| As máscaras do fascismo II |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 23 de Abril do 2007 | |
|
[Galicia Hoxe] Les bailleurs de fonds: madrugara Guérin en definilos e identificalos, xa en 1936, rotulando asi un crucial capítulo do seu "Fascismo e gran capital". Logo, co tempo, o feito desa relación simbiótica antre o fenómeno socioeconómico do gran capital e o fenómeno sociopolítico do fascismo chegou a convirtirse nun lugar común na literatura das ciencias sociais. "Bailleur de fonds": literalmente, fornecedor ou provisor de fondos. E, na linguaxe dos negocios, "socio capitalista". Mais convén reparar, tamén, en que "bailler" é alugar, e "bailleur" é o que aluga, o arrendador. De xeito que xa temos en presencia os dous valores semánticos da expresión e os dous contidos da ambigua relación de simbiose que ela expresa antre os dous protagonistas do mutante monstro fascista -sexa cal for a sua variante específica no espazo e no tempo. Por unha banda, temos ao gran capital, aos magnates da industria e da banca, no rol de socio capitalista da contrarrevolución nazi-fascista que, dende o período de entre-guerras do século XX en diante, enxendra os consabidos reximes e estados totalitarios dentro e fóra de Europa. Por outra banda, temos aos movementos e orgaizacións fascistas no rol inicial de "alugados" dos magnates do gran capital. A conxunción deses dous axentes, chegado o proceso a un punto crítico, desemboca no parto dunha modalidade de Estado totalitario no que o fascismo, como fenómeno de masas empoleirado no aparello de poder político, cobra meirande autonomía funcional a respeito da lóxica e o poder económicos do gran capital. Mesmamente é esa autonomía a que, a un tempo, propicia a exacerbación e se acentúa ela mesma por mor de fenómenos que tracexan os perfís do fascismo máis distantes da determinación económica, pero que son os que van sobrancear no retrato ou caricatura que, a xeito de foto fixa, se vai transmitir á posteridade. Con estas duas consecuencias deformantes para a sua perceición no imaxinario colectivo das xeracións ulteriores: unha, ancoralo no pasado, como cadavre momificado dun monstro desaparecido do decurso histórico posterior á II Guerra mundial; outra, opacar a determinación económica do fascismo, esvair na penumbra, ou até ocultar na sombra, a sua relación coas contradicións do capitalismo monopolista, e retirar do escenario da traxedia ao gran capital e os seus magnates da industria e as finanzas que, caladiñamente, fan mutis polo foro. A foto fixa do fascismo fica así reducida, cando caricatura, á parafernalia dos signos externos, ou sexa ao decorado -dende as cruces gamadas aos uniformes das SS, das camisas negras ou "brunas" ás aguias romanas, dos espazos oníricos ateigados de masa humán aos mastodónticos estaribeis para as aparatosas oratorias estridentes estilo duce ou führer. E, cando retrato, a un abigarrado mural de fenómenos ideolóxicos, morais, sicosociais ou, xenéricamente, superestruturais -ultranacionalismo chovino e imperialista, expansionismo belicista no "espazo vital", racismo xenófobo, técnicas diabólicas de propaganda falaz e terror sistemático, e así seguido até os cumes do xenocidio e a "solución final". Da parideira capitalista e do rol do capital, nada ou case. Compárese, en contraste, cos reveladores lenzos dun Grosz. E porén, sen esa dimensión determinante do fenómeno fascista como problema, nada se esprica e nada se comprende, nen a sua razón de ser nen a sua etioloxía como doenza social e como cancro político -como praga, como "peste bruna". Eis a importancia da precoz e penetrante diagnose de Guérin encol da relación causal -dialéticamente causal- antre o fascismo e o gran capital na fase monopolista do capitalismo. Mais -moito ollo- nen se pode reducir o fascismo "clásico" á condición de simples excrecencia do capitalismo europeu de entre-guerras, nen a relación causal antre fascismo e gran capital é mecánica, senón máis complexa e aleatoria. Noutras verbas: nen o fascismo é produto só da situación do capitalismo europeu entre a primeira e a segunda guerras mundiais, nen o gran capital enxendra necesariamente fascismo en calisquer contexto social e temporal. Por certo, estas pontualizacións tamén valen á inversa, ou voltas por pasiva: o fascismo non é un fenómeno privativo ou un produto en exclusiva da Europa capitalista de entre-guerras, senón que pode xurdir en calquer contexto de espacio e tempo propicio para que a acción do gran capital o requira. Por mor do primeiro, o fascismo clásico dos anos vintes e trintas do século XX non se deu -ía escribir froleceu, pois froles pezoñentas hainas- en tódolos países capitalistas do centro do sistema -fosen europeus ou os USA. Por mor do segundo, en troques, o fascismo non clásico agromou posteriormente, con remuda de máscaras e decorados, en diversos lugares, só que da periferia do sistema esta vez -pois non outra cousa son, no cerne, os casos da Indonesia de Suharto nos anos sesenta ou, máis ostensíbelmente, os latinoamericáns chileno, arxentino, uruguaio ou brasileiro nos setenta. Por non falar das peculiares metástases africanas do mesmo cancro. A mutación primordial de contexto sociohistórico é esta: fase do capitalismo monopolista "nacional" ou de Estado na edición clásica, antes da II Guerra, e fase transnacional do mesmo protagonista na edición neo-clásica, na era postbélica de desenvolvemento desigual exacerbado. Se preferides: arredor da "grande depresión" na primeira fornada do fenómeno, e arredor, na segunda, da crise dos setenta que ía dar ao traste coa gloriosa expansión e abrir paso á contrarrevolución ultraliberal da globalización financeira que aínda estamos a padecer -ou estáno, primordialmente, as catro quintas partes dos seres humáns habitantes da periferia do sistema. Esa mudanza do contexto implica diversas mutacións morfolóxicas. Vexamos primeiro a primeira edición. Na forma clásica, os países nos que o gran capital promove o fascismo orgaizado son potencias derrrotadas -Alemaña- ou frustradas -Italia- no desenlace da Gran Guerra "de redivisión" do 14 que inaugura o novo reparto do mapa mundial de recursos e mercados, nese alborecer da fase imperialista do capitalismo maduro. Non así aquiles que manteñen as posicións hexemónicas, sexa ela xa crepuscular -Gran Bretaña- ou aínda auroral -USA. E por iso mesmo hai, inicialmente, conflito interno antre as fraccións do capital financeiro -industrial e bancario en simbiose- que operan, unha delas, na industria pesada de base -siderometalúrxica- e de guerra -armamento- e, a outra, na industria lixeira de bens de consumo. A primeira destina primordial ou exclusivamente a sua produción ao mercado interno, inda que depende do exterior -especialmente no caso italián- no acceso a materias primas minerais e recursos enerxéticos fósiles. A segunda, en troques, está na posición inversa: os mercados de exportación resultanlle vitais. Por iso a primeira é proteccionista e expansionista -imperialista no senso orixinario- mentras a segunda é librecambista e, no senso clásico, liberal. En Italia, os Agnelli e os Perrone frente aos Toeplitz e Giolitti. En Alemaña, os Krupp, Thyssen, Kirdorf frente aos Rathenau -quen acabará asasinado xa en 1922. Portanto, son os magnates da industria pesada e da banca industrial os primeiros en reclamar un Estado forte e en finanzaren, como "alugados", ás bandas fascistas ou nazis. E non tanto -ou non só- para agrediren e faceren recuar ao movemento obreiro -que xa ven de perder a aposta revolucionaria da imediata postguerra- canto para desestabilizaren o rexime democrático. Por certo, ¿sóavos ou non a música contemporán celtibérica? Sigo. Con todo, desencadeada a crise mundial do 29, as duas fraccións do capital converxen na mesma estratexia, liderada pola primeira delas. E é natural. Os plans anti-crise do gran capital requiren man dura coas clases populares, "pero o rexime democrático axéitase bastante mal para a realización de tales plans". Eis por qué, nesas circunstancias, "a burguesía bota pola borda a tradicional democracia e reclama cos seus votos e subsidios un Estado forte, que prive ao povo de tódolos seus meios de defensa e o maniate para millor valeirarlle as faltriqueiras". O paso seguinte será lanzaren ás "bandas fascistas" á conquista do poder. Acontece precozmente en Italia: xa en 1922, os magnates da industria e a banca finanzan a "marcha sobre Roma". Acontecerá anos máis tarde en Alemaña: dende o vran do 1930, os magnates industriais e banqueiros fornécenlle ao partido nazi cartos e medios materiais a esgalla, que lle permitirán dar o salto eleitoral dese outono que o instala no Reichstag con máis de cen escanos -e a choiva de cartos continuará en aumento nos dous anos seguintes. Primeiro balance de resultados: Hitler chanceler en xaneiro do 33; o curso da historia europea fai creba.
A relevancia estratéxica do poder no "Estado-nación" para o capitalismo, dada a estrutura que tiña á altura dos anos trinta, esprica parcialmente a operación de asalto a ese poder por mediación do aparello nazi-fascista, e máis a sua conversión en "instrumento totalitario" -como aínda rezarían, en versión paródica celtíbera, as "leis fundamentais" do franquismo. A xestación dos reximes fascistas clásicos foi primordialmente endóxena en cada caso, no recinto sociopolítico das respeitivas fronteiras, por máis que só espricábel no contexto da dinámica do capitalismo "global" a aquela altura histórica. Certamente. E de aí as diagnoses que adoitan coincidir en que as condicións actuais do contexto son esactamente inversas: hoxe "trátase de edificar unha estrutura supraestatal minimalista de regulación da mundialización baixo o dominio dun capital financeiro transnacionalizado" -son, a xeito de mostra, palabras de Alain Bihr. Sexa. Mais no fenómeno nazi non estaba implicado exclusivamente o gran capital alemán. Dareivos un "solprendente" indicio que tomo emprestado de Antoni Domènech, "revelado polas "Memorias" do antigo chanceler ultraconservador Brüning, publicadas póstumamente en 1970: Hitler tería recibido tamén, a traveso da banca suiza, importantes sumas de diñeiro da industria armamentista francesa(!); cecais tamén da americana e da inglesa". Dixérallo a Brüning o socialista francés Albert Thomas, na altura secretario xeral da OIT en Xenebra. Ao día seguinte da sua conversa, Thomas morreu en circunstancias enigmáticas, e os seus documentos desapareceron. Isto foi nos anos trinta, cando da eclosión da forma clásica do nazi-fascismo europeu. ¿E logo meio século máis tarde, cando da reedición neo-clásica? Deixémolo -co voso permiso outravolta, pro sen máis licencias desta vez- para outro día. • | |
| < Ant. |
|---|

Fascismo e gran capital. "…nen o fascismo é produto só da situación do capitalismo europeu entre a primeira e a segunda guerras mundiais, nen o gran capital enxendra necesariamente fascismo…" 