| S.O.S. Courel II. Os Escribas |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Martes, 03 de Xullo do 2007 | |
De feito, mentras isto escribo, está pendente unha decisión da Xunta que os coureláns cren inminente. A qué se refire? Á custión de se si ou non se declara ao Courel Parque Natural.[Galicia Hoxe] Os escribas, agora. Que andan a facer? Hainos locais e nacionais -inclusive estatais, tamén, só que fican máis lonxanos. Todos iles interpretan, con partituras diferentes, o son da mesma farsa tráxica. Os locais, primeiro. Goberna alí dende hai anos a mesma opción política. Disque é psocialista. Non o creo. Cando menos non parece. A non ser que se trate dunha variedade rústica, por adaptación mimética ao prototipo pepé enxebre. Nas pasadas eleicións, o carrexo de votantes foi exemplar, non desmereceu nada dese modelo, democrático-filantrópico onde os haxa. Sempre ao servizo do povo, os membros da corporación gobernante non pararon de viaxar en todo o día, arriba e abaixo, atención a domicilio, como as mensaxerías, recollida de paquetes humáns pra depositalos a pé de urna, e todo sen cobrar. Iso sí, retorno non incluído -non se asumen devolucións. Con particular esmero e devoción consagráronse a ese humanitario labor os responsábeis municipais da asistencia social -que algún ou algunha haino ou haina. Cousa por demáis natural. Hoxendía, no Courel, apenas fican máis ca vellos, resultado lóxico de tantos anos de governos locais de progreso na comarca. Os mozos están na diáspora, que é o seu millor destino pra todos: nela teñen traballo e non estorban aos escribas. E os vellos precisan atención a domicilio -o día dos comicios. O resto do ano amáñanse ben iles sós. E sempre haberá unha ambulancia pra levalos a Quiroga chegado o caso, se chega a tempo. E os que non son vellos, ou sóno menos, precisan instrucións para saberen votar ben, con acerto na eleición, de xeito que millor que vaian acompañados, non sexa que confundan o papeliño e voten contra o seu proprio interés, os malpocados. Hainos, con todo, renuentes e díscolos que van ao colexio -eleitoral- por atallos e vieiros escusados, mira ti, os moi testaláns, só para eludiren a afábel custodia. Inda así, en chegados ao destino, teñen que transitar entre ringleiras de apoderados e vixías que os agardan, solícitos, en imperfeita formación, sobre en ristre como quen presenta armas. Compréndese ben que, no Courel, apenas houbo abstención: todo un trunfo na festa da democracia. Por suposto, volveron gañar os mesmos -alí o cambio xa tivo lugar hai tempo- por fortuna prá continuación do progreso que tan ostensíbelmente se bota de ver no estado de benestar da comarca. Benestar das louseiras, quero dicir. De todas elas, legais e ilegais, que as hai das duas castes. * * * * * Aí empatan os escribas locais cos nacionais -e máis cos estatais tamén. Imos ver. Dixéravos máis antes que o Courel fora declarado Espazo Natural en 1989, e incluído na Rede Natura no 2000. Disque todo espazo natural incluído nesa rede está protexido polas normas que a regulan contra impactos meioambientais e agresións aos seus ecosistemas. Pois ben: mostra exemplar da eficacia desa protección témola no caso da canteira de lousa da Campa-Santa Eufemia. Sita na conca axial do Lor, leva anos a operar en condicións ilegais, como se tal cousa. Non se aplicou unha orde de peche que data do ano 2002, pesia ser ratificada por sentencia das instancias xudiciais. É sabido que os señores feudais facían iles mesmos a lei, iles mesmos a aplicaban e interpretaban, impartían xustiza iles mesmos tamén. Detentaban e exercían os tres poderes consabidos: lexislativo, executivo e xudicial. Era o precedente medieval do "tres en un", para desenferruxar as engranaxes da orde social estabrecida. Despois diso, a democracia deulle o poder soberano ao povo, e separou en tres instancias diferentes as tres formas do seu exercizo: lexislar, gobernar e xulgar. Así, tódolos cidadáns fan a lei -o povo soberano, dise- e o imperio da lei atinxe por igual a tódolos cidadáns. Pois non. Non contaban co neo-feudalismo. A lei do común non penetra nos novos feudos de arestora -coma o da Campa-Santa Eufemia, canteira ilegal. Responsábeis?: os escribas do poder local, certamente. Mais non só. No ano 2004, o derradeiro dos mandatos fraguianos, apenas un lustro despois de declarado o Espazo Natural, decidíuse segregar e excluir dese espazo un bó anaco da conca do Lor, case a metade meridional dela. Esa conca é o eixo do corredor que, de norte a sul, enlaza os ecosistemas dos Ancares cos dos Canóns do Sil. A segregación decretada creba ese corredor e anula a sua función de nexo biolóxico e ecolóxico. Trasacordo inespricábel, aberrante incongruencia. Dixen inespricábel? Non, se reparamos na localización de diversas canteiras en funcionamento con ou sen autorización ou en espera dela para se instalaren. De feito, mentras isto escribo, está pendente unha decisión da Xunta que os coureláns cren inminente. A qué se refire? Á custión de se si ou non se declara ao Courel Parque Natural. De resultar que si, suporía -no papel- un paso adiante, un "salto cualitativo" no rango e níveis de protección a respeito dos que corresponden ao actual status -no papel, tamén- de Espazo Natural, con Rede Natura e todo. Insisto no do papel porque, como xa dixen, a clave está nos instrumentos e na loxística indispensábeis para facer efectiva, na prática, a condición ou status de espazo ou parque naturais dun territorio e máis as pautas e medidas de protección acaídas para conservalo e mantelo nese estado. Pero ademais, nomeadamente no caso dos parques naturais, é inescusábel ter en conta as condicións de vida e de futuro das povacións que habitan eses territorios, poisque a conservación da natureza, do patrimonio natural, atinxe a aquelas das suas actividades que colisionen ou incidan negativamente nos ecosistemas que artellan os ciclos da natureza a conservar e protexer. * * * * * E aí volvemos bater co problema, en dous planos ou dimensións. O primeiro diles resulta obvio: compre contar cos habitantes, coa povoación asentada nese territorio dende antes de que o problema xurdise, coas xentes que históricamente criaron, reproduciron e mantiveron ese combinado de patrimonio natural e cultural. Son os indíxenas, no senso proprio e non pexorativo da palabra, é dicir, a povoación autótona identificada co territorio e cos valores naturais e culturais do seu contorno. Ora, contar con iles siñifica darlles participación na ideación, deseño, constitución e funcionamento do parque natural. En verbas moi simples: democracia participativa, non si? Porque supoño que, á altura do noso tempo histórico, estamos a prol da cultura democrática e non do despotismo, mesmo que fose ilustrado -portanto a prol da participación democrática, e non do "todo para o povo, pero sen o povo". Obvio, dixen, mais non parece que os escribas o teñan asumido: até agora non se contou cos cidadáns -e menos cos indíxenas- para tomar decisións sobre o destino do Courel. Só, ás agachadas, cos entes mercantís neo-feudais -ou sexa, en direición contraria á da preservación do patrimonio natural. Dixen ás agachadas? Pois si, pero só até que a lóxica do enfeudamento cos poderes mercantis arrasta aos escribas a actuaren públicamente a favor diles, contra os dereitos do común que tiñan a obriga de defender. Acaba de acontecer agora mesmo, despois de escrito o que antecede. E veleiquí que estamos xa perante o segundo plano ou dimensión do problema. Mais, cál é?, en qué consiste? • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

De feito, mentras isto escribo, está pendente unha decisión da Xunta que os coureláns cren inminente. A qué se refire? Á custión de se si ou non se declara ao Courel Parque Natural.