A resposta brutal
Fidel Castro Ruz   
Venres, 13 de Abril do 2007

Comunicado de Fidel Castro por mor da liberación de Luís Posada Carriles.

[Granma]

O máis sobranceiro representante dun sistema de terror que foi imposto ao mundo pola superioridade tecnolóxica, económica e política da potencia máis poderosa que coñeceu o noso planeta, é sen dúbida George W. Bush. Compartimos, por iso, a traxedia do propio pobo norteamericano e os seus valores éticos. Só da Casa Branca podían proceder as instrucións para o fallo dictado por Kathleen Cardone, xuíza da Corte Federal do Paso, Texas, o pasado venres, concedéndolle a liberdade baixo fianza a Luís Posada Carriles.

Foi o propio presidente Bush quen eludiu en todo momento o carácter criminal e terrorista do acusado. Protexéuselle imputándolle unha simple violación de trámites migratorios. A resposta é brutal. O goberno de Estados Unidos e as súas institucións máis representativas decidiron de antemán a liberdade do monstro.

Os antecedentes son ben coñecidos e veñen de moi atrás. Os que o adestraron e lle ordearon destruír unha nave cubana de pasaxeiros en pleno voo, con 73 atletas, estudantes e outros viaxeiros nacionais e estranxeiros a bordo, ademais da súa abnegada tripulación; os que, estando preso o terrorista en Venezuela, compraron a súa liberdade para fornecer e practicamente dirixir unha guerra sucia contra o pobo de Nicaragua, que significou a perda de miles de vidas e a ruína do país por décadas; os que lle deron facultades para contrabandear con drogas e armas a fin de burlar as leis do Congreso; os que con el crearon a terríbel Operación Cóndor e internacionalizaron o terror; os que levaron á tortura, á morte e moitas veces á desaparición física de centos de miles de latinoamericanos, era imposíbel que actuasen doutro xeito.

Non por esperada a decisión de Bush é menos humillante para o noso pobo, porque foi Cuba a que, partindo das revelacións de “Por Esto!”, órgano de prensa do Estado mexicano de Quintana Roo, complementadas despois polos nosos propios medios, soubo con toda precisión que Posada Carriles entrou dende Centroamérica, vía Cancún, cara a Illa Mulleres, dende onde, a bordo do Santrina, logo de ser inspeccionada a nave polas autoridades federais de México, dirixiuse xunto a outros terroristas directamente a Miami.

Denunciado e emprazado publicamente o goberno dese país con datos exactos sobre o tema desde o 11 de abril do 2005, demorou máis dun mes en arrestar ao terrorista e tardou un ano e dous meses en recoñecer que Luís Posada Carriles entrou ilegalmente polas costas da Florida a bordo do Santrina, un suposto buque-escola matriculado nos Estados Unidos.

Das súas incontábeis vítimas, das súas bombas contra instalacións turísticas en anos recentes, das súas decenas de plans financiados polo goberno dos Estados Unidos para eliminarme fisicamente non se di unha soa palabra.

Non era suficiente para Bush ultraxar o nome de Cuba instalando no territorio ilegalmente ocupado de Guantánamo un arrepiante centro de tortura similar ao de Abu Ghraib, que ao ser coñecido causou espanto no mundo. A cruel acción dos seus antecesores non lle parecía suficiente. Non lle bastaban os 100 mil millóns de dólares que obrigaron a gastar a un país pobre e subdesenvolvido como Cuba. Acusar a Posada Carriles era acusarse a si mesmo.

Ao longo de case medio século, todo era válido contra a nosa pequena illa a 90 millas das súas costas, que desexaba ser independente. Na Florida instalouse a máis grande estación de intelixencia e subversión que existira no planeta.

Non bastaba a invasión mercenaria de Girón, que custou ao noso pobo 176 mortos e máis de 300 feridos cando os poucos especialistas de Medicina que nos deixaron non tiñan experiencia en feridas de guerra.

Antes estalara nos peiraos do porto da Habana o buque francés La Coubre, que transportaba armas e granadas de fabricación belga para Cuba, causando coas súas dúas explosións, ben sincronizadas, a morte a máis de 100 traballadores e feridas a outros moitos en plena faena de salvamento.

Non bastaba a Crise de Outubro de 1962, que levou ao mundo ao bordo dunha guerra termonuclear total, cando xa existían bombas 50 veces máis poderosas que as que estalaron sobre Hiroshima e Nagasaki.

Non bastaba a introdución no noso país de virus, bacterias e fungos contra plantacións e rabaños, e até, aínda que pareza incríbel, contra seres humanos. De laboratorios norteamericanos saíron algúns destes patóxenos para ser trasladados a Cuba por terroristas ben coñecidos ao servizo do goberno de Estados Unidos.

A todo isto engádese a enorme inxustiza de manter en prisión a cinco heróicos patriotas que, por fornecer información sobre as actividades terroristas, foron condenados de forma fraudulenta a sancións que alcanzan ata dúas cadeas perpetuas, e soportan estoicamente, cada un deles en cadeas diferentes, crueis maltratos.

Máis dunha vez o pobo cubano desafiou sen vacilar o perigo de morrer. Demostrou que con intelixencia, usando tácticas e estratexias acaídas, especialmente estreitando a unidade en torno á súa vanguardia política e social, non haberá forza no mundo capaz de vencelo.

Penso que o vindeiro Primeiro de Maio sería o día ideal para que o noso pobo, cun mínimo de gasto en combustíbel e medios de transporte, exteriorice os seus sentimentos aos traballadores e os pobres do mundo. 

Fidel Castro Ruz. 10 de abril del 2007

Ler tamén HISTORIA DUN TERRORISTA  


Fidel Castro Ruz
Sobre o autor ou autora:
Presidente de Cuba
 
< Ant.   Seg. >