Embriagados co etanol
Alfredo Iglesias Diéguez   
Mércores, 11 de Abril do 2007

[Galicia Hoxe]

Nos últimos anos, nos que urxe buscar un substituto á enerxía que move os automóbiles, os biocombustibles semellan ser a alternativa máis viable e eficaz; de feito, as cifras que se manexan na actualidade mostran, por exemplo, que unha tonelada de millo abonda para producir 413 litros de etanol, suficientes para realizar unha media de 2.800 km. Neste sentido, todo apunta a que se abre unha nova xeira na que os automóbiles se desprazarán grazas a unha enerxía alternativa menos contaminante e renovable.

Agora ben, a produción de etanol non é a alternativa que aparenta debido aos enormes custos sociais que implica; neste sentido, malia as palabras do presidente Lula no seu discurso en Guarulhos relativo ao impacto social positivo do etanol debido a que "está pensado para a agricultura familiar e a que axudará a crear emprego e renda nos lugares máis pobres deste país", o certo é que o acordo para a produción de etanol subscrito entre o presidente Lula do Brasil e o presidente Bush dos EEUU non é moi positivo para os sectores máis desfavorecidos do Terceiro Mundo.

Efectivamente, a produción de cana de azucre, que é a materia prima coa que se produce o etanol no Brasil, lonxe de estar en mans de pequenas familias, está controlada polas grandes familias terratenentes do país e, como consecuencia do recente interese polo etanol, estase a producir unha nova concentración da terra que só favorece os terratenentes e as multinacionais químicas que se están a facer cun sector industrial clave para desenvolver a produción do etanol. Neste sentido, cómpre lembrar que nun recente manifesto asinado por varios movementos sociais latinoamericanos, entre eles o MST do Brasil e Vía Campesiña, se sostén que "o actual modelo de produción de bioenerxía se sustenta nos mesmos elementos que sempre causaron a opresión dos nosos pobos: apropiación do territorio, dos bens naturais e da forza de traballo". Así mesmo, alén diso, cómpre ter presente que a expansión dos cultivos terá un impacto sobre os alimentos, que serán máis caros, e sobre os solos, que se degradarán debido ao uso de agroquímicos, polo que aumentará a dependencia das transnacionais do sector. Velaí a razón pola que cómpre preguntarse, como fixo a xornalista Verena Glass, da Axencia Carta Maior, se resulta ético destinar as terras fértiles do sur a satisfacer as necesidades dos preto de 800 millóns de automobilistas do Norte nun mundo no que, de acordo coas Nacións Unidas, 1.000 millóns de persoas sofren fame crónica e desnutrición, dúas causas que provocan a morte diaria de 24 mil persoas, entre as que se atopan maioritariamente nenos e nenas.

Acaso, inquire a xornalista brasileira, non sería máis oportuno dedicar esas terras a garantir a soberanía alimentaria das nacións do Sur; certamente si, pero a cuestión que debemos responder os habitantes do Norte é se queremos que o Sur siga a desempeñar o papel de abastecedor das materias primas necesarias para permitir que o Norte manteña o seu modelo de consumo actual.


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >