A vella farsa tráxica I
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 07 de Xaneiro do 2007

Contrapunto diacrónico

[Galicia Hoxe]

O tránsito do ano vello ao novo trouxo, camufladas no remexido de larpeiradas tópicas deses días, algunhas améndoas amargas envoltas en mazapán. Así: disque morreu Pinochet, o xenocida -e morreu na cama, como outrora o seu precursor celtíbero, apelidado franco, menudo contrasentido. Digo disque porque eu non volo creo: concordo con Manolo Santos, que sabe abesullar detrás do espello e, nestas mesmas páxinas, aventurou daquela que o tal monstroso íncubo da inocente criatura de Gepetto seguía vivo -só que en Wáshington. Así mesmo: disque executaron a Sadam Husein, o das armas virtuais de destrución masiva. Digo disque porque calquera sabe, como na morte de Milosevic, qué fixeron realmente con il -dada a avesía opacidade coa que a xustiza imperial e os seus medios de incomunicación trataron ámbolos dous casos. Así tamén: un bombazo de ETA en Barajas interrumpe abruptamente a tregua declarada vai para un ano pola sua banda -pola outra banda, a contraposta, non houbera caso para a reciprocidade. Encetamos ben o novo ano astronómico -ou sexa, o que arranca do pasado solsticio de inverno. Até dubido de que os días -a lus- vaian medrar. E asáltame a anguria do contrapunto diacrónico dos temas recurrentes da nosa historia humana, que xogan a contradicírense en rolda, como un rondó macabro, mesmamente, até perdermos a perceición do espazo e do tempo nos que acontecen.

* * * * *

O texto da cabeceira forma parte dun artigo publicado por James Connolly no Worker"s Republic o 12 de febreiro do 1916. O 24 de abril dese mesmo ano sublévase Irlanda -en singular, Dublín- e proclámase a República. Connolly é vicepresidente do Goberno Provisorio. Na loita que se entabla coas tropas inglesas, cai ferido e, a seguida, preso. Coa ferida engangrenada, os militares ingleses condúceno nunhas angarellas ante o pelotón de fusilamento. Era o día 12 de maio. Nas xornadas precedentes correra a mesma sorte toda a élite dirixente do nacionalismo radical irlandés e da sublevación popular, na que caíran 1.351 compatriotas seus. James Connolly, nado en Edinburgh de pais irlandeses emigrados, cristián e marxista, pacifista enfrentado aos socialistas que caíran na trapela da confrontación bélica do catorce, nacionalista "radical", tiña daquela corenta e sete anos. Non cumpliría en vida ningún máis. Fusílano: unha maneira como calquera outra de retirarlle a voz e o voto. Ao sumo, unha maneira máis traumática ca outras. Menos humillante, en troques. Hoxe, á vista dos antecedentes, alguén diría tal vez: gañouno a pulso. Alguén: se cadra, ese mesmo alguén que hoxe califica de arrogante -ou mesmo provocadora- a actitude duns nacionalistas que se negan a que se lles retiren a voz e o voto por vía regramentaria -incustionábelmente incruenta, dende logo.

* * * * *

Verán do dous mil seis. Gorka Aguirre, membro do EBB do PNV, é encausado pola chamada Audiencia Nacional española. Cárregos que se lle imputan: contactos e diálogo coa ilegalizada HB, e máis algo asi como colaboración ou connivencia coas extorsións exercidas por ETA sobre cidadáns vascos -nada menos. Gorka é sobriño do Lehendakari José Antonio Aguirre, o amigo fraternal de Castelao e impulsor, con il, do Galeusca no exilio. No exilio, en Bélxica, naceu Gorka, cariñosamente alcuñado por iso "o belga" polos seus compañeiros máis íntimos. Moquéanse dil porque só bebe cervexa: non proba o viño, nen inda que sexa da Rioja alavesa. Gorka Aguirre, meu entrañábel amigo Gorka, compañeiro de combates democráticos, é unha das máis diáfanas persoalidades que levo coñecido e tratado na política e fóra dela. Rexo e sosegado, é moralmente a antítese de calquer caste de violencia. Loitou dende rapazolo na clandestinidade contra o fascismo franquista, a prol das liberdades ao cabo conquistadas para todos, incluídos os que non moveran un dedo para acadalas, e mesmo os que tentaron impedir daquela que chegasen ou hoxe tentan sabotealas. Logo seguíu a loitar polas do seu povo coas únicas armas da palabra, a razón e un abnegado labor democrático. Home de confianza de Xabier Arzalluz, traballou incansábelmente a prol da pacificación do seu país. O poder español pagoulle coa aldraxante agresión de encausalo por iso mesmo. Dende hai seis meses ten que pedir permiso para pasar as fronteiras do Estado e presentarse semanalmente no xulgado, como outrora algúns vellos republicanos que coñecera eu dende neno en Compostela. Enfréntase dende entón ao pertinaz silenzo da moi española xustiza -dixen xustiza: "risa dáme", Rosalía. É unha mostra da tregua española co nacionalismo democrático e antifascista. Entramentras, os que antes non querían democracia e agora non queren paz -nen eiqui nen no planeta- andan ceibos e chantaxean a un goberno civilizado que procura ao seu xeito a convivencia normal dos povos.

* * * * *

Foi a pasada primavera. Había pouco que desempeñaba o decanato. Telefonoume alguén da outra banda da Penínsua, alguén que acababa de gañar unha agregación na nosa Faculdade. Ofrecéranlle un contrato noutra universidade e quería -xa se sabe- vir e non vir, tomar posesión e irse. Pregunteille en qué condicións, adianteille que se solicitaba comisión de servicios opoñeríame. Non ía por ese carreiro: pediría o pase a supernumerario, co que a praza quedaría ao noso dispor. Poucos días despois chamáronme prá toma de posesión. Cerimonia perante un fermoso retábulo barroco, con autoridades académicas, fedatario e fotógrafo. O transeunte leu un xuramento de lealdade á coroa e fidelidade á constitución no desempeño do seu cárrego, e firmou os papeis do caso. A seguida dirixíuse ao negociado correspondente e depositou a sua solicititude de pase a supernumerario. Uns intres máis tarde encamiñábase á Labacolla. Non o volvín ver.

* * * * *

Primavera do setenta e sete. Achéganse as primeiras eleicións postfranquistas ás cortes españolas. O dirixente dun partido noviño do trinque, ministro pre-constitucional un ano denantes, ministro franquista no decenio anterior, postula o retoque das leis fundamentais do Estado e do Movimiento frente á tese dunha Constitución democrática. Poucos meses máis tarde, pasadas as eleicións, o referido dirixente forma parte da comisión encarregada de elaborar o primeiro texto constitucional do Estado español dende a IIª República. Anos oitenta: o mesmo señor postula a reforma do tíduo VIII da criatura constitucional recén nada pra sustituir as autonomías por unha mera descentralización adeministrativa, propón o restablecemento da pena de morte, xura a Constitución e a Coroa, gaña a maioría relativa no parlamento autonómico da Galiza, declara que é preciso comprender aos golpistas. A seguida, fai unha campaña do millor estilo mussolinián nas eleicións ao Congreso e o Senado do Estado español.

* * * * *

Dende a inmolación de Connolly até hoxe, moito mudaron as cousas en Eirin -léxico do Cabanillas. Estado soberano e prosperidade; pacificación no envelenado enclave do Ulster. A Historia adoita navegar avante, con máis ou menos guiñadas asegún role o vento. Agás eiqui. Seica celtiberia "is different". Érao, disque, para o turismo europeu de hai corenta anos. Ségueo a ser para o -¿imposíbel?- artellamento político do "different", mesmamente: o diferente do ser celtíbero estriba en que non atura a diferencia. Cerebro plano, como as chairas da Terra Ancha do Ferrín. Ollada horizontal: calquer minúsculo accidente -orográfico- atráncalle a visión, interrómpelle a perspectiva. Interrómpella cara diante e cara atrás, nas duas perspectivas da ollada humana como ser histórico, a da memoria e a do futuro. Durante o dous mil seis, os celtíberos de puro sangue, dotados dun ollo só no parietal dereito, meteron a historia peninsuar no túnel do tempo cara atrás -iles, xa dixen, non distinguen. Rebentaron a caixa de cambios, calouse o motor. Tócanos aos outros volvermos pólo en marcha avante. Sen iles: deixalos en terra... ancha -mesmamente. "Pasar diles, tío" -espetoume onte un rapazolo esguío, de acenos calmos e lentes redondos. Imitáballe ao Castelao cando novo.

* * * * *

A remembranza de Castelao traíume ao maxín, na brétema da memoria, a esvaída reminiscencia dun vello texto. Se cadra acerto. Ergome e tomo da libreiría o álbum Nós. No prólogo, datado do 1931, leo: "Algúns espritos sensíbeis, que choran coa melanconía dos tangos e dos fados, atoparon desmedida esta dór das miñas estampas; outros espritos inertes ollaron pouco patriotismo no afán de ser verdadeiro. Con todo, eu sigo coidando que o pesimismo pode ser libertador cando desperta carraxes e cobizas dunha vida máis limpa. Cicais hoxe atacase as nosas mágoas cun humor menos acedo; mais ninguén pode negarme que as vellas inxusticias siguen en pé: velaí por qué me arrisco a publicar esta obra".


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >