| Corrubedo: conserva e serás castigado |
| Manoel Santos | |
| Xoves, 05 de Xullo do 2007 | |
|
[Galicia Hoxe] Efectivamente. A Plataforma Ambiental de Corrubedo acaba de facer público un manifesto que encabezan con esta afirmación: A Xunta castiga a Corrubedo. E certo é. Se nunha ollada virtual, nun voo imaxinario, percorremos o noso sempre ameazado litoral, veremos que a costa da parroquia de Corrubedo, formada pola praia do Parque Natural das dunas, o cabo Corrubedo e maila punta da Laxe Brava -ou O Corgo, como alí lle chaman-, está incólume. Mantívose sempre afastado das zoupas industriais e construtivas, dos alboios ilegais e das vivendas irresponsábeis, como cabo verde que é. Corrubedo, República de Caboverde, dicían doutrora. Nin unha soa construción acompaña o centenario faro de ollar largacío e as casas dos vellos fareiros. Nin unha. Máis de sete quilómetros inmaculados, refuxio de cantís de percebe, de outeiros de granito salgado, de areas inmaculadas e de marabillosas praias de croios. Repito, nin unha. E cal é o premio a tan exemplar conservación? A destrución. A necesidade de grandes espazos na costa virxe, na costa dos cabos -que é a das augas máis puras-, para a localización das fábricas de peixes coas que a Xunta quere dar pulo a unha suposta "industria estratéxica", fixo de Corrubedo un tesouro ambicionado polas multinacionais do peixe artificial. Así din en Corrubedo: "Somos un pobo mariñeiro, pescamos no mar e non en piscinas". O ano pasado, co Plan Sectorial que o anterior Goberno aprobara en plena campaña das autonómicas, foron a polo cabo. Proxectaron 325.000 metros cadrados para instalar a que sería a meirande piscifactoría de Galicia. Non había lugar mellor. Nin unha casa, nin unha leira cultivada. Mais a xente, os fillos e fillas do cabo, irados pola afronta de quen viola o seu, conseguiron parar a desfeita. A Xunta recuou e remitiunos ao novo Plan Acuícola de Galicia. Unha revisión do anterior. Un ano despois, sorpresa! Quitamos a fábrica de peixes de onde non a queren e desprazámola un par de quilómetros. Pero iso tamén é Corrubedo. Iso tamén se mantivo conservado secularmente polos fillos e fillas do cabo. Será verdade iso de "BNG, PSOE, PP, a mesma? é"?" No novo plan, plan de invasión, plan de conquista, a Xunta fai unha reserva de terreo de 308.000 metros na punta da Laxe Brava. Vaia, que proxecta a expropiación de todo un cabo en beneficio dunha empresa. Outra vez a maior piscifactoría de Galiza e desta vez lindando, mellor, tocando o LIC do Complexo Húmido de Corrubedo (zona Natura 2000), que apenas protexe nese tramo de costa unha estreita franxa. E por que? Porque os fillos e fillas do cabo, as xentes de Corrubedo, de Teira e de Espiñeirido -os outros núcleos habitados da parroquia-, foron quen de evitar que semellante extensión de litoral fora tocado nunca pola barbarie do que chaman "progreso". Polo ladrillo e o formigón. En poucos lugares da nosa Galiza costeira se conserva tanto espazo libre, virxe, ceibo como alí. Si, a Xunta castiga a Corrubedo. Premia o conservacionismo histórico do cabo verde, da vila dos montes da area, coa destrución, coa infamia, co cinismo de quen se di "sensíbel" ao patrimonio natural galego. Se eses sete quilómetros de litoral estiveran ateigados de alpendres, de casas de bloques, de pendellos sementadores de "feísmo" e de chalés dos de "paso a lei por onde me caiba" a Xunta, amiga agora das multinacionais do peixe artificial, inimiga agora da pesca artesanal, non había pór os seus ollos en Corrubedo. Velaí a inxustiza, velaí o castigo, velaí o exemplo que nos dá este feixe de falabaratos enganadores que nos malgobernan. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

