Declaración de Nyéléni
Nyéléni 2007   
Xoves, 01 de Marzo do 2007

Declaración do Foro pola Soberanía Alimentaria de Malí.


Nyéléni, Selingue, Malí

Nós, os máis de 500 representantes de máis de 80 países, de organizacións de campesiños e campesiñas, labregos familiares, pescadores tradicionais, pobos indíxenas, pobos sen terra, traballadores rurais, migrantes, pastores, comunidades forestais, mulleres, pícaros, mocidade, consumidores, movementos ecoloxistas, e urbanos, reunímosnos no pobo de Nyéléni en Selingue, Malí para fortalecer o movemento global para a soberanía alimentaria. Estamos a facelo, ladrillo por ladrillo, vivindo en cabanas construídas a man segundo a tradición local e comendo alimentos sendo producidos e preparados pola comunidade de Selingue… demos ao noso traballo o nome de "Nyéléni," como homenaxe, inspirados na lendaria campesiña maliense que cultivou e alimentou á súa xente.

A maioría de nós somos produtores e produtoras de alimentos e estamos dispostos, somos capaces e temos a vontade de alimentar a todos os pobos do mundo. A nosa herdanza como produtores de alimentos é fundamental para o futuro da humanidade. Este particularmente é o caso de mulleres e pobos indíxenas que son creadores de coñecementos ancestrais sobre alimentos e agricultura, e que son sub-valorados. Pero esta herdanza e esta capacidade para producir alimentos nutritivos, de calidade e en abundancia, vese ameazada e socavada polo neoliberalismo e o capitalismo global. Fronte a isto, a soberanía alimentaria achéganos a esperanza e o poder para conservar, recuperar e desenvolver o noso coñecemento e a nosa capacidade para producir alimentos.

A soberanía alimentaria é o dereito dos pobos a alimentos nutritivos e culturalmente adecuados, accesíbeis, producidos de forma sustentábel e ecolóxica, e o seu dereito a decidir o seu propio sistema alimentario e produtivo. Isto pon a aqueles que producen, distribúen e consomen alimentos no corazón dos sistemas e políticas alimentarias, por riba das esixencias dos mercados e das empresas. Defende os intereses de, e inclúe a, as futuras xeracións. Ofrécenos unha estratexia para resistir e desmantelar o comercio libre e corporativo e o réxime alimentario actual, e para encauzar os sistemas alimentarios, agrícolas, pastorís e de pesca para que pasen a estar xestionados polos produtores e productoras locais. A soberanía alimentaria dá prioridade ás economías locais e aos mercados locais e nacionais, e outorga o poder aos campesiños e á agricultura familiar, a pesca artesanal e o pastoreo tradicional, e coloca a produción alimentaria, a distribución e o consumo sobre a base da sustentabilidade medioambiental, social e económica. A soberanía alimentaria promove o comercio transparente, que garante ingresos dignos para todos os pobos, e os dereitos dos consumidores para controlar a súa propia alimentación e nutrición. Garante que os dereitos de acceso e a xestión da nosa terra, dos nosos territorios, as nosas augas, as nosas sementes, o noso gando e a biodiversidade, estean en mans daqueles que producimos os alimentos. A soberanía alimentaría supón novas relacións sociais libres de opresión e desigualdades entre os homes e mulleres, pobos, grupos raciais, clases sociais e xeracións.

En Nyéléni, grazas aos moitos debates e á intensa interacción, estamos profundizando no noso concepto de soberanía alimentaria, e intercambiamos experiencias da realidade das loitas dos nosos respectivos movementos para conservar a autonomía e recuperar o noso poder. Agora entendemos mellor os instrumentos que necesitamos para crear un movemento e promover a nosa visión colectiva.

En pos de que loitamos?

Un mundo no que ...

... todos os pobos, nacións e estados poidan decidir os seus propios sistemas alimentarios e políticas que proporcionen a cada un de nós alimentos de calidade, axeitados, asequíbeis, nutritivos e culturalmente apropiados;

... se recoñezan e respecten os dereitos e o papel das mulleres na produción de alimentos e a representación das mulleres en todo os órganos de toma de decisións;

... todos os pobos de cada un dos nosos países poidan vivir con dignidade do seu traballo, e poidan ter a oportunidade de vivir nos seus lugares de orixe;

... a soberanía alimentaria sexa considerada un dereito humano básico, recoñecido e respectado polas comunidades, os pobos, os estados e as institucións internacionais;

... podamos conservar e rehabilitar as contornas rurais, zonas pesqueiras, as paisaxes e os alimentos tradicionais, baseándose nunha xestión sustentábel da terra, do chan, o auga, as sementes, o gando e biodiversidade;

... valoremos, recoñezamos e respectemos a diversidade do noso coñecemento, alimentación, linguas e as nosas culturas tradicionais, e o modo no que nos organizamos e nos expresamos;

... exista unha verdadeira reforma agraria integral que garanta aos campesiños plenos dereitos sobre a terra, defenda e recupere os territorios dos pobos indíxenas, garanta ás comunidades pesqueiras o acceso e o control das zonas de pesca e ecosistemas, que recoñeza o acceso e o control das terras e as rutas de migración de pastoreo, garanta empregos dignos con xornais xustos e dereitos laborais para todo os traballadores, e un futuro para a mocidade do campo, onde as reformas agrarias revitalicen a interdependencia entre produtores e consumidores, garantan a supervivencia da comunidade, a xustiza económica e social, a sustentabilidade ecolóxica e o respecto pola autonomía local e a gobernanza con igualdade de dereitos para as mulleres e os homes ... onde se garanta o dereito aos territorios e á autodeterminación dos nosos pobos;

... compartamos os nosos territorios en paz e de xeito xusto entre os nosos pobos, xa sexamos campesiños, comunidades indíxenas, mariñeiros artesanais, pegureiros nómadas ou outros;

... se se viven catástrofes naturais e provocadas polas persoas, e situacións posteriores aos conflitos, a soberanía alimentaria actúe como unha auténtica garantía que fortaleza os esforzos de recuperación local e mitigue o impacto negativo. No que se teña presente que as comunidades afectadas desamparados non son incapaces, e onde unha sólida organización local para a recuperación por medios propios constitúa a clave para a recuperación;

... se defenda o poder dos pobos para decidir sobre as súas herdanzas materiais, naturais e espirituais.

Contra que loitamos?

O imperialismo, o neoliberalismo, o neocolonialismo e o patriarcado, e todo sistema que empobrece a vida, os recursos, os ecosistemas e os axentes que os promoven, como as institucións financeiras internacionais, a Organización Mundial do Comercio, os acordos de libre comercio, as coporacións multinacionais e os gobernos que prexudican aos seus pobos;

O dumping de alimentos a prezos por baixo do seu custe de produción na economía global;

O control dos nosos alimentos e dos nosos sistemas agrícolas en mans de compañías que antepoñen as ganancias ás persoas, a saúde e o medioambiente;

Tecnoloxías e prácticas que erosionan a nosa capacidade de produción alimentaria no futuro, danan o medioambiente e poñen en perigo nosa saúde. Estas inclúen os cultivos e animais transxénicos, tecnoloxía terminator, acuicultura industrial e prácticas pesqueiras destrutivas, a chamada “Revolución branca” das prácticas industriais no sector lácteo, as chamadas “Nova e vella Revolucións Verdes”, e os “Desertos Verdes” dos monocultivos de biocombustíbeis industriais e outras plantacións;

A privatización e a mercantilización dos alimentos, servizos básicos públicos, coñecementos, terras, augas, sementes, gando e o noso patrimonio natural;

Proxectos / modelos de desenvolvemento e industrias de extracción que desprazan aos pobos e que destrúen o noso ambiente e a nosa herdanza natural;

Guerras, conflitos, ocupacións, bloqueos económicos, fames grandes, desprazamentos forzados e confiscación das súas terras, e todas as forzas e gobernos que os provocan e os apoias; e os programas de reconstrución tras un conflito ou catástrofe que destrúen o noso medio ambiente e capacidades;

A criminalización de todos aqueles que loitan por protexer e defender os nosos dereitos;

A axuda alimentaria que encobre o dumping, introduce OGMs nas contornas locais e os sistemas alimentarios e crea novos patróns de colonialismo;

A internacionalización e a globalización dos valores paternalistas e patriarcais que marxinan as mulleres e as diversas comunidades agrícolas, indíxenas, pastorís e pesqueiras no mundo;

Que podemos facer e faremos respecto diso?

Do mesmo xeito na que estamos traballando coa comunidade de Selingue para crear un espazo de encontro en Nyéléni, comprometémosnos a construír o noso movemento colectivo para a soberanía alimentaria, forxando alianzas, apoiando as nosas diferentes loitas e facendo que a nosa solidariedade, forza e creatividade cheguen aos pobos de todo o mundo que teñen un compromiso coa soberanía alimentaria. Cada loita pola soberanía alimentaria, independentemente de en que lugar do mundo se libre, é a nosa loita.

Acordamos unha serie de accións colectivas para compartir a nosa visión da soberanía alimentaria con todos os pobos do mundo, que están detalladas no noso documento de síntese. Levaremos a cabo estas accións en cada unha das nosas respectivas áreas locais e rexións, nos nosos propios movementos e conxuntamente en solidariedade con outros movementos. Compartiremos a nosa visión e a nosa axenda de acción para a soberanía alimentaria con aqueles que non poidan estar connosco en Nyéléni, para que o espírito de Nyéléni se espalle en todo o mundo e mude nunha poderosa forza que faga da soberanía alimentaria unha realidade para os pobos de todo o mundo.

Para rematar, damos o noso apoio incondicional e absoluto aos movementos campesiños de Malí e a ROPPA na súa loita para que a soberanía alimentaria se convirta nunha realidade en Malí e por extensión en toda África.

É hora da soberanía alimentaria!

 
< Ant.   Seg. >