Pesca insiste en destruir Corrubedo
Galicia Hoxe   
Mrcores, 04 de Xullo do 2007

 A consellería de Carmen Gallego elixe o cabo da vila que é capital do parque natural das dunas para levantar unha gran piscifactoría, moi preto de onde a prohibiu hai dous anos.

 

 

Indignados, burlados, enganados e humillados. Así se senten os veciños da localidade ribeirense de Corrubedo tras coñecer o novo Plan Acuícola, presentado pola Consellería de Pesca o venres pasado. Un ano despois de que a Administración autonómica desbotase polo seu forte impacto ambiental na zona o proxecto de Stolt Sea Farm para construír a maior granxa piscícola do mundo en Punta do Corgo, os veciños atópanse agora que o departamento de Carmen Gallego elixiu a punta de Laxe-Brava, a dous quilómetros da anterior, para establecer unha piscifactoría de similares dimensións.

“Cabo Corrubedo –zona na que se sitúa o espazo reservado por Pesca– é un exemplo de conservación secular dunha das últimas paraxes virxes da costa galega e en vez de premiar ese esforzo, a Xunta decidiu castigala”, indica Manoel Santos, representante da Plataforma Ambiental de Corrubedo.

A zona designada atópase na contorna do lugar de Teira, un dos sitios máis sobranceiros da vila. Ademais de ser a única zona virxe do litoral ribeirense, é o único espazo agrogandeiro que conserva Corrubedo. “O Corgo é a única zona que conseva leiras traballadas, primordialmente polas xentes do lugar de Teira e máis de Espiñeirido, que aínda manteñen explotacións tradicionais de cereais, millo, produtos hortícolas e unha pequena cabana gandeira, unha riqueza agrogandeira que se perdería coa actividade da piscifactoría”, explica Santos. A isto hai que engadir que os hábitats de interese comunitaria da Laxe-Brava son eminentemente mariños, polo que as verteduras dunha instalación deste tipo contaminarían os areais lindeiros e as zonas de cantís onde se explotan sustentablemente especies de alto valor.

A zona de Teira, ó igual que ocorría con Punta dos Corgos, non está incluída na Rede Natura 2000, como o resto da franxa litoral que abrangue dende Sálvora ó Castro de Baroña. Non obstante, o lugar elixido por Pesca lindaría co espazo protexido, afectando ós hábitats de interese comunitaria recollidos no LIC de Corrubedo. “Esta foi a razón esgrimida pola Xunta para desbotar a instalación de Punta dos Corvos”, recorda Santos, quen non entende esta nova decisión.

Os veciños de Corrubedo xa anunciaron que presentarán no mes de agosto as alegacións correspondentes ó proxecto, ademais de todas as sinaturas que se logren na campaña de recollida de apoios que se inicia dende hoxe. Primeiro foi o Parque Natural, despois a conserveira, o ano pasado a piscifactoría... Corrubedo é unha localidade que está acostumada a loitar e iso demostrarase nunha gran manifestación que se celebrará este agosto.

O primeiro acto, a Carreira do Corgo

O lugar elixido para establecer esta “fábrica de peixes” é a contorna do lugar de Teira, unha zona cunha paisaxe de extraordinaria beleza natural, que conserva leiras de cultivos tradiconais, pequenas brañas, toxeiras e uceiras costeiras e unha liña litoral chea de abraiantes cantís de percebe, pedras furadas de cacholas, furnas e praias de croios. Este espazo foi o elixido pola Plataforma Ambiental de Corrubedo para celebrar a I Carreira Campo a través do Corgo. A Carreira pola Defensa da Paisaxe, na que máis de 200 corredores lanzaron un berro pola protección do litoral.

 


32 millóns para a nova fábrica

O novo proxecto deseñado pola Consellería de Pesca para o Cabo Corrubedo ocuparía ­unha extensión de 308.000 metros cadrados, para o que a Xunta deberá investir un total de 38 millóns de euros. “O orzamento da actuación é totalmente desproporcionado para o rendemento laboral que a experiencia nos di que teñen estas instalacións”, asegura Manoel Santos, quen dubida da necesidade de investir tantos cartos públicos nunha actividade económica “que non me parece estratéxica”.

A exposición ata o mes de agosto

Ante a denuncia feita polos veciños de Corrubedo, a Consellería de Pesca limítase a indicar que o novo Plan Acuícola estará a exposición pública durante dous meses. Durante este período será posible presentar alegacións ao texto á vez que serán emitidos os informes correspondentes por parte de departamentos locais, autonómicos e estatais. Unha vez analizadas as alegacións presentadas, o departamento fará as modificacións correspondentes nun período de tempo non especificado.

Adega: “A granxa afecta á Rede Natura”

“Que non se coloque a granxa en Rede Natura non significa que non lle afecte”. Tras o anuncio feito por Pesca de que só catro piscifactorías das 22 proxectadas estarán incluídas en zonas protexidas, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) advirte de que a elección de zonas próximas, como a de Teira en Corrubedo, repercutirá de forma moi negativa neses espazos. “Está demostrado que as granxas acuícolas contaminan ó non contar con depuradora nin permiso de verteduras”, asegura Martiño Fiz.

Para Adega a creación de 22 novas “macropiscifactorías” no litoral galego, o único que vai provocar é un aumento da contaminación que estamos a sufrir. “Incrementar o número de piscifactorías desproporcionadas conlevará un aumento dos danos causados polas augas sen depurar. Imos crear novos problemas sen solucionar os que xa temos”, advirte Martiño. Por iso, a asocaición ecoloxista anima os veciños das zonas afectadas polo novos plans sectoriais a que analicen os proxectos para presentar as correspondentes alegacións. 

 
< Ant.   Seg. >