As máscaras do fascismo I
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 16 de Abril do 2007

A "peste bruna"

[Galicia Hoxe]

Moraba eu en Paris, xa casado e cun fillo pequerrecho, e traballaba no ISEA de Perroux, cando tivera a primeira noticia e fixera a primeira leitura das duas obras, hoxe clásicas, de Daniel Guérin encol do fascismo que viña de tirar do prelo a famosa, hoxe lexendaria, editorial Maspéro: Fascismo e gran capital e máis A peste bruna. E porén, tanto ­unha coma outra desas duas obras databan de trinta anos antes, eran diagnoses feitas meiante vivisección do mutante monstro fascista en plena eclosión da sua variante nazi alemá, no apoxeo inicial da "resistíbel ascensión de Arturo Ui-Hitler", que ousaría dicir eu parafraseando a ­Brecht. Así que naceran máis ou menos canda min. Tiñan xa, pois, os trinta anos que eu contaba de idade daquela -e eu sen enteirarme aínda da sua existéncia. Comprensíbel, polo demáis: eu medrara e chegara a mozo no cárcere celtibérico do franquismo, pechado a cal e canto ás luzadas do pensamento democrático europeu de aquil período. Menos comprensíbel resultaba, en troques, que aquelas primeiras edicións pasaran, prao caso, desapercibidas no seu tempo, e que a lúcida advertencia que transmitían non fose atendida polos seus contemporáns, que non fixese saltar as alarmas no pensamento e nas orgaizacións democráticas da esquerda do entón. Mais velaí tamén, por pasiva, a primeira grande leición que se deduce das obras pioneiras de Guérin: a xordeira e a cegueira das vítimas ás voces e sinais que lles dan aviso do perigo que as ameaza, mesmo da traxedia e a catástrofe que están a piques de engulilas nun rodopío infernal. O cáseque nunca percibido presente como historia -ou só por uns poucos, que ven dar o mesmo.

La peste brune é unha coleición de estampas-reportaxe configuradas en dous relatos de viaxe escritos en duas quendas consecutivas, xusto antes e xusto despois da "ascensión" de Hitler aos ceos do poder que íl vai convirtir en absoluto e absolutamente tiránico e despiedado. Son produto de duas demoradas viaxes do mozo Guérin por Alemaña adentro, tripando literalmente o territorio a pé e en bicicleta. A primeira paseata faina durante agosto e setembro do 1932: só fragmentos dese relato, que titulará Antes da catástrofe, se publican en revistas de esquerda a fins dese ano e comenzos do seguinte. Entremedias, nas eleicións de novembro do 32, o partido nazi perde escanos: ninguén, na Franza, aposta daquela un peso polo seu futuro, e a testemuña de Guérin -como o "cinéma-vérité" do noso tempo mozo- múrchase na incredulidade ambiente. Todo un Léon Blum avalía ese resultado con estas "proféticas" palabras: "Deiquí en diante, Hitler fica excluído do poder. Entre Hitler e o poder ergueuse unha barreira infranqueábel" -relémbranolo Alain Birth nunha reedición inda recente do texto de Guérin. No entanto, Antes da catástrofe resultou ser un rótulo certeiro: a fins de xaneiro do 33, como é sabido, o vello presidente Hindenburg nomea a Hitler chanceler da moi democrática República de Weimar: é o comenzo do fin da república, das liberdades e das formas democráticas na sociedade e nas institucións alemás, que axiña serán soterradas polo III Reich.

A segunda viaxe faina Guérin durante maio e xuño do 33, cando os nazis, recén chegados ao poder, aínda non controlan tódalas suas engranaxes, pero están a montar a toda marcha as trabes mestras do novo estado totalitario. Despois da catástrofe, titúlase -congruentemente- este segundo relato, máis analítico e metódico que o precedente, a xeito dun documental sobre o proceso de "nazificación" en curso, tanto da sociedade alemá coma das institucións todas do aparello de estado, revelando con enorme lucidez a natureza contrarrevolucionaria do proceso e do rexime que está a enxendrar. Dicir isto hoxe semella unha obviedade, mais daquela non só non o era en absoluto, senón que batía como en ferro frío na incredulidade ambiente -inda unha vez máis. Certo que este segundo relato apareceu de imediato, por entregas, no mesmo voceiro socialista no que Léon Blum se precipitara a desauciar a Hitler poucos meses antes. Certo tamén que logo foi imprentado en folleto por unha editorial obreirista baixo o rótulo "A peste bruna pasou por alí" -é a primeira vez que aparece en titulares a metáfora que ulteriormente se tornará identificación universalizada do fascismo nazi. Mais Guérin destinaba primordialmente a mensaxe das duas reportaxes a alertar á militancia do movemento obreiro, tanto socialista coma comunista -encadradas na SFIO e no PCF, respeitivamente- e nen unha nen a outra, ou cando menos os seus cadros e "aparatchiks", deron apreixado os contidos da mensaxe, escoitado o sinal de alarma, nen reaxido a tempo de evitaren que a catástrofe se producise tamén na Franza -desta vez, en forma de guerra e ocupación fulminante polos nazis. Pola contra. Como inda relembrará Guérin decenios máis tarde, "de regreso en Franza, comprobei con estupor que o meu testemuño topaba coa incredulidade, mesmo no seo do Partido Socialista. O daquela redactor-xefe do "Populaire" (voceiro do partido) confesoume posteriormente ter recibido moreas de cartas de protesta dos leitores, ás veces exaltadas. Seica eu esaxeraba, que tiña prexuizos". E conclue con amarga ironía: "A esquerda francesa ainda tiña moito que aprender".

Aprendeuno tarde por demais na sua propria carne -e na dos cidadáns demócratas europeus todos. Calquera que lea a triloxía de Sarte Os camiños da liberdade, nomeadamente o segundo volume -"Le sursis", a prórroga- poderá revivir o clima de confusión, indecisión, desconcerto e contradición no que estaban mergulladas a cidadanía e a sociedade francesas perante o fenómeno nazi aínda en 1938, xa no apoxeo do III Reich, e en vísporas de estoupar a segunda gran guerra. E sintir arrepíos á vista do sórdido ballet de monifates protagonizado polos governos francés e inglés, dos Daladier e os Chamberlain, bailando a danza macabra da morte da democracia checa conforme á partitura composta para a "custión dos sudetes" polo Reich hitlerián. O mesmo que estaban a facer, e fixeran xa primeiro os seus ilustres predecesores do Front Populaire, coa República española, a esa altura entrada xa en fase agónica. Por non falar da estratexia do estalinismo soviético en todos eses anos e lugares, consistente esencialmente en confundirse sistemáticamente de inimigo. E todo para gañar un tempo, esactamente un "sursis", unha prórroga que -agás aos soviéticos- non lles valería de nada.

A increíbel capacidade de simulación dos fascismos, o alucinante poder de engano e alienación do seu sistema de propaganda, combinados ambos coa sua vesiánica manipulación dos trebellos do terror e a represión -reduplicadamente no caso nazi- non cinxían o ámbito da sua desalmada eficacia ao espazo cívico circundado polas suas fronteiras políticas, nen ao espazo social das xentes do común, ou das masas populares. Trascendían as fronteiras territoriais, proxectándose nos países do arredor. E trascendían as fronteiras sociais, atinxindo -por contaminación ou por chantaxe- boa parte das elites culturais, da "intelligentsia", dos grupos dirixentes e da caste política.

Enuncieino en pretérito. Pois podería igualmente enuncialo en presente: os atributos do fascismo trascenden tamén as fronteiras do tempo. Só que, do mesmo xeito que a sua morfoloxía varía -é mutante- no espazo físico e social, tamén varía -tamén é mutante- no espazo temporal e histórico. Nisto tamén foi lúcido Guérin, o comunista-libertario de máis logo. Andados ben decenios dende que parira as suas diagnoses, aínda ía escribir estas frases certeiras: "O fascismo non é un fenómeno local, senón de carácter universal. Non se pode excluir que as mesmas causas profundas que empurraron aos magnates italiáns e alemáns a finanzar as bandas fascistas e elevaren logo o fascismo ao poder, reproduzan os mesmos efectos noutros lugares". E noutro tempo: "Asistimos ao progresivo esfrangullamento das institucións democráticas, á proliferación dun fascismo larvado". Iso si: o demiurgo -no senso de Platón mais tamén no de Marx, e non vos alporicedes- dese enxendro évolo, en toda parte e todo tempo, o mesmo. Chámase, xenéricamente, o gran capital. Mais diso falaremos -co voso permiso e as licencias oportunas- outro día.•


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >