A vella farsa tráxica VII
Xosé Manuel Beiras   
Mrcores, 28 de Marzo do 2007

Vítimas e verdugos: as metástases do racismo nazi (I)
É, a miña, unha xeración marcada dende a infancia pola "solución final" -máis comunmente mentada mediante o vocábulo "holocausto". Hai tempo que considero máis congruente e inequívoco empregar a primeira fórmula: "solución final" -"Endloesung", en alemán- é unha expresión inventada polos xerifaltes nazis -nomeadamente Himmler e Goering- para referírense, eufemísticamente, aos plans do IIIº Reich para o exterminio dos xudeus en toda Europa. Millor dito, en rigor, para o exterminio de tódolos seres que iles consideraban "Untermenschen" -infrahomes, ou subhumáns- e que abranguían, ademais do povo xudeu, aos povos eslavos e ziganos tamén. Certamente, aos verdugos nazis só lles deu tempo para aplicar masivamente ese plan de exterminio á primeira das vítimas previstas: o estarrecedor xenocidio consumouse primordialmente sobre millóns de xudeus en toda a Europa ocupada polo III Reich. Pero, de ter trunfado o imperio concebido para mil anos pola paranoia hitlerián, os eslavos terían sufrido o mesmo brutal destino -sufrírono de feito boa parte das suas elites alí por onde o Atila nazi pasou.

En todo caso coido que, para millor xustiza histórica, compre identificar ese xenocidio coa denominación carimbada precisamente polos xenocidas, e non polas suas vítimas. E digo isto porque, en troques, "holocausto" é unha palabra que, en orixe, denomina unha caste de sacrificio relixioso que, na cultura hebrea máis anterga, praticaban os israelitas, e no que a vítima era completamente consumida polo fogo. Comprenderedes agora que sería un soturno sarcasmo aplicar a ese xenocidio un termo procedente dun bárbaro uso litúrxico dos máis antergos ancestros das vítimas da barbarie nazi. Pola contra, non resultaría incongruente denominar holocausto -nas proporcións dunha reprodución a escada reducida, claro é- ao que nos nosos días fai padecer o actual Estado de Israel ao martirizado povo palestino no seu proprio lar. Que é o seu dende hai máis de un milenio, sen que ademáis sexa il responsábel de que, con anterioridade abondo, o povo xudeu fose dispersado e condeado á diáspora.

Mais dicíavos ao comenzo que a miña xeración fora marcada dende a infancia polo xenocidio -sexa "holocausto" ou "Endloesung"- perpetrado sobre os xudeus europeus polos nazis do funesto III Reich. Na miña impresionábel mente infantil ficaron grabadas imaxes terríbeis, vistas nos noticiarios da época as escasas veces que me levaban ao cine, do espanto descuberto polas tropas aliadas ao chegaren aos campos nazis de concentración e exterminio. E todo o que veu de aí en diante: medrei e cheguei á adolescencia no período dunha intensa, constante e delongada campaña de información, ilustración e denuncia -retrospeitivas, iso sí- sobre a masacre padecida polo povo xudeu na Europa do apoxeo fascista e nazi. Era como un ritual de exorcismo reiterado até a obsesión, unha prática maniática de esconxuros para escorrentar as pantasmas demoníacas dunha inconfesa consciencia colectiva de culpa das democracias oucidentais -as do bautismado daquela como "mundo libre"- que permitiran, pasivas ou até cómplices, a "resistíbel ascensión" dos totalitarismos fascistas -italián, portugués, alemán e español- causantes da hecatombe xenocida.

Como resultado dese proceso colectivo, coa metodoloxía duns a xeito de profanos "exercizos espirituais" masificados, o povo xudeu, ou xenéricamente os xudeus a secas, convirtíronse na encarnación totémica do mito da vítima expiatoria da maldade conxénita do xénero humán, concebida en clave da tradición ideolóxica precisamente xudeocristián, no povo mártir do noso tempo -en realidade, do que Paco Sampedro definiría hoxe como unha modalidade de "violencia excedente", mais polo entón eu andaba ben lonxe de adeprender iso. O caso é que pronunciar ou escoitar a verba "xudeu" suscitaba en nós, os mociños do meu tempo e medio sociocultural, unha reacción automática de empatía, respeito, arrepío e pulsión solidária antremesturadas. Socialmente, pasárase do antisemitismo esplícito ou larvado ao filosemitismo acrítico, for sinceiro ou hipócrita -que iso, socialmente, tanto tiña. Fose cal for o tema, o problema ou o conflito, os xudeus tiñan, por principio, razón: a razón das vítimas imoladas e os mártires á forza.

Até que, por unha banda, ún foi adequerindo información e formación máis solventes e diversificadas nas suas fontes, e máis que, por outra banda, chegaron as confrontacións arabo-israelís dos anos sesenta, co climax da "blitzkrieg", a guerra-lóstrego da Golda Meir e máis do xeneral israelí do parche no ollo, como o do pirata pata-de-pau de Stevenson -estereotipo do malandro na nosa adolescencia. No meu caso, foi ise o intre en que se clarificaron os termos e persoaxes da traxedia, e emerxeu na escena a figura humana do povo palestino, nazareno excluído até daquela de presencia recoñecíbel para os meus ollos. A propria dinámica do drama conducíranos á elucidación do enguedello: unha cousa era o povo xudeu, outra distinta o sionismo, outra ainda os cidadáns israelís, e outra, en fin, o Estado de Israel. E logo, en rancho aparte, estaba a vítima contemporán dese enguedello todo, a estritamente contemporán, digo, que non era xudea: érao o povo palestino -condeado, il desta vez, á diáspora e o holocausto.

O povo xudeu é unha nación sen territorio nen fronteiras: o seu "espazo vital" de asentamento é o planeta enteiro. Non é preciso un territorio para constituir unha nación -e demostrado está dende Bauer a Löwy. O povo xudeu é caso paradigmático, mais non único: o zigano é outro máis. O sionismo é unha forma aberrante de nacionalismo expansionista e, tanto no seu trasunto profundo coma no seu contexto sociohistórico, imperialista. De feito a sua orixe temporal, a fins do s. XIX, está imbricada no ponto de inflexión transicional antre duas hexemonías planetarias, a do imperialismo británico en declive e a do imperialismo norteamericán emerxente. Un nacionalismo chovino reaccionário e quimérico -e son consciente de que a quimera é un monstro mitolóxico que suscita pavura. O primeiro, porque pretende darlle volta atrás á história dun povo e da humanidade enteira, retornando ao século primeiro da era cristián -non hebrea. O segundo, porque a constitución dun estado israelí en Palestina non resolve a diáspora: nin a metro cadrado por habitante daría cabida á nación xudea actualmente ciscada polo mundo adiante. De xeito que a invención do Estado de Israel non resolve nen o problema nacional nen ningún dos problemas existenciais do povo xudeo. Ora ben: élle moi útil ao imperialismo contemporán, non para resolverlle os insolúbeis problemas que acobilla, mais sí para criarlles un problema tráxico aos povos do Oriente meio sometidos ao imperio ianqui. O Estado de Israel é a clave de bóveda da arquiteitura política e militar do actual Imperio nesa rexión estratéxicamente crucial para os seus recursos e intereses vitais. Por iso existe e sobrevive ese estado -que económica, social e políticamente é un enxendro inviábel en condicións normais. Aínda máis: por iso foi criado -o sionismo, por si só, non o daría conquerido. Verémolo, se queredes, a semana que ven.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
Seg. >