Mulleres: alimentando toda a vida
Alejandra Mahiques   
Mércores, 28 de Febreiro do 2007

[Acción contra el hambre]

As mulleres teñen un papel social de primeira importancia na distribución dos alimentos, recoñecido entre case todas as culturas do mundo. En tempo normal este papel é fundamental, en situación de crise ou de conflito é un papel vital. Das mulleres depende a supervivencia dos máis vulnerábeis. Elas son os primeiros actores da loita contra o fame. En moitos países fano sen voz, cos poucos recursos que teñen ao seu alcance e sen recoñecemento. O 8 de marzo é o seu día.

Cunha esperanza de vida de 39 anos en países como Malaui e un risco de morte no embarazo case vinte veces maior que nos países desenvolvidos, a liña entre a vida e a morte preséntase moi estreita para a muller africana. No entanto, elas son as que garanten o alimento ás súas familias e o desenvolvemento dos seus fillos dende que nacen até que son adultos.

A situación social da muller actúa como elemento determinante na saúde dos seus fillos. Xa antes de quedar embarazada, dende a súa adolescencia, até dende a infancia, a alimentación que reciba vai a repercutir nas reservas nutricionais necesarias durante o embarazo. Se unha muller non ten unha alimentación sa, a vida do fillo que vai dar a luz corre o risco de hipotecarse, están expostos á desnutrición e terán un crecemento máis lento.

Nada máis nacer comeza outra das fases esenciais na vida dun neno: a lactancia. Segundo Unicef, a desnutrición é a culpábel, directa ou indirectamente, da morte de máis da metade dos nenos menores de cinco anos. Falando máis claro: cinco millóns de nenos morren de fame cada ano, deles, tres millóns por malas prácticas nutricionais, sobre todo durante o primeiro ano de vida. Isto débese a mitos que existen en torno á lactancia e que fan que a nai non a aproveite tanto como debese. Por exemplo, en países como Angola, crese que o primeiro leite (o calostro), ao ser máis aguada, non é boa para o bebé. Grazas a programas de saúde maternal como os que desenvolve Acción contra o Fame en Malí, preto da metade das nais que asisten a estes talleres xa lles dan aos seus bebés só leite materna, abandonando a tradición do suplemento alimenticio.

Cultivando futuro

Durante a infancia dos seus fillos, as nais adoitan ser as encargadas da produción do cultivo familiar e da venda dos seus produtos nos mercados locais. Aínda así, a muller non ten acceso á terra que cultiva, non ten voz nas cooperativas agrícolas das súas comunidades e non se lle permite decidir sobre os alimentos que cultiva. Aínda que en silencio, a muller nutre o desenvolvemento e asegura o futuro de xeracións posteriores. Son as pobres dos pobres e sen elas, non habería loita contra a fame.•

 
< Ant.   Seg. >