| Con ollos euscaldúns |
| Manoel Santos | |
| Venres, 28 de Abril do 2006 | |
|
[ Extraído de Galicia Hoxe ] É un feito, ou iso quero crer, que por primeira vez se cheira unha solución real a esa tolería de nome morte que esgana dende hai décadas o bo vivir das xentes do mundo euscaldún, e tamén das do seu Estado titor. Non falo dunha saída definitiva ao conflito vasco, non. Este é moito máis fondo que a violencia, o terrorismo, a loita armada ou como queira que lle pete a cadaquén chamar a ese labirinto irresoluto -que non irresolúbel- de irracionalidade humana polo que millerios de persoas perderon a vida, e non falo só no senso literal do termo. Con sangue ou sen el, con tortura ou sen ela, con extorsión ou sen represión polo medio, hai un conflito de identidade, de instinto de conservación duns e de costume de conquista -ás veces inconsciente- doutros, que vai ficar aí encistado mentres o orbe dos que mandan teime en pensar máis en territorios, orgullos e poderes que nos desexos das persoas que o habitan. Porén, esta é outra historia, a vindeira historia, moito máis global, pois fala de pobos, linguas e culturas, que a da violencia xerada por mor dela, pero de seguro máis levadía. No revesgado conflito euscaldún se algo é urxente e convén a todas as partes -ou a case todas, que por algúns non poño eu a man no lume- é arredar do planeta dos vivos a violencia e o medo. E para isto fai falla máis ca nada entendemento, que uns tenten ollar cos ollos dos outros. Porque tendo como eu teño na miña vida decenas de vascos e vascas militantes, e de españois e españolas militantes, todos e todas homes e mulleres de ben pero con desavinzas colosais nas súas interpretacións da contenda, un non alcanza a entender que é o que acontece realmente derredor da cuestión. Polo xeral, dende fóra de Euskal Herria hai moi a miúdo unha visión simplista. Non digo errónea, pero si simple, ou tendenciosa. Óbviase, ou nin sequera se admite, que no Estado existan pobos diferenciados, co antedito instinto de conservación, e moito menos se entende iso da libre determinación dos pobos que sei que a alguén se lle esqueceu despintar da Carta das Nacións Unidas. Vaia, que hai mortos polo medio e xa que logo non hai de que falar con ninguén. Actitude entendíbel, pois a dor e a indignación son grandes, pero irracional se o obxectivo é atopar unha solución humana, e non vingativa, á barbarie. Os outros teñen argumentos dabondo, válidos ou non, ou cando menos están máis informados do seu. E tamén rexeitan a violencia, malia que acotío haxa quen lles queira negar mesmo o dereito a ter ese humanitario pensamento. Pero a súa voz rara vez sae máis aló do porto de Urduña. O exemplo dos presos -con intención non lles poño nin o apelido de políticos nin o de terroristas, porque de todo haberá- é moi significativo, amais de crucial nos tempos que virán. Dun lado son todos asasinos, malia que só sexa de pensamento, e quítanselles dereitos que si se lles conceden a outros condenados, tamén por arrepiantes delitos de sangue. Mais sabendo que na sociedade e nas institucións vascas o achegamento dos presos a Euscadi é unha reivindicación moi estendida, pregunteille a un amigo euscaldún como é que alí mobilizaba tanta xente iso de Euskal Presoak Euskal Herrira que vemos en olimpíadas, partidos de fútbol ou nalgunha agachada columna de xornal que informa de "miles de persoas" polas rúas de Bilbao. Logo de escoitar as súas razóns, e de pescudar un pouco polos universos de Etxerat, Gara, Behatokia ou Basta Ya, entendín por que a dispersión de presos esa que argallou o PSOE nos oitenta, co teórico fin de afastalos do contorno de ETA e reinserilos, foi un fracaso para a sociedade vasca. Hogano hai case 700 espallados por 88 cadeas de España e Francia, a unha media de 750 quilómetros de Euscadi, contravindo o desexábel aconchego que propugna a inservíbel ONU. Reinsercións, contadas. Máis ben prívanos de recibir visitas de amigos e familiares, e con elas múltiples matices sobre o conflito, pensamentos e ideas sas que felizmente son maioritarias en Euscadi -mesmo dentro do independentismo- e reafírmanse na súa condición de heroes ou mártires. Por non falar da condena que supón ese éxodo de nais, que se ven na obriga semanal de viaxar milleiros de quilómetros para que o contacto dos fillos co mundo non sexa só o do avogado abertzale de quenda. Os fillos para as nais só son iso, fillos. Ás veces pedir emprestados outros ollos evitaríalle moitas desgrazas a este mundo noso, malia que con eles non vexamos todo o ben que quixeramos.• | |
| < Ant. |
|---|

