| Camiño de Gringolandia |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Venres, 08 de Xuo do 2007 | |
|
[Galicia Hoxe] Se hai corenta anos... Sí, ¿por qué non vou dicírvolo?. Se hai trinta ou até corenta anos alguén me di que, pasado ese intervalo de tempo, no futuro que agora é presente, íamos ter que aturar o retorno do "yeti", respostaríalle que era un nihilista pernicioso, e pediríalle que deixase de esbardallar e arrimase o ombreiro na angueira común que andabamos a acometer. Aclaración para xente nova, ou máis nova ca nós: o "yeti", que daquela estaba de moda na fabulación mediática dos misterios da antropoloxía, era un enigmático ente estarrecedor, tamén denominado abominábel home das neves, de xigantesca estatura e peluda aparéncia humanoantropoide, que disque deambulaba, e ás veces deixábase ver, polas terras altas das inmediacións do Himalaia. En clave da críptolinguaxe dos círculos antifascistas do entón, esa denominación era empregada para referírmonos á abominábel cabeza do rexime, daquela imperante, do franquismo con franco -e non pensedes que incurro en redundáncia: dígoo así para ben distinguilo do franquismo sen franco posterior. Aclaración segunda para a mesma xente -inanque se cadra innecesária ésta, ogallá!: a angueira común era mesmamente "darmos cabo do fascismo", como cantaba Luis Cilia, o cantante portugués antisalazarista, amigo de noso e singularmente amigo e camarada de multitudinarios recitais non permitidos pero consumados con Miro Casabella e outros mozos das "voces ceibes" galegas de aqueles anos mozos rebeldes de todos nós. Particularmente de aquiles que seguimos a ser rebeldes inda hoxe, mádia leva. De xeito que se alguén me di tal cousa daquela, contestaríalle como xa espriquei. Mais se, para convencerme, tivese o poder de collerme da man e, tal coma o diaño ou xénio da botella das mil e unha noites, transportarme no intre que dura un lóstrego aos entón ignotos e lonxanos eidos do futuro que arestora é hoxe, e comprobar así, visual e palpábelmente, que o yeti retornara nefeito a celtiberia, se tal me tivese acontecido, asegúrovos que tería dito, en expresión tamén daquela coloquialmente usual, "me apeo". E dito e feito. Tería -teríamos, moitos de nós- dedicado o noso esforzo a outra cousa. Non vos digo cal, e non porque iso non o saiba, senón porque diso non podo estar certo ainda. É común asumir doadamente non estares certo do acontecer futuro. Mais é insólito, entroques, asumir que tampouco nunca podes estar certo do posíbel acontecer pasado -que, porén, determina o futuro que xa foi. Son matinacións, éstas, que me veñen ao caletre a cada pouco estes días, ou máis ben estas noites, cousas nas que ando a cismar sen poder evitalo. Éstas e máis outras polo estilo. Vólvome perguntar se celtiberia ten remedio, ou arranxo, e se o meu país ten encaixe e futuro nese corral nublado -ben sei, outra teima tamén, coa pantasma sarcástica de Valle a roldar. Mais, ¿e logo non é certo?, ¿non é unha realidade visíbel e palpábel? ¿Non está o corral da vila e corte -nos dous sensos galegos da palabra- non está, digo, nublado e avesío como se comezase unha longa noite de invernía? -e tamén de pedra, pro da que cai coas treboadas. Direivos, con humor negro, iso si, que agora tócanos rir a nós, os galegos. Pois non tivemos que aturar nen nada, durante anos, cada vez que ún ía alí, ao embigo de españa, que nos espetasen, nun ton de conmiserativa suficiencia, aquilo de "cómo é posíbel que os galegos aturedes a ese home, e inda por riba o votedes"? Pobriños de nós: eramos aldeáns atrasados, políticamente incultos, moralmente sumisos, ideolóxicamente de dereitas. Galiza era toda de dereitas, vista dende aló, porque nela reinaba o fraguismo con rotunda maioría "natural". Non importaba que, nese mesmo período, Galiza fose, de toda a penínsua, a sociedade na que as xentes traballadoras e populares máis activas andaban en folgas, protestas e movilizacións -"algaradas", chamábaas aquel poder. Iso non contaba, nen sequer se vía dende o embigo español. Como segue sen contar nen verse, dende alí, agora que eiquí se invertíu aquela tendencia nos espazos institucionais de poder e alí mudaron as tornas: é alí onde a barbarie está no poder agora, digo, dende hai anos xa, dende o emirato aznarista dentro do califato ianqui -dende que o innombrábel convirtira aquilo nun "aznarato", como dixera entón José Luis Sampedro, sempre mozo octoxenario il, co seu lúcido inxenio proverbial. É cousa de rirmos nós agora, ou?. Pois non. Sería unha risa, se non fose tráxico para todos, o retorno do yeti. Eu compadézoos a iles, ás xentes de esquerda e máis aos simples demócratas do común que alí, no embigo, e tamén no deforme corpo de celtiberia toda, abafan esmagados polo pé do yeti retornado das "montañas nevadas", a nova metamorfose que enmascara ao fascismo que a miña xeración combatera na encarnación anterior desa besta que transmigra sen alma. E compadézoos sen suficiencia ningunha, antes ben, con modesta empatía solidária, porque a peste sufrímola todos, o andacio está eiqui tamén, inza por Europa enteira adiante -e algúns non esquecemos a alertante pergunta de Brecht, "quén será o próusimo?". Imos -lévannos- camiño de gringolándia. Alí -sabémolo, e dende hai tempo- menos da metade dos cidadáns participan na eleición do seu presidente e amo do universo humán -amo noso tamén, portanto, e non só do seu innombrábel espolique celtíbero. De xeito que, cando a poxa está moi disputada, o noso destino está nas mans de só un cuarterón dos cidadáns con voto na gringolándia de alén-mar. Por riba, no cambio de século e milenio, para desfacer o empate nesa poxa -pois poxa é, en carros de dólares dunha banda e outra, e logo asombrámonos do que se chega a pagar por un Picasso ou un Vermeer: pagouse moitismo máis polo auto-bush, que non val nada nen ten arte ningunha. Arremítome: dicía que por riba, para desfacer o empate, deuse en reinventar a vella fórmula do pucheirazo, esa vez coa gusanera florida ao norte do Caribe. Así que, bendito e sacralizado o pucheirazo pola corte suprema do imperio gringo, ¿qué nos queda a nós?, ¿qué podemos esperar?, ¿a qué podemos aspirar? O yeti, naturalmente, quédanos o retorno do yeti, podemos aspirar -veña, alentade fondo- e esperar ao yeti-godot. Vistas estas eleicións, está claro que nos levan -imos- camiño de gringolándia. Que é camiño -e non amor- de perdizón. É un modelo perfeito para un suicidio colectivo, coma o dos ratos de Hameling. Sen frauta nen frautista, iso si, mais, entroques, con "majorettes", para compensar -e nubes de globos, mallóns de confetti, barras de grafito rosa -grafito si, non granito- e estrelas de purpurina chupi guai. Non riades, que o conto é triste, dixera Daniel, o de Rianxo. Hoxe non debera escribir. Estou aborrecido e melancólico. A miña é unha xeración perdida. E non na metáfora da literatura, non a dos Faulkner e demáis. Non. Perdida no labirinto español de Brenan. Perdida nos ermos desertos de celtiberia onde arestora, sen fabulación mediática nos arcanos misterios da antropoloxía, algunhas poucas xentes de ollada largacía e memoria ancestral aseguran ter visto deambular un monstroso mangallón peludo antropomorfo que lles fai relembrar as noticias escoitadas e lidas, cando novos, sobre o retorno do yeti, o abominábel home franquista das neves. Mais non temades. Os infalíbeis expertos nestas cousas do medo e da opinión, voceiros e intérpretes do benpensante pensamento único imperante, descartan que o testemuño desas xentes mereza creto ningún-pois é naturalmente imposíbel, afirman iles, por estar celtiberia tan lonxe física e climáticamente das terras altas que circundan as neves do Himalaia. Así que asosegade, e ide durmir tranquíos. Mañán será outro día, ou tal vez non? • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

