A vella farsa tráxica V
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 25 de Febreiro do 2007

¿Buque pantasma ou holandés errante?

[Galicia Hoxe]

Wagnerián en todo caso. Wagnerián en versión paródica, inanque non por iso menos tráxica. E paradóxica, asemade. Non teño noticia de que esa ópera do monstro xenial de Leipzig se teña representado nunca na Galiza, en ningún dos seus teatros nen tampouco ao ár libre. E no entanto, o drama humán que lle serve de contido e pre-texto, leva acontecido adoito e volve agora acontecer, en crúa realidade, sen transfiguración artística, ou ao xeito de descarnado "reality show", no mar e no litoral do noso país. ¿E il será que a realidade supera á arte?

Relembremos algúns dados encol da obra e do tema. Titulada por il "O holandés errante" (Der fliegende Hollánder), compuxoa Wagner cando roldaba os trinta anos, e estreouna deseguida en Dresde (1843). É, pois, unha obra de mocedade, mais contén en xérmolo os primordiais elementos axiolóxicos e temáticos do imaxinario wagnerián, e marca, ademáis, o comenzo do uso do famoso "leitmotif" como célula matriz da composición musical -o equivalente da "idée fixe" de Berlioz, o profético precursor da revolución wagneriana na estética e a teoría da música orquestral. Pasarían uns trinta anos até que esa ópera cobrase sona e se difundise alén o recinto cultural xermano, co título máis frecuente de "O buque pantasma" na Europa latina e meriodional. Seguídeme, por favor.

Wagner non só compuxera a música, senón que escribira o libreto -como había ser pauta na sua produción fundamental de madurez. Inspirouse nunha antiga lenda, esparexida no mundo mariñeiro da Europa nordesía dende a idade meia, mais apoiouse nunha obra de Heine -o poeta co que se ten emparentado literariamente a Rosalía onda nós, só que anterior a ela en case meio século. Con todo, disque o desencadeante da decisión criativa de Wagner fórao un episodio biográfico seu: unha travesía dende o Báltico a Inglaterra, na que un forte trebón arrastrara o barco descontra as costas norueguesas -nas que se situa a acción da ópera, inanque inicialmente escollera as de Escocia.

Na lenda -e na ópera- o holandés errante é un navegante vítima dunha maldizón que o condeara a errar á toa polos mares sen acougo nen abeiro, coa soa concesión de poder tocar terra cada sete anos á percura dun amor purificador que o redimise e liberara desa morte en vida, dese inacabábel deambular espectral polos mares. Na acción dramática, uns mariñeiros noruegueses topan no mar co buque pantasma, de velame cór do sangue -e co holandés a bordo, claro está. Compadecido, o patrón da lancha norueguesa, de nome Daland, recolle ao holandés e lévao repousárese na sua propria casa. Mais alí, a filla do patrón, de nome Senta, namórase do holandés. Ao cabo, Senta morrerá para redimir ao pantasmal mariño vagamundos e liberalo da maldizón que o aferrollaba. ¿Comezades a abesullar cara ónde vou?

Non cada sete anos, senón cada tres ou catro, un buque pantasma emergulla da brétema mareira, poucas millas mar adentro das costas galegas, e guinda un SOS. Escribira premonitoriamente Manoel-Antonio, o mariñeiro poeta: "Qué dan os almanaques/para esta meia-noite?/Pero aínda non sabemos/de que banda vai chegar a meia-noite/E o faro estraviado/vai esgotar o seu stock de S-O-S." Mais o buque que intermitentemente, coma nun pesadelo colectivo, emerxe da borraxeira oceánica por onda Fisterra ou Ortegal, nen é o pailebote branco manoel-antonián, nen leva a bordo a ningún holandés errante de carne e óso, malia que espectral, presa de ningún maleficio. Pantasma haina, mais é a do poder. Maleficio haino tamén, mais padéceno o noso país e as suas xentes, maormente as xentes mariñeiras -ou o que aínda resta delas arestora.

Con todo, a urdime da traxedia wagnerián segue a valer como canon do drama que cobra vida letal e faise realidade en cada ocasión que un buque pantasma fica ao pairo e emite sinais de emerxencia no arco atlántico-cantábrico galego, o corredor de máis denso e perigoso tránsito transoceánico de tódalas augas litorais europeas, agás se cadra o canal da Manche ou Manga normando. Faise realidade, digo, e non obra de ficción teatral nen operística. Catastrófica realidade, as máis das veces, no siñificado orixinario da catástrofe, como desenlace culminante da traxedia clásica, no que a clave nodular da acción fica plenamente esclarecida á luz do espanto que sobrancea dunha banda e outra do escenário e engule ao público no mesmo rodopío que aos actores.

Como cando do "Prestige" -e van alá só catro anos desa penúltima aparición do buque pantasma. Tamén daquela, nos primeiros lances do drama -a fase da exposición do tema, como na forma sonata en música- tamén daquela nesa fase, digo, mentras a pantasma do poder impotente -ademáis de estéril- paseaba o buque polos catro pontos cardinais do líquido, e salgado, escenario da sua in-acción, o público cidadán era espeitador -actitude simplesmente espeitante, quero dicir. Até que a trama do dramático acontecer atou o nó do asunto: o buque afúndese. Dende ese intre, o público todo, ainda espeitador, alporízase, exprésase, participa, berra, movilízase, dende o galiñeiro ao patio de butacas. Mesmo parte dil, o máis próximo ao proscenio -a xente mariñeira- chímpase no escenario e pasa a ser actor: é a xente do mar a primeira en combater o chapapote, contér a enxurrada da maré negra, pór a salvo as rías. Ao que se achega o desenlace, toda a cidadanía pasa á acción, invade o escenario, convírtese en actor protagonista colectivo, mentras o autor da traxedia -o poder- que non tiña previsto tal episodio no guión da obra, esfúmase coma o neboeiro coa nortada, fai literalmente mutis polo foro, e agóchase detrás da tramóia -a xa inservíbel propaganda, as xa descifradas mensaxes mintireiras. Sen que o espanto a paralise, a cidadanía, virada en público-actor, suplanta ao inerme poder: desaparece o Estado e emerxe a nación -dixera eu daquela na, disque nosa, cámara de representantes. Os cidadáns fanno todo: orgaización, loxística, información, traballos de limpeza, e así. Cidadáns de tódolos recantos da Galiza, mesmo dos confíns da Penínsua e de alén Pirineus. Cidadáns de tódalas castes e idades, até os raparigos e raparigas das escolas e institutos da Galiza toda en cadeas humáns por toda a beiramar -seica mentalmente manipulados por mestres e profesores, dixera papá Rajoy. Catástrofe material-ecolóxica, económica, pesqueira. Catástrofe asimesmo, repito, no senso orixinario teatral. E catarse, tamén, catarse social e cívica: cidadanía exercente, actor protagonista da traxedia -tanto en padecela coma en combatela, en revoltarse fronte a ela. Mais seguídeme aínda un cacho -obrigado.

Dicíavos que a urdime da traxedia wagnerián segue a valer como modelo do -noso- drama mariñeiro. Máis axustado ao libreto operístico nesta nova escenificación do buque pantasma holandés errante que, dende hai uns días, ameaza con ter outravolta desenlace de traxedia -e talvez catástrofe?. Só que, nésta coma en precedentes representacións, compre entendermos que Senta -a moza enxel que morre por redimir ao holandés errante- é a nación galega, a xente galega do común que, unha vez tras outra ao longo da historia, é sacrificada por mor dunha pantasma que segue a percorrer o mundo, mais non é a que nomearan Carlos e Federico hai século e meio, senón mesmamente a sua antítese. Direino sen circumloquios: o capital. Por un casual, nesta ocasión é holandés, ademáis de errante. Pero errante, iso sí, iso éo sempre: é a sua condición esencial.

Díxose hai ben tempo, e ben dito resulta estar, que o capital non ten patria. Por riba, arestora, coa bendita globalización, nen sequer ten cidadanía, non está sometido a ningunha lei: a lei faina il, eiquí, onda nós, e acolá, na UE e no sistema-mundo. Ise é o poder real, e non o das institucións de estado ningún: iste é só, ao sumo, un testaferro. Ben á vista está. Cando do "Prestige", o capital armador -e tan armador, pois armouna boa- mareoulle a perdiz ao poder do Estado canto quixo. Agora fai o mesmo xogo, e as autoridades din, paladinamente, que é il quen ten que decidir qué se fai co barco que fumega. Claro que, se chega a estourar o buque, volverá facer mutis polo foro. Senta, a soa e verdadeira vitima da traxedia, Galiza, a xente galega do común, volverá morrer no escenario do "reality show" a mans desa fúnebre pantasma que percorre o mundo e arriba cada poucos anos ás costas galegas nun buque sinistro -negación do pailebote branco- coas velas tinxidas de sangue, como no drama wagnerián. ¿Teremos os cidadáns que invadir o escenario outravolta? ¿Van os actuais inquilinos do poder representar o mesmo rol pusilánime ca os de outrora? A miña indignación de cidadán xa está servida. Pois, se tal acontecese, conten xa coa miña idéntica rebelión.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.