S.O.S. Courel III. As alternativas
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 09 de Xullo do 2007

O segundo plano ou dimensión do problema é o das dixuntivas que suscita calquer plantexamento serio de actuación preservadora dos espazos naturais no contexto das ameazas orixinadas pola actual civilización tecno-industrial e polo sistema económico dominante. Portanto: o plano das alternativas antre as que compre optar para o desenlace do conflito e a resolución do problema. E digo conflito porque o é, non só antre intereses confrontados, senón antre duas culturas, duas cosmovisións, e mesmo dous modelos de sociedade -e iste segundo conflito é, para min, o máis grave, profundo e inconciliábel. Porque contrapón unha actitude cousificadora e instrumentalizadora da natureza -contemplada e tratada como simples depósito de recursos non renovábeis a aproveitar até esgotalos- a unha visión da actividade humana e o sistema-económico social como parte integrante da biosfera e os seus ecosistemas, que compre preservar para a supervivencia mesma da sociedade e o ser humán cara o futuro.

* * * * *

Permitídime eiquí un breve paréntese encol da lóxica e a racionalidade dos sistemas económicos. Díse que, no capitalismo, a lóxica do lucro particular conduce ao máximo benestar xeral. O encarregado de lograr ese portento é o mercado que, meiante a competencia, selecciona aos axentes máis eficientes. A eficiencia mídese polo cálculo contábel de custes e beneficios. Mais a actividade produtiva das empresas non só xera beneficios -que se aproprian elas- cando dan cubertos os custes internos da empresa -que pagan elas asimesmo. Tamén xera custes externos que non figuran no cálculo contábel das empresas. O esgotamento dos recursos naturais é un exemplo. A contaminación do meio ambiente ou o destrago dos ecosistemas son outros. Mais que as empresas non calculen como custes, nen como perdas patrimoniais, a extinción de recursos, a contaminación nen o destrago ecolóxico non impide que o sexan. Para quén, logo? Para a sociedade, para o común cidadán -para o patrimonio da humanidade, que non é privativo de empresa ningunha. Dese xeito, carganselle á sociedade, á cidadanía, os custes externos das actividades produtivas das empresas -os custes sociais, culturais e meioambientais. Os que son remediábeis, págaos o erario público -cos cartos de todos. Os irremediábeis, destruen o patrimonio común das xeracións actuais e futuras. Na situación presente, chegan a pór en perigo a supervivencia futura da especie humana e do proprio "planeta azul". Velaí a irracionalidade social da lóxica do mercado rexido pola racionalidade do lucro individual. Velaí o problema que só pode ser resolto coa visión que contempla ás sociedades humáns integradas na biosfera e dependentes dos ecosistemas que a articulan e manteñen viva en equilibrio. E que antepón preservalos a calquer cálculo económico lucrativo que os destrua. Ou sexa: aquilo que se está a dicir a cotío que compre facer para a supervivencia da especie humana no planeta -até que nos toca a nós levalo á prática no concreto. E esa contradición pode conducir a toda caste de trapelas e seudosolucións.

* * * * *

Así ocorre que un aparente paso adiante cara a preservación do espazo natural do Courel poda constituir, en realidade, un paso atrás disfrazado de avance. Espricareime. Os viciños coureláns agrupados na asociación ecolóxico-cultural SOS Courel temen que a Xunta de Galiza críe un Parque Natural -paso adiante- só que en miniatura, para poder a seguida -paso atrás- autorizar varias novas macro-canteiras de lousa nas concas do Lor e do Ferreiriño, amáis de legalizar o feito xa consumado da Campa -a propósito: esta falcatruada acaba de cometela xa días pasados. Cómo? Sinxelo: deixando fóra do Parque natural as bisbarras onde están eses xacementos. Mais iso supón excluir do Parque nada menos que a conca enteira do río Ferreiriño -onde, por certo, está ubicado o famoso Pregue Tombado do Courel- e máis toda a metade sul da conca do Lor -que, xa o dixemos, é o eixo vertebral do corredor eco-biolóxico que vai dende os Ancares ao Canón do Sil. Pra facéredesvos unha idea: ese mini-parque abranguería só cousa dunha quinta parte da extensión do macizo montañoso do Courel. Mais habería unha declaración solemne de Parque Natural -inda que as catro quintas partes do Courel ficarían desprotexidas, ou sexa, expostas ás agresións medioambientais, ao espólio de recursos primarios e á destrución dos ecosistemas. De aí que algún dos nativos, en paciente exercizo do humor negro, diga que, para o Courel, hai dous plans: o plan A -o mini-Parque Natural- e o plan B -a destrución do resto.

* * * * *

Mais hai outra alternativa. A que defenden os novos irmandiños coureláns -e chámoos así porque combaten, só que de xeito incruento esta vez, aos poderes neo-feudais, tanto dos mercaderes coma dos escribas. A solución pasa por apostar polo futuro, e non polo "pan para hoxe, fame pra mañán". Apostar por un mundo e unha sociedade diferentes, cunha lóxica diferente e diferentes valores cardinais. Por unha noción auténtica de benestar -material, social e cultural. Polo benestar de todos, e non o proveito duns poucos. Por un desenvolvemento, si, sustentábel, e non un crecemento depredador. Os novos irmandiños non pretenden ter a lua -como Calígula- senón algo factíbel á altura do século que andamos. Que o Parque Natural do Courel abranga, cando menos, as cuncas íntegras dos ríos Lor (co Lóuzara), Selmo, Soldón e Ferreiriño. Que se reintegre á Rede Natura -e de aí ao Parque- o anaco da conca do Lor segregada no 2004 do Espazo Natural declarado quince anos antes -inda así, ficarían fóra case dous terzos do macizo courelán. Que se incorpore aos viciños do Courel aos labores de deseño e xestión do Parque Natural, para que sexan, ademais, os primordiais beneficiarios do parque e da criación de emprego que ten que levar aparellada a xestión e conservación dese espazo natural -e máis as actividades inducidas agrarias, artesanais, culturais e de servizos. Que se garanta a eficacia -a participación viciñal é clave nisto- das medidas e meios loxísticos destinados a impedir toda caste de impactos ambientais, agresións aos ecosistemas, e concesións de actividades incompatíbeis coa preservación do patrimonio natural e cultural -sexan canteiras, encoros hidroelétricos, parques eólicos ou castes análogas. E, naturalmente, que se destinen os orzamentos suficientes para a dotación dos servizos públicos e sociais acaídos para os viciños e máis para o sostimento e recuperación do patrimonio natural e cultural, cun plan de desenvolvemento sustentábel que garanta o futuro do Courel e das suas xentes. Por certo: Asturias vai investir oito millóns de euros no seu Parque Natural de Somiedo neste ano que andamos. Cántos coida o goberno galego que merece o "templo máis vasto" do Courel de Novoneyra?

S.O.S., Courel. Eu estou presto a combater cívicamente cos seus cidadáns irmandiños. E sei que xa son moitos os galegos e galegas de ben dispostos ao mesmo, aquén dos "tesos cumes" do Uxío, que brada os seus "cantos" dende Parada: "Galiza irmandiña, Galiza viva aínda". Pois logo, adiante: e ultreia e suseia!


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.