| Historia dun terrorista |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 22 de Maio do 2005 | |
|
[ Publicado en Galicia Hoxe ] Luis Posada Carriles é un septuaxenario avanzado, un home vello e corpulento cunha lixeira semellanza física, tamén mental, a Pinochet. Sempre viviu no lado máis escuro da sanguenta historia de conspiracións, asasinatos e violacións de todo o humano que levan percorrido á xunta Estados Unidos e Latinoamérica. Décadas negras. É un terrorista declarado, un animal que gusta da morte, un monstro creado pola CIA, como Ben Laden. Porén, é anticastrista. Naceu na cidade cubana de Cienfuegos o 15 de febreiro de 1928, onde foi educado, obviamente sen moito éxito, en colexios relixiosos, de xesuítas e maristas primeiro e de dominicos despois, dos que aprendeu o oficio de químico azucreiro. Julio Lara, finado investigador cubano, escribiu del: “dende a adolescencia é afeccionado á caza e á pesca, á bebida e ao xogo, á defensa persoal e ao uso de armas de fogo, así como á confección de aparellos explosivos rudimentarios”. Bambi, como lle chamaban os amigos, traballou en azucreiras de Cienfuegos ata que foi vivir á Habana en 1954, onde atopou choio na transnacional estadounidense Firestone. Alí decantouse políticamente, mantendo escuras relacións coa policía de Fulgencio Batista. Un ano despois do triunfo da Revolución, en 1960, pediu asilo na embaixada Arxentina alegando ser un perseguido político. En 1961 chegou por primeira vez a Miami. Axiña se relacionou coa contrarrevolución e tivo os primeiros contactos coa CIA. Primeira misión: adestrador en Guatemala da Brigada 2506 que desembarcou e foi derrotada en praia Girón, na baía de Cochinos, en abril dese ano. Din que sabía o que ía acontecer, de aí que eludira participar directamente. Porén, o dito fracaso proporcionoulle o ingreso no exército ianqui, onde como ranger co grao de segundo tenente foi adestrado pola CIA en Fort Benning, Georgia, e colocado en 1964 de mestre artificieiro de forzas contrarrevolucionarias en Tampa, Florida. En 1967 foi destinado a Venezuela como profesor de manipulación de explosivos e organizador de accións de represión contra progresistas venezolanos e de infiltración e sabotaxe contra Cuba. Sábese que en 1971 intentou asasinar a Castro nunha viaxe que este fixo a Chile, Perú e Ecuador e que dende entón participou nunha morea de atentados, como o da bomba na embaixada cubana en Portugal en abril de 1976. Documentos recentemente desclasificados polo FBI confirman que foi axente da CIA polo menos entre 1965 e 1976. Debeu vivir agochado nalgures en Centroamérica ata que reapareceu hai unhas semanas en Miami, coa intención de pedir asilo político polos servizos prestados ao país durante tres décadas. Volveu á casa do pai. Mais a presión internacional –un millón de persoas marcharon na Habana contra o terrorismo– e dalgúns medios como o New York Times, obrigaron ao goberno a detelo esta semana. “Se alguén protexe, apoia ou alimenta a un terrorista, é tamén culpábel como os terroristas” (Bush, en agosto de 2003). Venezuela vén de pedir súa extradición –ten un tratado cos EUA dende 1922–, pero Condoleeza Rice, que como Secretaria de Estado ten a última palabra, non quere entregalo a Chávez, o amigo de Fidel. Quédalle outra opción á nación que abandeira a loita contra o terrorismo? Ou hai terroristas bos e malos? Ao escribir isto esperamos ansiosos a resposta a estas preguntas. É o que ten non crer nunha Corte Penal Internacional. Demasiadas barbaridades que ocultar.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

