A vella farsa tráxica VI
Xosé Manuel Beiras   
Mrcores, 14 de Marzo do 2007

Que pintamos nós na UE?

[Galicia Hoxe]

A mona. De primeiras é a resposta máis lacónica e expresiva que me ven ás mentes. A máis escoitada, tamén, antre o común das xentes. Así de rotunda e popular: a mona, só pintamos a mona. E tanto o común das xentes coma as xentes do común -que non son entes idénticos de seu- adoitan expresárense con diáfana espontaneidade sobre os fenómenos, asuntos e problemas que as atinxen. Refírome a cando falan entre elas ou con alguén que consideran dos seus, que intúen ou perciben que sintoniza con elas, que está do seu bando, inda que non pertenza á comunidade concreta de vida social, cultura e intereses da que elas forman parte. Alguén que fala a sua mesma linguaxe, non tanto no léxico coma nas ideas, valores e vivencias que son as suas proprias e peculiares. Alguén que coincide ou posiciónase, sen pose, no seu mesmo ponto de vista.

Lémbrome dos anos máis duros da miña experiencia de combate político. Máis duros, pero máis gratificantes tamén. Cando estaba eu só no parlamento galego -só polo Bloque, quero dicir. No mundo do poder, do "stablishment" social, do pensamento "correcto", eu era un maldito, pedra de escándalo moitas veces, "enfant terrible" segundo algúns, demonizado polos máis -e sobre todo polos máis poderosos, reaccionários e integristas. Mais eu movíame por todo o país, non facía política de despacho nen me enclaustraba na cámara. Os meus interlocutores cotiáns non o eran tanto os compañeiros de direición partidária, menos aínda os colegas de angueira institucional, canto as xentes do común coas que me xuntaba para tratarmos os seus problemas, ou simplesmente latricaba cando me abordaban onde quer que fose, a rúa, un peirao, unha tasca, un turreiro. E sempre había alguén que me pousaba a man no ombreiro e dicíame, sinxelamente: "señor Beiras, inda hai que dar máis caña". Era a miña busola, o meu compás de navegar -tamén a toma de terra do arradio do meu maxín. Seguín a recibir esa exortación durante moitos anos máis, mesmo cando a miña presencia parlamentar xa deixara tempo atrás de ser solitaria, e a nosa, colectiva, de ser marxinal, para convirtírmonos no principal grupo opositor ao fraguismo imperante. Noutras verbas: cando se cumplira o coñecido aforismo, disque autoría de Churchill, de que o perigo das minorías é que se lles dea por medraren -vaticinio que os feitos e a esperiencia histórica máis ben semellan desmentir, cando menos no tocante ao perigo para os poderes estabrecidos, digo eu.

Mais non ía falarvos diso hoxe. Suscitoume esas lembranzas a miña primeira resposta, lacónica e comunal, ao interrogante que me plantexei no inicio. Porque nesa mesma época, máis ou menos, estaba a consumarse a adesión española á CEE -¿recordades aínda esas siglas?- que nos metía a nós nesas rilleiras, sen decisión nen motores proprios, arrastrados os galegos no furgón de cola dese convoio, e comezaba así a rodaxe da nosa prosaica odiseia europea cara a Itaca virtual da U.E. Chovían parabéns polo acordo, solemnes promesas de felicísimo benestar, saúdos entusiastas á modernización que se aviciñaba, á nova era que se inauguraba para os celtíberos todos ao convirtírense, por fin, en europeus de carné. Estrondo enxordecedor das fanfarrias festeiras interpretando a marcha nupcial do casoiro coa Europa libre e próspera, e máis unha versión facilitada, para vulgo inculto, do que fora en orixe, no seu texto literario, unha oda de Schiller á fraternidade -masónica, !chisss!- e, na partitura musical, un grandioso hino do enorme Ludwig á ledicia de sermos irmáns na liberdade. Nunca tanto celtíbero escoitara tantas veces, nen sequer nunha versión mutilada como aquela -e sen chegaren nen con ésas a recoñecelo- o derradeiro movemento da novena sinfonía do xordo de Bonn. Nen falla que fixera até entón. A cultura nunca se botara en falla en celtiberia, e non pasaba nada.

Nesa polifonía coral con orquestra disonaba, fóra de tono e tesitura, unha soa voz, fisterrán ela. Dixen voz: un aturuxo, máis ben, un urro estridente de aviso e alarma. Penetraba no ár, furaba por medio do atronador estrondo musical festeiro. "Mercado común europeo, ruína do povo galego" -bradaba esa voz. Mais non tiña importancia, non preocupaba nen chisco aos corifeos do poder que montaran a festa -coros e fanfarria incluídos. Non preocupaba porque os do aturuxo non eran solventes, e portanto non tiñan acceso á liberdade do mercado eleitoral -só aos restos do reparto do botín, ás faragullas e as sobras do festín. Eran os recalcitrantes asilvestrados, os bloqueiros. Eran os de sempre, "os do non", os catastrofistas. Curioso. Estou a lembrarme, agora, de sócato. Don Ramón -Otero- definira aos da sua xeración, no tempo de "Nós". E escribira: "e eramos románticos e apocalípticos...". Cito de memoria, e cónstame que enuncia algúns atributos máis que non lembro con certeza. Mais é un ilustre precedente, sinto arruallo por semellante definición precursora, elevada en rango e magnitude do cataclismo: ao cabo, a apocalipse -non etimolóxicamente, seino- é o culmen de tódalas catástrofes, a catástrofe final, definitiva, o desenlace derradeiro da xeira do xénero humán -segundo as sagradas escrituras, ademáis, que ninguén cuestionará, so pena de sacrilexio. Nós, os bloqueiros do non ao mercado común, non chegaramos a tánto: disque profetizamos unha catástrofe -non a apocalipse. Se cadra faltounos visión de longo alcanzo.

Entramentras, abaixo, a rentes do chan, o común popular pasmaba de tanto estrondo, que non alcanzaba a entender, a adiviñarlle o motivo: as condicións de vida non mudaran para íl, a vida mesma tampouco. Aínda. Xa mudarían, xa -mal sabía íl. Ademáis, fendendo o balbordo da música, chegáballe o eco do aturuxo alarmista, do urro de aviso ribeirán, montañés ou mariñán, asegún ónde resoara. E non sabía ben a qué carta quedarse. Desconfiaba. Eu ben o palpei: "e logo serálle cousa boa, iso do mercado común, señor Beiras, vostede que é catedrático?" -perguntábanme. Imaxinade o meu aturullo, enleado antre a convicción e a compasión, antre a razón pesimista e a emoción alentadora, antre o pronóstico veraz e a pulsión por dar azos.

Porén, no entanto, os síntomas do que se lle viña enriba á xente do común xa comezaran a asomar a orella. Mesmo a amostrar os dentes, tamén. De feito xa antes, nos prolegómenos do noso ingreso trunfal na Europa esa, e aproveitando unha crise conxuntural da construción naval, inducida pola fase depresiva do ciclo económico que atravesaba o centro do sistema, os poderes metropolitáns que encetaban daquela a estratexia da globalización financeira impuxérannos unha "reconversión" mutiladora da nosa industria máis avanzada e proxectada, precisamente, ao mercado internacional. Fora o primeiro aviso, a primeira pancada neoliberal á clase obreira galega. Foramos os paganos dunha guerra de "redivisión" -diría Ulianov- sen conflagración bélica declarada. Axiña viría -séndomos xa europeus de carné- outra análoga para a nosa única siderurxia, a de Teixeiro. Asemade, o tal carné non nos valera para que entrase no común mercado europeu a nosa pesca de altura: ficou fóra, condeada a pasar un noviciado que seica aínda non rematou -pero, iso sí, acabou co noso outrora frolecente seitor pesqueiro. Nun país mariñeiro coma o galego, o máis mariñeiro de toda Europa, foi como amputarlle un brazo ao seu corpo social -seguro que para millor traballare na construción europea. Simultáneamente, ao noso mundo labrego impuxéranlle continxentes esganadores da produción leiteira -á que o abocaran nos decenios precedentes, porque seica o policultivo e a diversificación produtiva tradicional eran un atraso. Foron as cotas leiteiras -en aras, iso si, da liberdade de empresa e mercado, que xa antes obrigara aos labregos a pagaren cuota empresarial, á par dos Botín e os Ibarra. Para a Galiza rural, daquela demográficamente maioritaria aínda, foi como extirparlle o fígado -e poisque inda non se facían trasplantes desa víscera, comezou a sua agonía. Hai xa meio século, Berlanga filmara a sátira "Bienvenido mister Marshall". Non comprendo como ainda non se filmou onda nós un "Benvida madame CEE". Talvez porque a confundirían coa boa vila fisterrán, como aquela infeliz locutora da radio galega cando do Casón. Mais, para mostra do que levamos pintado na UE -mesmo antes de chegar a ser tal, cando só era Mercado- coido que abonda esta repentizada escolma de benzóns recibidas dende o paraíso europeu que nos prometeran.

¿Mais é pasado todo iso? Salto a hoxe -e escusádeme por semellante pinchacarneiro. Hai poucos días lín -cousa rara en min- titulares de prensa que pregoaban esta boa nova: disque nos últimos dous anos, os galegos pasaramos do setenta e tantos ao oitenta e non sei cantos por cento do nivel meio de renda da UE. Chimpo fenomenal. Certo que tamén reseñaban, en letra menor, que inda así Galiza estaba de cuarta pola cola do tren das comunidades -as autónomas, xa vos decatades- con só La Mancha, Andalucía e Extremadura por tras de nós. Mais o que non advertían é que, xusto nese breve período, ingresaran na UE o fato de países "do Leste" que aproveitaran para esa viaxe a demolición do famoso muro de Berlín -sustituído en ubicación polo de Israel en Palestina, e máis polo dos gringos no borde norte de México. Por certo, non sei se Carlos Fuentes estará arrepintido de ter chamado a esa estrema "A fronteira de cristal", nun seu libro de relatos de hai anos. O caso é que a entrada dos empobrecidos países do Leste europeus fixo descer, brusca e estatísticamente, a renda meia da UE. ¿Será esa a poción máxica do repentino avance da Galiza?

Pero, ao que vou: ¿son pasado as cotas lácteas?; ¿é pasado o ostracismo do sector pesqueiro galego nas augas europeas?; ¿é pasado a mutilación da nosa construción naval? Ser seráo, pero cheira que fede índa hoxe. Perguntade aos labregos supervivintes -de Varsovia, como na elexía musical de Shönberg. Perguntade aos mariñeiros en terra -si, Rafael, obrigado- ou... en Canarias. Ou perguntade por Navantia, ¿non si? En tempos chamábanse Bazán -Ferrol- e Astano -Perlío. Dende as reconversións navais, Europa proibiulle a Bazán construir buques que non fosen para a mariña de guerra -en aras do pacifismo do Solana. E a Astano facer buques calisquer -só plataformas petrolíferas. Agora proibelle ao reflotado estaleiro Barreras utilizar instalacións ociosas de Navantia para construir buques que o mercado libre lle demanda e non dá feito en Vigo. E os sindicatos españoleiros apúntanse ao bombardeo de Navantia, disque en aras da non privatización da empresa pública.

Mais, ¿cando foron Astano, Bazán ou Navantia empresas públicas galegas? Ou sexa, ¿cando foi o goberno galego proprietario do capital nelas?; ¿cándo puido Galiza decidir o rol desas empresas nunha estratexia industrial galega, o presente e o futuro dos obreiros empregados nelas?

Fomos os paganos da restruturación europea do sector naval, do sector agrario, do sector pesqueiro. Seguimos na mesma dous decenios despois do ingreso "en Europa". ¿Qué pintamos nós inda hoxe na UE? A sabencia popular dos galegos do común acerta de cheo na sua lacónica resposta: a mona, seguimos a pintar a mona. Así nos vai. Porque, non en van, "inda que á mona a vistan de seda, se mona era, só mona queda." 


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >