Ruandesas
Manoel Santos   
Domingo, 25 de Marzo do 2007

Ao redor das leis de paridade, igualdade, ou como cadaquén queira encabezalas, a cerna común da discusión, digamos para entendernos, esquerda-dereita, radica quer na defensa da discriminación positiva, quer na da valía. Entendo ben o da discriminación positiva. É facer xustiza con colectivos discriminados durante anos, décadas, séculos ou neste caso durante todos os anos, décadas e séculos que ten a historia da humanidade consciente. Mais o da valía escápaseme algo, porque sempre se dá a casualidade de que cando esa é a cunca para medir ferrados acaban mandando só homes. E ademais as contas non dan, xaora que rara é a muller mediocre que vive entre o fato de homes “do montón” que toman decisións sociais de transcendencia. Quizais o que se defende é unha especie de valía subxectiva masculinizante que eu descoñezo. Ou será que non vallo.

Mergullando pola situación das mulleres no mundo acabei dando co abraiante caso das ruandesas. O mapamundi que dende 2004 publica a ONG Socialwatch sobre equidade de xénero –cun índice medido en base á actividade económica, ao empoderamento e á educación– é un mosaico de cores nos que destaca un puntiño no centro de África da mesma cor que España, os países nórdicos, Alemaña ou Australia. É Ruanda. O maior índice de equidade de xénero de 2007 teno Suecia, seguida de Finlandia e despois… de Ruanda, o que non se corresponde en absoluto coa calamitosa situación do resto de mulleres subsaharianas, nin co índice dalgúns dos bos amigos de occidente, como Marrocos e Arabia Saudí, que están entre os dez últimos.

Diredes que como é posíbel isto nun país onde a muller foi a grande prexudicada na barbarie entre hutus e tutsis, onde a violación foi unha técnica de guerra que sufriron medio millón delas e onde o xenocidio segue latente en decenas de miles de ruandesas que hogano viven coa Sida como compañeira. Pois disque foi coas chamadas políticas de acción afirmativa, normas legais que promoveron cambios sociais no eido do xénero. Entre estas están as que destinaron ás mulleres o 30% dos cargos con capacidade de decisión –hoxe elas son o 49% do parlamento, a discriminación positiva na concesión de microcréditos e dirección de proxectos produtivos, ou a creación do Consello Nacional da Muller e a oficina de Monitoreo de Xénero. E resulta que todas, absolutamente todas, valían un mundo.•


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >