| Loita de tratados |
| Manoel Santos | |
| Luns, 23 de Xullo do 2007 | |
|
A relación histórica de América Latina e o Caribe co imperio, cos EUA de "América para los americanos" -os ianquis chámanse a si mesmos americanos e ás ligas dos seus deportes campionatos do mundo- foi sempre un fracaso para os do patio traseiro e unha vitoria xeopolítica e comercial para os de enriba. Sabido é que América Latina, comezando polo Chile de Pinochet, foi o laboratorio mundial do neoliberalismo que despois asolagaría o planeta de desigualdades e carraxe. O unilateralismo militante dos ianquis e a incapacidade da OMC para regular a eito o comercio mundial, deron pulo a unha chea de tratados bilaterais cos que EUA trata de eternizar o seu dominio. Os Acordos Marco de Comercio e Inversión -TIFA-, fan de plataformas de despegue para os Tratados Bilateriais de Inversión -TBI-, que teñen tamén países europeos e Xapón con terceiros, e para os Tratados bilaterais de Libre Comercio -TLC. Estes tratan de asegurar que os gobernos apliquen as liberalizacións, privatizacións e desregulamentacións do ideario neoliberal. Unha sangría para os países en desenvolvemento, que enmallan nas redes de usura do Norte. Mais a grande ambición dos EUA era o Tratado de Libre Comercio das Américas, ese ALCA ao que Chávez lle engadiu o neosufixo rajo. Con el, EUA e Canadá pretendían estender a outros 31 países o Tratado de Libre Comercio de América do Norte -TLCAN- asinado con México, faísca que fixo estoupar o zapatismo no 1994. Así dominarían a vida de 800 millóns de persoas. Malia que México, Chile, Perú e Colombia aínda lles fan as beiras aos EUA, non parece que a axenda do ALCA se vaia cumprir nunca. Diso teñen moita culpa Hugo Chávez e Fidel Castro, que no 2004 lanzaron a Alternativa Bolivariana das Américas -ALBA-, un proxecto de integración latinoamericana que parece basearse máis no comercio xusto, na solidariedade e na cooperación que na máxima neoliberal "dos cartos sobre as persoas". Vaia, que o ALBA é moito máis có Banco do Sur, Telesur ou Petrosur, proxectos e realidades polas que hoxe o cru venezolano chega de xeito vantaxoso a Cuba e Haití e polo que a alfabetización e a sanidade cubanas triunfan en Bolivia e Venezuela. Como di Emir Sader: "En América Latina decídese gran parte do futuro do mundo no novo século e ALBA é o espazo máis avanzado desa loita". | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

