Adeus Radio Caracas
Manoel Santos   
Domingo, 27 de Maio do 2007

Marcel GranierHoxe Radio Caracas Televisión –RCTV– deixa, por decisión do goberno venezolano, de ocupar a canle 2 das ondas hertzianas do país. Atrás quedan 54 anos de emisións, malia que o seu director e propietario leva meses intentando evitalo...

Hoxe Radio Caracas Televisión –RCTV– deixa, por decisión do goberno venezolano, de ocupar a canle 2 das ondas hertzianas do país. Atrás quedan 54 anos de emisións, malia que o seu director e propietario, Marcel Granier, leva meses intentando evitalo cunha xira mundial –pola parte neoliberal do planeta– na que denunciou o ditatorial do peche e o atentado que supón contra a liberdade de expresión e os dereitos humanos dos traballadores (2 500 empregos directos e 500 indirectos, a meirande parte dos cales serán recolocados en Teves, a cadea estatal que ocupará a partir do día 28 ese espazo nas ondas bolivarianas).

O señor Granier atopou acubillo e foro en medios europeos, como os do grupo que apoia relixiosamente o goberno de Zapatero en España. O moito espazo –case diario– que ocupa a información oposta á política de Chávez sorprendería se non foran públicos os moitos intereses que ese grupo de comunicación ten en Latinoamérica. A autodeterminación dos pobos sei que é perigosa para as finanzas. Mesmo houbo un intento de que o Europarlamento se manifestase perante a decisión soberana de Venezuela. Algo sen precedentes, pois o espazo radioeléctrico é propiedade do Estado, como no mundo enteiro. Só hai que lembrar as liortas que se montan aquí cando un goberno dá concesións.

Porén, Granier tíñao difícil, tanto para evitar a non renovación da súa concesión –non é xa que logo un peche– como para explicar convincentemente a irresponsábel actuación da RCTV durante o intento de golpe de Estado de abril de 2002 e o posterior paro petroleiro que durou até 2003. A RCTV deixou platós e cámaras aos militares que chamaron á rebelión, e non precisamente baixo coaccións. Fronte a esta evidencia Granier só puido apelar á liberdade de información. Claro, informaba de que un levantamento militar era bo para o pobo. En España por moito menos, por non dicir o que Estado esixe que se diga, existe unha lei que ilegaliza partidos. Non é difícil intuír que se unha emisora privada actuase aquí do mesmo xeito sería inmediatamente pechada, e o goberno sería moi criticado se decidira esperar 5 anos a que rematase a súa concesión.

Curioso é tamén o de Reporteiros Sen Fronteiras, que lamentou a decisión por atentar contra a liberdade de expresión, pero admitiu, nunha carta a Chávez, a actitude adoptada pola RCTV e outros medios –Venevisión, Globovisión e Televen, moi contrarias a Chávez, seguen a emitir en Venezuela– aquel triste abril. Até onde chega esa liberdade? •


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >