| Chegou carta de don Ramón |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 01 de Xaneiro do 2007 | |
|
Digresión de aninovo [Galicia Hoxe] Na fraga avesía do pasado esquecido, hai luzadas de lembranza fragmentaria que ás veces, de sócato, alumean retrincos da memoria escurecida, tal coma os lóstregos ao lusco fusco nos derramados soutos e carballeiras do Romaño, ao pé do San Paio do Monte da miña infancia. Avivecen as imaxes, tórnanse máis frecuentes as lampadas, apresúrase a intermitencia de luz e sombra na remota memoria infantil cando chega este tempo do solsticio invernal, arredor do nadal e o aninovo. Serán cousas talvez do vello que comezo a ser, digo eu, malia min mesmo. Ou serán pegadas da cultura clánica na que me criei, a do clan de San Roque, que, por estas datas, xuntábase todo na Porta da Pena, casa da aboa Carme, nun ritual festeiro popular e matriarcal, de arrabaldo enxertado na cidade, que estampaba en relevo sons e imaxes refulxentes na abraiada cera mol das nosas mentes infantís. Será por iso, se cadra, digo eu. O caso é que avivecen, fugazmente, retrincos de lembranzas que se esvaen a seguida, como fotogramas dun proxector de cine averiado. E, dunhas noutras, como quen camiña polas poldras no bao dun regato medrado, vou parar á casa da rúa do Vilar, e logo á Rosaleda. E vexo e sinto a miña nai que recibe na porta a meu pai, de volta do almacén a meiodia, sempre tarde prao xantar, e dille: "Chegou carta de ...". Tiña ese costume. Certo que, se non lle daba o aviso, ben podía meu pai despistarse e pasaren días sen reparar no correo que chegara. E daquela, a miña nai: "Manolo, ¿non viches a carta de Abraira que chegou o outro día?". "¿E logo por qué non me avisaches?". Éravos así. Eu, desas horas, adoitaba andar polo medio e, cando non eran cartas da familia, os nomes ían ficando na miña memoria e imaxinaba fisonomías que lles apuña a cada un. Logo, ía ver os sobres e os selos -amoreábanse as cartas durante semanas encol da mesa do despacho. Tiña especial curiosidade polas que viñan de América -maiormente de Bos Aires. Aquil papel de avión, como papel cebola, e aquíles selos coa efixie do libertador. E logo, polas caligrafías. Algunhas resultábanme inconfundíbeis xa dende ben neno. Como a de don Ramón. Porque eran frecuentes daquela as cartas de Otero Pedraio -así escribía il o seu apelido materno, co "i" latino, na sinatura das súas cartas. Daquela, digo, cando aínda non moraba en Compostela -aínda non lle levantaran o veto político para acceder á cátedra na Universidade. E mirade por ónde, relembrando estes retrincos na memoria que avivecen ao chou, vin parar a don Ramón Otero e recalar nunha curiosa historia dunha carta súa. ¿Cóntovola? Non é gran cousa, pero velaí vai. Hai aínda poucos anos, morto xa meu pai e logo tamén miña nai, levantamos a casa. Só daquela recuperei documentos e papeis de meu que non quixera tirar de alí mentras iles vivían. No meio dese barullo había un sobre co meu nome escrito coa letra do meu pai. Dentro, o meu libro de calificación escolar do bacharelato. Nada que ver con Otero, diredes, e así é. Só que, cando a curiosidade me levou a follear ese documento -un magro folletiño de pastas duras azul escuro co consabido escudo da aguia fascista estampado en dourado na cuberta- descubrín que, entremedias, contiña, dobrada, unha coartela manuscrita en papel amarelecido polo tempo. Era unha carta de don Ramón ao meu pai, datada en "Ourens" (sic) un dous de abril, sen constancia do ano. Mais, a seguida desa data incompleta, a grafía de meu pai puxera: 1936. Resultaba así que estaba datada esactamente catro días antes de nacer eu -mais non é iso, obviamente, o relevante, aínda que poida ser esa coincidencia o motivo, ou o pretexto, para facerma chegar, postumamente, a min. O relevante é o contido e o contexto temporal: o breve periodo de lexislatura do Frente Popular, tronchado pola sublevación fascista-militar contra a República. Nunca meu pai me falara desa carta, que é resposta a unha súa anterior, que descoñezo e da que tamén iñoraba a existencia. Falárame, si, de que cando no Partido Galeguista se producira a coñecida escisión pola dereita, il apuntárase de primeiras, até que o chamara Bóveda , acudira a falar con il en Pontevedra, e Bóveda convencérao de reintegrarse á disciplina do partido. E falárame tamén -mais isto sabémolo todos pola historia- de que cando se debatera no PG concurrir ás eleicións co Frente Popular, Otero Pedraio posicionarase en contra e polemizara con elocuente enerxía, pero acatara a decisión maioritaria e mantivérase nunha exemplar lealdade. Este episodio é mesmamente o motivo e o tema da carta de Otero. Non podo saber en qué intre preciso da peripecia persoal do meu pai se situa a carta de don Ramón, nen a que o meu pai lle escribira -o texto indica que tardou en contestarlle- nen se a conversa con Bóveda foi ou non anterior á resposta epistolar de Otero. E ao cabo, ¿qué máis ten? O caso é que algún desacougo íntimo lle impediu falarme nunca desa carta en vida, mais quixo que eu chegase a saber dela dispois de morto il -e deixouma no meu libro escolar coma unha mensaxe confidencial dende o alén. Mais o contido da carta sí que importa, sobor de todo como aportación ao retrato maís cabal da persoalidade humán de don Ramón, da súa enorme estatura moral, e da maneira en que os nacionalistas da xeración Nós entendían e profesaban a irmandade. Pero é millor que xulguedes por vós mesmos -e mesmo por iso, e poisque a carta é breve, vóuvola transcribir eiquí, coa salvedade dunha ou duas verbas que non alcanzo a descrifrar con certeza e poño antre parénteses. Velaiquí, na súa literalidade. "Meu distinto e querido irmán: Tiña coñecemento das aitividás dos nazonalistas católicos composteláns. Consolo e espranza nas trubias horas amarguradas por que pasa unha parte do galeguismo. Dende a derradeira asambrea do Partido onde eispuxen a miña opinión loito en conversas e cartas pra o afastar da roita que leva. Están, como Vde ben dí, amparando unha (nova) figura do proceso de desgaleguización. Eles, por o menos unha minoria ben se decatan do feito, pro coidan atallalo despois de conquerir a autonomia, engadindo que grazas aos seus esforzos téñense coutado moitas cousas noxentas na Galiza. Isto é certo en alguns casos, mais non pode xustificar a sistemática aititude d"un partido. Eu teño sufrido moito. Entendo non ser home de aición. Traballando xuntos tantos anos ráchaseme o curazón ca idea de térme de afastar de eles. As consideracións de Vde refrexan fidelmente as miñas loitas interiores. Mais privado do esprito de orgaizazón, priguizoso e neboento ¿que podería eu faguer?. Non penso que o meu nome poidera ser bandeira. Pro cando chegue o momento tereime de arredar do Partido, e dada a maneira como se desenvolveu o debate na asambreia ise intre soio pode presentárese na proisima asambreia na que atacarei en conxunto toda a política do Partido. Quero obrar con completa craridade. Cecais estou contribuíndo a unha obra má ou pol"o menos imperfeita a pesares da miña constante oposición. Teño a espranza de traelos ao rego. Unha espranza raidosa que se desfai. Pol"o pronto mando artigos a Nosa Terra, e sigo afastado de toda intervención política. Desexo a asambrea e traballo pra que se faga logo. Despois témos que trazar unha nídia aición: a seguida por Vdes, a que foi propria do primeiro galeguismo. Namentres considéreme cinguido as aitividas dos nazonalistas católicos de Sant-Iago. Escribin "témos" mal escrito, debendo dicir "teño" con Vdes, mais non en posto direitivo para o que non teño fólego e cecais ben logo non terei nin saúde. ¿Que podo faguer pol"o pronto?. Agradezo moito a sua carta que non respondin porque foi a Trasalba e volveu eiqui tras de min, e prégolle a Vde e demais irmáns que me escriban moito. Esta noite sintome mais desacougado que nunca. Teño novas de Castelao e dóeme miralo en Madrid, perdendo persoalidá, desdibuxada na (?). Perdoe que as miñas palabras parezan dubidosas. En xeneral eu son oitimista. Mais paso por unha crisis que me non deixa. Namentras, e confiando en Deus e no inmorredoiro esprito da Terra, reciba unha aperta do seu agradecido irman na Galiza R. Otero Pedraio" Velaí a carta que chegou de don Ramón ás miñas mans sesenta e cinco anos despois de escrita. A asamblea na que el contaba "obrar con completa craridade" no debate cos seus irmáns nacionalistas nunca tivo lugar: interpúxose Atila, o exterminador, e mudou o rumbo da historia da nación galega. Na resistencia, na agunía pola simples supervivencia, na angueira da reconstrución, de botar semente outravolta nos ermos queimados, as diferencias confesionais de credo e as discrepancias ideolóxicas de interpretación do proxecto emancipador perderon calquer sentido frente á barbarie de aquela apocalipse profana. Nós tivemos máis sorte. Millor dito: nós, en contraste, tivemos fortuna. ¿Saberémolo comprender e tirarmos proveito neste aninovo? • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

