| Doha afúndese en Potsdam |
| Gustavo Capdevila | |
| Venres, 22 de Xuño do 2007 | |
Catro potencias comerciais (G-4), Brasil, Estados Unidos, India e a Unión Europea, anunciaron este xoves na cidade alemá de Potsdam que desistían de seguir na procura dun acordo para a Rolda de Doha.[IPS] Catro potencias comerciais (G-4), Brasil, Estados Unidos, India e a Unión Europea, traspasaron unha brasa ardente á Organización Mundial do Comercio (OMC) ao anunciar este xoves na cidade alemá de Potsdam que desistían de seguir na procura dun acordo para a Rolda de Doha. O director xeral da OMC, Pascal Lamy, que nunca viu con bos ollos esa negociación paralela do G-4 do mesmo xeito que un gran número dos países en desenvolvemento, reaccionou con celeridade e convocou a unha xuntanza informal, este venres, do Comité de Negociacións Comerciais, órgano encargado da fallida Rolda de Doha. Pero mentres as catro potencias recriminabanse polo seu estrepitoso fracaso, unha maioría de países en desenvolvemento preocupados pola estrita reserva desas negociacións saíron en Xenebra a reclamar porque as súas aspiracións comerciais caeron no esquecemento. O proceso recente de negociacións na OMC careceu de transparencia e participación, protestaron as nacións ACP (África, Caribe e Pacífico, ex enclaves coloniais europeas), o grupo de África e os Países Menos Avanzados, que en conxunto integran o Grupo dos 90 (G-90) xurdido durante a fallida quinta conferencia ministerial da OMC, celebrada en Cancún, México, en 2003. O G-90 Plus, denominación agora adquirida coa adhesión de Bolivia e Venezuela, sostivo que a maioría dos seus membros tiveron escaso ou ningún coñecemento da marcha e dos contidos do diálogo do G-4. A declaración do G-90 Plus recalcou que aínda que Brasil e India son países en desenvolvemento "non debe supoñerse que asumían a responsabilidade de representar os puntos de vista de todos os países en desenvolvemento" durante as negociacións do G-4. Esta toma de distancia do G-90 Plus respecto de Brasil e India fíxose pública apenas unhas horas logo de coñecido o fiasco de Potsdam, aínda que nas últimas semanas circularan en medios comerciais comentarios críticos acerca do papel desas dúas nacións no G-4. As diferenzas entre países e ricos e pobres mantéñense en canto ao desmantelamento de subsidios agrícolas do Norte industrial e no acceso a mercados de produtos non agrícolas (bens industriais), no que as nacións en desenvolvemento defenden o dereito á protección das súas industrias. Este novo esvarón da OMC, que auspicia sen éxito as negociacións lanzadas en 2001 en Doha, a capital de Qatar, causou variadas reaccións, algunhas tremendistas, sobre o futuro da Rolda e do mesmo sistema multilateral de comercio. Peter Hardstaff, xefe de políticas do Movemento Mundial polo Desenvolvemento, estimou que "a rolda de Doha atópase nas últimas". Só cabe esperar que algún teña xuízo e a remate, agregou. Aileen Kwa, da organización non gobernamental Focus on the Global South, con sé en Tailandia, comentou a IPS que o futuro da mesma OMC está ameazado. "O xeito no que traballa desde os seus comezos xa non funciona máis", reflexionou. A experta aludía ao liderado crecente dos países en desenvolvemento que fará imposible soslaiar os temas que lles interesan, dixo. Kwa recalcou a importancia do liderado, como agora temos a países conducindo o proceso, como é o caso de G-90 Plus, insistiu. Unha organización non gobernamental con sé nos Estados Unidos, o Instituto de Políticas Agrícolas e Comerciais, adoptou tamén unha posición clara. Carin Smaller, unha das súas expertas, recomendou que en "lugar de continuar a traxectoria actual das negociacións, chegou a hora dunha ruptura, de aprender dos erros e repensar as normas da OMC", dixo. Tamén Aftab Alam Khan, da organización humanitaria internacional ActionAid, con sé en Londres, aconsellou reformar agora as normas do comercio mundial para volvelas favorábeis aos pobres, xa que das presentes negociacións nada se pode esperar en aras do desenvolvemento, sostivo. Marita Hutjes, de Oxfam, outra organización non gobernamental humanitaria, observou que Estados Unidos e a Unión Europea compiten por obter as maiores concesións dos países en desenvolvemento á vez que lles dan a cambio o menos posíbel. Os membros do G-90 Plus declararon o seu apego ao sistema multilateral aínda que advertiron de que ese mecanismo non debe usarse para lexitimar decisións "concertadas por uns poucos". Kwa estimou que as negociacións proseguirán na escena multilateral da OMC, pero vaticinou que o proceso pode encallar outra vez nos mesmos obstáculos que afundiron ao G-4, que son os grandes números do comercio agrícola, en especial os montos da axuda interna aos labregos, e os coeficientes que se utilizarían para reducir os aranceis industriais. O documento do G-90 Plus alertou de que as preocupacións deses países a favor do desenvolvemento quedaron postergadas nas negociacións de Doha e por iso o contido da rolda non pode ser sacrificado pola premura de obter un acordo, preveu. Kwa expuxo que nunca creu que as negociacións de Doha fosen unha rolda de desenvolvemento, como se anunciou desde o seu lanzamento. Doutra banda, os países en desenvolvemento, en especial China e India, aumentan o seu poder económico e proseguirán facéndoo con ou sen rolda. Se se mantén un ritmo máis lento das negociacións, será mellor para a maioría das nacións en desenvolvemento que se atopan atrasadas en termos económicos. "Ese comportamento beneficiaralles a longo prazo, en especial a África, porque estimo que esta rolda non vai arroxar gañancias para eles. Temos que tomar as negociacións con máis calma e non presionar polas liberalizacións sen que os países estean preparados para iso", aconsellou Kwa.• |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Catro potencias comerciais (G-4), Brasil, Estados Unidos, India e a Unión Europea, anunciaron este xoves na cidade alemá de Potsdam que desistían de seguir na procura dun acordo para a Rolda de Doha.