Razóns de peso contra a pobreza e desigualdade: Pobre Mundo Rico
Club Internacional de Prensa   
Mrcores, 13 de Xuo do 2007

Porque sentimos, sabemos e cremos realmente que OUTRO MUNDO, ESTÁ XA SENDO AGORA MESMO POSIBLE.
"A pobreza é a peor forma de contaminación"
(Indira Ghandi ante a Conferencia das NN.UU sobre o Medio Humano)

Estas palabras de Indira Ghandi ante a Conferencia das NN.UU sobre Medio Humano en Estocolmo en 1972, conmocionaron entón sobre todo os países industrializados. Seguen sendo unha verdade que o devir dos anos non fixo senón corroborar, pois se ben é certo que a humanidade mellorou claramente nos últimos trescentos anos como consecuencia do crecemento económico, do desenvolvemento social e das tecnoloxías, non o é menos o feito de que a pobreza e a desigualdade seguen sendo problemas sufridos por unha inmensa parte da poboación mundial e que ocupan e preocupan a grande número de institucións multilaterais, gobernos nacionais e organizacións sociais. As diferenzas entre as nacións é unha das características que mellor definen ao mundo contemporáneo. Quizais hoxe, aquela mesma frase poderiamos convertela na "pobreza é a forma máis absoluta de contaminación".

As razóns polas que tantas persoas non poden satisfacer as súas necesidades fundamentais son complexas posto que a pobreza non só é unha insuficiencia de ingresos económicos e de bens materiais: tamén é a falta de recursos, de oportunidades e de seguridade que minan a dignidade e exacerba a vulnerabilidade dos individuos. Ao ser esencialmente de natureza política, económica, estrutural e social, aquelas refórzanse pola ausencia de vontade política e pola inadecuación das medidas que toman os poderes públicos, especialmente no que toca á explotación dos recursos locais.

  • No plano individual os seres están limitados pola imposibilidade de acceder aos recursos, ao coñecemento ou ás ocasións de gozar dun modo de vida decente.
  • No plano social, as causas principais son as desigualdades na repartición dos recursos, dos servizos e do poder.

É de sobra coñecidas algunhas das cifras que serven para dimensionar a magnitude do problema, pero non está de máis explicitalas unha vez máis: de entre os máis de 6.000 millóns de seres humanos que viven no noso planeta, 2 800 millóns viven con menos de 2 dólares USA (1,49 €) diarios, e outros 1.200 millóns, é dicir, unha quinta parte da totalidade, con menos de 1 dólar USA (0,74 €) diario; dúas terceiras partes das persoas que loitan por sobrevivir con menos de 1 dólar USA ao día viven no sur de Asia e outra quinta parte no África Subshariana; en América Latina viven o 5% dos pobres do mundo.

Non por todo o anterior deixa de resultar impresionante que ademais, en todos os países desenvolvidos sexa relevante o número de cidadáns os ingresos dos cales son inferiores ao 50% da media do país en que viven: na Europa dos quince a súa cifra áchase estancada nun endémico 10% (cifra a modificación da cal é evidente coas últimas incorporacións), e nos Estados Unidos de América do Norte sitúase en torno a un 15%.

O rostro da pobreza

Todas estas dificultades afectan máis as mulleres que aos homes, o que agrava aínda máis o problema da situación respectiva dunhas e outros. A pesar da protección xurídica e institucional, esta desigualdade persiste e esténdese. Visiblemente, o rostro da pobreza no mundo é cada día máis feminino.

A desigualdade que se agrava na repartición dos ingresos e da riqueza no seo dos países e entre eles, contribúe a consolidar esta pobreza: a consecuencia é que se acrecenta a diferenza entre o 20% máis rico e o 20 máis pobre. En 1991 a participación no produto mundial bruto real dos países industrializados –que constitúen o 22% da poboación mundial– era do 61%, o que deixaba o 39% restante ao 78% da poboación que vive en países en desenvolvemento.

Grazas aos seus investimentos en recursos humanos, algúns países conseguiron asociar crecemento económico e redución das desigualdades. Dentro dos mesmos países varían enormemente os niveis de desigualdade; nas nacións desenvolvidas, a diferenza entre o 20% das familias máis ricas e o 20% máis pobres vai de 4,34 a 1 en Xapón, ata de 9,6 a 1 no Reino Unido; entre as nacións máis pobres, as disparidades son dunha amplitude comparable nunha grande parte de Asia, onde son de 6 a 1 de media e no oeste deste continente, no que a media é de 7 a 1. Pero na maior parte de África as diferenzas son aínda máis fortes (13 a 1 de media) e chegan ao máximo en América Latina (17,5 a 1 de media).

As cidades e o campo están separadas por grandes desigualdades tanto no que se refire aos servizos de saúde coma de educación e de planificación familiar. As distancias varían nunha media de 2,8 a 1 en América Latina ata 4,2 a 1 en Asia e preto de 8 a 1 en África.

É interesante subliñar que a privación dos dereitos económicos e sociais non suscita a mesma indignación nin as mesmas protestas que a violación dos dereitos civís e políticos, pero contemplar unha aproximación integral aos dereitos humanos non só nos permitiría enfrontar as percepcións erróneas e os mitos sobre a pobreza, senón sobre todo axudarnos, e isto é o importante, a atopar os medios duradeiros e equitativos para saír desta. Se a comunidade internacional se mostra incapaz de lanzar unha acción eficaz para erradicar a pobreza, a reiterada afirmación das súas preocupacións a propósito da explosión demográfica non é máis que pura retórica. É inelutable o cambio radical.

Revisar profunda e conceptualmente as formulacións que converteron o sistema de axuda internacional nun mecanismo impositivo, asistencial e ineficaz, é a única forma de poñer fin ás dúas grandes traxedias da pobreza. A primeira, xa descrita, é o sufrimento e a morte que asolan os países subdesenvolvidos por falta de recursos. A segunda podemos dimensionala cun dato: o Norte gastou 2,3 billóns de dólares durante os últimos cincuenta anos en programas de loita contra a pobreza, sen lograr erradicala.

A batalla da nosa época

Non obstante a situación está a evolucionar. Un sentimento de indignación contra a inxustiza deu orixe a unha reflexión ética e ideolóxica e levou a grandes movementos de reforma e mesmo de cambios radicais. Os grupos de poboación afectados exercen unha presión cada vez máis viva no seo das conferencias organizadas con crecente frecuencia pola ONU sobre os problemas que concirnen ao desenvolvemento e o medio, á poboación e o desenvolvemento, ao desenvolvemento social, aos dereitos humanos e ao papel das mulleres. Esta presión acelerou as interaccións entre os gobernos e a sociedade civil (é dicir, as organizacións non gobernamentais que representan forzas activas e independentes da sociedade chaman a atención sobre os problemas sociais). Estimamos que o papel destas organizacións será cada vez máis necesario e decisivo para que a plenitude de dereitos chegue a ser unha realidade e para que se recoñeza o sentido de responsabilidade social como un indicador do desenvolvemento social e político.

Todo o mundo debo ser perfectamente conscientes do feito de que a batalla contra a pobreza é unha empresa esixente: é a batalla da nosa época. A pobreza abertamente trae como resultado un sen número de factores incidentes nesta, xa que afunden sixilosamente ás nacións que padecen dela. Para as nacións desenvolvidas os resultados da pobreza son máis difíciles de combater que os mesmos factores que a provocan.

Todo iso é precisamente o que fundamenta a realización dun Simposio como o anunciado. Pretendemos coa súa realización abordar o maior número de elementos que están directa e indirectamente relacionados coa pobreza e coa desigualdade no mundo:

  • Os países pobres, ¿nacen ou fanse?
  • Os factores que determinan o empobrecemento dos países. ¿Hai culpables?
  • O papel das ONGs: ¿parche ou solución?
  • Riqueza, pobreza e ecoloxía
  • Influencia do cambio climático no empobrecemento. Alternativas.
  • A sanidade nos países pobres, ¿cuestión de xenéricos?
  • A educación nos países pobres: un deber, por dereito
  • Crise global, alternativas locais
  • A banca dos ricos, a banca dos pobres
  • As guerras e conflitos: fábricas de pobreza
  • A pobreza e a desigualdade no mundo no tratamento da prensa escrita
  • Pobreza e desigualdade na comunicación audiovisual
  • O consumo nos países ricos: a irracional racionalidade
  • A fuga da industria dos países ricos aos pobres: producir baixo custo
  • Transnacionais enerxéticas: desenvolvemento ou destrución
  • Globalización manipulada: pobreza globalizada, riqueza localizada
  • África e América Latina: potencialmente ricas, oficialmente pobres
  • A explotación dos recursos agrícolas e gandeiros: cultivar contra a pobreza
  • Muller e pobreza
  • A inmigración: fuxida cara a a ¿pobreza?
  • As relixións ante a pobreza e desigualdade no mundo
  • ConSumo derroche
  • O comercio Xusto

Por todo isto, e moito máis, consideramos de grande importancia a participación neste Simposio Internacional sobre Pobreza e Desigualdade no Mundo, "Pobre Mundo Rico". Porque sabemos que o coñecemento da realidade, que a cultura do coñecemento e que a pedagoxía do esclarecemento, son as condicións pertinentes capaces de mobilizar as vontades de espertar as conciencias.

Porque sentimos, sabemos e cremos realmente que OUTRO MUNDO, ESTÁ XA SENDO AGORA MESMO POSIBLE.

INFORMACIÓN SOBRE O SIMPOSIO 'POBRE MUNDO RICO'


Club Internacional De Prensa
Sobre o autor ou autora:
Club Internacional de Prensa
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >