A vella farsa tráxica II
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 14 de Xaneiro do 2007

Que foi do sistema agrario e o mundo labrego? [Galicia Hoxe]

O aguniante contrapunto diacrónico, ese rondó macabro dos problemas recurrentemente non resoltos no decurso histórico da humanidade, muda cada pouco de escenario e aduvío, fai mutis nun e reaparece noutro con roupaxes diferentes, que non alteran, só disfrazan, os mesmos problemas, diríase que sempiternos.

* * * * *

1933. Leo a Gallástegui en entrevistas feitas por Xoan Carballeira e publicadas en El Pueblo Gallego. Pouco despois, Xoan Carballeira sería alcalde nacionalista en Bueu, orgaizaría aló unha heroica e efémera resistencia republicán á sublevación fascista do trinta e seis, sería paseado en Pontevedra aos poucos meses, na primavera do trinta e sete. El Pueblo Gallego, o histórico xornal de Portela Valladares, tribuna aberta á palabra dos inteleituais e cadros políticos nacionalistas do entón, frecuentado polos deseños de Castelao da serie Cousas da vida -aínda lembro eu, xa adolescente, ter escoitado a mulleres do Berbés diciren "sonche cousas da vida por Castelao"- ese vivacísimo xornal, digo, sería incautado logo polos fascistas, integrado na Prensa del Movimiento ao servizo da antítese da información, e finalmente desaparecería na transición postfranquista: disolta a cadea de xornais do movimiento inmobilista, e vendidas no seu caso as suas cabeceiras -vendidas, non devoltas á propiedade orixinaria que sufrira o expolio- ninguén se interesou en resucitar o xornalismo progresista tinxido de populismo que praticara El Pueblo Gallego até a chegada de Atila a Galiza.

* * * * *

Mais volvo a Gallástegui. Don Cruz -sempre ouvín referirse a il deste xeito, se cadra polo insólito dese nome nun varón, se cadra porque o escoitaba sempre en boca de achegados seus. Como meus pais. Mantense a sua imaxe moi viva na miña memoria infantil, tamén a da sua muller. Facían unha parella contrastante, home acougado il, cun lene sorriso na faciana donda, elegante e atildado sempre, co seu pulcro chapeu e a sua paxariña no colo; muller extrovertida ela, divertida e falangueira, marcada coxeira no andar, rostro enfeitado de xeito inusual daquela. Topabámonos con frecuencia camiño de ida ou de volta da rua do Vilar á Porta da Pena, da nosa casa á da aboa Carme. Don Cruz seica adoitaba residir na Misión Biolóxica, que dirixía dende a sua instalación no Pazo de Salcedo, aforas de Pontevedra. Mais tiña piso en Compostela, na rua da Troia, e alí parábase meu pai a parolar con íl. Andando os anos, xa eu rapaz medrado e logo adolescente, subía ás veces ao seu piso, a perguntarlle polos seus amigos da xeración Nós e do Partido Galeguista, incitado por relatos do meu pai nos que adoito aparecía don Cruz -e máis tamén don Juan Rof Codina, o sabio veterinario, lenda inda viva nas terras luguesas, pai de Rof Carballo, o médico ensaista autor de Mito e realidade da terra nai.

Despois xa con máis frecuencia, cando estudante universitario, a medida que ía topando e encarándome cos enigmas do atraso agrario nun país tan vizoso e ricaz coma o meu. A don Cruz débolle, xa dende aquela, as primeiras espricacións diáfanas e lúcidas, reveladoras das claves, ao cabo tan sinxelas, de aqueles enigmas. Il espertou a miña curiosidade polo modelo danés de cooperativismo agrario, no que máis tarde habería esculcar eu durante a miña primeira estadía en Paris, logo de descubrir a Bibliothèque Sainte-Geneviève, unha biblioteca danesa especializada, auténtico tesouro agochado perto da Sorbona, tal coma unha mámoa non expoliada na que eu demoraría días enteiros a explorala e furgar nos seus insólitos libros.

* * * * *

Mais dixéravos ao comenzo que lía a Gallástegui, 1933, que estaba a lélo en entrevistas feitas por Xoan Carballeira -e logo perdin o fío, encerellado no sarillo de lembranzas que seguramente nada vos importan, digo eu. Quero dicir: se eu fose vós, difícilmente me interesarían -é natural: vós non estades no meu ronsel vivencial da historia dos problemas recurrentemente non resoltos, nen dos homes que tiñan as claves pra resolvelos mais non os deixaron facelo, ou millor dito, que tiñan as claves para as xentes resolvérenos mais non llelo permitiron os poderes que teimudamente andan a atrancar a historia a cada paso. Arestora mesmo.

Gallástegui, que polo entón asesora a Bóveda e Castelao, ten unha conceición integral do sistema agrario, precursora ou até premonitoria da que decenios máis tarde, cos enfoques estruturais da economía, vai desembocar no deseño e conceitualización do denominado "complexo agrario" que eu manexaría no ISEA parisién nos anos sesenta. Defende a estrutura polivalente das explotacións labregas, con diversificación interna, integración vertical agrícolo-gandeira, e máis o rol do monte, tanto complementario coma forestal de seu. Só que a racionaliza, privilexia determinados cultivos claves para a articulación interna e susceptíbeis de altos rendimentos -como o millo híbrido e os forraxes leguminosos- e fai pivotar o conxunto sobre a produción gandeira como centro de gravedade e eixo do desenvolvemento do sistema. Sobre esa matriz, proxecta o deseño dun moderno e diverso complexo agroindustrial. Resulta abraiante lélo arestora na literalidade das suas proprias palabras de entón -e agora son respostas a Carballeira para El Sol: "Apuntamos -di- como posíbeis magníficas industrias a láctea, curtidos, matadoiros, tecidos, conservas de froitas e legumes; a imprescindíbel repoboación forestal dará orixe a vernices derivados das resinas, papel, seda artificial, etc.". E engade: "Porque campo e industria poden -e deben- constituir un rexime de cooperativismo tan trabado que aos nosos herdeiros tanto lles supoña ir ao campo coma á fábrica". Mais é consciente de que, para iso todo, compre mudar o marco institucional, cunha lexislación agraria peculiar, e non importada por mimetismo, senón xenuina. Dío resoltamente ilusionado: "Temos que facer eiquí unha cousa orixinal. Dende logo compre estruturar doutro xeito o actual rexime da terra. E se toda Galiza se pon en pé, coido eu, teño unha grande fé, que daquela podemos facer deste país algo magníficamente exemplar".

¿Galiza como ensoñación? ¿Só ensoñación? Non tal: Galiza, nefeito, púxose daquela en pé. A Galiza labrega, que non había nen dez anos que comezara a redimirse dos foros cos cartos dos seus míseros petos e os aforros dos emigrados, púxose en pé, disposta a alancar adiante na sua propria historia. En pé -como bradaran Cabanillas e Basilio- a Galiza labrega apostou por autogobernarse e votou frentepopularmente en maioría -sí, mesmo ela, a malchamada "profunda", a alcuñada de sumisa para sempre. Púxose en pé. Só que Atila debruzouna outravolta, afundiulle a cabeza na lama ensanguentada das congostras por outro meio século máis. Disque en nome da "revolución pendiente" en España.

* * * * *

Pero, agora que acordo e me decato, estamos no dous mil sete. E pergunto, como no drama ben coñecido: "¿Hai alguén aí?". ¿Alguén que se lembre? ¿Alguén que o saiba? ¿Hai alguén que me conteste? No adro dese deserto verde e pardo, agardo, á espreita, por unha voz que me responda. Silenzo. Só me chega de volta, co eco, a voz de don Cruz. Semella vir de aí perto, de dentro de min. Tampouco a il ninguén lle respostara.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >