| Os desatinos do Banco Mundial |
| Osvaldo Martínez | |
| Venres, 02 de Marzo do 2007 | |
|
En América Latina e o Caribe durante o ciclo neoliberal a eliminación de rixideces no mercado laboral significou flexibilizar contratos e despedimentos, debilitar a negociación colectiva para lle crear ao capital, nomeadamente ao estranxeiro, condicións de rendibilidade altamente desfavorábeis para os traballadores. Ata onde deberá chegar a eliminación de rixideces para que o capital se sinta satisfeito?
A lectura do estudo do Banco Mundial "Cara á seguridade económica na era da globalización" renovoume unha vella desilusión: comprobar ata que punto o pensamento económico pode avanzar en sofisticadas técnicas auxiliares estatístico-matemáticas, en gráficos de impecábel factura, na modelación baseada en elegantes supostos, na conformación dunha linguaxe tan equilibrada que devén equilibrista, e todo para fracasar en explicar a realidade ou, como neste caso, para ocultala, para substituír o esencial polo accesorio, para dar por logrado o que está lonxe de se alcanzar e propoñer un debate que non é o verdadeiro desta hora. Se se trata da economía de América Latina e o Caribe é obvio supoñer que o debate sexa acerca do desenvolvemento por alcanzar, das vías, atrancos, alternativas, aceleradores, freos, políticas para logralo, en fin, que discutamos de novo en termos dunha teoría e política de desenvolvemento; dese desenvolvemento que combine crecemento económico e equidade social, integración rexional e solidariedade humana, educación e saúde para todos, participación política e alta cultura. É obvio supoñer que ese debate propoña unha reflexión crítica aos enormes déficits do desenvolvemento na rexión ou máis ben á súa inexistencia básica, e que o coloque no contexto da globalización no mundo unipolar dos nosos días. A estrea dun novo século e un novo milenio ofrecen unha boa ocasión e mesmo obriga os latinoamericanos e caribeños a discutiren sen desmaio por que esta rexión, logo de case 2 séculos de obtida a independencia da maioría dos seus países respecto das metrópoles colonais, permanece na categoría de subdesenvolvida e pobre, así como as razóns polas que queda cada vez máis atrasada en relación aos países máis ricos e pesa menos na economía mundial que hai 30 anos. Para o Banco Mundial este non é o debate. O desenvolvemento xa non ten secretos. Alcánzase transitando por un camiño claro e único polo que avanzan mellor os que primeiro o tomaron e os que camiñen con teimosía: o camiño da reforma neoliberal. Xa que logo, non ten sentido debater sobre alternativas de desenvolvemento, porque non as hai. Entón discutamos sobre a seguridade e a inseguridade económica. O problema non é alcanzar o desenvolvemento como síntese de crecemento e equidade, senón alcanzar a seguridade, a que un pouco despois se converte en reducir a volatilidade, polo que quedamos atrapados nun exercicio surrealista de debater con minuciosidade estatística e refinamento técnico sobre a redución da volatilidade e adoptar variantes de seguros, mentres máis de 200 millóns de pobres, 90 millóns de indixentes e ducias de millóns de analfabetos para os que o único seguro é a repetición cotiá da subsistencia no límite, por suposto nin se decatan. Nin na máis febril utopía pode supoñerse que o Banco Mundial recoñeza que a reforma neoliberal latinoamericana é un fracaso en termos de crecemento económico, unha traxedia en termos sociais e que a década pasada foi outra década perdida. De certo, é unha dura tarefa ter que asumir como punto de partida o éxito desa reforma e a continuación interpretar os resultados da enquisa que mostra a opinión maioritaria en canto a que os pais dos enquisados vivían mellor que estes actuais cidadáns das reformadas economías latinoamericanas. O paradoxo de Leontieff é cousa menor comparada con este paradoxo provocado por latinoamericanos que habitan en países con economías que teñen unha “mellora no devir económico” pero que din vivir peor do que viviron seus pais alá nos tempos anteriores ás devanditas reformas. Se Carlos Menem puido recorrer á cantinflesca frase: "estamos mal, pero imos ben", ao Banco Mundial resúltalle aínda máis difícil, pois vese obrigado a dicir "estamos mellor, imos ben, pero sentímonos inseguros". Desde a primeira páxina o estudo do Banco Mundial estabelece a súa lectura básica do ocorrido na rexión: "A mellora no devir económico desta rexión produciuse despois do constante esforzo de reforma realizado por moitos dos países que a integran co fin de intensificar a función das forzas do mercado e aumentar a integración financeira na economía globalizada". Esa chocalleira presentación do ocorrido non pode silenciar que nos anos noventa o PIB per cápita real mantívose ben por baixo do que a rexión alcanzou durante as décadas de 1960 e 1970 e o estudo do Banco Mundial recoñéceo, pero apréstase a restarlle importancia ao dicir: "Pero este descenso do crecemento en relación co desempeño anterior a 1982 afectou a todas as rexións do mundo tanto industriais como en desenvolvemento, coa soa excepción de Asia Meridional". Curioso xeito de relativizar o fracaso, pois esquece que ningunha outra rexión do mundo avanzou con tanta disciplina e ortodoxia na reforma neoliberal como o fixo América Latina. Era de esperar moito máis que se esvaer nunha tendencia xeral ao baixo crecemento. Pero non se trata só do anémico crecemento e a enorme pobreza, senón de todo o outro que queda fóra do escenario descrito polo estudo, isto é, aspectos esenciais da realidade. Queda fóra que o insuficiente crecemento se baseou en privatizacións, endebedamento e ingreso de capital estranxeiro e en cada un destes factores está a pegada da debilidade e a exclusión. A privatización foi unha vaga que abrangueu desde empresas clásicas privatizábeis ata parques, estradas, correos e cemiterios nunha carreira desenfreada en cumprimento do dogma da incurábel ineficiencia estatal. Pero esa vaga vai esgotándose porque non vai quedando moito patrimonio por vender. Vendo a privatización estritamente como forma de ingreso de capital e abstraéndonos do fluxo de saída que provoca, ese ingreso ten vida limitada e xa quedaron atrás a maioría das súas grandes vendas. O endebedamento é un escándalo que a forza do pensamento único logrou amordazar e obter o milagre de que apenas se mencione aquilo que é básico para entender o escaso crecemento, a pobreza, a volatilidade. Neste estudo o Banco Mundial non lle dedica nin un parágrafo e apenas a menciona. Só merece algunha referencia ao conveniente de administrar ben a débeda e evitar unha acumulación de pasivos de curto prazo. O Banco Mundial presenta neste estudo, abstraccións de precisión matemática e imprecisión existencial que chama “feitos estilizados”. Pero non merece estilización ningunha unha débeda que en 1985 era duns 300.000 millóns de dólares; agora supera os 700.000 millóns, devora a metade dos ingresos por exportacións de bens e servizos e que só entre 1992 e 1999 provocou pagamentos por 913,000 millóns de dólares. É evidente que esa débeda é impagábel e que o paso a unha fase aguda de crise da débeda pode ocorrer en calquera momento, pero se cadra nada exprese mellor a incapacidade dunha parte dos gobernos da rexión para rachar co “saqueo dialogado” de que nos falou Pablo González Casanova, que esta ingloriosa conspiración do silencio respecto da débeda externa. O ingreso de capital estranxeiro é a peza chave. A el invócase, del dáse publicidade ás altas cifras. Se descontamos os capitais andoriña e o pagamento por privatizacións, as cifras perden unha parte do seu engado. E o que queda do engadoo parece menos encantador cando abordamos o déficit de conta corrente e atopamos que o capital entra, pero tamén sae e actúa en perversa combinación cunha apertura comercial que importa máis do que exporta aínda que se xustifica prometendo crecentes exportacións. Este modelo financiou os seus dédicits en boa medida con capitais volátiles que fixeron volátiles os curtos ciclos de expansión e contracción que lle son inherentes e reduciu a capacidade interna de xerar crecemento ao rebaixar o aforro e o investimento a niveis inferiores aos de 1980. Que maiores causas de inseguridade económica que a provocada por esta amálgama de endebedamento, privatización, integración subordinada ao mercado financeiro globalizado? A reforma neoliberal é socialmente excluínte na estatística e con moita máis forza, na vida mesma, nas enquisas, no dicir das persoas e en simples percorridos por cidades e territorios da rexión. Pero o Banco Mundial ao tocar este punto recorre a un procedemento que se repite cada vez que o tema resulta escabroso para os resultados da reforma neoliberal ou para a lóxica do seu discurso. Este procedemento é amontoar afirmacións e negaciones, suxestións nun sentido e no sentido contrario, para concluír que nada se pode concluír ou que os resultados son "dispares". Un exemplo do anterior é este parágrafo: "en termos xerais, a desigualdade aumentou durante os anos noventa, aínda que o historial dos países é moi distinto. En Brasil e México a desigualdade aumentou entre 1986 e 1989, antes de estabilizarse ou diminuír ata finais dos anos noventa. Chile e Paraguai experimentaron unha crecente desigualdade, aínda que en Chile o baixo nivel de referencia de 1986 podería dificultar a comparación. A desigualdade foi relativamente estábel en Arxentina, Colombia, Ecuador, Uruguai e Venezuela, xa que algúns índices suxiren un aumento e outros unha redución. Para rematar en Bolivia, República Dominicana e Honduras hai unha diminución da desigualdade no tempo. En xeral, dos índices agregados sería difícil afirmar que a apertura económica, como en Arxentina, Brasil, Colombia e México, significou un empeoramento permanente da desigualdade agregada. A exclusión social evidénciase tamén polo 40% da poboación na pobreza, o 18% na indixencia, o 8% de desemprego aberto -aínda que quizais das trolas da estatística a máis mentirosa de todas sería esta-, o 13% da poboación analfabeta, unha taxa de mortalidade infantil no primeiro ano de vida que é cinco veces maior que nos países desenvolvidos, un sistema educacional no que só un de cada tres alumnos alcanza a escola secundaria. Volvendo ao discurso do Banco Mundial atopamos entón que a inseguridade económica expresada en enquisas polas persoas, non é resultado de razóns tan sólidas como as que se sintetizan na dura realidade descrita, senón que é o resultado da mellora económica! Ata o de agora, a lóxica xa ao parecer anticuada, dicía que un emprego estábel e unha remuneración decorosa debían satisfacer as expectativas de seguridade económica. Que seguridade pode oferecer un 8% de desemprego aberto, un insondábel sector informal que fornece 80 de cada 100 novos postos de traballo co seu precariedade e desprotección, un nivel salarial real que se considera polo xeral, inferior ao de 1980? Estes pobres que administran os seus activos e que mesmo sofren menos que os ricos sempre que se trate de recesións moderadas e que poden asumir voluntariamente os riscos empresariais converténdose en prósperos vendedores de chicles, limpadores de coches que nunca terán, tristes tragalumes de esquina ou pequenos vendedores de drogas, indúcenme a facerme a pregunta: Saberá o Banco Mundial o que é un pobre? Incorrerían os autores na confusión metodolóxica de utilizar como obxecto de estudo un "pobre estilizado" que resultou ser unha vez máis o "homus económicus" intemporal e ubicuo co que certa corrente de pensamento económico leva século e medio construíndo elegantes e absurdas abstraccións. As rúas e campos de América Latina poden fornecer abundantes obxectos de estudo aos cales a indixencia lles impide administrar racionalmente os activos que non posúen, que sofren aínda máis nas crises profundas porque viven en crise permanente, que deben elixir entre alimentación ou saúde ou educación sempre no límite extremo inferior. Cáusame inquietude que en varias ocasións o Banco Mundial insista en criticar as chamadas "rixideces do mercado laboral". A traxedia de desemprego, informalidade, caída de salarios reais, desprotección dos traballadores foi a “flexibilización do mercado de traballo”, pero os autores cren que aínda hai rixideces “que obrigan a ese mercado a axustarse por medio do desemprego, máis que a través de salarios reais e unha resignación sectorial da forza laboral”. Na rexión e durante o ciclo neoliberal a eliminación de rixideces no mercado laboral significou flexibilizar contratos e despedimentos, debilitar a negociación colectiva para lle crear ao capital, nomeadamente ao estranxeiro, condicións de rendibilidade altamente desfavorábeis para os traballadores. Ata onde deberá chegar a eliminación de rixideces para que o capital se sinta satisfeito? Como os pobres sofren menos que os ricos nas crises moderadas, entón encaixa perfectamente o seguinte parágrafo que é tamén unha aceptación explícita do modelo de crises financeiras repetidas en ciclos de "stop" and "go", ou noutras palabras, unha conversión súbita da volatilidade viciosa en volatilidade virtuosa: "Os gobernos non deberían vacilar en realizar unha liberalización e unhas reformas que intensifiquen o crecemento pese a que se cadra impliquen unha volatilidade algo maior durante a transición, porque aínda que unha breve contracción da actividade económica quizais non prexudique moito aos pobres, un maior crecemento si os axuda decididamente. Máis aínda, as conclusións a que chegamos suxiren que as políticas macroeconómicas non deben procurar evitar custe o que custe as contraccións, senón que estas se prolonguen ou se afonden". A volatilidade comezou sendo o inimigo causante da inseguridade ou, como di o estudo, a medida da inseguridade, e nas súas páxinas finais o estudo proponnos a volatilidade como virtude, pois o desexábel sería non evitar as crises, senón tan só tratar de que non sexan profundas nin longas. Algo así como unha sucesión saudábel de minicrises no contexto dun modelo que na medida que avanza na liberalización e a desregulación ten menos capacidade para evitar que as crises se produzan e menos aínda para modular a súa intensidade. Noutra orde de cousas, o estudo ten tamén un peculiar xeito de botar ao carón o inconveniente para chegar ás súas conclusións. Delimitar un campo de análise para examinar un fenómeno ou proceso libre da acción de certos factores, é un método válido e inobxectáble en si mesmo. Pero eliminar o desagradábel ou inconveniente para as teses defendidas e estabelecer un terreo cercado, rozado de todo o que perturbe a proposta e onde entrar a debater é aceptar a mutilación de compoñentes de sinalada importancia, non é certamente un procedemento académico digno de aplauso, aínda que inclúa unha longa relación de obras consultadas. Ocorre así coa introdución do concepto de seguridade e inseguridade económica coma se o seu sentido fose obvio e non necesitaría explicación ou definición ningunha. A noción de seguridade suxire máis o escenario militar, xeoestratéxico ou psicolóxico, pero o pensamento económico, que se deu a si mesmo numerosos obxectos de estudos ou noutras palabras, xerou numerosas preguntas para atoparlles resposta, nunca pretendeu teorizar sobre a seguridade económica. Desde a fonte do valor e da riqueza (das nacións e/ou das persoas), a acumulación e reprodución de capital, a formación e movemento dos prezos, a elección polo consumidor soberano, o equilibrio xeral, a oferta monetaria, a teoría do desenvolvemento e outras moitas, o pensamento económico bregou con moitos temas e problemas, pero nunca coa seguridade económica. É obvio que a seguridade económica é un resultado do desenvolvemento alcanzado se se trata dun país e dun traballo estábel que permita un ingreso satisfactorio en condicións de acceso á educación, a saúde e a convivencia humana, se se trata de persoas e que inclúe a seguridade en canto conservación da vida. Mais o Banco Mundial omite explicitamente os problemas relacionados co delito e a violencia para se limitar á "inseguridade causada polas flutuacións económicas", coma se violencia e delito nada tivesen que ver coa reforma neoliberal. É que a apelación aos instintos primarios que a visión fundamentalista de mercado impulsa, os patróns de conformación de sociedades nas que non hai éxito máis aló da acumulación de riqueza e a pobreza aparece como o castigo á ineptitude, onde a partir do individualismo total os humanos se abren paso nun mercado que asemella unha selva, non pode xerar outra cousa que violencia e delito. A taxa de homicidios de 300 por cada millón de persoas é o dobre do promedio mundial, pero non se explica por feros atavismos latinoamericanos, senón pola práctica máis ortodoxa e disciplinada no mundo nos últimos 20 anos das reformas de mercado que o Banco Mundial pide continuar e profundar. O rigor metodolóxico estatístico que o estudo analizado contén debería ter en conta e desafortunadamente non o fai, a correlación evidente nos últimos 20 anos entre reforma neoliberal, volatilidade, pobreza, delito, corrupción, degradación ambiental. A inseguridade cidadá, a vida entre reixas dos convictos nas prisións e dos non convictos nas prisións enreixadas nas que se converten os fogares, a proliferación de corpos privados de policías e gardiáns, a aparencia de castelos asediados dos barrios acomodados arrodeados polo xentío da pobreza, non é unha realidade desconectada das reformas de mercado que van moldeando unha áspera sociedade de mercado na que a relación costo-beneficio é a norma absoluta. O Banco Mundial acredita en que os problemas existentes son residuais e eliminábeis aplicando máis reformas neoliberais, por exemplo, fortalecendo a conexión que din é aínda débil cos mercados financeiros ou eliminando as rixideces laborais que aínda dificultan ao capital contratar e despedir a discreción. É máis do mesmo, aínda que lles chamen reformas de segunda ou terceira xeración. Pedir máis reforma neoliberal e con ela redución da pobreza e avances na equidade social, é tan baldío como pedir a unha quenlla que se faga vexetariano. Por sorte, non hai na Historia crise sen solución. O sistema globalizado de explotación e desesperanza, na súa natureza esencial e na súa variante latinoamericana é como outras veces na Historia, quen máis e mellor traballa para alcanzar a súa supresión e atopar a alternativa posíbel. Esa alternativa posíbel é xustamente, como outras veces anteriores, a que agora parece imposíbel para moitos intelectuais porque non está escrita ou modelada. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
