Como será Cuba sen Fidel Castro?
Olegario Sotelo Blanco   
Xoves, 25 de Xaneiro do 2007

[Galicia Hoxe]

Hai apenas un mes que estiven en Cuba, país que visitei en repetidas ocasións, pero desta última viaxe regresei cunha sensación distinta á das viaxes anteriores. Apreciei nas caras e nos comportamentos dos cubanos como se manifestaba a incerteza, como se estivesen nun compás de espera, desconcertados pola falta de información básica. Saben que Fidel Castro está mal de saúde e que delegou o poder no seu irmán Raúl, pero nada máis. Esta situación é nova para unha cidadanía acostumada dende hai décadas a ver no seu presidente o referente das súas vidas. A Revolución creou xeracións de fidelistas, de cubanos que identificaron a Fidel Castro cos logros sociais que foi alcanzando a Illa, fundamentalmente nos sectores do ensino, da cultura e da sanidade. Pero, máis que grandes conviccións comunistas, o cubano fixo que a súa fidelidade a un home se asociase para todo coa Revolución e co presente do país. Por iso a desaparición de escena desta figura irrepetible crea desconcerto e desamparo, a sensación de que o pobo cubano pode quedar orfo.

Teño a impresión de que a substitución temporal de Fidel non serviu para aliviar o desconcerto do pobo cubano. É certo que o sector máis intelectual e concienciado ideoloxicamente segue defendendo os logros culturais da Revolución cubana, pero non é menos certo que o pobo cubano está sufrindo graves deficiencias na súa vida cotiá. Ata o de agora este pobo tivo unha gran capacidade de sacrificio como homenaxe e recoñecemento á figura de Fidel Castro, pero, unha vez que desapareceu da vida pública, os problemas afloran. Se Fidel desaparece física ou politicamente, o sacrificio asumido polo pobo cubano é como se perdese sentido; daquela aparecen en primeiro plano os graves problemas que teñen en diferentes aspectos da vida cotiá, é dicir, a vivenda, o consumo básico e todo aquilo que entendemos nesta nosa sociedade como benestar.

Nestas últimas semanas estiven en contacto con moitos cidadáns de Cuba a través de Internet. En todos os casos puiden comprobar, cando lles preguntaba sobre o futuro do país, como amosaban un desconcerto evidente e chegaban a recoñecerme que non se formularan nunca esta cuestión. Para eles o responsable do Estado é Fidel e este garantiulles que o futuro de Cuba sería unha continuidade do presente. Pero agora Fidel xa non está á fronte do Estado e, deste xeito, as garantías dun futuro fidelista non as pode garantir nin o seu irmán Raúl nin Lage nin ningún outro personaxe da Revolución que non representa hoxe por hoxe o que representou Fidel durante medio século. Así, a enfermidade de Fidel é como se abrise un gran baleiro, unha incognita á que os cubanos non queren por agora enfrontarse. Percíbese nos comentarios unha especie de compás de espera; deste xeito os cubanos agardan unha recuperación rápida e sólida do seu líder. Mentres isto non acontece, e talvez non se produza nunca, o país vive o silencio informativo respecto da saúde de Fidel, ten medo a formularse un futuro que ata agora garantía persoalmente o seu presidente. Máis pronto ou máis tarde serán os propios cubanos os que teñan que asumir o papel principal respecto do seu futuro, un protagonismo que ata agora legaran no seu presidente, e ese paso vai ser difícil e crea en toda a sociedade un certo desconcerto.

Certamente, o protagonismo sobre o futuro de Cuba recaerá exclusivamente nos cidadáns de Cuba, sobre todo e principalmente nos que seguen vivindo na Illa, pero estes non deben esquecer a voz dos milleiros de cubanos exiliados dende o triunfo da Revolución. Só a xenerosidade e a comprensión dos que gobernan e viven na Illa respecto dos que viven fóra dela por diversos motivos acadarán o equilibrio necesario de fraternidade entre todos os cidadáns cubanos. Producíronse ultimamente moitas análises en relación co seu futuro, pero estas análises fixéronse sobre todo dende fóra do país porque, como dixen arriba, na Illa reina nestes momentos a desorientación. Segundo estas análises, existe a posibilidade de que Raúl Castro impulse unha transformación do mesmo xeito que aconteceu en China: un Estado, dous sistemas. A persoa encargada deste cambio podería ser Carlos Lage, que goza de popularidade entre amplos sectores da sociedade cubana. Todo isto sen esquecer que hoxe en día as Forzas Armadas Revolucionarias controlan os sectores fundamentais da economía.

Non hai que descartar tampouco que se producise en Cuba unha transición como a que se fixo en España, cun partido comunista que puidese dirixir o tránsito do actual réxime a un sistema democrático. E non acaban aquí as alternativas. Non convén esquecer a figura de Chávez e a súa concepción do Estado, xa que podería ser un modelo exportable e que podería cristalizar na illa caribeña se aparecese o personaxe adecuado no momento preciso. Outra posibilidade é seguir o exemplo de Romanía, un levantamento popular contra o Partido Comunista e a entrada masiva na Illa dos exiliados que viven en Miami. Estas serían as alternativas que comezan a aparecer sobre o papel, pero non podemos esquecer o contexto socioeconómico e político de Cuba, os intereses, ás veces contrapostos, que rodean o presente e o futuro da Illa. Non podemos ignorar que os Estados Unidos de América se enfrontan a Latinoamérica, e que aquí aparecen cada vez máis países non-aliñados. Latinoamérica deixou de ser hoxe en día un conxunto durmido de Estados, onde estes semellaban máis latifundios que sociedades modernas. Se repasamos a situación económica destes países na actualidade, podemos comprobar que a maioría dos seus habitantes viviron e aínda viven na pobreza. Calcúlase que máis do 40% dos cincocentos millóns de persoas que integran estes países viven hoxe na indixencia. Sabemos que se chegou a esta situación porque os distintos Estados foron incapaces de cobrar impostos e de redistribuír a riqueza nacional. En América Latina a democracia avanzou, certamente, pero a renda per cápita apenas variou. Isto debeuse a que os empresarios non crearon riqueza social, enriquecéronse só eles, o que produciu unha economía somerxida e a fraude no paro. Dito doutra maneira, en Latinoamérica o poder económico superou os Estados, practicamente en todos os países, sendo Cuba a excepción que confirma a regra.

Este contexto resulta certamente propicio para as posicións maximalistas nas que é difícil distinguir onde acaban as conviccións sociais e onde comeza a demagoxia puramente verbal. Isto explicaría o fenómeno Chávez e outros fenómenos adxacentes, por exemplo, o de Evo Morales, Lula ou Daniel Ortega. Dende posicións optimistas e talvez con tendencia á inxenuidade podería pensarse que está principiando a cristalizarse unha fronte popular latinoamericana que propón dar un xiro radical á endémica situación socioeconómica dos seus respectivos países. Pero o caso é que ata o momento o único país que apoiou con feitos e non con palabras este posible espertar foi Cuba co envío a algún destes países de médicos, mestres e, en xeral, profesionais capaces de impulsar políticas sociais que ata hoxe se reducían a discursos electorais. Esta solidariedade cubana chegou a provocar unha situación paradoxal: en Cuba comezan a faltar profesionais da sanidade e do ensino. Así podemos comprobar como o único país latinoamericano que padeceu o embargo dos Estados Unidos de América é tamén o que máis axuda a eses países xeográfica e ideoloxicamente próximos, e non esquezamos que Cuba recibe a cambio petróleo de Venezuela.

Ante este panorama que afecta a Cuba e aos países do seu contorno é necesario facer algunhas reflexións que poidan axudar a profundar no que debe ser a Cuba do século XXI. A illa caribeña pasou por etapas moi marcadas en boa parte do século XX: da corrupción do réxime de Batista á ilusión revolucionaria; isto non foi unha transición senón unha Revolución. Consolidado o triunfo desta, principiouse a crear o mito Fidel Castro. Para uns, un ditador; e para outros, a garantía indiscutible da permanencia da Revolución. Este ciclo parece que chega á súa fin. A experiencia vivida noutros lugares do mundo parece indicarnos que se vai impoñer o pragmatismo. Se cadra cunha fórmula nova e distinta. Cuba non é nin a antiga Unión Soviética nin China nin Vietnam, aínda que no terreo das ideas estes países teñan unha realidade semellante á cubana. Cómpre agardar que sexan os propios cubanos os que asuman con todas as súas consecuencias o papel protagonista do seu propio futuro, evitando as vinganzas e as provocacións, e intentando, en definitiva, ese difícil equilibrio que consiste en non traizoar os logros do pasado, verdadeiramente revolucionarios en moitos aspectos, e ao mesmo tempo abordar o futuro cun pragmatismo que impida intervencións como as que levan a cabo os Estados Unidos de América e que supoñerían, pura e simplimente, un regreso á época de Batista.

Pero non esquezo que estou en Galicia e que escribo estas liñas a moitos quilómetros de distancia de Cuba. De distancia xeográfica, porque tampouco podemos olvidar que Cuba foi dende sempre un dos destinos máis importantes da emigración galega. Tamén aos nosos emigrantes lles afectou de moitas maneiras a traxectoria de Cuba e tamén eles participaron dalgunha maneira no transcurso cotián da vida caribeña. Hoxe hai arredor duns cincuenta mil galegos vivindo en Cuba e a maior parte da xente ten xa unha idade avanzada. Estes emigrantes decidiron permanecer na Illa por conviccións políticas ou porque non tiveron outras posibilidades para comezar unha nova vida fóra de Cuba. Outra realidade galega está representada polos paisanos que dicidiron retornar a Galicia e por aqueloutros que se instalaron en Miami. Estes dous últimos grupos resultan socialmente atípicos porque á súa emigración inicial tiveron que sumar unha segunda emigración forzosa, a do exilio. En calquera caso, os galegos que colaboraron durante anos no desenvolvemento económico de Cuba tamén teñen que ter dereito a incidir dalgunha maneira no futuro da Illa do mesmo xeito que os propios cubanos. Non debemos esquecer que na tan loada transición española a voz da emigración galega apenas foi escoitada, reduciuse tan só á participación electoral, pero as condicións de regreso ou de atención aos nosos emigrantes non melloraron.

Sería de xustiza, pois, que agora Cuba, que semella ter que iniciar un proceso de transformación máis ou menos radical, fose capaz de recoller a voz destes emigrantes que na súa maioría seguen sentíndose galegos pero que por circunstancias da vida botaron raíces nesa terra cubana que para eles foi a súa patria de acollida. •

 
< Ant.   Seg. >