Bush en América Latina
Víctor Flores Olea   
Venres, 02 de Marzo do 2007

[Rebelión]

George W. Bush, do 8 ao 14 de marzo, visitará cinco países latinoamericanos, incluído México (con Brasil, Uruguai, Colombia e Guatemala), o que sorprendeu a tirios e troianos, xa que o auncio da viaxe foi precedido por un proxecto de orzamento no que se diminúen drasticamente as axudas destinadas ao patio traseiro estadounidense, coa excepción de Colombia, e cando continúa na fronteira mexicana a construción do muro da ignominia, que agora implica até o traslado de traballadores e técnicos ao noso territorio para desde aquí edificar. A congresista demócrata Hilsa Solís dixo "isto de Bush son unhas vacacións que se toma nun momento en que todo lle vai mal".

Non podía faltar a visita a Brasil (en São Paulo), xa que sen ese país non hai equilibrio continental. Bush tratará de seducir a Lula para frear a Hugo Chávez (o verdadeiro motivo da viaxe), se cadra con algunha oferta en materia de estanol. Ademais de que Brasil é o segundo produtor mundial de cana de azucre logo de Estados Unidos. O outro motivo da viaxe ten que ver co rescate do ALCA, soterrado en Mar do Prata en 2005 (cunha patética intervención de Fox en nome de Bush, procurando salvar a asociación baixo o control de Wáshington), no cal non parece ter ningunha oportunidade real o xefe da Casa Branca. Saudará tamén na súa xira ao presidente socialista Tabaré Vázquez de Uruguai, proclive a Wáshington, ao seu amigo preferido continental Álvaro Uribe, de Colombia, e pasará a Cidade de Guatemala para agradecer a Óscar Berger a presentación hai uns meses dunha candidatura ao Consello de Seguridade para competir coa candidatura venezolana. A México virá estreitar lazos con Felipe Calderón, para asegurar aínda máis a proclividade deste cara a Estados Unidos.

Pero quizáis o máis interesante da viaxe sexa a porción continental que non visitará Bush, por ser varios países de "alto risco" para o mandatario estadounidense. Non acudirá a Arxentina porque son tensas as súas relacións con Kirchner, nin a Chile polo motivo contrario (as súas relacións coa presidente Bachelet son óptimas). Obviamente nin pensar na Bolivia de Evo Morales, ou no Ecuador de Rafael Correa, e moito menos na Venezuela de Hugo Chávez, coa que as hostilidades son abertas. Repito: a única explicación coherente que se descobre neste repentino interese de Bush por América Latina (logo de seis anos na Casa Branca de amnesia absoluta respecto de a súa rexión sur), é a de contrarrestar a influencia de Chávez, e a súa insistencia nunha unión latinoamericana baixo o dominio estadounidense.

A viaxe de Bush, como se sabe xa, estará marcada por masivas manifestacións de repudio. A súa función guerreira no mundo, a súa agresión a pobos débiles e os crimes que desatou, a súa violencia en contra dos dereitos humanos, tamén negando a Constitución do seu país, o seu papel de torturador e represor a escala planetaria, gañáronlle o repudio do mundo, comezando polo do seu propio pobo, segundo se viu nas eleccións do pasado novembro. En América Latina, incluído México, este repudio terá algunhas das súas manifestacións máis radicais.

Polo que respecta ao noso país, o candidato e o presidente Calderón declaráronse dispostos a corrixir os disparates de Vicente Fox e a refacer relacións políticas e diplomáticas con América Latina. Malia unha certa expectativa inicial, a situación degradouse axiña, porque xa non se trata das erráticas intervencións do boquifloxo expresidente, respondendo de todos os xeitos a intereses precisos, senón da expresión articulada dunha política que decidiu o presidente actual e que non deixa lugar a dúbidas. Neste sentido Calderón puxo en claro a contradición de fondo entre o seu goberno e as alternativas de desenvolvemento que buscan varios países latinoamericanos.

O punto de ruptura deuse en Davos. E expresouse na breve polémica entre Lula da Silva e Calderón. Mentres este último criticou os "prexuízos" contra o libre comercio e as expropiacións ocorridas en Venezuela, Bolivia e Arxentina (referíndose ademais ás "ditaduras persoais vitalicias"), o brasileiro reivindicou intelixente e decididamente ao bloque sudamericano, incluíndo a Hugo Chávez e a Evo Morales. De Chávez, o brasileiro sinalou que foi electo tres veces democraticamente e dixo que se alguén ten medo porque Evo Morales quere nacionalizar o gas, debe entender que os seus recursos naturais son a única riqueza de Bolivia.

Inclusive o secretario xeral da OEA, José Miguel Insulza, mencionoulle que a negativa ao libre comercio non é asunto de prexuízos, e deu por morto o ALCA que antes defendera o presidente de México. A vergoñenta situación é que o presidente Calderón está moi lonxe de entender as causas reais da pobreza latinoamericana e mexicana. Sen tal recoñecemento, e sen apreciar os esforzos de varios países nosos para atopar renovadas rutas ao desenvolvemento e ao benestar, é puramente retórico e superficial o "desexo" de rehacer ao sur as moitas relacións esnaquizadas. A imposibilidade é estrutural e non de conxuntura.•

 
< Ant.   Seg. >