portanto, ao adro do ciclo europeu da cultura burguesa, o racionalismo ilustrado e a modernidade. Cadraba, ademais, coas leituras que simultáneamente estaba a facer eu dos ensaios de Dobb e dos debates sobre a transición do feudalismo ao capitalismo.

Todo encaixaba. Emílio González radiografaba as duas rebelións irmandiñas en clave de loita e alianzas de clases na Galiza baixo-medieval. A Fusquenlla, primeiro, a do lexendário Roi Xordo no 1431: "representa na nosa historia -dinos- un fenómeno xeral de tipo europeu, semellante aos que ocorreron en Inglaterra no s. XIV e en Alemaña no XVI, de carácter social campesiño". E engade: "Este fenómeno europeu, de loita de clases no proceso de transformación social de finais da Idade Meia e comenzo do Renacemento, só se producíu, dentro de España, na Galiza, e en menor degrau no País Vasco, que se asemella moito a Galiza na sua estrutura social". A segunda, logo, a grande revolución capitaneada polos Lanzós, Osorio e Lemos no 1467: "A revolución da "Irmandade Galega" foi o movemento social comunal máis importante que houbo en Europa no s. XV". Ou: "A revolución "irmandiña" simboliza, máis que ningún outro movemento popular español, a crise do feudalismo e o peche da Idade Meia". Na primeira, o protagonismo téñeno os labregos servos, a alianza é de campesiños e burgueses, o antagonista feudal sóno os Andrade -Nuno, "o mao"- e o espazo cínxese ás Mariñas e a Terra Chá. Na segunda, o protagonismo é burgués, a alianza compóñena burgueses, labregos e fidalgos, o antagonista sóno os "magnates e prelados" da alta nobreza civil e eclesiástica, e o espazo abrangue todo o territorio nacional da Galiza de entón.

As duas derrotas consecutivas, definitiva a segunda, truncan a dinámica de transformación revolucionária da sociedade galega, decapitan ao suxeito histórico, conxelan as relacións de servidume: os labregos seguirán a ser servos da terra -foreiros- até o século XX; a burguesía medieval non se transformará en burguesía moderna -non agromará o capitalismo. Por riba, moi axiña, a derrota da nobreza autóctona, aliada con Afonso V de Portugal e a "Beltraneja", na guerra de sucesión á coroa de Castela, decapitará á clase dominante indíxena nas conxeladas estruturas medievais. En diante, radicará fóra do país o poder social -nobiliario e eclesiástico- e non só o político. Galiza fica sen história propria, á marxe e a expensas da historia social e política de España. Convirtida en apéndice periférico -colonia interna- do novo Estado absoluto, católico e integrista -a versión totalitaria da época. Incúbase o atraso. Encétase o proceso de alienación identitaria do povo galego. Até antonte, coma quen di. Ou sexa, até os Precursores do XIX e as Irmandades (da Fala) do XX. As secuelas inda duran. A descolonización inda está lonxe de ser culminada.

"Mártires e rebeldes" lideraron unha grande alianza de clases irmandiña para emanciparen ao noso povo do feudalismo no s. XV. Foron derrotados. Ben adiviñades a onde vou. Compre outra grande alianza social irmandiña, en clave metamórfica actual, para liberármonos do rampante neo-feudalismo ultraliberal que tenta reducirnos outravolta a servos, toller o noso corpo social e frustrar a nosa emancipación nacional. E compre, desta vez, derrotármolo, non sermos nós os derrotados: nunca máis.•


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >