A vella farsa tráxica IV
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 19 de Febreiro do 2007

Non ter

[Galicia Hoxe] 

Esactamente así: non ter. A carencia como absoluto categórico. A carencia na sua plenitude -esperpéntico combinado de dous termos antitéticos, plenitude e máis carencia. Con todo, dáse, e ten sentido. Estarrecedor sentido cando cobra presencia en carne e óso -máis óso que carne, claro, ou óso e pel simplesmente, pel humana apegañada á osamenta do cráneo e a faciana. Só están vivos e húmidos os ollos, ollos imensos e diáfanos, mansos e abraiados, xanelas abertas sobre a cancela duns dentes perfeitos e branquísimos. Beleza inerme, trebellos en desuso. Eu ben os vin, moitos seres así, nos arrabaldos de Nairobi, camiño de ida ou volta de Kasarani, a largacía agra aberta salferida de instalacións desportivas que acolleu os encontros do VII FSM nas afóras da cidade, cáseque meia hora de traxecto en auto dende o centro. Ben os vin, camiño de ida ou volta, só ao pasar. Confesareino: non ousei visitar os feudos da miseria nairobís, non tiven coraxe. Abondáranme as experiencias de Alexandria, no extrarradio de Johannesburg -oitocentos mil corpos e almas estimados, cinco ou seiscentos mil censados- mesmo con estar xa daquela en proceso de reabilitación, despois de abolido o apartheid. Ou dos bairros de lata de Mumbay, infindos sumidoiros da miseria máis extrema. Arreguizábanme o ánimo esas lembranzas. Espantábame resuscitar as vivencias da miña impotencia, da inutilidade dunha presencia fugaz e efémera. Ou entrar para ficar, ou non ir, non achegarme só para observar -non ser espeitador, ou máis ben, involuntariamente, "voyeur". Nen ía servirlle de nada á miña fugaz presencia, nen ía saber máis do que xa sabiamos os que, por iso mesmo, acudiamos ao Foro. Non, non ousei. Mais, no entanto, ben os vin, ao pasar. A carencia na sua absurda plenitude. Non ter: esactamente así, estritamente iso.

* * *

Non ter para comer "à sa faim". Non ter para calzar os pés, para vestir -dixen vestir, non tapar as partes. Non ter para beber auga non contaminada, para non pillar un andacio de disentería. Non ter para sandar as doenzas, para eludir a peste da sida. Non ter para facer camiño doutro xeito que a pé. Non ter, en suma, dereito á vida, a existir. Non existir para os outros, para nós en concreto, os que sí que temos iso todo. Ao cabo, non ser socialmente ninguén, só masa de seres innominados, moreas de corpos que buligan sen destino e acenan espasmódicamente sen que ninguén descifre o código de sinais das suas mensaxes. Non ser suxeito de dereitos. De dereitos disque humáns -esa expresión que tan adoito se pronuncia e publicita, e tan sistemáticamente se valeira de sentido, a forza de deturpar e esfarelar o conceito que encerra en orixe. Dereitos do home e do cidadán: na cultura política europea, dende 1789, coa declaración dos revolucionarios franceses na asemblea constituínte, a condición de ser humán e a de cidadán son indisociábeis para definilo como suxeito titular de dereitos. Para empezar, como soberano, e non súbdito de soberano ningún: fonte individual do poder político, titular colectivo da soberanía nacional cando o povo que o integra conforma unha nación. Non hai dereitos humáns cando o home non é cidadán, ou sexa, libre e igual a calquer outro, sexa cal for o seu xénero, a sua raza, o seu idioma, as suas crénzas, a sua clase social. Calquer dominación aniquila ao cidadán, anula no home a condición de tal, reconvírteo en súbdito, en sometido, aferrollado -en "sujet", díse en francés. E os dereitos humáns, os dereitos do home, non sobreviven a esa metamorfose, a esa reconversión alienante -volatilízanse no éter das declaracións vougas, na falacia dos fetiches ideolóxicos, dos estupefacientes, dicía Castelao, para a conciencia dos benpensantes acomodados. Falar de liberdade de expresión, opinión, imprensa, para quen morre de fame, sobrevive ao vintimperio, carece de fármacos para sandarse, de escola para instruirse, é o mesmo que prometerlle outra vida, a celestial, ao famélico servo da gleba europeu de hai mil anos, escravo da terra e do amo feudal, señor de vidas e facendas. Os dereitos humáns comezan polas condicións materiais de existencia. Por elas comeza asimesmo o acceso do home á condición de cidadán, polos medios e recursos para producir e reproducir as condicións materiais da sua existencia. Para ter, daquela existir, ao cabo ser. Máis de meia humanidade non ten, logo non existe, de feito non é xénero humán: sábeno ben os amos do planeta, que fan a lei coa senrazón da forza e encarceran en guetos choídos a forza da razón humana. Da razón de ser, existir e ter: alimento, casa, roupa, saúde, escola -eis os alicerces da liberdade, da dignidade, eis os dereitos do home e do cidadán. Só así entendidos cabe falar de "dereitos humáns" sen hipocrisía manifesta.

* * *

"Teóricamente, nós xa non somos colonias, pero os nosos países están sometidos a reformas económicas e estruturais draconianas que nós non demandamos, sobre as que a maioría da poboación non foi consultada e que, por riba, empobrécennos e aferróllannos."

"Pero os novos amos do mundo, que interpretaron a queda do muro de Berlín á sua comenencia, decretaron que, para Africa o mesmo que para o resto do mundo, chegou a hora da mundialización, que o futuro é un imenso mercado, un verdadeiro país das maravillas no que tódolos bens e servizos nos serán accesíbeis se deixamos aos poderosos da terra consolidaren o seu dominio sobre as nosas economías, os nosos espritos e os nosos destinos." "Porén, as reformas que conducen dereitiñas ao mercado mundial non teñen nada que ver coas necesidades fundamentais e as arelas dos cidadáns africanos. A sua execución exacerba as desigualdades e agrava as chagas que teñen como nomes paro, miséria e violencia."

"Compre que nós, os Africanos, coñezamos dende dentro os nosos trunfos e as nosas feblezas, as nosas relacións co resto do mundo tais como as modelou a historia até hoxe, e afirmarmos con máis forza aínda a nosa vontade de non aturarmos o que se dá en chamar a mundialización (ou globalización) cando se convirte en negación e asoballamento."Son matinacións de Aminata D. Traoré, párrafos entresacados do seu libriño "L"étau" -o torno de carpinteiro, o aparello no que se apertan as pezas para seren limadas ou polidas, dí literalmente o dicionário. Unha diagnose lúcida, certeira e reflexiva. Unha denuncia descarnada sen retórica algunha. Un alegato destemido e conmovedoramente revoltante, no ronsel do pioneiro "Discurso encol do colonialismo" de Aimé Césaire, aló polo 1955, e de "Os condenados da terra" de Franz Fanon no 1961 -daquela prologado, como non, por Sartre. Aminata Traoré, africana do Mali, inteleitual e escritora comprometida, loitadora cultural e política, asumíu o reto de ser, por algún tempo, ministra da cultura no Mali, levou mentras puido unha política audaz e transgresora, e deixou unha pegada indelébel. Eu coñecina hai poucos anos en Johannesburg, e volvin lembrarme dela agora, en Nairobi, ao coñecermos desta volta Xabier e máis eu a Wangari Matthai -tan diferentes e tan iguais as duas no cerne. Duas mulleres enteiras, dous liderádegos femininos en duas frontes de combate diferentes artelladas nunha loita común. En dous distintos ámbitos específicos nacionais e étnico-culturais, con dispares métodos e eidos problemáticos de acción, mais nun mesmo contexto xeopolítico común -o africano- cun mesmo horizonte compartido -a liberación social dos povos de Africa, a real e efectiva descolonización económica, política e cultural. A Traoré a partir do Mali -na África colonialmente francófona- e a Matthai a partir de Kenya -na Africa colonialmente anglófona. Colonialmente, dixen: mais Aminata pensa en idioma "bamananw", e Wangari en swagili ou kikuyu -non podo asegurarvos en cal dos dous. E logo, a partir do seu idioma, da sua respeitiva identidade cultural e étnica, as duas coinciden en pensar políticamente como cidadás a dous niveis. A Traoré esplicítao: "a dupla cidadanía", escrebe -a primeira como cidadáns do seu proprio povo, a segunda como africanos. E mesmo, no contexto da alternativa á globalización, "a cidadanía que se obtén e se exerce ao nível da terra enteira"; "a patria de tódolos humanos é a nosa única oportunidade" -en pé os escravos da terra, ¿non si?

Eis a outra faciana do non ter: a enerxía potencial que torna o non ter en conquerir. Está a abrollar en Africa. Millor diría: hai tempo que abrollara, só que foi esmagada. Está a rexurdir, reduplicada. Tamén esa faciana a vin -mais diso falareivos, se queredes, outro día: de non ter a conquerir... os dereitos -efectivos- do home e do cidadán.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >