| Alternativas para América Latina |
| Noam Chomsky | |
| Xoves, 18 de Xaneiro do 2007 | |
|
EEUU dividiu aos países entre si e internamente, entre unha pequena élite rica e unha masa empobrecida. A integración é un prerrequisito para unha independencia xenuína.
[Altercom. Traducido por altermundo.org] A coincidencia dun nacemento e dunha morte sinala unha transición para Suramérica e, en realidade, para o mundo. O ex dictador chileno Augusto Pinochet morreu cando os líderes de varias nacións suramericanas concluían unha reunión Cume de dous días en Cochabamba, Bolivia, patrocinada polo presidente Evo Morales. Os participantes e a axenda do Cume representaban a antítesis de Pinochet e da súa era. Na Declaración de Cochabamba [1], os presidentes e representantes de 12 nacións acordaron estudar a idea de formar unha comunidade continental similar á da Unión Europea. A Declaración marca outra etapa nos recentes movementos cara á integración rexional en Suramérica, 500 anos logo das conquistas europeas. O subcontinente, dende Venezuela até Arxentina, podería estar en condicións de presentar ao mundo un exemplo de como crear un futuro alternativo a partir dun legado de imperio e de terror. Estados Unidos dominou por moito tempo a rexión con dous métodos principais: a violencia e o esganamento económico. De xeito xeral, os asuntos internacionais amosan máis ca un lixeiro parecido coa mafia. O Padrino non toma a treo cando llo pon en vereda, inclusive cando quen o fai é un comerciante minorista. Intentos previos de independencia foron esmagados, en parte por mor da falta de cooperación rexional. Sen iso, as ameazas poden ser manexadas unha por unha. (América Central, lamentabelmente, aínda ten que se sacudir o medo e a destrución que deixaron décadas de terror protexidos por Estados Unidos, especialmente durante a década dos oitenta). Para Estados Unidos, o inimigo real sempre foi o nacionalismo independente, particularmente cando ameaza converterse nun "exemplo contaxioso", segundo a declaración de Henry Kissinger sobre o socialismo en Chile. O 11 de setembro de 1973, unha data frecuentemente denominada o primeiro 9/11 en Latinoamérica, as forzas do xeneral Pinochet atacaron o palacio presidencial chileno. Salvador Allende, o presidente democraticamente escolleito, morreu no palacio. Ao parecer, suicidouse porque non estaba disposto a renderse ao asalto que demoleu a democracia máis antiga e máis vibrante de Latinoamérica e que estableceu un réxime de tortura e represión. A cantidade oficial de mortos polo golpe é de 3.200. Crese que a cifra real duplica ese número. Unha investigación oficial 30 anos despois do dito golpe atopou evidencia de aproximadamente 30.000 casos de tortura durante o réxime de Pinochet. O ex-dictador chileno actuou axiña para integrar outras ditaduras militares protexidas por Estados Unidos nun programa de terrorismo de Estado chamado «Operación Cóndor», que matou e torturou sen misericordia dentro da rexión e máis aló dela. Entre os líderes en Cochabamba estaba a presidenta chilena Michelle Bachelet. Como Allende, ela é socialista e graduada en Medicina. Tamén é unha ex-exiliada e prisioneira política. O seu pai era un xeneral que morreu en prisión logo de ser torturado. En Cochabamba, Morales e o presidente de Venezuela, Hugo Chávez, celebraron a creación dunha nova empresa conxunta para procesar gas boliviano. Este tipo de cooperación fortalece o rol da rexión como un actor importante na enerxía global. Venezuela é o único membro latinoamericano da Organización de Países Exportadores de Petróleo coas reservas máis grandes de cru fóra do Medio Oriente. Chávez soña coa creación de Petroamérica, un sistema integrado de enerxía do tipo que China intenta iniciar en Asia. O novo presidente ecuatoriano, Rafael Correa, propuxo un vencellamento comercial por terra e por auga dende o Amazonas brasileiro até a costa do Pacífico ecuatoriano. Ese sería o equivalente suramericano da Canle de Panamá. Entre outros desenvolvementos prometedores está incluído TeleSUR, un esforzo para crebar o monopolio occidental dos medios de comunicación. O presidente brasileiro Lula da Silva pediu aos seus colegas que superen as diferenzas históricas e unan o continente, sen importar o difícil que sexa a tarefa. A integración é un prerrequisito para unha independencia xenuína. A historia colonial –España, Inglaterra, outros poderes europeos, os Estados Unidos– non só dividiu aos países entre eles senón que tamén deixou un división interna dentro das nacións, entre unha pequena elite rica e unha masa de xente empobrecida. A correlación coa raza aproxímase bastante. De xeito típico, a élite rica foi branca, europea, occidentalizada, e os pobres eran nativos, indios, negros e entremesturados. As elites maiormente brancas tiñan poucas relacións cos outros países da rexión. Estaban orientadas cara a Occidente, non cara ás súas propias sociedades no Sur. A raíz dos novos desenvolvementos en Suramérica, Estados Unidos viuse forzado a axustar a súa política. O goberno que agora ten apoio de Estados Unidos –como Brasil, baixo Lula– podería moi ben ser derrocado no pasado, como o foi o presidente brasileiro Joao Goulart nun golpe protexido por Estados Unidos en 1964. Os principais controis económicos nos anos recentes viñeron do Fondo Monetario Internacional, que é virtualmente unha rama do Departamento do Tesouro de Estados Unidos. Arxentina foi a pícara mimada do Fondo Monetario Internacional ata o crash do 2001. Arxentina recuperouse, pero desacatando as regras do FMI. Rexeitou pagar as súas débedas de acordo ao estipulado e comprou o que faltaba da débeda –parcialmente coa axuda de Venezuela, noutra forma de cooperación. Brasil, ao seu xeito, actuou na mesma dirección para liberarse do FMI. Bolivia fora un obediente estudante do FMI durante uns 25 anos e concluíu cun ingreso per cápita máis baixo do que tiña ao comezar. Agora Bolivia estase librando do FMI, tamén, unha vez máis, coa axuda de Venezuela. En Suramérica, Estados Unidos aínda traza unha distinción entre os bos e os viláns. Lula é un dos bos. Chávez e Morales son os viláns. Con todo, para manter a liña do partido de Wáshington, é necesario sintonizar algúns dos feitos. Por exemplo, cando Lula foi reescolleito en outubro, un dos seus primeiros actos foi viaxar a Caracas para apoiar a campaña electoral de Chávez. Ademais, Lula inaugurou un proxecto brasileiro en Venezuela, unha ponte sobre o río Orinoco, e discutiu outros proxectos conxuntos. O ritmo está aumentando. Este mes, MERCOSUR, o bloque comercial de Suramérica, continuou o seu diálogo sobre a unidade suramericana na súa reunión semestral en Brasil, onde Lula inaugurou o Parlamento do MERCOSUR –outro prometedor signo de liberación dos demos do pasado.• [1] http://altermundo.org/portal/content/view/451/175/lang,gl_ES/ *Noam Chomsky. Pensador, escritor e activista estadounidense. Profesor de Lingüística na Universidade de Massachussets. Fundador da Gramática Generativa Transformacional, que é un sistema orixinal para abordar a análise lingüística e que revolucionou a lingüística. Autor da segunda guerra fría (1984), A quinta liberdade (1988), O medo á democracia (1992), A Nova orde mundial (e a vella) (1996). | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

