| Medios de odio |
| Ignacio Ramonet | |
| Domingo, 10 de Xuño do 2007 | |
|
[El País Galicia] Chego a Caracas para intervir nunhas xornadas sobre O dereito cidadán a estar informado que organiza Telesur. Participan persoeiros da talla de Tariq Ali, Danny Glover, Richard Gott, Fernando Solanas ou Miguel Bonasso. Está o ambiente caldeado polo asunto da non renovación de Radio Caracas Televisión (RCTV), cuxa concesión expirou o pasado 27 de maio. Asisto a un mitin do presidente Hugo Chávez, recentemente reescolleito polo 63%, quen explica que esa decisión está axustada a dereito, e non significa ningunha arbitrariedade, nin ilegalidade. Engade que en Venezuela, onde o 80% das estacións de televisión son utilizadas polo sector privado, a absorción dos medios de comunicación polas grandes empresas foi convertendo o dereito a informar nun privilexio empresarial máis que nun lexítimo dereito cidadán. Converso con Francisco Farruco Sesto, galego nacido en Vigo, chegado a Caracas á idade de 12 anos, e hoxe nada menos que ministro de Cultura. Con sixeleza e acougo, Farruco explícame que todo ese barullo internacional é un pretexto para atacar ao presidente Chávez. "Por que razón, dime, Venezuela está hoxe no ollo do furacán, cando gobernos anteriores aplicaron a censura a torto e a dereito, e acá xamais veu Reporteros Sen Fronteiras, a SIP [Sociedade Interamericana de Prensa], nin a Corte Interamericana de Dereitos Humanos? Por que ninguén protestou cando esa mesma RCTV foi pechada durante varios días, en 1976, por 'difusión de noticas falsas', ou cando, en 1980, foi lacrada durante 36 horas por 'sensacionalismo', ou cando foi de novo ocluída, en 1981, por 'difusión de programas pornográficos' ou cando foi condenada en 1984 por ter ridiculizado ao presidente da República?" Todo iso ocorreu antes da primeira elección de Hugo Chávez en 1998. E ningunha organización internacional condenou eses abusos entón. "De igual xeito que non reprobaron a pechadura do Diario de Caracas, ou o despedimento masivo dos xornalistas do Globo, ou do Nuevo País. Se hoxe faise, é só para acosar ao presidente e denostar o programa da Revolución bolivariana". O amigo Farruco ten razón. Abundan os exemplos, en diversos países, de concesións non renovadas a canles de televisión e que non suscitaron protestas. Sen ir máis lonxe, en Francia, en 2004 revocouse a concesión da o Manar TV, por considerar que esta canle do Hezbollah libanés "pregoaba o odio". En Inglaterra, Margaret Thatcher cancelou a concesión dunha das grandes cadeas de televisión por difundir noticias non gratas, aínda que verídicas. No mesmo Reino Unido, a autoridade dispuxo, en marzo de 1999, a pechadura temporal de Med-TV-Canle 22; en agosto de 2006 revocou a licenza a One TV; en novembro de 2006, a de StarDate TV 24, e en decembro 2006, a da canle de televentas AuctionWorld. Organismos independentes como o Observatorio Global dos Medios denunciaron, probas en man, que RCTV participou na conxuntura mediática que propiciou o golpe de estado do 11 de abril de 2002. Esta canle, mediante manipulacións e intoxicacións, estivo difundindo falsedades e calumnias destinadas a fomentar a execración e a tirria cara ao presidente Chávez e os seus partidarios. Semellante comportamento foi condenado noutras latitudes. Por exemplo, o Tribunal Internacional sobre o Xenocidio de Ruanda condenou en 1994 aos promotores de Radio Mil Outeiros por complicidade no exterminio dos tutsis. Na ex Yugoslavia, o informe do representante da ONU, Tadeusz Mazowiecki, condenou o papel dos "medios do odio" nas operacións de limpeza étnica levadas a cabo en Croacia e Bosnia-Herzegovina. En Venezuela, RCTV foi un típico "medio do odio", espertando na opinión pública instintos primarios, excitando e promovendo unha violencia que puidese desembocar en guerra civil. A que se debe entón todo este barullo no seu favor? Á solidariedade do poder mediático internacional, que ve na decisión do presidente Chávez unha ameaza contra o seu actual dominación ideolóxica. Pero a guerra non acaba aquí.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

