| Verdades incómodas |
| Miguel-Anxo Murado | |
| Venres, 16 de Marzo do 2007 | |
|
[La Voz de Galicia. Miguelanxo Murado] CANDO o líder do partido conservador do Reino Unido, David Cameron, decidiu promocionarse como ecoloxista, anunciou que a partir de entón iría en bicicleta ó Parlamento todos os días. Naturalmente, detrás del ían dous coches co seu equipo e a documentación coa que traballa e máis outro coche cos seus gardacostas. Ademais, por diante, ía un motorista da policía abrindo o paso para que non atropelasen ó líder da oposición. E, como a cousa provocou certo interese mediático, á caravana uníronse outros catro o cinco coches con xornalistas, ademais dun helicóptero dun canal de televisión. Como comentaría máis tarde un humorista inglés, para cando Cameron chegou ese día ó Parlamento “seguramente que un glaciar xa se derretira nalgún lugar do mundo”. Lembreime disto cando vin a Al Gore na cerimonia dos Oscars recibindo o premio ó mellor documental polo seu filme Unha verdade incómoda, que é unha diatriba ecoloxista máis ou menos fundamentada. Gore foi vicepresidente dos Estados Unidos, onde puido facer moito ben polo medio ambiente; pero non o fixo. Preferiu deixar a política para converterse en profeta, e agora decorre o mundo anunciando a Fin dos Tempos como un Xeremías ou un Oseas do efecto invernadoiro. Mais logo, acabada a súa xornada de traballo, volve á súa casa de Nashville (Tennessee), onde a súa factura de electricidade é exactamente de 221.000 Kw/h ó ano, unhas vinte veces o que gasta unha familia normal e abondo para acabar coa Antártida se todos fixeramos o mesmo. Esa factura da luz non quita lexitimidade á causa que Gore predica, certo. Máis aínda, eu diría que nin sequera lle resta lexitimidade a el. Antes mencionamos a Oseas. Este profeta bíblico andaba sempre cunha prostituta e, cando os seus discípulos lle preguntaron se non era un pouco incoherente predicar a rectitude moral sen practicala, excusouse dicindo que o que pretendía era “converterse nunha metáfora de Israel”, que vivía no pecado e a degradación (a Biblia non recolle ningún comentario da prostituta, por sorte para Oseas). Así que o mesmo poden dicir Cameron e Gore. Despois de todo, o seu non deixa de ser unha lección ecoloxista máis: a do difícil que resulta ser “verde” e rico; a de por que, entre a ecolóxica pobreza e a riqueza despilfarradora, tanta xente (se ten elección) escolle a segunda. Esa, e non tanto se no Planeta aumenta ou deixa de aumentar o CO2, quizais sexa a auténtica verdade incómoda para todos nós.• |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
