| As máscaras do fascismo III |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Martes, 01 de Maio do 2007 | |
Antes e despois na historia. …axiña as democracias dos cidadáns do común nacidas das revolucións liberais se convirtiron en democracias "dos propietarios" –como se fai patente na historia do dereito a voto…Sabido é que a II Guerra mundial marca un fin de etapa na traxectoria do capitalismo. Remata unha fase e comeza outra no proceso histórico da sua evolución, na sucesión de saltos que pega e de metamorfoses que experimenta asegún madurece e se expande dende os seus berces orixinarios. A sua relación co Estado, tanto nas formas que reviste e os roles que desempeña, canto na dimensión do ámbito socioeconómico que abrangue, é un dos eixos cardinais das tensións bipolares que acaban por ocasionar eses saltos e metamorfoses no seu desenvolvemento. Se entendemos por Estado -permitídeme esta licencia simplificadora- non só o aparello do poder político, senón todo o conxunto de institucións que integran o ordenamento xurídico da sociedade nos ámbitos privado e público, resultará máis clara a relevancia cardinal dese eixo de tensión entre o capitalismo, como base económica, e o Estado, como marco xurídico-político que lle corresponde. Resultará máis claro, para empezar, por qué as primeiras revolucións burguesas, ou liberais, da historia europea xurdiron cando e onde xurdiron, e máis o por qué de cando e onde foron xurdindo logo as sucesivas na mesma clave matriz e o mesmo roteiro -dende a precursora inglesa de Cromwell, aínda no XVII, e as modélicas francesa e norteamericán no solpor do XVIII, ás madrugadoras bolivarianas latinoamericáns e as europeas máis serodias ao longo do XIX. E así seguido. Quero dicir que sería impensábel, ou cando menos inviábel, o parto e medre do capitalismo propriamente dito como modo de produción -o que nace coas primeiras revolucións industriais- no corsé dun Estado despótico ou autocrático do antigo réxime europeu. Por iso, en última instancia, cai a monarquía absoluta do Carlos I de Inglaterra coa revolución de Cromwell, e a do Luis XVI coa revolución francesa. Por certo que igualmente sería inviábel, á inversa, o modelo de Estado liberal moderno, proprio do capitalismo, cun sistema escravista na base económica da sociedade -e a chamada "guerra de secesión" norteamericana é mostra exemplar desa incompatibilidade. Mais tampouco pode frolecer o capitalismo -frol opiácea- nunha formación social sometida a un rexime colonial e reducida a unha función subsidiaria imposta pola metrópole. E isto tánto se na metrópole impera aínda un antigo rexime coma se xa está en vigor un modelo de Estado liberal, e tánto se o status da colonia é o modélico e ostensíbel dos imperios coloniais clásicos coma se é o atípico e enmascarado das colonias denominadas internas, sitas dentro do espazo político do proprio estado metropolitán. En tais situacións só caben dous desenlaces políticos alternativos: ou ben a colonia creba o vencello co que a metrópole a aferrolla, é dicir que se independiza -e velaí, coas diferencias consabidas, o caso norteamericán no imperio anglosaxón e os latinoamericáns nos español e portugués. Ou ben se esgana o real ou potencial desenvolvemento capitalista interno -como aconteceu até avanzado o s. XX coas colonias asiáticas e africáns de metrópoles europeas, ou... con Galiza dende finais do XVIII no espazo metropolitán español. A razón fundamental é ben sinxela, e cífrase en duas claves primordiais. Unha delas atinxe ás esixencias da lóxica do capitalismo, e a outra ás do seu protagonista social: a burguesía moderna -é dicir, post-medieval. Nefeito, o ascenso da burguesía á posición dominante na sociedade non pode consumarse no Estado do antigo réxime. Cómprelle impór unha "nova orde" social, na que sexa ela quen faga as leis e as "constitucións" á sua imaxe e semellanza, ou sexa, á medida dos seus intereses. Noutras verbas: unha transformación revolucionaria do ordenamento xurídico e do marco político do poder. Niso consiste o cerne social das revolucións liberais, calificadas de burguesas por iso mesmo. A outra clave radica na lóxica do capitalismo como modo de organización da produción e as relacións económicas. Na produción, primeiro: aí o capital pecisa que exista forza de traballo "libre", dispoñíbel para ser contratada como asalariada. Precisa dun mercado laboral. Mais iso implica abrir brecha nas relacións de servidume, disolver ou desprazar o rexime señorial no que se basea o poder social -e político- da nobreza. Por iso o factor determinante do cambio revolucionario burgués vaino ser a aparición do capital industrial, ou sexa, da fracción do capital -e da burguesía- que opera na produción dos bens -e non na sua circulación, como fan o comercial e, en principio, o bancario. Mais non pode haber produción capitalista, e menos xeneralizarse, sen circulación, sen mercado interno. Incluído o mercado da forza laboral, como xa dixen. De aí a emerxencia do dereito de contratos, que regula os "negocios", á posición sobranceira no ordenamento xurídico. De aí o liberalismo como ideoloxía, e o aforismo que a sintetiza: o "laissez faire, laissez passer", aplicado a seguida ás funcións do proprio Estado -e convirtido despois en fetiche e caricatura. Pero, ao mesmo tempo, ao Estado esixenselle outras funcións antitéticas do "deixar facer e deixar pasar". Unha é a función de construir un valado arredor dun mercado interno unificado -un "mercado común" intra-estatal- no que o capital quer desenvolverse e expanderse sen atrancos: son as institucións que erguen fronteiras alfandegarias, monetarias, tributarias, laborais, ou sexa, para a circulación das mercadorías, o capital-diñeiro, a forza de traballo. Curiosamente, neste eido, o liberalismo estivo históricamente nas antípodas do internacionalismo. Até que, en cada caso, o ámbito do Estado-nación pasou de ser un vasto couto de pesca reservado ao capital indíxena a convirtirse nun corsé ou nunha barreira para a expansión -dende dentro ou dende fóra, segundo a sua posición no centro ou na periferia do sistema. A outra é a función represora sobre os grupos sociais sometidos -en diferente forma e medida- á clase dominante. Teóricamente o capitalismo, pola índole das relacións que establece na produción, non precisa desas formas de coerción para manterse -a diferencia do feudalismo e os reximes señoriais autocráticos. De aí a proclamación das liberdades e dereitos dos cidadáns, xenéricamente, no nacemento dos Estados liberais. Teóricamente. Na prática non foi así: axiña as democracias dos cidadáns do común nacidas das revolucións liberais se convirtiron en democracias "dos propietarios" -como se fai patente na historia do dereito a voto e a longa marcha até a conquista efectiva do tan cacarexado "sufraxio universal". Mais, sobre todo, a medida que as xentes do común "non propietarias" -noutras verbas, o proletariado- foron artellando orgaizacións de autodefensa, a función represora foi cobrando meirande importancia e volvéndose máis sistemática e ostensíbel. Sen sairmos do s. XIX nen do centro do sistema, está nos lenzos literarios dun Dickens, na brutal represión da "comuna" de Paris, ou na matanza de Chicago que se rememora cada primeiro de maio aínda arestora. E qué dicirmos do proceso na periferia do sistema, no malchamado "terceiro mundo". Mais retornemos ao comenzo desta digresión, que cobrará sentido se agora enfiamos co treito inicial da miña análise. Porque o intre da eclosión dos fascismos clásicos sitúase no remate do período histórico no que o modelo de Estado-nación de corte liberal resultou funcional para os requerimentos do capitalismo nas metrópoles do centro do sistema. É a fase crítica crepuscular. O gran capital aposta aínda polo marco do Estado-nación como ámbito estratéxicamente decisivo do seu aparello de poder. Só que "bota pola borda" o deseño liberal do sistema de dereitos e liberdades que o configurara formalmente en orixe: aposta polo Estado "forte", represor, que devén autocrático e transfórmase en monstrosa tiranía totalitaria. O desenlace da II Guerra mundial dará ao traste coa funcionalidade dese enxendro... no centro do sistema. O salto que, dende ese intre, se produce no proceso de transnacionalización do gran capital, fará mudar rotundamente a estratexia e o deseño das institucións de poder político correlativamente acaídas. Nace unha nova orde internacional confeccionada a medida do capital transnacional e da mundialización do sistema nervoso do capitalismo. E nace con liturxias análogas ás do parto do Estado-nación liberal dous séculos máis antes: a declaración dos "dereitos do home e do cidadán", constituinte da primeira República francesa, virá ser agora a "declaración universal dos dereitos do home" -coa elusión do cidadán- na carta fundacional das Nacións Unidas. Mais a sua vixencia efectiva non será máis universal, nen máis duradeira, do que a do modélico Estado-nación francés de século e meio atrás na historia. E o fascismo, logo, ¿ficará convirtido en cadavre histórico? Non. Nen como fenómeno sociopolítico nen como rexime. Só será transferido á periferia do sistema, nas suas manifestacións explícitas -sometidas, iso si, ás operacións de ciruxía facial axeitadas a cada caso- e posto en letargo no centro á espera das circunstancias que aconsellen recabar os servizos do doutor Frankestein de turno para devolverlle a vida á momia en metamorfoses que só o xenio dun Kafka fora quen de imaxinar e predecir.• | |
| Seg. > |
|---|

Antes e despois na historia. …axiña as democracias dos cidadáns do común nacidas das revolucións liberais se convirtiron en democracias "dos propietarios" –como se fai patente na historia do dereito a voto…