| Marcha Ciclonudista Mundial (tamén en Galiza) |
| Birnarem | |
| Xoves, 31 de Maio do 2007 | |
Denunciamos que as nosas rúas foron secuestradas polo coche privado que colapsa as cidades dexenerándoas en lugares hostís e perigosos. O coche mata e a súa impunidade escandalízanos. Demasiados intereses de multinacionais belicistas do petróleo e do automóbil están en xogo se cuestionamos isto.Chamamento Mundial. Sábado 9 de xuño. Espidos ante o tráfico, xustiza nas rúas. Xustiza nas rúas, isto é o que demandamos con firme convicción e moi en serio, pero á vez con simpatía, pasando un bo momento. Os coches imponnos a súa lei: velocidade, prepotencia, malos fumes e violencia. Por iso ao desprazarnos en bicicleta cada día pola cidade convertemos a nosa mobilidade nun acto de desobediencia cotián. Se ademais, manifestámonos en bicicleta e espidos convertemos a desobediencia nunha protesta exemplar. Propomos un modelo de cidade onde as persoas recuperen o seu espazo, onde se reduzan as necesidades de desprazamento e se aposte polo peón (que somos todos) e polos medios de transporte menos contaminantes e máis eficaces. Por que en bicicleta? A bicicleta é un medio de transporte urbano solvente, saudable, ecolóxico e divertido. É unha icona, un símbolo de liberdade e un instrumento práctico de transformación social. Non paga tributos, non gasta petróleo, non colabora co desenvolvismo destrutor nin coa guerra global. Por que espidas? Porque nos sentimos espidos ante o tráfico pola falta de respecto dos condutores e a desidia dos gobernantes. Coa desnudez facemos visible a fraxilidade das nosas carrocerías (o noso propio corpo). Ademais, amosamos o noso corpo con naturalidade, rompendo o pudor, desmontando tabús respecto do noso físico impostos pola moda e a avaricia da industria transnacional téxtil. En definitiva, enfrontámonos ao tráfico urbano co corpo espido sobre a bicicleta como a mellor forma de defender a nosa dignidade e de vivir a loita social. Cidades do estado español nas que se celebra o evento: Zaragoza, Madrid, Barcelona, Iruña, Huesca, A Coruña, Alacant, Murcia, Valladolid, Valencia. Visita a nosa web: http://www.ciclonudista.net Marcha Ciclonudista en Galiza (Sábado 9 de xuño ás 12h na Coruña, desde a praza de María Pita ata a praia das Lapas) En Galiza tamén queremos participar desta chamada mundial. Porque aquí todavía hai moita intolerancia e prepotencia. O coche e esa posición de poder que proporciona é intolerante e prepotente, como o é a xente que quere limitar o noso dereito a ir vestidos como nos pete, ou a ir non vestidos. Por iso e moito máis propoñemos un percorrido festivo e alegre polas rúas da cidade da Coruña, un paseo de tolerancia e integridade. O percorrido comezará en na Praza María Pita de Coruña, iremos vestidos e, nun punto do percorrido, fora a roupa e arriba as bicis! Queremos contar co maior número posible xente, polo que se alguén dubida se atreverse, acudide igualmente. O apoio virá moi ben, e cada un que faga no momento o que lle pida o corpo. Tamén podedes acudir con perrucas, caretas, pintad@s, … Marcade ese día nos vosos calendarios, porque é un día irrepetible e para recordar. A convocatoria nace coa intención de ser unha ciclonudista galega, polo que queremos facer partícipes a todas as persoas doutras partes, a que se animen a pasar un sábado divertido e estimulante na cidade da Coruña. Avisade a todos os vosos contactos, a tod@s @s vos@s coñecid@s, amig@s ou familiares (sexan daquí ou doutros lugares), seguro que agradecerán coñecer esta convocatoria. Máis información sobre o espírito da marcha, dúbidas e preguntas en: http://www.ciclonudista.net A preparación poderedes seguila aquí: Foro de masa crítica (apartado da ciclonudista) O material dispoñible é: - Cartaz 1 Vémonos o sábado 9 de xuño ás 12h en Coruña, na Praza María Pita! | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

