Intervalo e pausa: o tiovivo
Xosé Manuel Beiras   
Venres, 08 de Xuo do 2007

[Galicia Hoxe]

Había tres anos que non montaba no tiovivo. Sí, ese artefacto de diversión no que viaxas en círculo para rematares no mesmo ponto de partida. De diversión para os cativos. Para os adultos, de evasión. Cos resultados esactos de toda evasión: atoparte outravolta preso no mesmo lugar e no mesmo enguedello, corroborar que non hai fuxida. Dos cárceres non se fuxe. Para se liberar dos cárceres só cabe derrubalos, destruílos. Está na esencia da liberdade, das liberdades, en plural. En plural porque non é unha, son moitas, e non val ter unha soia para seres libre se non as tes todas. E en plural porque son atributo e patrimonio do común das xentes, e non val que un sexa libre se os demais son escravos, que un consiga fuxir se os demáis fican presos. Así funcionan os cárceres aínda que, ás veces, algún preso logre evadirse con éxito. Evadirse, non ser libre, pois que vivirá baixo a ameaza de que dean con il e o prendan outra vez, de que o devolvan ao cárcere, como un paquete postal extraviado por un tempo. Quen fuxe non acada o dereito a ser libre, só un estado precario de liberdade aparente, o que resulta de non estar fisicamente na cadea, mentras dure, mentras o poder non veña interromper esa situación, ese estado ao que non tes dereito porque non derrubaches o cárcere, porque non loitaches co común dos presos pra derrubaredes as paredes do cárcere, abolíredes a lei carcelária e conquistáredes o dereito á liberdade, para todos, non só para ti. Porque fixeches unha fuxida solitária no canto dun combate solidário. ­Unha viaxe en círculo e virtual. Coma no tiovivo, onde o mundo do contorno que coidas percorrer está a xirar visualmente arredor de ti mentras ti das voltas, dacabalo da montura de cartonpedra, nun pequeno círculo que non leva a ningures. Arredor de ti, arredor de sí -até que o tiovivo para, e estás alí mesmo onde encetaras esa efémera viaxe virtual.

* * * * *

Foi estoutro día, nun recanto da Costa da Morte do Sol. Un mariñeiro, home índa novo, baixote, repoludo, ollada franca e espreitante, das que te fitan sen ferirte, mentras che fala, en percura dos sinais do teu xeito de recibires o que che está a dicir, en demanda, que non súplica, de atención, ao axexo da tua empatía ou indiferenza. Na compaña dun seu fillo, calmo raparigo apenas adolescente, home feito xa no aquel apousado e serio, silandeiramente atento ao dicir do seu pai: "A miña lancha é pra ele, xa ven conmigo ao mar". Andan á costeira, algo de marisco e logo rabadas, congros e outros peixes das pedras, e así. "Eu non lle quixen emigrar, inda que o traballo do mar vai a pior, a algúns retiraronnos o "permes" prao percebe, mentras os furtivos andan ceibos." Unha pausa. Logo: "as cousas aqui non lle mudaron moito coa democrasia, séguenlle as mesmas maneiras de antes, se cadra algo máis agochadas". E a seguida fálame dun fulano, un mando local da garda civil do mar, "leva unha chea de anos aquí e segue a ser como antes, tes dereito ao que el quer e non ao que é debido, non podes estar certo de que non che veñan coller o que traes". Escóitoo con atención sen pronunciarme, póusolle unha man no ombreiro mentras peneiro o que me di e penso en cantas veces levo estado antes nunha idéntica situación, cántas veces ao longo dos anos levo recibido esa mesma mensaxe con diferentes contidos factuais e o mesmo cerne siñificante, sen acento algún de queixa ou laio, sen o aditamento dun rogo ou petición de amparo, no ton obxetual dun relato de feitos, como quen fala dalgo que lle acontece a outros, dalgo, millor dito, que acontece, sen máis, que tácitamente conclue cun "élle así". Non sei aínda se a sua versión deforma ou non a realidade dos feitos, se é xusta ou non o é, nen onde está esactamente o ponto disque neutro da xustiza. Sei, tan só, que a indignación dá en rebulir e medrar xordamente no meu interior. Néstas, dime uns breves versos sobre a xustiza e o home libre, versos que il compuxo sen escribir. Lémbrome da xustiza pola man de Rosalía, e dígollo. Parvo de min: non sabe quen ela é. Nen falla que lle fixo para expresar o mesmo en versos proprios. E caio na conta: Rosalía, "a musa dos pobos", alí, naquel intre, é il, aquil mariñeiro índa novo que imaxina versos de xusta liberdade mentras anda á costeira na sua lancha co seu fillo apenas adolescente: sen patrón, Manoel-Antonio, só o mariñeiro e máis o rapaz. Perguntolle polo seu nome, doulle unha aperta e fágolle o adeus. "Podes estar orgulloso do teu pai" -dígolle baixiño ao cativo. "Nunca esquecerei cando tirou do sapato no parlamento", guíndame o mariñeiro ao irense os dous cara o peirao. A chuvia e o frío deste maio intempestivo de invernía empúrranme a meterme de presa no auto. Mentras o Suso arranca o motor caio, abraiado, no egoísmo de pensar: "outravolta estou montado no tiovivo, no mesmo tiovivo, abofé".

