¿Nucleares? Non grazas
Alfredo Iglesias Diéguez   
Martes, 16 de Xaneiro do 2007

[Galicia Hoxe]

O xoves pasado a Comisión Europea fixo público que esperaba "combater o cambio climático e reducir a preocupante dependencia enerxética" apostando pola enerxía nuclear; aínda que a solución realmente non é nova, velaí están aqueles que nos últimos anos, a medida que nos achegabamos ao pico petroleiro, a seca ameazaba con empecer a produción enerxética a partir dos nosos recursos hídricos e aumentaba o perigo de desabastecemento enerxético de Europa (lembremos os problemas cos gasodutos), defenderon insistentemente a enerxía nuclear como única alternativa viable á situación enerxética actual. Porén, malia que entre algúns deses defensores figuraban recoñecidos ecoloxistas, o certo é que a enerxía nuclear non pode ser a alternativa. ¿Razóns? Principalmente catro: primeira, a enerxía nuclear non é renovable, sendo a propia Axencia Internacional da Enerxía Atómica a que anunciaba no ano 2001 que os recursos de uranio coñecido non acadarían para satisfacer as necesidades no 2026 se aumentaba a demanda (nas condicións actuais chegaría ata o 2035); segunda, a enerxía nuclear é perigosa para a saúde humana e para o medio natural en todo o seu ciclo produtivo; terceira, a enerxía nuclear produce residuos altamente perigosos e duradeiros, para os que non existe outra saída que gardalos en cemiterios nucleares; cuarta, a enerxía nuclear só é viable economicamente con grandes achegas de diñeiro público, pois as empresas eléctricas, por só citar un exemplo, non se responsabilizan dos custos derivados da construción e mantemento durante varios milleiros de anos dos cemiterios nucleares, como tampouco asumiron o custo da construción das centrais nucleares, o que repercutirá nos consumidores, que dalgún xeito teremos que pagar ese custo.

Neste sentido, fronte a este renovado interese por renuclearizar o mundo, que só beneficia uns poucos (entre eles os gobernos dos países nuclearizados, que dese xeito poderían exportar a súa tecnoloxía para obter beneficios económicos e establecer lazos de dependencia, e ás empresas eléctricas, desexosas de alongar a vida das centrais nucleares xa amortizadas...), debemos insistir en que a única alternativa posible á situación enerxética actual é o aumento da eficiencia enerxética, a produción enerxética baseada en fontes renovables e o emprego de alternativas aos derivados do petróleo de uso non enerxético (plásticos...) dentro dunha estratexia de desenvolvemento sustentable, que segundo a Comisión Mundial do Medio Ambiente e do Desenvolvemento da ONU consiste na satisfacción das nosas necesidades sen limitar conscientemente as posibilidades das futuras xeracións para satisfacer as súas propias necesidades. Porén, o certo é que o desenvolvemento sustentable, a única alternativa que garante a supervivencia e o futuro da humanidade, e a lóxica do capital, que procura unha maximización das ganancias a curto prazo para beneficio dunha minoría, son incompatibles, razón pola que o noso futuro está, de novo, baixo a ameaza nuclear. •


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >