Algo se está a mover en Venezuela
José Antonio Morán Varela   
Martes, 13 de Febreiro do 2007

Tras gañar as eleccións do 3 de decembro pasado Hugo Chávez, ante o escándalo duns e a ledicia doutros, anuncia unha serie de medidas para profundizar a revolución bolivariana que comezou en 1988.

[Eutsi. Traducido por altermundo.org]

Ante iso, as redes oligárquicas internacionais multiplican o seu arsenal –incluído o mediático– para tratar de impoñer a súa versión. Nas liñas que seguen, co propósito de achegar argumentos ao debate existente, José antonio Morán Varela bucea para www.eutsi.org nas orixes da devandita revolución, analiza os seus logros, sombras e inimigos, e especula sobre o rumbo que Venezuela pode tomar.

É 25 de decembro, domingo. Pola xigantesca Av. Bolívar de Caracas e a súa contorna, máis dun millón de organizados e ilusionados chavistas esperan a aparición do seu líder. O espírito festivo, a parafernalia de insignias, consignas e música, así como o monocolor vermello “rojito” traen lembranzas do revolucionario ambiente de hai unhas décadas en Latinoamérica. Perante o delirio dos seus seguidores, Chávez aparece en escena. Indubidabelmente posúe don de xentes: entre el e os seus seguidores hai unha comuñón tal que non se necesitan argumentos lóxicos nin promesas, senón doses de empatía e algunha que outra reseña sobre o conseguido e o que aínda falta por lograr.

Nas súas catro entretidas horas de discurso non pasan desapercibidos nin os termos militares que emprega –“cada un debe ser un soldado”, “hai que estar disposto para a batalla e gañar a guerra ao inimigo”–, nin os de corte cristián –“todos somos irmáns”, “o amor é o que nos une”–; (até chegou a cantar máis que amor frenesí). Unha semana máis tarde, o 3 de decembro, borrou do mapa ao seu enésimo contrincante da dereita.

Que hai detrás deste carismático líder e a súa doutrina que se deu a coñecer cun golpe militar, que mestura a Xesucristo co socialismo, e que –malia que queren converter en bufón- como unha infatigábel mosca zumbona aspira a ser o azote dos intereses oligárquicos das grandes potencias?

UN POUCO DE HISTORIA

Para comprender o que acontece na Venezuela actual precisamos dun pequeno exercicio de contextualización. En 1988, Carlos Andrés Pérez, tras gañar as eleccións, anuncia as típicas medidas propostas polo FMI e que ocultara na campaña electoral. As consabidas receitas do devandito organismo e as consabidas consecuencias, trouxeron tal serie de carencias para unha maioría de poboación xa de por si castigada, que conduciron aos altercados de febreiro do 199 nos que a violencia e os saqueos apoderáronse das rúas de Caracas. É o que se denominou o caracazo, e que ao cabo sería un punto de inflexión na Venezuela contemporánea. A represión foi brutal: oficialmente 3000 mortos, extraoficialmente catro veces máis.

Dentro do exército, coencargado da represión, ademais dos adeptos ao poder que se enriquecían coa venda de armas, había grupos disconformes coa marcha do país. Entre eles sobresaliu o Movemento Bolivariano Revolucionario MBR200 (1), que sentindo escrúpulos ante a tarefa represora, levántase en armas dando un golpe de Estado. Os seus membros son engaiolados, pero xusto aí, na cadea, é onde comeza a emerxer a figura de Hugo Chávez ao permitírselle dicir por televisión que “por agora” fracasaba no seu intento. No imaxinario do descontento popular aparecía unha esperanza. (2)

O golpe do MBR, máis aló da política de C. Andrés Pérez e o FMI, érguese contra o puntofixismo que, entenden, é un mal estrutural que corroe as institucións. O puntofixismo (3) nacera coma un pacto excepcional para o período de de transición cara á democracia trala caída do dictador Pérez Jiménez en 1958. O seu obxectivo era evitar as graves pelexas políticas do período democrático de Rómulo Galegos (1945-1948) que serviron para xustificar o golpe de Pérez Jiménez. O pacto consistía en cotas fixas de poder que se respectaban os dous partidos autoproclamados hexemónicos, con independencia dos resultados electorais (4). Pero o que en principio ía ser provisional e transitorio converteuse nunha conciliación de elites que durou 40 anos, produciu a Constitución de 1961 (que será modificada polos bolivarianos), e prolongouse até a caída de Carlos Andrés Pérez tralo caracazo.

Os analistas coinciden en que as catro décadas de estabilidade debéronse a que as ubres do petróleo durante os 70 e parte dos 80 daban tanto para satisfacer as descomunais ansias da oligarquía, como para repartir entre unha poboación non moi numerosa ao principio. Pero a posterior crise petroleira, os problemas coa OPEP, a apropiación por multinacionais da riqueza nacional, a disminución de ingresos fiscais, e –en fin- a adopción de medidas impopulares, non fixeron máis que dicotomizar a poboación, enriquecendo aos ricos e empobrecendo a toda unha masa social, terminando así co mito da Venezuela saudí.

No pensamento orixinal do MBR converxen ideas de tipo nacionalista que subliñan as características da política venezolana, e que teñen un marcado énfase en aspectos sociais como a educación, a saúde, a igualdade, ou a integración dos pobos indígenas. Os pais ideolóxicos (coñecidos como as tres raiceiras) son Simón Bolívar, o liberador de América Latina que conxuga a política coa forza; Simón Rodríguez, que achega ideas liberais; e Ezequiel Zamora, azote de oligarcas e conservadores.

O CAMIÑO PERCORRIDO

Con estes prolegómenos, e desde a cadea, os bolivarianos son quen de amorear a grupos e organizacións sociais, e presentarse ás eleccións de 1988 que marcarán a primeira das ininterrumpidas vitorias que até o dagora obtiveron. (5)

A herdanza que atopan é desoladora e sobre todo tendo en conta as potencialidades do país: latifundistas con terras sen cultivar, media poboación mergullada na pobreza, falta de preparación técnica, esquecemento da produción e conseguinte dependencia do exterior, inmensa evasión de capitais que fomenta a débeda externa, infinidade de traballos informais, os cartos do petróleo esfumándose nas multinacionais, e –un dato moi rechamante– que é o terceiro país máis desigual do mundo.

Ante esta situación, trazan as liñas mestras de actuación cuxo obxectivo, tal como apunta Juan Torres (6) é “crear máis riqueza e distribuíla mellor” corrixindo “a man invisíbel do mercado coa visíbel do Estado”. É necesario, en consecuencia, un troco tanto a nivel político coma económico.

Entenden que a Constitución de 1961 está tan encorsetada que impide solucionar os problemas existentes. Por iso, en primeiro lugar elaboran unha nova, que someten a consulta popular, e gañan, en 1999. É fundamental reseñar algúns dos seus trazos porque serán o marco dende o que comprender as actuacións seguintes, e que no fondo son a expresión dun troco estrutural de modelo: pasar dunha democracia representativa, a unha democracia participativa (tamén chamada protagónica).

En primeiro lugar chama a atención o empoderamento do pobo en detrimento dos partidos políticos. Se até agora o poder constituínte dependía do Parlamento, en diante serán as asociacións de veciños, grupos indíxenas, asembleas de cidadáns, cabildos, ecoloxistas, defensores de dereitos humanos, etc. os responsábeis. É significativo que en ningún momento se cita aos partidos políticos –malia que tampouco os exclúe– como representantes en procesos electorais.

En segundo lugar, aos tres poderes tradicionais (lexislativo executivo e xudicial) súmanse outros dous: o poder do cidadán, que investiga e prevén posíbeis fraudes, (7) e o poder electoral, encargado de organizar os grupos que representarán aos votantes nas eleccións.

En terceiro lugar, a participación popular, lonxe de rematar nas eleccións, prolóngase ininterrompidamente. Por exemplo, é posíbel convocar un referendo revocatorio a metade de mandato de calquera representante público; de feito Chávez tivo que enfrontarse ás urnas no 2000 trala petición de revocatorio da dereita, votación que tamén gañou. Doutra banda, precisamente ese empoderamento do pobo foi o que lle sacou da cadea e lle reinstaurou no poder tralo golpe de Estado da oligarquía venezolana coa axuda de EUA e o goberno de Aznar no 2003. Outro exemplo é a posibilidade de que o pobo propoña debates que os seus representantes deben tratar. (8)

O importante é resaltar que estas medidas políticas terán unha enorme repercusión social e económica. A nivel social póñense en marcha as Misións, que son mecanismos para incluír aos excluídos, e cuxo funcionamento é un exemplo de desenvolvemento de democracia participativa ao ser o pobo quen xestiona o diñeiro e a organización do que chega do Estado. Entre as moitas Misións que hai e houbo, destacamos a Misión Róbinson para combater o analfabetismo, a Misión Sucre para garantir o acceso dos pobres á Universidade, a Barrio Dentro cuxo obxectivo é a universalización do sistema médico (apoiada agora coa axuda de médicos cubanos a cambio do petróleo venezolano), a Misión Hábitat para posibilitar o dereito á vivenda, a Identidade para censar ás persoas e permitirlles o acceso a todo tipo de prestacións (o 80% carecía ou tiña problemas coa súa identidade legal), ou a Misión Mercal, mantendo prezos estábeis e produtos de primeira necesidade para os máis desfavorecidos?

Os resultados, a data de hoxe están á vista: a UNESCO recoñece a Venezuela libre de analfabetismo; hoxe 12 millóns de venezolanos, moitos sen recursos económicos, están estudando; o número de vivendas sociais medra incesantemente (só para o 2007 están proxectadas 200.000); o índice de pobreza pasou do 50% ao 20%; construción de numerosas escolas bolivarianas que albergan xa á totalidade dos nenos; un sistema sanitario que se amplía a pasos de xigante chegando a todas as capas sociais; comedores populares para os necesitados, creación dun banco con baixísimo interese que posibilite a obtención de créditos a sectores como cooperativistas, nais solteiras, etc.

No eido económico, como xa queda insinuado, os bolivarianos fan un esforzo por impulsar a propiedade colectiva –que no caso agrícola chegou á expropiación dalgún latifundio improdutivo-, e por fomentar calquera tipo de cooperativismo, redes solidarias, asociacionismo, e movementos agrarios; e máis específicamente aínda, apoiando toda proposta de utilización intensiva de recursos propios, o que se denomina desenvolvemento endóxeno. Así mesmo poñen énfase na axuda a comunidades indíxenas, ás que toman como exemplo de comunitarismo social que lles gustaría trasladar aos barrios.

Pero o debate de fondo, polas repercusiones que poida ter, está nas nacionalizaciones. Neste sentido merece especial atención o petróleo por ser o monocultivo nacional. Malia as críticas da oposición, o que o goberno de Chávez fixo foi evitar a privatización á que se encamiñaba co executivo anterior, pero o control maioritario estaba en mans do Estado e, xa que logo, non houbo que nacionalizalo. (9) No momento de escribir estas liñas existe tamén unha forte discusión na rúa polo anuncio de Chávez de nacionalizar a CANTV (Compañía de Teléfonos de Venezuela), e a Eléctrica de Caracas. Bastou o seu anuncio para que a bolsa sufrise un histórico esborralle do 20%.

O resumo do resultado das apostas económicas, até agora, é un medre do benestar das clases desfavorecidas debido a un mellor reparto dos dividendos fiscalizados, unha recuperación da actividade produtiva malia as súas moitas lagoas como a do mundo agrario, un saldo positivo das reservas monetarias do país que se traduce en maior independencia, e un 12% de crecemento económico, o máis alto de América Latina. Pola contra, a inflación, aínda que conseguiron baixala do 30% en que a atoparon ao 13%, no último ano repuntou até un 17%.

A actividade internacional é incesante e cuns obxectivos claros: lograr redes de cooperación que contrarresten as políticas imperialistas-capitalistas. Hai que resaltar os seguintes: reintegro e potenciación da OPEP, movementos para aclarar a política de MERCOSUR, creación da ALBA para priorizar o desenvolvemento endóxeno latinoamericano e opoñerse á filosofía da ALCA (10), acordo de cooperación enerxética a través de Petrocaribe que xa asinaron 14 países, acordos bilaterais coa China e a India como países emerxentes, e con Rusia, Irán e Cuba, por distintos motivos (11), proxectos dunha televisión latinoamericana (Telesur) para contrarrestar as potentes e ideoloxizadas canles do estilo CNN, recente apoio explícito a Bolivia, Ecuador e Nicaragua, etc.

ATANDO CABOS

O obxectivo fundamental da exposición precedente é enfrontarnos con elementos de xuízo á cerna da cuestión obxecto das presentes liñas e que non é outro que tomar o pulso da Venezuela real e actual, o da rúa, e ver cara a onde se dirixe todo este proceso sen obviar dúbidas, sombras e dificultades.

1-. Ao percorrer Venezuela un tópase diariamente con chavistas e antichavistas, sen término medio nin matices. Entre os primeiros destacan polo seu número os entusiastas do líder e os seus logros, pero tamén están os bolivarianos e/ou socialistas (que recelan dun exceso de chavismo), e os ocasionais e escépticos pertencentes a unha clase media bombardeada a diario pola oposición, que poden cambiar de bando en calquera momento. Todos eles son obxecto e obxectivo da política de Chávez e –en xeral– séntense achegados aos seus veciños suramericanos pero tampouco deixan de mirar de reollo aos do norte. Viaxan en bus e traballan por conta allea ou se gañan a vida como poden: bufoneiros, pequenos negocios…; ata que chegou a Misión Identidade a maioría carecía de acreditación como cidadán. Habitan os suburbios das cidades e acábanse de espertar dun longo soño no que vivían con resignación unha situación que empeoraba día a día sen posibilidade de cambio, coma se estiveran atrapados nun destino indomábel; agora, abríuselles unha luz en forma de esperanza.

Os antichavistas defínense polo anti, sen líder nin proxecto; de feito, salvo unha minoría que trata de presentar as súas propostas cun mínimo de coherencia e atractivo, o resto móvense entre a decepción e os desexos dun golpe militar. Baseados no único recurso que lles queda, a forza económica e mediática (son a oligarquía e controlan o 90% dos media), e coa bendición eclesiástica, aspiran a perpetuar os privilexios herdados da España caciquil; por iso non queren nin oír falar de de fisco, reparto, ou control. Miran con envexa cara ao norte do continente, se socializan en clubs e centros comerciais, conducen imponentes autos agochados tras negros cristais, e os que poden, gozan amosando o seu acento norteamericano ao falar inglés, narrando as súas correrías por Europa, ou presumindo de fillos que viven ou estudan nos EUA.

Posibelmente fosen quen inauguraron a toma e algarada da rúa –ata entón patrimonio da esquerda- para reivindicacións da dereita. Acusan a Chávez de –capitalizar as expectativas dun rebaño desorientado–, e de ser un –narcisista-leninista–; e ás veces, no seu afán por non querer aceptar as evidencias da realidade navegan entre o delirio e a paranoia: sirva de exemplo a súa convicción de que as pasadas eleccións foron gañadas por eles exactamente ao revés de como din os resultados, que o recoñecemento da vitoria chavista polo seu candidato Rosales foi para evitar un derramamento de sangue, e que a ausencia de críticas do proceso electoral de observadores internacionais é debido a que tamén eles forman parte da conspiración. (12)

A oposición está tan marcada que ata se pode apreciar xeograficamente. Móstrase entre o leste amazónico e o oeste petroleiro, ou máis claramente entre o centro e os suburbios das cidades cuxo exponente máximo é Caracas onde Os Cerros (versión venezolana de fabelas e chabolas) van rodeando a cidade dos rañaceos financeiros e as películas de enredos amorosos. En ocasións resulta difícil saber ata onde chega a convivencia e onde comeza o choque.

É evidente que –aínda que desiguais en número– os venezolanos están divididos. Metaforicamente é a historia dun país habitado por un grupo de cegos e outro de invisíbeis. Pero os cegos non o son porque estean imposibilitados para ver, senón porque non queren mirar. (Xa dicía Saramago que non hai peor cego que o que non quere ver). E os invisíbeis son e compórtanse como tales, ata o momento que descobren que en realidade foron invisibilizados e convencéuselles para que así o perciban; pero abonda con que descubran o truco para que muden no que son: visíbeis. Os cegos acusan a Chávez de populista por dar ás aos invisíbeis, mentres que estes agradécenlle que lles ensinase o camiño para recuperar a dignidade de visíbeis que en realidade lles correponde.

2-. Con todo, desgraciadamente hai dúas eivas que en grado máximo percorren a todas as capas sociais, e que de non buscar solucións, non hai revolución que se lles resista: son a violencia e a corrupción. Certo que ningunha é achacábel a Chávez porque viñan no lote da herdanza recibida, pero é certo tamén que malia os intentos, ata agora as leves melloras non se notan.

Sospeito que entre os negocios máis rendíbeis en Venezuela figuren os da instalación de reixas, cables electrocutantes, e arame espinoso do empregado polo exército. Cada casa, xa sexa de ricos ou pobres é un fortín carcerario; cada establecemento –hospitais incluídos– exhiben á súa entrada un ou varios homes armados como para entrar en combate; moitas liñas de autobuses interurbanos cachean electronicamente aos seus usuarios e outras lles filman en vídeo antes de saír; en Cidade Bolívar e Cidade Guaiana, por poñer dous exemplos, ao chegar a noite todo o mundo se refuxia nas súas casas-fortalezas e a urbe empápase de tristeza. As cifras oficiais non agochan a traxedia: case 12 000 homicidios o ano pasado, un cada corenta e cinco minutos, nun país de a penas 27 millóns de habitantes.

Pero máis patético é observar a elección e o ensañamento do agresor sobre a vítima, sinal inequívoco dunha arraigada vocación violenta en determinados sectores sociais. (13) E peor aínda, se cadra, que a policía non só se desinteresa do tema, senón que participa directamente na sangría. Por todas partes saen a relucir casos de axentes implicados en sicariatos, atracos e axustes de contas. Só “legalmente” a policía abate a máis de 1 200 persoas ao ano, moitas delas nas comisarías, e se chegan problemas o axente en cuestión non ten máis que trocar de corpo: ao cabo teñen outros 125 onde escoller e poucos lles van a pedir antecedentes. Contáronme de boa man que un encargo para matar a alguén está nuns 300 euros incluída a pistola que en ocasións é alugada por horas a algún policía.

O problema complícase se o cidadán intenta denunciar ou declarar algo, porque se atopa ante policías –e xuíces se chega o caso– corruptos, co que un veo de silencio e resignación tapa a sangría diaria. E é que a violencia vai da man da outra gran eiva: a corrupción. Posibelmente a peor herdanza que lle chegou a Chávez. Percorre horizontal e verticalmente a sociedade venezolana coa proporcionalidade de que a máis altura no cargo ocupado máis cota de corrupción. Contaba un taxista de Cidade Bolívar que non tiña carnet de conducir porque lle resultaba máis barato pagar ao policía que lle parase, xa que aínda que o tivese tamén tería que facelo; a cousa poñíase máis fea se o policía era principiante e honesto, porque entón remitíalle ao seu superior e a tarifa aumentaba en proporción directa ao grao do axente. Como pode funcionar minimamente unha administración así?

O propio Chávez é consciente que nas súas filas hai infinidade de corruptos, uns arribistas doutras formacións políticas cuxo interese é acumular prata, e outros simplemente porque a corrupción converteuse nun xeito cultural de actuar. A xente relata como até nos comedores populares, onde van os máis necesitados, moitas veces as racións chegan enfraquecidas ou simplemente son ficticias. Sinalemos dous exemplos observados persoalmente para ilustrar a cotidaneidade da corrupción: un dase diariamente nos autobuses que cruzan a fronteira con Colombia pola zona da Guajira onde os pasaxeiros reúnen un monto de bolívares para que os policías non molesten revisando as maletas; o outro é dos Llanos onde a Policía Nacional chegou á afastada casa dunha familia de labregos para esixirlles uns cartos que regularmente pasaban a cobrar (14).

Estes dous problemas –violencia e corrupción– non son pois menores para o goberno bolivariano. Con relación ao primeiro, aparte de falar da creación dun home con novos valores, cambiaron infinidade de veces aos responsábeis de Interior pero sen resultados até o momento. Con relación ao segundo si se achegan solucións novidosas: é a posta en práctica do poder que a nova Constitución infire aos cidadáns. Nun futuro achegado, alcaldes e gobernadores, cuxas omnipotentes mans eran un filtro para calquera proxecto e orzamento, serán desprazados por mancomunidades e federacións de consellos comunais. O fluxo de poder, neste e outros eidos sociais, irá de abaixo arriba e estará controlado pola colectividade, con todas as vantaxes que conleva. De feito, amparados na Lei de Consellos Comunais xa se formaron preto de 20 000 consellos. No fondo e resumindo, o que se pretende dicir é que o arma coa que os bolivarianos intentan combater a corrupción é coa democracia participativa.

Malia que aínda tímida, parece atisbarse algunha luz na pechada noite da corrupción. Por exemplo, en varios Estados pecharon comercios que non cumpren co fisco, ou colocado grandes autocolantes en escaparates anunciando as irregularidades dos seus donos, incluída a explotación dos empregados. Chávez exerce unha campaña forte denunciando a quen descobre en actos de corrupción e con máis saña aínda se pertencen ao seu partido, intenta varrer o mercado negro de cartos, e reduciu os avultados soldos dos dirixentes.

3- Hai un debate de fondo suscitado a raíz das nacionalizacións. É o de tratar de percibir cara a onde conduce a configuración concreta do modelo socialista: se o Estado controlará todos os medios de produción, ou se abolirá a propiedade privada. Trátase en definitiva de saber en que consiste o proclamado socialismo do século XXI.

O primeiro que hai que constatar é certa confusión nas mensaxes enviadas desde o goberno; está por saber se a ambigüidade é premeditada ou é un inevitábel froito da posta en práctica dunhas ideas que á súa vez van creándose e recreándose. O mesmo Chávez confesou que ao principio sentiuse atraído pola terceira vía de Tony Blair, ata que se decatou de que capitalismo e humano eran antagónicos. Hoxe, xunto ás nacionalizacións anunciadas (CANTV e Enerxía de Caracas) trala contundencia do “Patria, Socialismo ou Morte” na toma de posesión de Chávez (13-1-2007) hai declaracións máis recentes (25-1-2007) dicindo que “Cuba é Cuba e Venezuela é Venezuela, e non negamos a propiedade privada… porque buscamos un sistema económico mixto”.

A realidade observábel é que o goberno quere que o Estado controle os recursos estratéxicos (petróleo, telecomunicacións, enerxía, e –din, aínda que polo momento sen feitos relevantes- a agricultura). Pero ao mesmo tempo a industria existente –salvo a sinalada– está en mans privadas e medrando; fomentáronse as cooperativas (propiedade colectiva pero non estatal); aparecen novas facetas empresariais, até con capital estranxeiro, como a do turismo; e os bancos seguen a exercer o seu papel tradicional. Ata hai quen, non sen argumentos, ve detrás da inminente nacionalización da CANTV máis razóns estratéxico-económicas que ideolóxicas. (15)

Do que non cabe dubida é da valentía de Chávez ao enfrontarse ao poder oligárquico nacional e internacional optando por un modelo que mira aos desfavorecidos, devolve ao poder aos cidadáns, e o fai indo contra todas as receitas do FMI. E ademais a aposta está dando os seus resultados como queda apuntando. De paso –e entendemos que máis importante aínda– reabre un debate no seo non só do bloqueado socialismo senón da esquerda progresista en xeral.

Neste contexto de debate aberto, quen escribe, non pode deixar de sinalar a consternación que lle produciu a lectura do libro que sobre Chávez e o socialismo venideiro escribiu o afamado ideólogo esquerdista Heinz Dieterich. Incompresibelmente volve falar do socialismo en termos científicos, para acabar afirmando que de todas as alternativas actuais posíbeis para conseguilo, só a venezolana é a viábel, chegando a comparar ao comandante Chávez con Napoleón en canto a “xerente do espírito mundial”. (16)

O impulso fogoso e unificador de Dieterich impídelle ver que o contexto rural indíxena de Bolivia, non é o mesmo que o urbano e mestizo de Venezuela, e que ambos difieran das loitas de Chiapas, Oaxaca, ou dos Sen Terra brasileiros. Non debe esquecerse que –parafraseando a Sócrates e Marx- a función da parteira é axudar a que o neno naza, e xa que logo non hai que confundir á parteira co neno; parteiras hai moitas e nenos tamén. (17)

4- Outro tema de relevancia é o de se unha revolución debe agromar dende arriba ou dende abaixo. No caso que nos ocupa, os ideólogos son os dirixentes. Ata agora contaron cun apoio popular inquebrantábel que chega ao momento de poñer en risco a súa vida para protexer ao Presidente nos momentos difíciles. Indudabelmente a revolución bolivariana serviu para abrir os ollos de moitos venezolanos ao mostrarlles a trastenda da política, así como para outorgarlles a dignidade que como cidadáns se lles arrebatou.

Pero non é o mesmo unha revolución que conta co apoio popular que unha revolución que agroma do pobo. Está por ver ata que punto a comuñón entre o líder e os seus seguidores mantense máis aló das circunstancias coxunturais. Do mesmo xeito é unha incógnita –precisamente por non agromar do pobo– o que sería o bolivarianismo (ou chavismo) sen Chávez. Sexa como for, o camiño faise ao andar, e o innegábel é o conseguido ata agora.

5- Parécenos importante falar tamén sobre os bulos máis comúns que sobre Chávez verten os seus opositores-inimigos e que a forza de repetirse acaban converténdose en lugares comúns para moitos oíntes. Poucos gobernos na historia contaron cun hostigamento tanto interno como externo tan forte como o bolivariano.

  • Sobre o argumento de que é un dictador ou vai camiño diso, non hai máis que repasar a cantidade de consultas populares ás que se someteu; hai que dicir que é o único mandatario no mundo que tivo que validar o seu cargo en referendo a metade de mandato, que cada paso que ata agora deu -como na actualidade o da Lei Habilitante que lle outorga poderes especiais por un tempo– está recolleito na Constitución; que as nacionalizacións non son máis que o exercicio da hexemonía ou recuperación de soberanía dun Estado que precisamente vendeuno por imposición de organismos estranxeiros, e que dende logo, a ningún dictador se lle ocorrería asinar a que posibelmente sexa a Constitución de cantas existen que máis poder poña en mans do pobo.
  • A polémica de moda aquí neste momento versa sobre o peche dun medio de comunicación RCTV (Radio Caracas TV) acusando a Chávez de facelo por serlle hostil e quedarse así o monopolio mediático, o que sería contrario á liberdade de expresión. Convén aclarar respecto diso que, como en todas partes, aquí os contratos teñen data de caducidade, e o da concesión de devandita canle finaliza en maio de 2007, polo tanto entra dentro da normalidade que se lle renove ou non por quen corresponda. Caso de que non se lle renove, a concesión non se suprime senón que cambia de xestor e que, segundo as liñas trazadas previamente posibelmente estaría controlado por un colectivo máis representativo do pobo que o grupo oligárquico que ata agora o facía. E no caso aínda máis improbábel de que se pechase, a oposición unicamente perdería un dos efectivos do 90% do control dos media que posúe.
  • Pero sobre todo convén aclarar que esta emisora xactouse tanto do caracazo ocultando os mortos, como do golpe de Estado contra Chávez durante o que emitía debuxos animados; pola cadea non deixan de pasar militares e oligarcas chamando á sublevación; houbo reproches diplomáticos porque dende esas pantallas denominouse como “monos” a Xefes de Estado africanos recibidos por Chávez. As preguntas xa que logo hai que formulalas ao revés: é isto a liberdade de expresión? representa ao pobo? como é que aínda non se pechou? que poder e intereses ten a oposición para que o único que chegue aos cidadáns de todo o mundo sexan os argumentos de Bush, Insulza (presidente da OEA), a Igrexa, ou ata o mesmo Aznar.
  • En moitos foros resoa tamén a afirmación de que o socialismo do século XXI que Chávez propón é cristián. Que hai de verdade nisto? Prácticamente nada. É certo que o horizonte revolucionario está trazado desde liñas ideolóxicas nas que caben tanto Xesucristo como os aboríxenes, Che Guevara ou Fidel Castro, e son certos tamén tanto ese aire de predicador protestante que acompaña a Chávez como as frecuentes citas bíblicas. Pero non é o mesmo que un grupo teña a Xesucristo como un dos seus modelos, a que sexa un grupo relixioso. De feito, a tradicional e vaticanista Igrexa venezolana non dubidou en optar e poñerse ao lado da oligarquía; o que está por aclarar é ata onde o fai pola perda do monopolio da explotación dunha doutrina, ou ata onde por sentirse máis preto das clases opulentas que daquelas ás que di dirixir a súa mensaxe.

5-. Observando cenitalmente o chavismo aprécianse dúas forzas opostas que necesariamente deben complementarse. Unha é unificadora, intenta crear un horizonte común, aglutinar a todos os adeptos nun único partido, e concrétase nun nacionalismo como un dos alicerces do proxecto bolivariano. A constante apelación á figura de Bolívar (interesadamente esquecido en épocas anteriores) así como a normalizada unión cívico-militar, son datos que apuntan nesta dirección. Dá a sensación de que se necesita crear un imaxinario colectivo no que sustentar o antedito alicerce nacionalista. E se se intenta crear é porque o venezolano ten un déficit de identificación consigo mesmo: a división sinalada anteriormente e un estilo de vida (comidas, deportes, aspiracións, coches…) que miran cara ao norte, así poderían suxerilo.

A forza oposta é aquela que se outorga a individuos, pobos, asociacións, grupos, e quen queira que desexen reunirse; é a antítese do totalitarismo, aquel que posibilita vías de expresión e acceso para ser codirector dunha historia colectiva.
Da engranaxe de ambas as dúas forzas dependerá que a revolución bolivariana bote raiceiras e teña a súa base nutriente, ou pola contra que o aparello estatal homoxenice en exceso aumentando en melloras materiais, pero bloqueando procesos emancipatorios. De consolidarse esta segunda posibilidade terían razón as críticas que ven no chavismo un intento de buscar forzas para plantar cara aos poderosos do mundo, pero utilizando as mesmas armas. (18)

Até o momento, se tomamos como indicativos a transformación económica que implique un desenvolvemento social, o devolver ao cidadán o dereito que de lexislar correspóndelle a procura duns valores que dignifiquen, respecten, e apoien a grupos e persoas, así como un novo xeito de enfocar a convivencia oposta á dos voraces e depredadores neoliberais… veremos entón que os feitos de cada día confirman que a revolución bolivariana avanza, e que algo, non pequeno, se está a mover en Venezuela.

José Antonio Morán Varela
Mérida (Venezuela)
NOTAS
(1)-O número 200 é para remarcar o carácter bolivariano e refírese ao bicentenario de Simón Bolívar.
(2)-É curioso observar como tanto este encarceramento, como o sufrida no golpe de Estado do 2000, sérvenlle a Chávez para resurxir coma a Ave Fénix con máis ímpetu.
(3)-Así chamado porque os acordos asináronse na residencia de Rafael Caldera que tiña este nome.
(4)-Os partidos son o COPEI (Comité de Organización Política Independente) e o AD (Acción democrática); aos primeiros denomínaselles copeianos e aos segundos adecos. No pacto xa non entrou a URD –a esquerda de AD- que desapareceu, nin o PCV (Partido Comunista de Venezuela) e a extrema dereita perezjimenista que foron excluídos.
(5)-Malia a desinformación por parte da potente oligarquía venezolana, nunca, ningún organismo internacional dos que supervisan os sufraxios aos que Chávez se someteu, puido arroxar dúbidas sobre a súa limpeza.
(6)-O libro que Juan Torres, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Málaga coordina, titulado Venezuela, a contraxeito. As orixes e as claves da revolución bolivariana. (Barcelona, Icaria 2006) é claro e clarificador para obter unha idea xeral da Venezuela chavista. Do mesmo autor e na mesma liña: Venezuela: as pezas dun puzzle bolivariano.
(7)-Ao poder cidadán pertence o Defensor do Pobo que se coordina co chamado Consello Moral Republicano. A lexislación, así como a súa posta en práctica aínda se atopa na súa fase xerminal. Convén subliñar que o Estado está constitucionalmente obrigado a poñer os medios necesarios para fomentar a participación cidadá a través das asociacións pertinentes.
(8)-Para que os debates propostos polo pobo sexan admitidos a trámite necesítase o 0.1% da poboación para leis menores e do 14% para leis constituíntes.
(9)-Necesitouse un esforzo suplementario para que as ganancias fosen á caixa común do Estado e de aí derivalas a lugares como as Misións. A explicación é que os directivos do recurso petrolífero continuaron coa mesma política que cando estaban ao servizo das multinacionais: percibir ao Estado como un ente ao que burlar.
(10)-Se a ALCA é un instrumento do liberalismo transnacional para aumentar os seus campos de influencia, a ALBA (Alternativa Bolivariana para as Américas) busca redes cooperativas endóxenas entre os pobos latinoamericanos para corrixir as desigualdades sociais e potenciar a unidade da zona.
(11)-A Rusia merca armamento militar despois que EUA, Brasil e España (os dous últimos presionados polo primeiro) negásense a venderlles os repostos necesarios para o mantemento das máquinas que posuían. Con Irán compartirá a produción de coches populares, así como a difícil extracción do petróleo do Orinoco. Nos mentideiros populares desa zona afírmase que os iraníes, a cambio, buscan na conca amazónica os materiais necesarios para o seu programa nuclear; a ambos lles une o seu enconamento anti-norteamericano, e os dous moven fichas ante un posíbel boicot internacional. O do boicot non é ciencia-ficción xa que recentemente dous falcóns de Bush como son Negroponte, na actualidade segundo de Condolezza Rice, e M. Maples, director da Intelixencia de EUA están reiterando que Venezuela e Bolivia rachan as regras da democracia.
(12)-O seguinte texto serve para ilustrar como a opositora dereita, como un búmerang sen complexos, devolve literalmente as acusacións que a ela sempre se lle fixeron. “Na dinámica neoautoritaria os partidos políticos son libres de existir, só que están anulados; os medios de comunicación non son ameazados se compracen os caprichos oficiais; a oposición é ampliamente permitida con tal que a súa inutilidade estea garantida” Carlos Blanco. “Mans arriba e contra a parede” O Universal, 14 de xaneiro do 2007.
(13)-Sabido é que cada pobo ten o seu modo particular de exercer a violencia. Aquí, por motivos que os especialistas non se poñen de acordo, é brutal: sicario que mata á avóa por encargo dos netos adolescentes, paralítico que recibe un tiro na cabeza para arrebatarlle unha cadea, crueis torturas antes de matar á vítima…
(14)-O afirmar que existe unha cultura da corrupción non implica necesariamente que todos –policías, políticos, etc.-, sexan corruptos. Como mostra pola contra destacamos a H. Falcón, alcalde de Barquisimeto -chavista por certo- que ademais de mellorar sustancialmente a cidade, está libre –por agora- da sombra da corrupción. Significar tamén que do propio Chávez, o comentario que se oe –ata en termos pexorativos- é que está todo o día lendo, pero non que goberne para enriquecerse.
(15)-En “A vía venezolana ao socialismo” (16-01-07). Jorge Altamira baseándose en datos do diario El País (10-01-07) suxire que quen sae beneficiado desta nacionalización é Telefónica ao desaparecer a CANTV como competidor deixándolle así o camiño libre para a telefonía móbil. En todo caso o que si está claro é que a cotización na Bolsa venezolana da CANTV é un mecanismo non autorizado de saída de divisas reconvertíbeis a dólares a diferente prezo do oficial ao ser revendidas as accións na Bolsa de Nova York. O obxectivo estratéxico sería evitar esta saída de capitais que incrementa unha inflación xa alta de seu.
(16)-Heinz Dieterich. Chávez e o socialismo do s.XXI. Editado en Venezuela polo Movemento pola Democracia Participativa.
(17)-Marx aludía ao capitalismo coma a nai que parirá un resplandecente pícaro –o socialismo- coa axuda dalgunha parteira. Sócrates desde outro contexto dicía que ao igual que súa nai, parteira de profesión, o que el facía cos seus discípulos era axudarlles a que os seus alumnos puidesen ver os coñecementos que de feito xa posuían.
(18)-No fondo é suscitarse se o propósito último de MERCOSUR, ALBA, ou outras organizacións é parecerse á CEE, ou a OTAN (por poñer dous exemplos) para obter poder, pero repetindo os mesmos esquemas. É interesante, con relación a isto coñecer os intereses e loitas de forza que se dan nestes eidos rexionais documentados por R. Fernández Durán en “Cochabamba: Mandatarios, mercado e enerxía contra labregos, indíxenas e a Pachamama”, (23 de xaneiro de 2007). A citada páxina completa tamén a nota 10.

En español: http://www.eutsi.org/kea/content/view/275/39/lang,es/
 
< Ant.   Seg. >