* * * * *

O meu país adiante. No tiovivo, cando montas nel e dá voltas, non te moves de onde estás. Mais o tiovivo mesmo é ambulante, e os que dil viven e con íl van son nómadas que o levan de feira en feira, ou festa, ou romería, en constante transumancia por tódolos recantos do país ao longo do ciclo das estacións. "C"est mon manège á moi", cantara a Edith Piaf da miña primeira mocedade libre. No tiovivo itinerante das campañas eleitorais algúns ofrecen, ao sumo, ilusións: a ilusión dunha viaxe virtual en círculo arredor dun progreso que fica logo, tantas veces, en virtual tamén íl. Outros, os máis, nen iso: só venden abalorios e doas de vidro en troco do ouro da boa fé da xente do común, talmente coma tempo atrás os exploradores europeus aos negriños disque salvaxes na África de outrora, ou hoxe mesmo as transnacionais da expoliación ela sí salvaxe na de arestora.

* * * * *

Nunha bisbarra montesía da raia seca, ás aforas dun pequeno vilar pousado nunha vizosa valgada sulcada por un regato cantareiro nos pequenos cadoiros que forma ao descer en chanzos até un relanzo no meio dun prado. Dous grandes bois ben rexos, con longos cornos, pastan ceibos. Perto diles, á beira do carreiro por onde imos, un paisano inda non moi vello, enxoito e forte, pousa o queixo nas mans que apreixan unha longa vara, de pau de sanguiño se cadra, coma o de Curros. Detémonos. Os compañeiros saúdano polo seu nome. Infórmanme: "é a única xugada que resta en toda a comarca, e il mantena porque lle gostan os bois." E engade un diles con sorna: "co gando pasou coma cos nenos, que desapareceron todos; cando eu ía á escola eramos cáseque oitocentos de toda a redonda, construiron daquela o grupo escolar, e hoxe non pasan de cincuenta por xunto." E rexouba outro: "escolleron o momento pra facelo, iso chámase teren visión de futuro, como en todo." Fálolle ao paisano: "son teixos, os bois, non si?". "Non señor, non, sonlle portugueses." "Dicíallo pola cór." "A cór élle, si, a caste non." Calo, e tomo nota da leición. "Aí atrás tiña outra xugada, prosegue o home, matáronma os da agraria, disque estaban enfermos, a min non mo parecía, e de gando algo lle sei." O que di cádrame con relatos de anos pasados de xente das labregas. "Agora, con ésta, veñenme cada pouco a facerenlle probas, duas veces xa no que vai de ano, e asi non pode ser; non poderían deixarme en paz?." Rosmo, irado. Sinalo a unha compañeira: "fale con esta muller, que ela reclamará por vostede." Penso: labregos e mariñeiros, cándo imos declaralos especie protexida en vías de extinción? Faise con animaliños de variadas castes, para preservar a biodiversidade, mentras se extermina a aqueles seres humáns, paisanos nosos, que praticaron sempre e conservan aínda a cultura da biodiversidade, mesmamente. Paradóxico enigma.

* * * * *

Das moitas anécdotas picarescas atribuídas a Álvaro Cunqueiro polos seus proprios contemporáns, a maioría eran falsas, inventadas con ou sen malevoléncia, e algunhas raiaban na aduanada. Eran fabulacións encol da vida e miragres do grande fabulador que il mesmo foi. Unha delas, que o proprio Alvaro me desmintira, cun sorriso benevolentemente pícaro, cando lle eu perguntara se era auténtica, é ésta. Disque nalgures, un día de feira, reparara nun paisano que, á par díl, contemplaba con pasmo, embelesado, o funcionamento dun tiovivo que non paraba de carretar en redondo moreas de xente de toda caste e idades. O Álvaro encetou un engaiolador palique co paisano, fíxose pasar por dono do artefacto, convenceuno do grande negocio que lle daba, e acabou por venderlle o tiovivo que, naturalmente, non era seu. O sucedido, xa dixen, non foi certo. Non o foi na vida real do Cunqueiro. Mais non podo dicir o mesmo do tiovivo eleitoral. Pergúntome se acaso non poderei sequer dicilo de aquíl no que montei eu mesmo estes días, despois de tres anos de intervalo e pausa. A resposta virá co vento -cantara Joan Baez nos lonxanos tempos aquiles da revolta moza que tentara transformar o mundo. Tentara, dixen. ¿Téntao inda agora onda nós? •


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >