| A mafia farmacéutica. Peor o remedio que a enfermidade |
| Carlos Machado | |
| Xoves, 22 de Marzo do 2007 | |
|
[Ecoportal. Traducido por altermundo.org] O mercado farmacéutico move uns 200.000 millóns de dólares ao ano. Un monto superior ás ganancias que brindan a venda de armas ou as telecomunicaciones. Por cada dólar investido na fabricación dun medicamento obtéñense mil no mercado. E as multinacionais farmacéuticas saben que se moven nun terreo de xogo seguro: se alguén necesita unha medicina, non vai escatimar cartos para mercala. Este mercado, asemade, é un dos máis monopolizados do planeta, xa que só 25 corporacións copan o 50 por cento do total de vendas. Delas, as seis principais compañías do sector –Bayer, Novartis, Merck, Pfizer, Roche e Glaxo- suman anualmente miles de millóns de dólares de ganancias, ao que hai que engadir máis aínda, dado que todos os grandes grupos farmacéuticos son tamén potencias das industrias química, biotecnolóxica ou agroquímica. Todo iso, e a súa imparábel avidez por seguir facendo diñeiro e crecendo coma un parásito destrutivo, fai que as multinacionais do sector, facendo gala dunha total impunidade, se desentendan do seu verdadeiro cometido, a saúde, e non reparen en esmagar a competidores menores, atacar a gobernos débiles que intenten enfrontarse a elas e, o que é peor, manter prezos prohibitivos para as poboacións de escasos recursos e á vez fabricar produtos que en moitísimos casos rematan envelenando aos eventuais pacientes. Sobrados exemplos hai nese sentido. Un deles tivo como protagonista a Merck, un dos xigantes farmacéuticos que se viu obrigado a retirar do mercado unha das súas estrelas, o antiinflamatorio Vioxx (rofexocib), cuxa venda lle reportaba 2.500 millóns de dólares ao ano. Pero ata que Merck retirou esa menciña foi demasiada a sordeira, a neglixencia e a falta de ética fronte ás constantes advertencias sobre os riscos cardiovasculares que producía. Actualmente, ese fármaco podería causarlle a Merck moitas máis perdas que a súa retirada das vendas. En Estados Unidos, a compañía foi declarada responsábel da morte de Robert Ernst e obrigada a pagarlle á súa viuda 253,4 millóns de dólares, pero se atopan pendentes de resolución unhas 5.000 denuncias, e pode acontecer que a compañía farmacéutica teña que desprenderse finalmente de entre 18.000 e 50.000 millóns de dólares. Con todo non só Merck foi o responsábel da neglixencia, senón que un organismo como a Axencia para as Drogas e os Alimentos (FDA-Foods and Drugs Agency), o ente gobernamental norteamericano que supostamente debe mirar pola saúde e a alimentación dos contribuíntes, tamén é corresponsábel. Dende o ano 2002 sabíase que o Vioxx aumentaba a posibilidade de xerar infartos ao corazón ou problemas similares, polo que correron as sospeitas: Apoiou Merck algúns traballos ou investigacións da FDA, ou houbo algún tipo de contraprestación ou, se se prefire, de “subornos”? Nada diso resultaría estraño, se nos atenemos aos antecedentes da FDA no xogo de intereses con que son favorecidos os grandes grupos químico-farmacéuticos, e dos que nos ocupamos en notas anteriores. O certo é que Merck non retirou o Vioxx do mercado ata o ano 2004, un atraso inexplicábel, xa que eran demasiadas as evidencias de múltiples efectos cardiovasculares adversos do fármaco, e unha falta de resposta rápida incomprensíbel nunha compañía fundada hai 340 anos. A conclusión non é tan difícil: as vendas do produto foron máis importantes que os seus efectos adversos. Hipocráticos hipócritas Hai tempo que é vox pópuli o feito de que os laboratorios acosan aos médicos para que estes receten con exclusividade os seus produtos. Un acoso nada incómodo para os profesionais da saúde, xa que por aceptalo lévanse non poucos beneficios. Lamentabelmente hoxe en día son unha gran maioría os médicos que de bo grado se deixan caer nas redes deste suborno. Ata pode observarse, cando alguén vai a un consultorio, de que xeito os doutores deixan de lado por varios minutos a atención aos seus pacientes para dar preferencia á recepción, no medio das quendas, de traxeados visitadores médicos levando nas maletas non só as súas promocións, senón tamén os agasallos de rigor. Un caso deste tipo, e a grande escala, explotou con ribetes de escándalo en Italia, e a autoría do suborno en cuestión correspondeu a outra das grandes multinacionais farmacéuticas. Logo dun traballo que lle levou dous anos, a Fiscalía de Verona fixo pública hai uns dous anos unha investigación que sacou á luz o que nese país tamén era un segredo a voces: médicos que reciben agasallos e sumas de diñeiro dunha multinacional farmacéutica a cambio de receitar os seus produtos. A acusación apuntou, con nomes e apelidos, nada menos que a 4.400 médicos de toda Italia e a 273 dirixentes e empregados do grupo británico Glaxo Smith Kline (GSK), un dos líderes mundiais do sector, cuxa sé italiana se atopa precisamente en Verona. As prácticas en cuestión leváronse a cabo no período 1999-2002, e as acusacións van de suborno e corrupción á asociación delitiva no caso dalgúns dirixentes de Glaxo en Italia. A investigación orixinouse na rexión do Véneto, cando a Policía Fiscal descubriu na contabilidade da compañía unha cantidade esaxerada, de ao redor de 100 millóns de euros, destinada a “promoción”?. A Fiscalía acusou a Glaxo de ter desembolsado un millón de euros anual para que os médicos prescribiran determinados fármacos do catálogo da compañía. De acordo ao explicado pola policía italiana, todo o sistema de “comisións” e agasallos era controlado por un sistema informático coñecido coa clave “Giove”, no que era rexistrado o rendemento de cada médico e en base a iso establecíase a importancia do premio. Unha boa mostra de que a codicia da industria farmacéutica converteu a enfermidade nun negocio. No caso antes apuntado, contando coa complicidade de médicos que ningún favor fanlle á súa outrora noble profesión, manchando o xuramento de Hipócrates e converténdoo nun código de hipócritas. Bayer, moito máis cá unha aspirina Seguramente o grupo farmacéutico que se leva as palmas no que se refire á acumulación de diñeiro e poder sen que lle importe pisotear pequenos competidores e, peor aínda, envelenar consumidores, é Bayer AG. Unha empresa presente en todos os países do mundo que opera na mesma sintonía de colegas seus como Monsanto e Dow Chemical, multinacionais químicas que tamén abranguen o rubro farmacéutico e das que nos ocupamos en notas recentes. A historia da compañía alemá Bayer, coa súa sé central na cidade de Leverküsen, remóntase ao século XIX, cando naceu como IG Farben, e está colmada de feitos aberrantes, pero claro, “diso non se fala”, e tendo como toda transnacional con trapos enlixados quen llos lave e contando ademais con 400 parlamentarios no seu país, tanto rexionais como nacionais, que antes pasaron polas filas da empresa e continúan brindándolle fidelidade, agochar parte da súa historia negra non lle resulta difícil. Pero aquí recordaremos parte desa historia. Esta multinacional, que tamén se identifica con axentes de guerra química, con innumerábeis insecticidas e velenos caseiros e con “medicamentos” como a heroína -un patentamento de Bayer antes de comprobar o que causaría-, traballou en moitas oportunidades estreitamente con ditadores e criminais de guerra, dende Hitler en diante. Un dos seus directores, Carl Duisberg, xa se encargara persoalmente de propagar o concepto de “traballos forzados” durante a Primeira Guerra Mundial, idea que posteriormente foi aplicada con moita máis dedicación polos nazis, ao someter a eses traballos forzados a prisioneiros de guerra, habitantes dos países ocupados e traballadores estranxeiros. Isto á súa vez derivou cara os asasinatos masivos, moitos deles no campo de concentración cuxos terreos eran propiedade da IG Farben e do que se garda un lamentábel recordo: Auschwitz. Pero a compañía non só colaborou con eses terreos. Tamén fabricou o gas Zyclon B, empregado para exterminar xudeus nese e outros campos de concentración. Logo da Segunda Guerra Mundial, a IG Farben fragmentouse nas empresas Bayer, BASF e Hoechst, pero ningunha das tres indemnizou adecuadamente ás vítimas, sobrevivintes ou familiares. Cando morría o século XX e tras unha investigación de nove meses, Bayer foi achada responsábel da morte de 24 nenos na remota aldea andina de Taucamarca, en Perú, ao inxerir no seu almorzo alimentos envelenados co pesticida metil-paratión, en tanto outros 18 sufriron danos na súa saúde e no desenvolvemento a longo prazo. O pesticida, un organofosforado que era comercializado pola compañía co nome de Folidol, era vendido a pequenos agricultores en toda a zona andina peruana, a maioría deles analfabetos e que só falan en idioma quechua. Bayer empaquetaba ese pesticida –un po branco semellante ao leite en po e sen cheiro a químicos- en pequenas bolsas plásticas, etiquetadas en español e co debuxo dun vegetal, en tanto as etiquetas non ofrecían ningunha información de seguridade, nin sequera en pictogramas, que puidesen ser interpretadas polos habitantes das aldeas. Un informe do Congreso peruano concluíu en que Bayer debería compensar ás familias afectadas, e estas iniciaron en outubro de 2001 unha acción xudicial contra a empresa e a súa subsidiaria Bayer-Perú, alegando que deberon tomar medidas para previr o mal uso dun produto estremadamente tóxico dada a preeminencia de idiomas indíxenas no interior de Perú. Con todo, dous días despois de iniciada a acción legal o xuíz da Corte Superior de Lima desestimou a demanda por “cuestións de procedemento” e concluíu sumariamente, e ilegalmente, que os demandantes “non suscitaran de xeito adecuado o caso substancial”. Segundo as leis peruanas, na fase inicial do litixio o xuíz só pode determinar se os documentos da demanda están completos ou non, pero non pode pronunciarse sobre cuestións legais substanciais. Outra mostra do poder dunha multinacional, neste caso quizais presionando ou comprando a un xuíz?. O caso é que as familias apelaron esa sentenza ilegal e, polo que se sabe ata agora, agardaban a fixación dunha nova audiencia, mentres acusan ademais ao ministerio de Agricultura peruano de non facer aplicar as normas sobre pesticidas, dado que nese país é común a venda sen control de pesticidas de “uso restrinxido”, como o que causou a morte deses 24 nenos. Durante o Cume Mundial sobre Desenvolvemento Sustentábel que se levou a cabo en Johannesburgo, Suráfrica, as familias afectadas escribiron ao entón secretario xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan, pedíndolle que excluíse a Bayer do Pacto Mundial da ONU debido ás accións desa compañía en Perú. O Pacto Mundial é unha asociación entre a ONU e diversas empresas multinacionais que se comprometeron a “respectar o ambiente e os dereitos humanos”. A carta a Annan foi asinada, en representación da aldea de Taucamarca, por Víctor Huarayo Torres, que tiña dous fillos entre os 24 nenos mortos polo envelenamiento co pesticida de Bayer, e expresa: “Os pais doentes da miña aldea non podemos entender como a ONU pode apoiar a unha compañía como Bayer, que continúa vendendo os seus pesticidas máis tóxicos, clasificados pola OMS (Organización Mundial da Saúde) como estremadamente perigosos, moitos anos despois de prometer publicamente retiralos, en 1995. Tampouco entendemos por que a ONU protexe á compañía que permitiu a venda de metil-paratión nunha rexión onde sabía que os residentes non poderían ler as instrucións da etiqueta”. Malia as súas famosas aspirinas, Bayer debeu soportar algunhas outras dores de cabeza, como en maio de 2003, cando un equipo de avogados de California presentou unha demanda contra a compañía en nome de enfermos hemofílicos. A acusación foi que Bayer vendera na década de 1980 coagulantes infectados cos virus da Hepatitis C e o HIV. Por suposto, Bayer rexeitou a acusación explicando que se atera a “normas existentes na época”. Hai que preguntarse se esas “normas” tiveron que ver cos manexos da FDA norteamericana, difundidos nesta e outras notas, para xogar a favor dos intereses das multinacionais químico-farmacéuticas. Por outra banda, a Bayer interesáballe moito facer pé en Wall Street chegando a cotizar na Bolsa de Nova York, unha cima á que aspiran chegar todas as grandes multinacionais, e para iso debía ter unha carta de presentación intachábel. Asinada seguramente por unha FDA convintemente “aceitada” e polo feito de facer “boa letra” no mundo cos seus produtos e evitando xuízos e demandas, polo menos ata que lograse aquel obxectivo. Con todo non lle foi tan doado, xa que debeu retirar do mercado o Lipobay (Cerivastatina), unha menciña para combater o colesterol que non fora debidamente comprobada, logo de que ocasionase miles de mortes por infartos e outras doenzas cardíacas. A criminal actuación de Bayer con ese fármaco obedeceu á súa necesidade de atopar un oco no mercado dos medicamentos contra o colesterol, copado por multinacionais norteamericanas. Necesidade e urxencia que demostraron, unha vez máis, que os intereses destes grandes grupos están moi por riba da ética e da saúde á que din servir. De tódolos xeitos, Bayer non sufriu neste caso os efectos de ningunha demanda na súa contra. É que as multinacionais farmacéuticas integran unha parte destacada da chamada Mesa Redonda Europea de Industrias, que se reúne periodicamente con altos conselleiros da Unión Europea para deliñar as “liñas xerais” de cada sector. E como se dixo anteriormente, Bayer dispón de 400 ex executivos da firma que agora son parlamentarios rexionais ou nacionais, aos que a multinacional ademais reúne mensualmente para presionarlos ou telos controlados, polo cal non resulta para nada anormal que o goberno alemán a teña absolto de toda responsabilidade, negándose a iniciar calquera acción xurídica, pese ás contundentes probas na súa contra. Outro exemplo do desprezo destes grandes grupos pola humanidade deuse cando, a comezos do 2003, o India Committee of the Netherlands publicou un informe segundo o que as multinacionais Bayer, Monsanto, Unilever e Syngenta explotaban a nenos na produción de sementes na India. Para concluír con algunhas mostras máis do que realmente representa Bayer máis aló das súas afamadas aspirinas, podemos referirnos a que esta compañía, unha das que máis comercializa herbicidas, faio con algúns que ocasionaron lesións graves en persoas e animais, especialmente no Terceiro Mundo, onde os grandes grupos químico-farmacéuticos atopan un campo fértil para que os seus velenos sexan aceptados e vertidos. Así aconteceu co Baysiston, utilizado nos cultivos de café; Gaucho, para os de xirasol; e o moi perigoso nematicida Fenamifos (Nemacur). En todo caso, estas multinacionais sempre van estar cubertas en todos os flancos posíbeis, xa que se os “mecanismos políticos habituais” chegasen a fallar, póñense en marcha outros plans. Acción e reacción Deses plans ben pode dar conta o colombiano Germán Velázquez, doutor en Economía e director do Programa Mundial de Medicamentos da OMS, quen se atreveu a publicar un estudo no que recomenda, entre outras cousas, a elaboración de medicamentos xenéricos e a eliminación das patentes, ademais de opoñerse aos tratados de libre comercio (TLC) que con tantas urxencias e presións intenta impor Estados Unidos. Desde entón o home vive baixo ameazas de morte. En maio de 2001 foi atacado en Río de Xaneiro por un descoñecido que lle roubou a súa carteira, golpeouno e cunha navalla deixoulle nunha das súas bonecas unha cicatriz de 16 centímetros. O que quedara como un simple atraco tomou outro cariz en Miami, cando Velásquez asistiu a unha reunión da OMS: unha noite en que camiñaba por Lincoln Road foi abordado por dous homes que o golpearon e ameazárono de morte. Mentres estaba tendido no chan, os seus atacantes dixéronlle: “Esperamos que aprenda a lección de Río. Deixe de criticar á industria farmacéutica”. A cuestión estaba máis clara. Velázquez denunciou o feito á policía de Miami e comunicouno de inmediato á sé da OMS. Segundo informou no seu momento o diario español El Mundo, ao seu regreso a Xenebra todo pareceu volver á normalidade, pero dez días despois soou o teléfono pola noite no domicilio de Velázquez e unha voz preguntoulle en inglés: “Ten medo?”. Cando Velázquez preguntou quen era, a voz respondeulle: “Miami, Lincoln Road”. Desde ese momento non cabían máis dúbidas de que a vida do funcionario da OMS estaba en perigo tanto na súa casa como no estranxeiro. Dúas semanas despois repetiuse a chamada advertíndolle que non asistise á reunión -que posteriormente se celebrou e á que Velázquez asistiu de calquera xeito- da Organización Mundial de Comercio (OMC), para discutir sobre a relación entre o dereito á saúde e a propiedade intelectual dos medicamentos esenciais. Aínda por riba, e como outra mostra dos poderes con que son protexidos os intereses das multinacionais, a entón secretaria de Estado norteamericana, Madeleine Albright, suxeriulle a quen era directora da OMS, Gro Harlem Bruntland, que retirase de circulación o estudo elaborado por Velázquez e, máis aínda, que o despedise, pero esta funcionaria decidiu manter a súa posición negativa respecto diso. O caso é que Germán Velázquez continúa loitando, entre outros aspectos, contra as patentes exclusivistas das multinacionais farmacéuticas, pola libre elaboración de genéricos e por un doado acceso dos países pobres aos medicamentos, mentres se viu obrigado a vivir baixo permanente protección policial e dunha patrulla das Nacións Unidas. Presións ás que obrigan as grandes “familias” da mafia farmacéutica. O gran negocio A globalización permitiu que se desenvolva unha nova forma de poder, a farmacocracia, capaz de decidir que enfermidades e que enfermos merecen cura. É así como o 90 por cento do orzamento dedicado pola industria farmacéutica para a investigación e o desenvolvemento de novos medicamentos está destinado a enfermidades que padece só o 10 por cento da poboación mundial. Un terzo desta carece de coidados médicos adecuados. A codicia das multinacionais do sector, os aranceis, os atrancos burocráticos e a corrupción dos propios gobernos dos países empobrecidos fan posíbel que máis de 2.000 millóns de persoas se vexan privadas do seu dereito á saúde. Segundo a OMS, millóns de persoas en Africa, Asia e América Latina sofren as chamadas “doenzas esquecidas”, como o dengue hemorráxico, a filiasis linfática, a oncocercosis, a enfermidade do soño ou o mal de Chagas, que afectan a 750 millóns de persoas e acaban coa vida de medio millón cada ano. Enfermidades causadas xeralmente por parásitos, transmitidas por medio de auga insalubre ou por picaduras de insectos; pandemias que caen no esquecemento porque só afectan ás comunidades máis pobres; e vítimas que non contan con cartos dabondo para acceder a un tratamento ou unha medicación adecuada. O caso da SIDA é un exemplo claro da diferenza que se dá a unhas doenzas ou a outras, segundo o nivel adquisitivo de quen as padecen. Nos seus comezos foi unha enfermidade mortal da que poucos oíran falar, pero cando pasou a afectar a persoas dos países desenvolvidos con capacidade para facerse escoitar, asociarse e reclamar o seu dereito á saúde, as multinacionais farmacéuticas desenvolveron medicamentos que converten á SIDA nunha enfermidade crónica e non mortal. Aínda así, máis de cinco millóns de persoas morren cada ano polo HIV e a maioría dos enfermos –nove de cada dez infectados viven en países empobrecidos- non poden pagar os tratamentos axeitados. A vacuna contra a SIDA ben podería levar anos pechada baixo chave na caixa forte dalgunha multinacional farmacéutica. Para ningunha delas sería rendíbel comercializarla, sobre todo tendo en conta que as persoas máis expostas a esta enfermidade non poderían pagala e que os enfermos dos países desenvolvidos xa pagan importantes sumas de diñeiro para o seu tratamento. Este é un dos abundantes capítulos que poboan o particular código de “ética” dos grandes grupos químico-farmacéuticos. O director do Programa Mundial de Medicamentos da OMS, o noso xa coñecido e ameazado Germán Velázquez, no Diálogo “Saúde e Desenvolvemento: os retos do século XXI” efectuado en Europa en 2004, explicou que “as patentes dos medicamentos poden estar bloqueando o desenvolvemento en lugar de potenciarlo, pois se trata dun monopolio que conleva altos prezos”. Sinalou tamén que no mercado dos medicamentos, “no canto de regras negociadas por todos e en interese de todos, moitas decisións da Organización Mundial de Comercio son tomadas a porta pechada e protéxense intereses especiais”, e ao referirse á situación sanitaria en Africa subliñou: “Aínda que é certo que a non atención médica das persoas está penada coa cadea, actualmente estase cometendo ese crime cun continente enteiro e as súas vítimas pódense contar por millóns”. Noutra orde e referíndose ao tema da SIDA, expresou que “é unha vergoña que o 99 por cento das persoas que teñen acceso aos retrovirais vivan en países desenvolvidos, mentres o 75 por cento das persoas de todo o planeta viven nos países pobres, onde se vende só o 8 por cento de todos os medicamentos do mundo”. En relación aos medicamentos xenéricos -outra das batallas en moitos casos desigual que libran algúns países do Terceiro Mundo contra as multinacionais farmacéuticas xa que son moito máis baratos que os patentados por estas-, India encabeza a produción mundial, e os exporta a varios países de Asia e ata a algúns en desenvolvemento. Pero tamén está enfrontando nos tribunais, entre outras, a embestida do laboratorio Novartis, un dos “grandes” do sector, xa que o goberno indio negoulle unha solicitude de patente para introducir o Glivec, un medicamento contra o cancro. Polo momento as empresas indias continúan producindo o seu similar xenérico, que custa só 2.700 dólares por paciente e por ano, fronte á versión de Novartis cuxo valor é de dez veces máis, 27.000 dólares, tamén por paciente e no mesmo período. Pola súa banda, Tailandia emitiu recientemente unha licenza obligatoria para crebar a patente do Efavirenz, un produto da compañía Merck contra o HIV, a fin de importar o xenérico de fabricación india. Ao tempo, Filipinas está por librar unha batalla legal contra a empresa Pfizer para poder importar da India unha versión do Norvasc, un fármaco para pacientes con problemas cardíacos. Por suposto que as multinacionais do sector arremeten con demandas, xuízos e todo artiluxio xurídico contra estas expresións de independencia sanitaria dos países que se atreven a poñela en xogo. Non é para menos se temos en conta, por exemplo, que respecto do Norvasc a compañía Pfizer obtén en Filipinas 60 millóns de dólares anuais só pola venda dese medicamento, que cotiza a máis do dobre do prezo do que está vixente noutros países, aproveitándose tamén de que en Filipinas as enfermidades cardíacas constitúen a principal causa de morte. O certo é que centos de miles de persoas poderían salvar as súas vidas se os países desenvolvidos asegurasen que os seus compromisos de Doha, Qatar, durante a reunión da Organización Mundial de Comercio, en materia de lexislación de patentes, compromisos nunca asumidos efectivamente ata o momento, proporcionen un equilibrio entre dereitos e obrigacións, garantindo así que as vidas das persoas se antepoñan aos beneficios económicos das compañías farmacéuticas. Rumsfeld e a gripe aviaria O tema da gripe aviaria alcanzou altos niveis mediáticos nos dous anos anteriores. Ao pouco tempo, logo de alcanzar tamén altos niveis de alarma transmitidos á poboación mundial, as augas comezaron a serenarse. Por unha banda dicíase que unha pandemia de gripe aviaria –comparándoa coa de influenza ou “gripe española”, que custou uns 50 millóns de vidas no planeta entre 1918 e1920- custaría á súa vez outros varios millóns de vidas, especialmente en países pobres. Pero logo apareceron algunhas estatísticas que desvirtúan algo esa alarma, máis aínda cando o mundo está a case cen anos daquel período, no que a tecnoloxía e a elaboración de menciñas estaba practicamente en pañais. Ditas estatísticas mostran que desde hai nove anos, cando foi detectado en Vietnam o virus da gripe aviaria, aínda non chegan a cen as vítimas mortais, un promedio de once mortes ao ano, e en todo o mundo. Aínda que non é para quedarmos tranquilos esaxerando a confianza, aínda non dá para asustarmonos demasiado. Con todo, a aparición do virus H5N1, nome científico do que causa a gripe aviaria, veulle ben a un home que atopou a escusa para lanzar outra das súas guerras preventivas: o presidente norteamericano George W. Bush, quen axiña fixo soar a campá de alarma para que o mundo tremese de medo. É que achara unha poderosa arma preventiva, coa que ten bastante que ver a súa ata hai pouco brazo dereito nisto de lanzar guerras por aquí e por alá: o inefábel Donald Rumsfeld. Trátase do antiviral Tamiflu, comercializado pola compañía farmacéutica suiza Roche, que en pouco tempo converteuse na galiña dos ovos de ouro: os ingresos pola súa venda pasaron de 254 millóns de dólares en 2004 a 1.000 millóns en 2005. Ademais cun teito imprevisíbel por diante, tendo en conta a grotesca reacción dos gobernos occidentais ao efectuar pedidos masivos do fármaco. Con todo, a realidade é que a eficacia do Tamiflu é cuestionada por gran parte da comunidade científica: moitos se preguntan como se espera que poida servir ante un virus mutante cando apenas alivia algúns síntomas, e non sempre, da gripe común e corrente. Unha breve historia, se cadra, aclare algo a cuestión. Como ben sinala o Dr. José Antonio Campoy, director de “Discovery Saúde”, ata o ano 1996 o Tamiflu era propiedade da empresa Gilead Sciences Inc, que ese ano vendeu a patente aos laboratorios Roche. E quen era entón o seu presidente? Pois nada menos que o incombustíbel e ata hai pouco secretario de Defensa de Estados Unidos, Donald Rumsfeld, a quen lembramos nunha nota anterior como vencellado no seu momento ao laboratorio Searle, logo adquirido pola multinacional Monsanto, descubridor dun endulzante de tráxicos antecedentes como o aspartamo, comercializado baixo os nomes de Nutrasweet e Equal e compoñente hoxe en día da maioría dos edulcorantes e produtos marcados como “non calóricos” ou “libre de azucre” que pululan no mundo, algo a que tamén nos referimos nunha nota anterior. Hai que destacar que Rumsfeld continúa hoxe vencellado a Gilead Sciences Inc. como un dos seus principais accionistas. O caso é que cando se comezou a falar da gripe aviaria, Gilead quixo recuperar o Tamiflu alegando que Roche non facía os suficientes esforzos para fabricalo e comercializarlo. Que tivo a suficiente forza para logralo –forza na que probabelmente puxo a súa parte o entón secretario de Defensa- demóstrao o feito de que ambas as dúas empresas sentaron a negociar, acordando axiña constituír dous comités conxuntos, un encargado de coordinar a fabricación mundial do fármaco e decidir sobre a autorización a terceiros para fabricalo, e outro para coordinar a comercialización das vendas estacionais nos mercados máis importantes, incluído Estados Unidos. A todo isto hai que engadir un detalle máis: Roche xa se quedou co 90 por cento da produción mundial de anís estrelado, planta que crece fundamentalmente en China aínda que se atopa tamén en Laos e Malasia, e que é a base do Tamiflu. Así o escenario foise completando. Só faltaba comezar a atopar aos poucos e en distintos países algunhas aves contaxiadas co virus “unha galiña aquí, dous parrulos alá-, para crear así unha alarma mundial coa axuda de científicos e políticos sen demasiados escrúpulos ou de escasa capacidade intelectual, e dos grandes medios de prensa, que como todos saben non se caracterizan precisamente por investigar o que publican ou emiten. E que ten que ver Rumsfeld con todo isto?. Pois nada absolutamente, se nos atemos á súa resposta, claro. De acordo a un comunicado emitido en outubro pasado polo Pentágono (outra fonte “críbel”), o entón secretario de Estado non interveu nas decisións que tomou o goberno dos seus amigos, o presidente Bush e o vicepresidente Dick Cheney, sobre as medidas preventivas que había que adoptar fronte á “ameaza de pandemia”. O comunicado afirma que se abstivo e non tivo nada que ver na decisión da administración norteamericana de aconsellar e apoiar o uso do Tamiflu a nivel mundial. Polo tanto, ao home hai que crerlle. Como cando asegurou solemnemente que en Iraq había armas de destrución masiva. Ademais, o feito de que o seu nome apareza vencellado a unha vacunación xeralizada contra unha suposta gripe do porco durante a presidencia de Gerald Ford, na década de 1970, que deu como resultado máis de 50 mortos por mor de efectos secundarios, non é máis que unha coincidencia. Como tamén o é que a FDA aprobase o aspartamo aos tres meses de que Rumsfeld se incorporase ao gabinete de Ronald Reagan, pese a que tras dez anos de estudos do produto non se tomou ningunha decisión. Por suposto, Rumsfeld tampouco tivo nada que ver, tralo atentado ás Torres Xemelgas, coa compra do Vistide, fármaco adquirido masivamente polo Pentágono para evitar os efectos secundarios que podía producir a vacuna contra a varíola entre os soldados norteamericanos aos que lles foi aplicada antes de ser enviados a conquistar Iraq. Ademais, que o Vistide fose tamén un produto do laboratorio Gilead Sciences Inc., creador do Tamiflu, é outra coincidencia. Así que a non pensar mal de Donald Rumsfeld e, en todo caso, a seguir de preto todas as informacións que aínda aparecerán sobre a gripe aviaria, e polas dúbidas a encher os botiquíns con Tamiflu. Se cadra non será unha menciña moi combativa contra a gripe aviaria, pero polo menos poderá evitar, cun pouco de sorte, un modesto resfrío. Os laboratorios de Frankenstein Para ir concluíndo esta triloxía de notas nas que expuxemos á consideración dos lectores os desastres mundiais contra a humanidade a que a someten as multinacionais químicas como Monsanto e Dow Chemical, entre outras; os graves problemas de saúde xerados polo Nutrasweet, os seus derivados e os demais edulcorantes cuxa base é o aspartamo; e esta última sobre os atentados contra a saúde que tamén cometen as multinacionais farmacéuticas, dedicaremos un párrafo a outras compañías que, nas súas investigacións para crear novos produtos ou mellorar os xa existentes, realizan experimentos aberrantes. A compañía Procter & Gamble (P&G) –dedicada á creación e comercialización de produtos que van dende xabróns, champús e deterxentes a diversos cosméticos e elementos femininos como toallas hixiénicas e tampóns, e que non hai moito estendeu o seu accionar ao rubro farmacéutico, do mesmo xeito que Nestlé e Colgate-Palmolive está sendo acusada nos últimos tempos de levar a cabo crueis experimentos de laboratorio con animais, xa sexa para probar químicos, cosméticos ou alimentos balanceados. A organización británica “Uncaged”, que loita polos dereitos dos animais, acusa a Procter & Gamble de realizar experimentos dolorosos, invasivos e letais en cans, gatos e outras mascotas. Algúns dos que se mencionan son alerxias severas inducidas en cachorros Siberian Husky e gatos mortos en experimentos abdominais invasivos. Á súa vez PETA (People for Ethical Treatment for Animals), outra entidade protectora de animais con máis dun cuarto de século de traxectoria e con sé en Virxinia, Estados Unidos, logrou introducirse nun dos laboratorios de IAMS, empresa adquirida en 1999 por P&G, e declarou atopar cans que se volveron tolos tras un intenso confinamento en gaiolas con barrotes que tiñan escasas dimensións, outros aos que lles extirparan as cordas vocais e algúns animais esmorecendo nas súas gaiolas, abandonados e sufrindo horrores, sen asistencia veterinaria. Os experimentos –denunciados en varias oportunidades e que motivaron que activistas de varios países, encabezados por “Uncaged”, realizasen un día de boicot a P&G en maio de 2005, repetíndoo exactamente un ano despois- inclúen a queima da pel dos animais con ácidos, introducirlles pos nos ollos e outras lindezas polo estilo. Todo en nome da ciencia, por suposto. Pola súa banda, Nestlé Purina Petcare leva experimentando desde 1926 nun complexo ubicado en Saint Louis, Missouri (casualmente veciños de Monsanto), onde aloxan ao redor de 600 cans e 500 gatos en trece edificios. Eles mesmos publican os seus experimentos –entre os que figuran certos estudos nos que inducen fallos renais en cans e outros animais para despois experimentar a súa cura cunha dieta baixa en proteínas- en xornais científicos, co fin de engordar as carreiras e currículums dos seus investigadores. En canto a Colgate-Palmolive, realiza as súas probas no Hill’s Pet Nutrition, en Topeka, Kansas. Fai algúns anos, a Unión Británica contra a Abolición da Vivisección publicou detalles dun experimento levado a cabo pola compañía na Universidade de Columbia, no que se encerraba a coellos de Indias en pequenos tubos de plástico e se lles aplicaba unha forte solución de sulfuro durante catro horas ao día por espazo de tres días. Iso causaba que a pel dos animais crebase e sangrase. Os aquí expostos foron, en suma, algúns dos exemplos que nos obsequian as multinacionais químicas e farmacéuticas –en boa parte dos casos ocultándoos, disfrazándoos, desmentíndoos ou atacando a quen se atreva a denunciar, criticar ou oporse por calquera medio aos seus designios-, e que nos deixan unha pregunta practicamente incontestábel: á vista dos efectos nocivos de moitos produtos elaborados polas grandes compañías do sector, de que os mesmos sexan inalcanzábeis para gran parte da poboación mundial polos seus custes ou por non chegar aos seus países, e dos monopolios exercidos por estas multinacionais respecto do patentamento dos fármacos, que podemos consumir en definitiva?; como podemos defendernos do envelenamento dos químicos e dos medicamentos non debidamente comprobados?; quen nos protexerá contra tantas carencias e abusos?. Quizais a última palabra só a teñamos nós mesmos.• |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
