Suzy Castor na Galiza
Club Internacional de Prensa   
Luns, 11 de Xuño do 2007

 A historiadora haitiana Suzy Castor comeza mañá en Santiago unha rolda de conferencias do ciclo “América, cada vez máis latina”, do Club Internacional de Prensa.

Haití: a participación política da muller nunha sociedade en mutación” é o título da Conferencia da viúva de Gérard Pierre Charles, que ofrecerá mañá en Santiago, o mércores en Vigo, xoves en Lugo e venres en Ourense.

Santiago, luns 11 de xuño 2007

Dentro do Ciclo “América, cada vez máis latina” que leva a cabo o Club Internacional de Prensa –Secretaría Xeral de Comunicación–, MAÑÁ MARTES DÍA 12 comeza a rolda de Conferencias que percorrerán Galicia a historiadora haitiana Suzy Castor. Serán mañá martes en Santiago ás 20:00 hs, na sé da Fundación Caixa Galicia na rúa do Vilar 19, o mércores 13 en Vigo, na sé da mesma Fundación (Policarpo Sanz 21-2º), o xoves 13 en Lugo (na mesma Fundación, na Praza de Santa María), e o venres 15 en Ourense, en Xoán XXIII nº 31 soto. Nestas Conferencias, Suzy Castor falará de “Haití: a participación política da muller nunha sociedade en mutación”, e será presentada en cada provincia por:

  • en Santiago, a escritora Marilar Aleixandre
  • en Vigo, o avogado Fernando Martínez Randulfe
  • en Lugo, a profesora Carmen Blanco, e
  • en Ourense, por Pura Veiga Pombo

Suzy Castor ven a España convidada polo Club Internacional de Prensa para participar neste ciclo inaugurado polo escritor uruguaio Eduardo Galeano –célebre e afortunadamente, xa reposto do seu cancro de pulmón. Coa colaboración do C.I.P., Suzy Castor manterá en Madrid diversas entrevistas con persoas responsables de distintas institucións gubernamentais, como é a Secretaria de Estado para Iberoamérica, Trinidad Jiménez, así como con outras entidades, Fundacións e organizacións non gubernamentais que están levando adiante programas de colaboración para o desenvolvemento de Haití.

Quén é Suzy Castor

Suzy Castor é unha das intelectuais máis importantes de Haití e o Caribe, e o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos, incluídos os refuxiados e os inmigrantes, é exemplar.

Diplomada en Ciencias Sociais poa Escola Normal Superior de Haití en 1958 e doutora en Historia pola Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), é unha das persoas que escribíu con máis lucidez sobre o pasado e o presente do seu país e do Caribe.

Entre 1968 e 1986, foi profesora da Facultade de Filosofía e Letras e da Facultade de Ciencias Políticas da UNAM. En 1972, creou o Centro de Estudos do Caribe na Facultade de Ciencias Políticas e, en 1976, fundou a revista especializada Caribe Contemporáneo, publicada por este Centro.

En 1986, trala caída da ditadura de Duvalier, regresou ó seu país, onde xunto co seu home, Gérard Pierre Charles, participou na creación dunha  organización non gubernamental, o Centro de Investigación e Formación Social para o Desenvolvemento (CRESFED, nas siglas francesas), que dirixe dende 1995. En 1987, dirixíu o Programa de Elaboración do Ensino en Ciencias Sociais para as Escolas Fundamentais da UNESCO. Tamén impartíu clase na Universidade do Estado e en 1990 e 1991 foi miembro do Consello de Estado.

Publicou seis libros, entre eles, La intervención norteamericana en Haití y sus consecuencias (Siglo XXI. México, 1978) ou Migración y relaciones internacionales. El caso haitiano-dominicano (UNAM y UASD. Santo Domingo, 1987), coordinou outros tres e participou en sete obras colectivas sobre a historia de Haití, o Caribe e América Latina. Publicou máis de 50 artigos en revistas científicas, dictou cursos en  universidades de varios países e patricipou en seminarios en América e Europa.

Durante as súas dúas décadas de vida e traballo en México, participou de xeito salientable na solidariedade cos refuxiados, en particular, cos procedentes do Cono Sur e de América Central. Traballou pola reinserción dos refuxiados retornados e pola defensa dos traballadores inmigrantes haitianos, sobre todo na República Dominicana.

Suzy Castor foi distinguida como Doutora Honoris Causa pola Universidade Autónoma de Santo Domingo. É vicepresidenta da Asociación de Historiadores de América Latina, é membro do Tribunal Permanente dos Pobos, e recibíu a Medalla Haydée Santamaría de Cuba en recoñecemento á súa achega para o avance da cultura en  América Latina. En 2005 recibíu o IV Premio Juan María Bandrés á defensa do Dereito de Asilo e Solidariedade cos Refuxiados, outorgada por CEAR (Comisión Española de Axuda ó Refuxiado).

De qué falará Suzy Castor

Haití, no marco dun complexo proceso de transición, vive unha profunda crise institucional, que, nas súas expresións pluridimensionais, sitúase nunha traxectoria de desgaste e de difícil renovación do sistema socioeconómico e político. Esta, acarrea as consecuencias da longa ditadura dos ‘Duvalier’ así como as vicisitudes destes dous últimos decenios de loitas sociais e  políticas, a destruturación da economía e importantes mutacións na sociedade en xeral.

O réxime político, contestado polas élites tradicionais, polos novos actores, e aínda polas potencias internacionais, perde entón a súa propia lexitimidade. A loita do pobo haitiano enfróntase ó gran desafío da construcción do Estado-nación que esixe de xeito impostergable a modernización institucional do Estado e do sistema político, o desenvolvemento económico, a xustiza ou a cidadanía para todos, nun contexto de presencia estranxeira, sexa cal sexa o seu significado.

Na multiplicidade de actores presentes na escea, ou polo menos, dos que gozan de certa visibilidade, pódese suliñar a presenza dos movementos de mulleres que «complican» a vida política tradicional, e esixen outros referentes socioeconómicos na institucionalización da cidadanía. Nesta  transición, marcada fortemente polas mutacións, nótanse avances reais de participación, a que, sen embargo, sofre da falla de proceso unitario e do divorcio entre os avances acadados dende o punto de vista legal ou social, e a súa representación política.•

Ver tamén Galeano, abridor de ollosTeatro en Haití


Club Internacional De Prensa
Sobre o autor ou autora:
Club Internacional de Prensa
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >