(Os) síntomas e (as) causas
Xosé Manuel Beiras   
Martes, 19 de Xuo do 2007

 Das variadas profecías proferidas, a xeito de pronósticos, sobre vencedores e vencidos, non se cumplíu ningunha. De modo que, no desconcerto xeral dos profetas "déconfits", o común das xentes inda non sabemos quen gañou nen quen perdeu.

Andan alporizados oráculos e pitonisos varios. Os pasados comicios -tamén se denominan así as eleicións, non sei se o sabiades, eu non, quero dicir que xa o esquecera, que prao caso ven ser o mesmo, desque non ando nos círculos onde se emprega ese requintado léxico, que sona a nome de patricio en clase prática de dereito romano de outrora. Perdón, volvo empezar. As pasadas eleicións deixáronos a todos fóra de xogo. Refírome a oráculos e pitonisos diversos e variopintos, claro. Que proliferan, coma pan de cobra, neste período de re-medievalización ou re-feudalización das relacións e a conciencia sociais, a empezar polos seus aparellos ideolóxicos, dende que as luces e o uso da razón foron desterrados, ou confinados en guetos para maniáticos coma min, e suplantados pola restauración dos dogmas como canon da veracidade no coñecemento. Perdón outra vez: está visto que non dou seguido o fio do meu pensamento, porque, claro, se o coñecemento da verdade ven dado a priori polo dogma prestablecido, para qué pensar? Mais, como os dogmas non pronostican o futuro, poisque son intemporais, ou eternos, se a razón cai en desuso, a falla de inferencias deductivas compre botar man dos augures. E hainos a moreas. Só que non acertan máis que ás veces, porque os agoiros son aleatorios por natureza, e os feitos, en troques, son pertinaces. Así que cando os feitos desminten aos oráculos instálase o desconcerto.

Aconteceu así cos pasados comicios, digo eleicións. Das variadas profecías proferidas, a xeito de pronósticos, sobre vencedores e vencidos, non se cumplíu ningunha. De modo que, no desconcerto xeral dos profetas "déconfits", o común das xentes inda non sabemos quen gañou nen quen perdeu. Pior ainda -pior porque isto sí que importa- nen sequer estamos en condicións de saber se a cidadanía saíu perdendo ou gañando cos resultados eleitorais. Ao dicir cidadanía millor debera dicir os intereses e necesidades primordiais da maioría social -que, por riba, rara vez coincide arestora coa maioría eleitoral. Claro que, por iso mesmo, o segundo enigma seguramente ficaría sen desvelar ainda que os resultados eleitorais deixasen ben clara a solución do primeiro. Cando menos até que, a medida que avanzase a andaina da nova lexislatura, os feitos fosen botando luz sobre a custión.

Os feitos, sempre os feitos, poisque só os feitos corroboran ou desminten os compromisos enunciados de palabra. Non debera ser así, ou non tiña por qué ser así, se a prática política tivese dotado de fiabilidade abondo á palabra das mensaxes, ofertas e compromisos. Mais, nese feliz suposto, non se abstería de votar cáseque a metade da cidadanía con dereito a facelo. Primeiro síntoma desacougante verbo do estado de saúde do sistema nervoso da nosa democracia representativa, digo eu. Porque calquera pode pensar que, mentras unhas e outras opcións partidarias se disputan o loureiro -en singular- do vencedor, o máis certo, segundo os resultados, podería ser que a primeira clasificada foi a opción da abstención -á que non chamo partido porque ningún diles, que eu saiba, saíu á palestra instando aos cidadáns a abstérense. E a partir de aí, inda a risco de incorrer nunha simplificación abusiva -que por certo nunca souben cál era a vara de medir o abuso na simplificación- ún podería inferir que se a maioría dos cidadáns optan por abstérense, poida que o fagan por consideraren que "a política" non lles resolve, nen sequer tenta facelo, os primordiais problemas e carencias que padecen. Co cal teríamos unha resposta ao segundo dos enigmas xa enunciados, mesmo sen necesidade de terse clarexado o primeiro diles. E, pesia que o poida parecer, asegúrovos que non estou a xogar coas palabras, nen coa sintaxe, nen inda menos estou a xogar convosco, pacientes leitores. Líbreme Ford de facer tal, que a cousa é seria. Si, léchedes ben, dixen Ford como as criaturas de Huxley no brave new world, e por algo será. Porque se acaso non estamos nese novo mundo feliz huxleián, cando menos paréceselle moito. Se non, reparade ben: disque xa non hai dereitas nen esquerdas, porque seica non hai clases sociais pola vella, ou sexa en conflito, mais resulta cada pouco máis visíbel e asumido que hai individuos alfa, beta e gamma, e que eses grupos funcionan como compartimentos estanco, os membros de cada un deses recintos sociais están confinados nil, non poden mudar de condición -os alfa non é que non poidan, é que non lles interesa, naturalmente; son os outros os que non poden. Chámano exclusión social, seica. Nos reximes feudais do medioevo chamábanos servos, da gleba para máis señas, e aos compartimentos, ordes. No inframundo eufemísticamente denominado terceiro, chamounos Fanon condeados da terra. Agora hainos tamén no primeiro, sen terra, con choupanas nos bairros de lata, ou en grileiras, nos arrabaldos das urbes. Eu gosto máis do alfabeto grego de Huxley, resulta máis gráfico e impersoal, máis cabalmente deshumannizado. Pero xa me saín do rego unha vez máis. Tentarei volver.

Dicíavos que, no desconcerto xeral dos profetas, as xentes do común inda non sabiamos quen gañara nen quen perdera nas eleicións. Sábeno, entroques, os que concorreron aos comicios, digo eleicións, inda que o que din non casa: gañaron todos, seica. É a solución perfeita para calquer confrontación: aquela na que ninguén perde. O pesedegá gañou porque vai gobernar en tódalas cidades, inda que ten que botar man do bloque en todas elas para gobernar, mesmo nas que antes non. O bloque gañou porque o pesedegá o precisa nas cidades todas, mesmo nas que antes non, inda que recuou a eito precisamente no voto urbán. O pepé gañou por ser a opción máis votada na maioría das cidades, inda que non ten maioría en ningunha e perde as tres que inda retiña. Así dá gosto. O pepé recúa considerábelmente, en votos e escanos, no conxunto do país, e perde ducias de concellos nas vilas e no "rural", mais disque gañou porque segue a ser a opción que máis concellos goberna aínda. E, non volo perdades, o seu delegado para a colonia galega saca peito e, runfante, xoga ás adiviñas: "eiquí van gobernar os que perderon" -non volo dicía eu? Así que temos un vencedor pesedegá que apostaba a gobernar máis urbes sen caxato bloqueiro e, porén, ten que apoiarse nil en todas elas. Un vencedor benegá que aspiraba a remontar dacabalo e ser par, que non caxato, na táboa redonda e, porén, desmonta para ser caxato universal. Un vencedor pepé que se lanzara á reconquista das cidades mouras, digo, rojo-separatistas, e porén perde mesmo as que índa señoreaba, como Boabdil el chico -en agarimosa expresión dos manuais de historia do ensino franquista. Xa me diredes se, con eses métodos de interpretación, poderemos os do común chegar algún día a sabermos quen gañou e quen perdeu as eleicións neste país disque noso.

Mais -decátome agora- eu tencionaba falarvos hoxe de síntomas e causas. Non comprendo por qué me desviei do tema. Será culpa dos oráculos, que mergullan no desconcerto á xente simple coma min cando, no canto de orientarnos, marcan rumbos desnortados. É como cando os doutores marran o diagnóstico das doenzas. Cando confunden síntomas con causas dos síndromes patóxenos. A detección e exame dos síntomas serve para dar co fío que conduce ás causas do mal. Curar a doenza require unha terapia que ataque e destrua aos axentes patóxenos causantes da enfermidade. É cousa sabida. A calentura pode ser síntoma de moi diversas doenzas. Compre averiguar de cal se trata para remediala. Os antipiréticos reducen a calentura pero non remedian unha infección no sangue. O tratamento sintomático aplícase para aliviar ao paciente cando o mal non ten cura. Ou cando o doutor non é capaz de saber cál é o mal, por iñorancia ou imposibilidade. Témome moito que os doutores da actual caste política, cando comparecen perante os cidadáns para ofrecérense a remediar a patoloxía social, descoñecen as causas, ou confúndenas cos síntomas, ou non ousan atacalas, ou non dispoñen da terapia e os remedios -dos específicos- acaídos, ou... qué sei eu. O caso é que non adoitan ir alén dun tratamento simplesmente sintomático. No millor dos casos. Porque mesmo os hai, na caverna celtibérica, que aplican os fármacos máis contraindicados. E provocan terríbeis reaccións alérxicas. A da abstención é das máis benignas. A da cólera popular é máis grave. Mais os doutores ises nen sequer teñen a franqueza de aquil médico do século pasado nunha vila bergantiñán, que, sentado ao pé do leito dun amigo gravemente enfermo, fixéralle esta alentadora confesión: "Por iso, Manoliño, daría mil pesos por saber o qué tés!". •


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >