| A vella farsa tráxica VIII |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Martes, 20 de Marzo do 2007 | |
|
Vítimas e verdugos: as metástases do racismo nazi (II) Apreixado, como nun pantermo, pola sua propria función e razón de ser na estratexia do actual imperialismo ianqui, o Estado de Israel compórtase nas pautas dunha sorte de síndrome freudián: a traveso dil, e mália elas mesmas, as vítimas de outrora tórnanse verdugos de arestora. Ese estado ven ser unha metástase -e como tal metástase, unha metamorfose desprazada na ubicación- do racismo nazi que tentara acadar o exterminio do povo xudeu meiante a "solución final" dun problema que só o proprio nazismo enxendrara: a máis bárbara e satánica forma de "limpeza étnica" endexamáis praticada na historia moderna da humanidade. Gardadas, repito, tódalas proporcións pertinentes antre as magnitudes respeitivas do cancro nazi e a metástase israelí. Mais, ao cabo, de limpeza étnica se trata. Tentarei crarexarvos o aparente enigma. Benny Morris é un nome clave na historiografía do proceso de fundación e consolidación do actual Estado de Israel. Hai cousa de dous decenios que a sua obra encol da xénese da diáspora, non xudea, senón dos refuxiados palestinos polo mundo adiante - "The birth of the Palestinian Refugee Problem"- suscitou un considerábel escándalo. Un dos motivos do escándalo -non o principal, naturalmente, que radicaba nos contidos e revelacións desa obra- estribaba en que Morris, lonxe de ser un apoloxista pro-palestino, era il mesmo un sionista confeso e militante. Pouco despois, recuncou con estudos sobre as guerras fronteirizas de Israel a partir do 1949. Mais, alén diso, Morris é autor dunha extensa e documentada obra sobre o conflito arabe-israelí dende os comenzos do movemento sionista até o remate do século XX -"Righteous Víctims: A History of the Zionist-arab Conflict, 1881-2001". Trátase, portanto, dunha autoridade sobranceira nesa materia. Pois ben, a New Left Review, nunha das suas entregas do ano 2004, publicou unha ampla entrevista feita a Benny Morris por Ari Shavit. Xa o título desa entrevista resulta inequívoco na sua expresión: "Encol da limpeza étnica en Palestina". Pero, a maior abondamento, os editores da NLR, na presentación que fan dese documento, informan aos seus leitores de que a tal entrevista fora publicada meses antes no xornal Haaretz baixo estoutro rótulo: "Supervivencia dos máis aptos" -enunciado que, inevitábelmente, fainos evocar o darwinismo social racista e, por pasiva, o designio nazi da extinción dos "untermenschen", os infrahomes ou subhumáns. Como sinala a NLR, "Morris enuncia ao seu abraiado interlocutor -Ari Shavit- duas verdades desagradabeis: que o proxecto sionista só puido levarse a cabo meiante unha limpeza étnica deliberada, e máis que, unha vez encetada, as únicas razóns para interrompela antes dunha total eliminación da povoación árabe de Palestina foron puramente circunstanciais e tácticas". Nefeito, Shavit non oculta o seu pasmo na introdución á entrevista feita a Morris. "De xeito -di- que, durante os últimos dous anos, o cidadán Morris (sionista combativo) e o historiador Morris (historiador veraz) traballaron como se non hou bese ningún vencello antre iles, como se un diles estivese tentando salvar o que o outro teimaba en erradicar". E non é para menos. Resulta abraiante -e estarrecedor- que alguén que corrobora -como fai Morris na entrevista- que, xa no 1948, "Ben Gurion foi persoalmente responsábel dunha política deliberada e sistemática de expulsión en masa" dos palestinos, afirme a seguida que "Ben Gurión tiña razón" e, por riba, non se inmute. Entresácovos algunhas perguntas e respostas ilustrativas. "Shavit: Estamos a falar do asasinato de milleiros de persoas, da destrución de toda unha sociedade. Morris: Unha sociedade que pretende matalo a ún, obrígao a destruila. Shavit: Dá callafríos o xeito tan tranquilo en que o di. Morris: Se espera que me desfaga en bágoas, lamento desilusionalo. Shavit: Daquela, cando os mandos israelís non se inmutaron á vista da longa e terríbel coluna de 50.000 persoas expulsadas de Lod, ¿xustifícaos vostede?. Morris: Enténdoos moi ben. Non creo que tivesen problemas de conciencia, e eu tampouco os tería tido. Sen aquela acción non terían gañado a guerra e o Estado xudeu (sic) non tería nacido. Shavit: ¿Non os condea moralmente?. Morris: Non. Shavit: Perpetraron unha limpeza étnica... Morris: Hai circunstancias na historia que xustifican a limpeza étnica. Shavit: ¿E era ésa a situación en 1948?. Morris: Así é. Era ésa a que o sionismo tiña perante si. O Estado Xudeu (sic) non tería nacido sen a expulsión de 700.000 palestinos. Portanto, compría expulsalos. Non había outra opción." Milosevic foi condeado, e está morto, por algo así -só que era xefe do Estado servio, non do israelí como Ben Gurion. E 1948 era só o comezo. O Estado de Israel leva meio século a violar os dereitos do home (e o cidadán) proclamados na Carta das Nacións Unidas -ás que pertence sen ter sido expulsado- e máis a facer caso omiso dun feixe de resolucións do consello de seguridade da mesma ONU. Como se tal cousa. Perdón, confundínme. Como se tal cousa, non: culminou a sua escalada, polo de agora, coa agresión bélica permanentemente "quente" -sen declarar a guerra, mais seica iso está de moda- e o cercamento das comunidades palestinas coa reprodución, a escada multiplicada en dimensión, do muro que caira en Berlín ao final da guerra "fría". Por certo que, hai poucos meses, un ensaio do historiador Gadi Algazi revela que "unha alianza militarizada de empresas de software subvencionadas polo Estado israelí, de promotores inmobiliarios, e de bolsas cautivas de forza de traballo feminina xudea-ortodoxa está a forxar o perímetro do Muro de separación levantado nos territorios ocupados" en Cisxordania. ¡Non todo ía ser motivación ideolóxica e relixiosa de seguridade "nacional"! O máis grave do enguedello é que -outravolta falan os editores da NLR- "a lóxica da posición de Morris é irrebatíbel. Se os palestinos poden ser maltratados até que se resignen a dárense por satisfeitos con menos dunha quinta parte do país, daquela ¿por qué non acabar con iles e expulsar a tódolos que aínda fican ali? O mérito da sinceiridade de Morris radica en deixar claro que o "proceso de paz" en tódalas suas formas -tan múltiple como monótono, dende Oslo a Xenebra- non é outra cousa que a guerra contra os palestinos librada por outros medios". Esta paráfrase tácita do famoso aforismo de von Clausewitz, en formulación invertida ademáis, resulta dunha atroz elocuencia como conclusión: a política ianqui-israelí como continuación da guerra anti-árabe por outros medios. Hai dous anos, Virginia Tilley, investigadora en ciencias humanas en Pretoria, publicou un libro - "The One-State Solution"- no que se baseaba nos resultados dos seus exaustivos estudos sobre os conflitos raciais no caso surafricano para propugnar a fórmula dun só estado como única solución posíbel para o conflito israelo-palestino. O ano pasado, un profesor de ciencias políticas israelí arremeteu contra a tese da Tilley por considerala ilusoria, divorciada da realidade social e descoñecedora da "verdadeira natureza do sionismo". Na sua réplica, Tilley reitera como única saída política factíbel unha democracia non confesional nun único estado laico xudeu-palestino. Non podo eu abesullar sequer se esa solución é ilusoria ou podería ser viábel. Mais considero lúcidas, e comparto, as aseveracións da Tilley que vos transcribo eiquí: "os argumentos sionistas a prol dun Estado xudeu fan equiparacións confusas antre nacionalidade e estatalidade (moita xente adoita confundir "Estado" e "nación"). Tampouco están familiarizados coa profunda transformación experimentada polo conceito de "Estado-nación" no último meio século, desprazándose de premisas étnicas cara outras cívico-territoriais. En consecuéncia, os sionistas non entenden que Israel tense convirtido, a ese respeito, nun resíduo atávico: nun anacronismo." Entramentras, o povo palestino padece un brutal exílio interior: fragmentación, expoliación, mutilación, asedio, éxodo, humillación sistemática. E violencia. Que é recíproca, sí -só que desproporcionada en magnitude e desigual en catalogación pola peneira mediática. Cando a violencia a exerce Israel, as vítimas palestinas sóno de ataques do exército israelita. Cando a exercen os palestinos, as vítimas israelís sóno de accións terroristas. ¿Alguén aceitaría hoxe que se alcumase de terrorismo ás accións da resistencia francesa ou dos partisanos italiáns na Francia e na Italia ocupadas polo exército do III Reich durante a IIª Guerra Mundial? Mais non só os palestinos son vítimas. Tamén os cidadáns do Estado israelí, sexan simples demócratas pacifistas, críticos discrepantes ou activos disidentes da deriva xenocida sionista. Nun libro conmovedor e estremecedor, editado en Francia hai xa tres anos, medio cento diles erguen as suas voces frente aos verdugos desta traxedia. Sirvan de homenaxe a todos iles -e elas- estas palabras de Michael Warschawski no prefacio desa ágora das "voces disidentes en Israel": "Ao deixaren de pensar, a maioría dos inteleituais israelís perderon a capacidade de distinguiren o ben do mal. Cando lle pedín que utilizase a sua autoridade moral para facer cesar os tiroteos sobre as ambulancias palestinas, un grande escritor-de-esquerda israelí contestoume: "Deixe de facer moralismo; a situación esixe posicións políticas, non leicións de moral." (...) (Pero) aínda existen en Israel homes e mulleres que rexeitan ouvear cos lobos. Israelís que non aceitan facer calar á sua conciencia, nen amordazar a sua capacidade crítica. Israelís que resisten e loitan contra o racismo e o ódio, contra a resignación e o desespero. Israelís que non deixaron de crer na praz, e que seguen a loitar a prol da coexistencia dos povos." • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

