| A vella farsa tráxica III |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 22 de Xaneiro do 2007 | |
|
Ter ou non ter [Galicia Hoxe] Non é, non, aquil sonado filme con Bogart e a Bacall do tempo de cine negro (norte)americano -cando o era, e bó- no que disque se namoraran ún da outra, e viceversa. Nen é, tampouco, un remedo do hamletiano "ser ou non ser", nen sequer nunha leitura sartriana da segunda valencia semántica dese verbo no inglés do orixinal, "existir ou non existir" -que se achegaría un chisco máis ao vieiro por onde vai o meu caletre mentras enuncio esa disxuntiva no rótulo da cabeceira. Non señor. E, porén, algo hai diso todo encerrado baixo a codia siñificante desa idea -como nas matrioskas, ou bonecas rusas. Porque, en certas condicións, digamos que no límite, o ter ou non ter determina o si ou non do existir, e até mesmo o ser ou non ser. E se iso pode darse por certo enunciado así, de modo xenérico ou en abstrato, tanto máis resulta selo no contexto sociohistórico actual da humanidade -dos individuos, as culturas e os povos da humanidade á altura de hoxe. Individualmente e colectivamente, pois. E tanto no plano dos valores e atributos materiais canto dos inmateriais. Tanto en teren os indivíduos mantenza coma en teren dereitos, tanto en seren os povos donos dos seus recursos coma en seren donos do seu destino -teren soberanía. Estou eiquí, na Galiza, e podo percibilo, a pouco que esculque en nós e observe ao meu redor. Nun par de días voume ir a Nairobi, en Kenya, e xa estou a preparar o meu ánimo para o impacto dun brutal salto de escada nesa mesma perceición -si, a mesma, na sua índole, malia que muden intensidade e morfoloxía. * * * Releo a Duby, o grande medievalista. E de non ser pola esplícita referencia ás coordenadas de espazo e tempo, ou sexa, se me ateño só aos fenómenos que descrebe e analisa, se centro a miña atención só niles, non sabería dicir se está a tratar da Europa xermánica no albor do século X ou da África central no solpor do século XX. Estado das forzas produtivas, póñovos por caso: apenas dous graos de colleita por cada un sementado nos cultivos cerealeiros. O estercado das terras é unha prática insólita, de magnitude marxinal: no mosteiro bávaro de Staffelsee "é menos do un por cento da terra de labramio señorial a que recebe cada ano esa caste de adubo". Causa: a escasez de gando maior que producise esterco. E causa desa escasez: a irrisoria produtividade física das terras obriga a dedicar cáseque todas a produciren para a mantenza dos homes, non do gando estabulado que xenera o esterco. Péchase o círculo do atraso -e da fame: "os homes de Europa vivían daquela obsesionados pola fame". Mais a fame endémica -a distrofia- abría paso á peste. E a guerra de rapiña -"antre a acción bélica e a pillaxe non existía fronteira"- dezmaba a forza de traballo e agravaba a fame dos paisanos, da xente do común. Non ter, igual a non existir, ao cabo non ser. Guerra, fame, peste: o rondó macabro deses tres xinetes da apocalipse. Ao cabo: morte. Xa temos os catro. Duby: a Europa xermánica dos séculos VIII a X. África subsahariana hoxe, ¿non si? ¿E só ésa? ¿E só Africa? ¿Ou son, máis ben, as catro quintas partes da humanidade neste flamante século XXI que disque xa comezou hai seis anos a sua andaina trunfal? -pergúntome eu, porque non percibín o tránsito nen ouvín os claríns. Infernal contrapunto diacrónico, témome ben, a grande fuga, sinistra, sen Ludwig nen Johann Sebastian, cabeleira fosca nen perruca enfeitada. Mais ben o Liszt crepuscular: "Sinistro, disastro". * * * Leo agora noutro lugar -no que resta dun vello libro, esfolado e desencadernado, traspoleirado no batifundio do trasteiro, no faiado da casa, onde andiven a remexer antonte na percura doutra cousa que non achei. Leo: "As formas de actuación do capitalismo sobor dos espazos precapitalistas son moi diversas, mais a sua manifestación primordial é común a todas elas: consiste nun conflito de intereses xeralizado. Ise conflito resólvese nun proceso de aniquilación ou esborrallamento das economías campesiñas e mariñeiras tradicionais." Falta un anaco esgazado da folla. Logo pódese inda ler: "En termos de colonialismo, converxen os dados que o configuran como conflito entre intereses (ilexíbel por mor dun borrón de tinta) e mais a fasquía de irrupción colonial nun sistema paisán de propiedade que constitue o único patrimonio produtivo dunha poboación". Ou sexa: expólio. O estado dese ex-libro impídeme identificar tíduo, autor e data. Por outros indicios, podería referirse ao meu país hai cousa de meio século. Mais, polo contido, non cadra, ¿non si? Débese tratar do terceiro mundo.Pero está impreso en galego. Será unha tradución. ¿Facíanse xa daquela? Qué máis dá: tanto ten. Ter ou non ter, ser ou non ser... Existir existe: téñoo nas mans. E a idea non está mal. Podería valer de profecia do actual deserto verde e pardo onde ninguén contesta. Por moito que ún chame -ou brade. * * * Un povo só é tal se ten identidade de seu; só existe se a mantén. Identidade é cultura. Existencia é vida social, comunicación, portanto fala, lingua, que reproduz a identidade e verbaliza a consciencia dela, consciencia de sí, consciencia de ser. Hai quen pensa -non, non o pensa, só o dí, ou sexa, minte. Así que rectifico: hai quen dí que os galegos de nación non precisamos afirmalo para sermos quen somos. Pior aínda: que non podemos afirmalo, que non temos dereito a escribilo, que non nolo permite esa señora rosmona, intrusa no ático da nosa casa, unha tal dona Constitución -ou será purísima Conceición?. Nen coñecer o noso idioma: abonda con falalo sen sabérmolo -como o burgués de Molière, que falaba en prosa e mais non o sabía. Así fan iles, ou? Pero non ter é non ser, non termos identidade é non sermos ninguén. Ou sabermos que a temos, mais non sabermos en qué consiste, é non sabermos quén somos. Daquela, si, daquela, non precisamos idioma: quen non existe non pensa, e quen non pensa non fala -inda que a recíproca non val, e a inversa tampouco. Estoume enleando. Abondaríanos ouvear, coma os cans -xa o dixera Castelao: sería o idioma universal. O idioma universal dos que negan as identidades dos povos parias do planeta. Estoume enleando. Voume pra Nairobi, ao Foro Social Mundial. Seguro que os negros africáns resólvenme o enguedello: iles seguen a falar swagili, mal que lles pese aos cans -aos cans de presa do imperio global. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

